Arquivos da etiqueta: Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio
Bases do III Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio
“1.- Poderá participar calquera mozo/a matriculado en educación Primaria ou ESO, segundo as seguintes categorías:
A: Alumnos/as de Primaria
B: Alumnos/as de Secundaria
2.- En ambas categorías a extensión máxima será de 5.000 caracteres, espazos incluídos.
3.- Os textos versarán sobre o Pico Sacro e deberán estar escritos en lingua galega, orixinais e non premiados noutros concursos.
4.- Os orixinais presentaranse en formato PDF, ODT ou DOC, en formato DIN-A4, en letra Times ou similar de corpo 12. Deben enviarse por correo electrónico ao seguinte enderezo: clmestremanuelgacio@gmail.com acompañados doutro documento onde figure a identidade do autor ou autora (Nome, enderezo, teléfono e correo electrónico) e título da obra, facendo constar no nome do documento o título da obra e a palabra PLICA. Os documentos PLICA serán custodiados pola asociación que non os dará a coñecer, preservando a identidade do autor/a ata despois da deliberación do xuri .
5.- Haberá dous premios por categoría, aínda que o xuri pode declarar deserto calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos textos.
Os premios serán:
Categoría A: Un ipad, para o primeiro premio.
O segundo premio un eBook.
Categoría B. Os mesmos premios que na categoría A
6.- A data límite de recepción dos textos, remata o 30 de novembro de 2018.
7.- A composición do xuri darase a coñecer na páxina da asociación mestre Manuel Gacio.
8.- A asociación Mestre Manuel Gacio resérvase o dereito de divulgación ou publicación dos textos premiados. Neste senso os autores renuncian a calquera compensación económica.
9.- O xuri e a asociación están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante algún imprevisto non recollido nas presentes bases.”
Santa Comba: presentación de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda
Agolada: presentación de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda
Bases do II Certame de Narración Breve Mestre Manuel Gacio
1.- Poderá participar calquera mozo/a matriculado en educación Primaria ou ESO, segundo as seguintes categorías:
A: Alumnos/as de Primaria
B: Alumnos/as de Secundaria
2.- En ambas categorías a extensión máxima será de 5.000 caracteres, espazos incluídos.
3.- Os textos versarán sobre o Pico sacro e deberán estar escritos en lingua galega, orixinais e non premiados noutros concursos.
4.- Deben ser presentados por quintuplicado, en folio tamaño A4, entreliñado simple e tamaño de letra 12, paxinados e sen asinar. Entregaranse orixinal e catro copias nun sobre no que figure título e lema da obra, no seu interior outro sobre con título e lema pechado e se enviarán nome do autor, fotocopia DNI, enderezo e número de teléfono.
5.- Os traballos deben ser enviados a:
Centro de interpretación Pico Sacro
Rúa Pedro Ballesteros nº 25
Cachosenande
15881 Lestedo
Boqueixón -A Coruña-
6.- Haberá dous premios por categoría, aínda que o xuri pode declarar deserto calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos textos.
Os premios serán:
Categoría A: Un fin de semana nun balneario de Galicia para o autor e dous familiares, para o primeiro premio.
O segundo premio un cheque por valor de 75 euros para libraría Lino de Lestedo.
Categoría B. Os mesmos que premios que na categoría A
7.- A data límite de entrega remata o 30 de novembro de 2017
8.- A composición do xuri darase a coñecer na páxina da asociación mestre Manuel Gacio.
9.- A asociación Mestre Manuel Gacio reservase o dereito de divulgación ou publicación dos textos premiados. Neste senso os autores renuncian a calquera compensación económica.
10.- Os traballos non premiados poden ser solicitados polos seus autores no prazo dun mes despois de publicarse o fallo do xuri. Aqueles non reclamados en prazo serán destruídos.
11.- O xuri e a asociación están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante algún imprevisto non recollido nas presentes bases.”
Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do sábado 22 e domingo 23
O domingo 23 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 22
– 12:00 h. Teatro: A galiña azul, de Carlos Casares, por Fran Rei.
– 13:00 h. Encontro con X. Ricardo Losada, arredor de Bótame deste mar fóra, publicado por Toxosoutos. No Salón de Plenos do Concello de Rianxo.
– 20:30 h. Presentación do libro Corredora, de María Reimóndez, publicado por Xerais. No acto participa, xunto á autora, Manuela Vázquez Coto.
Domingo 23
– 13:00 h. Presentación de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, coordinado por Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, publicado por Alvarellos. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello. No acto, coorganizado pola editora, o Concello e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, participan, xunto aos coordinadores, Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes.
Xosé Manuel Lobato: “O Pico Sacro sempre foi espoliado, é un gran símbolo pero non está protexido”
Desde Sermos Galiza:
“Alvarellos e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio veñen de publicar Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, un libro coordinado por Xosé Manuel Lobato -presidente desta sociedade- e Miro Villar, que reúne a obra de noventa autores e autoras arredor deste outeiro. Inclúe textos éditos desde Marcial Valladares até Murguía, Suso de Toro ou María Solar; e inéditos xuntados para a ocasión, asinados por autoras como Rosalía Fernández Rial, Xavier Queipo ou Emma Pedreira.
Todo partiu desta asociación, que leva ben anos defendendo e divulgando os valores culturais asociados a este cume. Lobato explica a orixe do proxecto: “Para min é unha experiencia vital porque eu nacín mesmo na aba do Pico Sacro e desde sempre nas miñas lecturas observaba que practicamente todos os autores se referían ao Pico Sacro nas súas obras. Ese foi o aliciente para empezar a investigar e ao final publicamos este libro no que fixemos unha escolma do que hai publicado sobre este monte”.
