Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias en Galicia por Diante

Desde Galicia por Diante, da Radio Galega (fotografía da Radio Galega):
“O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, amosou a súa satisfacción polo calado social das celebracións arredor de Rosalía de Castro, a vixencia da escritora entre as novas xeracións e o apoio de entidades e institucións para homenaxear a autora de Follas novas. Nos Almorzos do ‘Galicia por diante’, Cesáreo Sánchez asegurou que o Día de Rosalía xa está consolidado na sociedade.
“Case 60 concellos declararon hoxe o Día de Rosalía e están a celebrar actos. Os máis novos están a facer gravacións de poemas cos seus móbiles, facendo selfies coas novas tecnoloxías que incorporan. Celebramos a Rosalía e celebramos a enorme, inmensa cultura que temos a sorte de ter os galegos.”
Sánchez Iglesias reclamou ademais que o Parlamento declare de forma oficial o 24 de febreiro o Día Escolar dedicado a Rosalía. Entre outras razóns, dixo, porque Rosalía segue sendo unha escritora actual.
“Rosalía nunca estivo tan viva e sobre todo, para ledicia nosa, para as novas xeracións. A obra de Rosalía chega até hoxe intacta. É capaz de emocionarnos como se fose algo escrito para hoxe. Porque os seus libros van ao centro de gravidade do ser humano, dese anaco de humanidade que somos os galegos.”
Para o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores, a obra de Rosalía vai máis alá o estritamente literario.
“Rosalía foi capaz ela soa de escribir o relato fundador dos galegos. Deunos un nome e rescatounos do anonimato da historia. Deunos protagonismo a nós mesmos como parte desa historia que se está a contar. Hai moi poucos escritores capaces de transcender a propia literatura. Ela soa soporta o peso de toda unha cultura nacional.”
Cesáreo Sánchez reivindicou tamén máis presupostos para a cultura, unha consellería de Cultura segregada da de Educación e lamentou que o acceso ao Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, non sexa libre e haxa que pedir autorización ao Arcebispado para visitalo ou organizar algún acto de homenaxe.
“Rosalía está no Panteón de Galegos Ilustres nun exilio interior doloroso. Nós agardamos que o sentido común acabe con este problema.”
Con todo, Sánchez Iglesias cre que Rosalía é unha figura capaz de unir a todos os galegos.
“Rosalía ten a capacidade de unirnos a todos arredor de sermos galegos.”

Pode escoitarse a entrevista completa aquí.

Últimos días para presentar orixinais ao Certame de Narracións Breves Manuel Murguía

“O Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, que xa contaba cun acordo de colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega a un acordo equivalente coa Asociación Galega da Crítica (AGC) para incluír de maneira estable un membro no xurado.
O Certame de Arteixo, que pechará a recollida de orixinais da 26ª edición a finais de febreiro, contará cun novo acordo de colaboración para seguir traballando na liña da pluralidade e o rigor que o caracteriza desde o seu nacemento. Segundo argumenta o seu coordinador literario, o escritor Alfredo Ferreiro: “O Certame Manuel Murguía hai moito que está consolidado grazas a que se alicerza en premisas estrictamente literarias como a competencia dos xurados e a tolerancia gráfica, así como na esixente profesionalidade do equipo técnico que o sostén. Pola miña parte, só caben modestas contribucións como esta pretensión de vencellalo máis a un sistema literario que loita por consolidarse e atopar os apoios que necesita. Felizmente, o Concello de Arteixo continúa apostando por manter o apoio á cultura e mesmo demostra interese por novos proxectos”.
O Certame de Narracións Breves Manuel Murguía conta con tres premios (4000 €, 500 € e 300 €) para orixinais de entre 15 e 30 páxinas enviados até o 28 de febreiro conforme as Bases. Entre os seus gañadores constan xa moitas das grandes figuras da literatura actual.»

#RosalíaTe: Día de Rosalía de Castro 2017

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Pode descargar aquí o cartel base do Día de Rosalía de Castro 2017, en formatos pdf e jpg.

Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.

#RosalíaTe

Actos promovidos pola AELG
Alén do acto central, que terá lugar ás 12:00 do domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG en colaboración coa súa base asociativa está organizando por todo o país lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.
En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborará a escritora Ledicia Costas.

***

Actos organizados por outras entidades (actualización diaria) Sigue lendo

Saúda da Presidencia da AELG no acto central da AELG de celebración do Día de Rosalía de Castro 2017

Saúda da Presidencia da AELG no acto central da AELG de celebración do Día de Rosalía de Castro 2017.

“Queridas Amigas e amigos.
Representantes das institucións culturais, sociais e políticas da nosa Nación.

Vimos ao Panteón de Galegos Ilustres para honrarmos á nosa máis alta poeta ás portas do seu día, o Día de Rosalía de Castro. Vimos para a celebrar neste aniversario do seu nacemento; para reivindicar, un ano máis, un Panteón de Galegos Ilustres laico, de acceso público e que sexa o seu uso de titularidade publica.
Ano tras ano, temos que repetir esta situación, está anomalía histórica de ter que pedir permiso eclesiástico para poder acceder á tumba de Rosalía de Castro e lle traer flores, a un dos símbolos que acrisola aquilo que os galegos e galegas somos e soñamos ser; mais tamén de lle traer o noso afecto ao corpo mortal que aquí xace, humano.
Neste acto cívico de hoxe querémonos reafirmar ‑como fixemos hai sete anos ao celebrar o aniversario do traslado do seu corpo mortal a este lugar‑ na nosa condición de galegos e galegas conscientes. Hoxe apelamos con orgullo á súa figura.

Por toda a Galiza se celebran ao longo dos próximos días actos para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, ademais de propor a toda a sociedade, a todas as xentes de noso, que agasalle un libro en galego e unha flor. Na grande parte dos centros educativos celébranse actos, xa se comezaron a celebrar lecturas, concursos de videopoemas, autogravacións individuais, pequenas obras teatrais e todo o que o fermoso maxín creador que habita nos nosos escolares, coma nos anos anteriores.
Perto xa de sesenta concellos aprobaron en pleno o día de 24 de febreiro como o Día de Rosalía de Castro, e as deputacións provinciais de Lugo e a Coruña. Agardamos que pronto tamén sexa declarado polo Parlamento galego, ademais de xa formar parte do calendario do Libro e da Lectura da Consellería de Cultura.
Cada vez máis sectores da nosa sociedade se incorporan e nos convida a dicir alta e clara a mensaxe da nosa poeta nacional. Mensaxe que segue a estar vixente. A que asumiu como propia a voz das clases populares de noso, que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento liberador, como muller, como galega.

Rosalía, dende a soidade intransferible da súa experiencia poética, fai arder na súa obra a súa vida na chama da experiencia propia e colectiva de se pensar como parte do destino deste pobo, que cada día nace da ledicia e da dor.
Neste tempo de posverdade, é dicir, de enunciar sen pudor as máis obscenas mentiras para negar elementais dereitos humanos, precisamos da capacidade creadora de Rosalía de Castro. Creadora de futuro para a nosa mocidade.
A mocidade que deberá asumir os labores que nos garden da sobreexposición a procesos de asimilación cultural. Precisamos dunha mocidade que siga creando dende a súa propia contemporaneidade, asimilando e transformando en cultura galega todas as influencias da cultura universal. Para isto, a figura dunha poeta coma Rosalía de Castro é referencial e determinante, para nos mostrar o noso rostro, a imaxe non deturpada de nós propios.

Cando ollamos outros pobos, outras culturas, e como precisaron de xeracións para escribir o relato fundador da súa historia que sustentara os alicerces da súa identidade, ela, Rosalía, soia e sen arrimo, foi capaz de construír o relato fundador de todo un pobo. Deste anaco da humanidade que somos os galegos.
A obra de Rosalía de Castro fai iso: dános, aos galegos e galegas, un nome e rescátanos do anonimato da historia. Fainos visíbeis nun contexto construído por xeracións e xeracións. Intégranos como protagonistas na narración da nosa propia historia.
Celebramos que o aeroporto da capital da Galiza, leve o nome da nosa poeta nacional e felicitamos á corporación municipal do Concello de Compostela pola súa unanimidade arredor da nosa Poeta. Agardamos de todos os grupos políticos no Parlamento galego esa mesma unanimidade que ela convoca, para que demanden do Goberno galego o acceso e a apertura permanente desta casa común de todas as galegas e galegos.
Rosalía De Castro foi traída a Bonaval pola sociedade galega consciente daquel tempo, e será a conciencia do pobo galego quen a redimirá deste inhumano desterro interior.