E hoxe segue a ser unha referenza, afirma Lobato, tanto en obras literarias de Galiza coma de fóra, “porque neste libro temos colaboracións de Portugal e tamén obras tamén en español que traducimos”. E, alén desta obra, Lobato apunta dous libros recentes con presenza importante deste accidente xeográfico: Bótame deste mar fóra, de Ricardo Losada, ou Once portas, de Héctor Cajaraville. Aínda que quizais foi no tempo das Irmandades e do Seminario de Estudos Galegos cando máis atención se lle prestou, Lobato defende que hai probas da súa importancia xa desde os romanos, aparece no Códice Calixtino… “Eu sempre poño o mesmo exemplo: no preito Tabera-Fonseca de 1526 practicamente máis do 8% das testemuñas que declararon nese conflito coñecían o Pico, e moitas eran de lugares ben apartados como Lugo ou Tui”.
Un dos sucesos máis coñecidos arredor deste outeiro é a excursión de Castelao en xullo de 1924, cuxa crónica se glosa tamén no libro. E desde 2011 vense recuperando cun acto que a A. C. Vagalumes e O Galo organizan para lembrar esta visita (este ano será o 22 de xullo) e tamén o ‘Alba de Groria’ no que o rianxeiro dicía así: “Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, dun culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sacro (…)”.
Alba de Gloria no Pico Sacro 2017, o sábado 22 de xullo
A Federación Galiza Cultura comezou a realizar este acto no 2011 no que se conmemorou o 125 aniversario de Castelao coa total ausencia e mesmo hostilidade das institucións políticas e culturais da Galiza e no marco dunha ofensiva contra a nosa lingua e cultura como non se sofrera desde había décadas.
Castelao tamén acudiu ao Pico Sacro no 1924 logo do golpe militar de Primo de Rivera no que quedaban proscritas a nosa lingua e cultura e paralizado o rexurdimento iniciado polas Irmandades da Fala. Naquela viaxe Castelao reafirmou a súa identificación cun espazo físico que foi soporte do espírito do noso pobo, un lugar sobre o que se ergueu unha identidade perseguida e negada. Por iso no exilio volveu a a este sitio cando escribiu o Alba de Gloria. E por iso nós volvemos sobre os seus pasos lendo o este discurso para conmemorar o día da Patria Galega, o Alba de Gloria, que leremos máis un ano, o sábado antes do 25 de xullo, no cumio do Pico Sacro.
Programa
12:00 h. Chegada ao Pico e concentración na fonte roubada do Pico Sacro.
12:30 h. Benvida na chaira da capela do Pico Sagro a cargo da escritora Marica Campo e a continuación subida do último treito deste monte.
12:45 h. Izado da bandeira. Lectura de Alba de Groria de Castelao por representantes das A. C. O Galo de Santiago, Papaventos de Vedra, O Castro de Vigo e Vagalumes da Estrada. Canto do himno galego e baixada con paradas nas dúas covas e explicacións a cargo de Iolanda Aldrei.
14:00 h. No adro da capela do Pico Sacro actuará o grupo de pandeiretas Raiola da A. C. Manuel Gacio de Lestedo, que este ano obtiveron o Premio Xacarandaina.
15:15 h. Xantar en “Casa Mosqueiro”, San Mamede de Rivadulla.
Escoller menú e anotarse aquí antes do 20 de xullo.
Roteiro
17:30 h. Saída de “Casa Mosqueiro”
Couto de Pesca de Ximonde.
Área de Agro Novo.
Casa-Museo da Pesca no río Ulla.
Dous edificios construidos a comezos do s. XX grazas á financiación das sociedades dos emigrantes en Arxentina.
Fervenza do rio Pereiro.
Pico Sacro: presentación de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda
Convocatoria de textos literarios éditos ou inéditos para o Pico Sacro
“Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2016
Estimada/o amiga/o:
A través deste escrito convídamoste a participar nun proxecto editorial que xorde por iniciativa da Asociación Cultural “Mestre Manuel Gacio” (http://www.aaccmestremanuelgacio.gal/) e que coordinamos os escritores Xosé Manuel Lobato, presidente da entidade, e Miro Villar.
O noso obxectivo vai ser a publicación dunha antoloxía literaria, cuxos beneficios económicos (se os houber) serán integramente destinados ás campañas da devandita entidade para a divulgación do patrimonio do Pico Sacro.
A achega de cada escritor/a será un texto literario (poema ou relato) xa publicado ou orixinal e inédito que mencione ou se inspire no Pico Sacro. Se se tratar dunha novela débese extractar un fragmento significativo.
Xa temos compilado algúns textos literarios, mais cómpre agrandarmos o volume para crearmos unha obra importante na cantidade e na calidade textual.
A extensión e a forma dos textos ten absoluta liberdade, porén recomendamos que a colaboración non exceda da páxina nas narracións e dos 100 versos nos poemas e a poder ser escritos en caracteres Times New Roman a tamaño 12.
E cada autor/a debe ceder todos os dereitos de reprodución do texto literario para esta edición, o que non será impedimento para que poida dispoñer do texto da súa autoría para o publicar noutro libro propio ou colectivo.
A fin de irmos organizando todo o material que integrará o volume, cómpre que nos fagas chegar, o antes que che sexa posíbel, a túa creación. Se desexas participar neste proxecto, o prazo de envío remata o vindeiro 30 de xuño.
Os textos literarios (publicados ou orixinais e inéditos) deben enviarse a calquera destes dous enderezos:
codinaenxebre@gmail.com
ou
mirovillar@gmail.com
Adiantando a nosa gratitude por colaborares nesta antoloxía, recibe unha aperta atlántica.
Xosé Manuel Lobato e Miro Villar (coordinadores)”
(Fotografía tirada do sitio web da A. C. Mestre Manuel Gacio)