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Bonaval, 19 de febreiro de 2017″

Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2017, texto de Ledicia Costas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai público o seu manifesto do Día de Rosalía de Castro de 2017, que foi encomendado a Ledicia Costas, quen foi tamén a encargada de darlle lectura o domingo 19 de febreiro, no acto central co que a AELG conmemorou a data de nacemento da nosa autora no Panteón de Galegos Ilustres.

Este manifesto será tamén lido en todos os actos que esta entidade celebrará por todo o país entre hoxe domingo e o propio Día de Rosalía de Castro, o vindeiro venres 24 de febreiro.

O manifesto pode descargarse aquí: Manifesto do Día de Rosalía 2017 AELG, por Ledicia Costas.

Sigue lendo

Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2017, no Panteón de Galegos Ilustres, o domingo 19 ás 12 h.

PROGRAMA

  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: A Rosalía (Letra: M. Curros Enríquez; música: J. Alfredo Oliveira)
  • Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
  • Lectura do Manifesto da AELG. Ledicia Costas.
  • Lectura de poemas rosalianos: Henrique Alvarellos (Asociación Galega de Editoras), Pilar Rodríguez (Federación de Librarías), Pilar Astray Rodríguez (Asoc. Traxe Galego), Pilar Reino (A. C. e Musical Solfa), Ramiro Torres (AELG)
  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Negra Sombra (Letra:  Rosalía de Castro; música : J. M. Capón)
  • Lectura de poemas rosalianos: Larraitz Urruzola (Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG), César Goldi (AAAG), Federico Pérez (AAAG), Josi Lage (AAAG), Ricardo de Barreiro (AAAG), Andrea Dunia (AAAG), Mercedes Queixas (AELG)
  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Has de cantar (Letra: Rosalía de Castro; música: Antonio B. Celada)
  • Ofrenda floral
  • Interpretación do himno 

Acordos da Asemblea Xeral de Socios-as da AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá do sábado 11 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as, no Museo do Pobo Galego.
A secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, fixo un balance de 2016 que se pode consultar aquí.
A Asemblea acordou outorgar os Premios Mestres/as da Memoria 2017, galardóns que se entregarán na II Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria a celebrar en Lugo a finais da primavera, ás Pandereteiras da Alén (Xirarga, Beariz, Ourense), Orosia Gil Ramos, Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos; e mais a Serafín Mourelle.
As Pandereteiras da Alén son herdeiras do Xiles, Os Xilotes, criados ao calor da fragua, e levan toda unha longa vida animando os seráns e festas da súa comarca; Serafín Mourelle, mariñeiro e poeta, aos catorce anos embarcou de axudante de cociña, e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta, el foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Nunca esqueceu as súas orixes humildes e por iso dende hai moitos anos milita -rara avis entre os patróns- no PCE. Tamén é autor da novela Cartas ao meu avó, na que narra a súa aventura na mariña mercante, no banco Canario-Sahariano e nas augas do Gran Sol.
A Asemblea aprobou tamén nomear Escritora Galega Universal 2017 a autora portuguesa Hélia Correia, distinción que se recollerá na Gala do Libro Galego 2017 que terá lugar o 20 de maio na cidade de Santiago de Compostela, organizada conxuntamente entre a AELG, a AGE e mais a Federación de Libreiros de Galicia, co obxectivo de reforzar o sector do libro galego.
Así mesmo, acordouse que Pilar García Negro sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo terceira edición; será no mes de xuño no Concello de Lugo.
Alén de escoller o novo Consello Directivo da AELG, aprobouse o programa de actividades para o ano proposto pola presidencia. Así, está en andamento o programa de dinamización do Día de Rosalía de Castro, dirixido tanto a actividades escolares en horario lectivo como a accións cidadás espalladas polo país, en colaboración con concellos, movemento asociativo, etc. O día 19 de febreiro terá lugar o acto nacional no Panteón de Galegos Ilustres onde se lerá o manifesto da AELG, así como textos da autora, e rematará coa ofrenda floral.
As actividades vinculadas á Sección de Literatura Oral son, alén da II Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria en Lugo, a gravación ao mestre da Memoria Serafín Mourelle, dúas Polafías e mais a décima edición da Xornada de Literatura Oral, que este ano levará como título “Palabras con memoria”.
Asemade, continuarase coa divulgación das Palabras con memoria desde o noso espazo web e mais desde a sección dixital do xornal Sermos Galiza.
O 20 de maio celebraremos no Teatro Principal de Compostela a II Gala do Libro Galego,
O programa contempla a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura; así, a colaboración coa Universidade de Vigo continuará desenvolvendo un novo ciclo dos Escritores na Universidade, e coa USC concretarase nunha nova edición do curso sobre “As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora”. Darase continuidade tamén á colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación de Ourense para coorganizar un ciclo de conferencias centradas nos autores e autoras da LIX galega e aumentar a súa visibilidade entre alumnado universitario, futuros profesionais da docencia. Iniciarase colaboración coa facultade de Ciencias da Educación da UDC para achegar a formación en LIX aos futuros mestres e mestras. Ademais, Tratarase de dar continuidade ás Xornadas de Literatura e Ensino.
Está confirmada xa a posibilidade de continuar a desenvolver proximamente un obradoiro da Escola de Escritoras/es en Pontevedra coa colaboración do concello e outro coa Deputación de Pontevedra, así como a actividade coñecida como “Paseos literarios” polas cidades de Pontevedra e probabelmente A Coruña, con posibilidade de espallármola a outros novos lugares na provincia de Pontevedra.
Tratarase de manter o contacto cos Centros de Estudos Galegos do exterior e lectorados, para tratar de achegarmos a literatura galega ao alumnado estranxeiro que se interesa no estudo do noso idioma e cultura.
Para o outono terá lugar na Coruña unha nova edición, a segunda, das Xornadas de Literatura Dramática; e mais, en Pontevedra, un Congreso de Poesía, que fará unha revisión do xénero durante os últimos 40 anos.
Continuarase coa actualización da dixitalización de paratextos, a videoteca de autores/as para a web, así como coa ampliación da nova sección que pretende recompilar o arquivo da memoria fotográfica literaria dos nosos socios e socias, dado que a visibilidade da escritora e do escritor a través da web seguirá sendo un eixo central da actuación da entidade, co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG. A sección da web “O Territorio do/a Escritor/a” será ampliada nunha ou dúas novas propostas.
Finalmente, o presidente someteu á consideración das asistentes a posibilidade de promovermos desde a AELG a creación dun Parlamento de Escritores/as, un foro de compromiso que tomaría forma nunha reunión asemblear na que estes serían convocados polo Consello directivo da AELG, para debater e tirar conclusións, arredor da liberdade de creación do escritor-a na Galiza e noutras culturas do mundo, e doutros temas que non sempre terían relación directa coa literatura ou coa escrita literaria mais que sempre terían alto contido ético ou concernente á defensa da xustiza e da liberdade do ser humano nas súas máis diversas formas. A defensa dos dereitos humanos na Galiza e no mundo, sería a cerna dos valores irrenunciábeis que guiarían este Parlamento nas súas temáticas e convocatorias, nas súas reivindicacións e pronunciamentos. Os escritoras e escritores galegos poden e deben achegar a súa visión crítica da sociedade en xeral e da galega en particular, pois é necesario o activismo intelectual das escritoras e os escritores para petar na conciencia da sociedade. O desenvolvemento da súa convocatoria será concretado polo Consello Directivo nunha próxima reunión.

Pontevedra: Escola de Escritoræs. Obradoiro de escrita infanto-xuvenil, con Eli Ríos e María Reimóndez: Imaxinar mundos, sementar palabras

O Obradoiro de escrita infanto-xuvenil, con Eli Ríos e María Reimóndez: Imaxinar mundos, sementar palabras, é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

– Duración: 12 sesións de 2 horas cada unha (todos os sábados excepto os festivos). A data de comezo é o 11 de febreiro de 2017.
– Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n)
– 25 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos
– Inscricións en inscricions@pontevedra.eu. As prazas asignaranse por orde de solicitude.

Dirixido a persoas con interese en explorar a escrita de literatura infantil e xuvenil nos seus diferentes xéneros.

Obxectivos:
– Explorar as concepcións existentes sobre a literatura infantoxuvenil e afondar en debates relevantes deixando atrás visións estereotipadas desta forma de escrita.
– Utilizar as ferramentas participativas para estimular a creación literaria propia entre as persoas participantes.
– Afondar no entendemento da escrita dende unha óptica crítica que poña en tea de xuízo os relatos e lecturas adquiridas e institucionalizadas dende os discursos hexemónicos para o público infantoxuvenil.

Desenvolvemento:
As dúas primeiras sesións serán de achegamento ás persoas asistentes recuperando as lecturas que lles impactasen ou quedasen na súa memoria. Con elas abriremos o debate sobre o que é a literatura infantil e xuvenil e reflexionaremos sobre o propio xénero partindo sempre desde o texto.
A terceira, cuarta e quinta sesión estarán dedicadas á poesía infantil e xuvenil centrándonos na forma, linguaxe, recursos, etc, e co foco posto na recepción dos textos. Traballaremos poemas da nosa literatura e os que compoñan as persoas asistentes ao longo destas sesións.
A sexta, sétima e oitava sesión dedicaranse á narrativa, centrándonos na súa técnica así como noutros aspectos como o desenvolvemento das personaxes, sentimentos, emocións, descricións, etc
As sesión novena e décima estarán centradas no teatro e nas súas dificultades para enfrontarse ao texto. Non só se recorrerá aos textos senón ás propias dramatizacións do grupo.
As dúas últimas sesións centraranse na posta en común dos elementos traballados, así como na presentación de xéneros escasamente desenvolvidos dentro da literatura infantil e xuvenil galega como pode ser o ensaio.
Cinco sesións serán impartidas por María Reimóndez e cinco por Eli Ríos, mentres que a primeira e a última contarán coa presenza das dúas.

Compostela: Peche do obradoiro de dramaturxia a cargo de Roi Vidal. Disme o corpo. Douche a voz

Este sábado 11 de febreiro, ás 12:30 horas, no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo (Santiago de Compostela) vai haber un acto de lecturas dramatizadas de textos teatrais feitos no obradoiro de dramaturxia impartido polo dramaturgo Roi Vidal neste Centro Sociocultural durante o último trimestre do ano 2016.
Con este acto que se achega ao teatro lido, novas autoras e autores ofreceran unha lectura dramatizada dalgún dos seus textos, que foron elaborados a partir da formación do obradoiro de dramaturxia organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago.
Unha ocasión para achegarse ao teatro da man das súas autoras e autores. A partir de aquí ábrense novos camiños para que as obras sexan levadas a escena, modificadas e realizadas a través da súa representación no teatro.

Lapis, cámaras… acción!, por Celia Parra

Desde (Abro paréntese…, blog de Celia Parra:
“O pasado mes de novembro, gracias ó convite da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e coa colaboración do Concello da Coruña, impartín un obradoiro de iniciación á videopoesía no Centro Ágora.
Baixo o lema Lapis, cámaras… acción!, puxémonos mans á obra para descubrir, facer e compartir videopoesía. O obxectivo do obradoiro foi proporcionar ferramentas e técnicas para fomentar a creación de videopoemas. Tentamos que cada asistente, logo de aprender sobre o xénero e os seus procesos creativos, crease o seu propio videopoema como produto final do obradoiro.
Lonxe de aspirar á perfección técnica, animouse a empregar as ferramentas ao dispor de cadaquén (teléfono móbil, programas de edición gratuítos, mesmo fotografías libres de dereitos) e a concentrar o aprendido nun exercicio sinxelo e acotado. O importante era ter unha primeira toma de contacto coa videopoesía e os seus procesos, que valese para practicar ou trasladar o aprendido con maior profundidade posteriormente.
Non podo estar máis contenta coa acollida, a curiosidade, os debates, o traballo e os resultados. Saíron do forno videopoemas fantásticos que superaron toda expectativa. E para mostra, un botón. Ou dous: O verbo, de Clara Vidal, e Pegada, de Paulo Fernández.
Graciñas a todas e todos!”

(Fotografía de Mercedes Queixas)