Bases do XLIII Certame Nacional Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo

1. FINALIDADE DO PREMIO
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de ARZÚA (A CORUÑA) organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de “Premio Modesto R. Figueiredo”. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.

2. REQUISITOS PARA PARTICIPAR
Poderán participar todos os autores e todas as autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3. TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR
Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4. TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN
As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 20 DE NOVEMBRO de 2017 a algún destes enderezos:
FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Apdo. de Correos, 627. Santiago de Compostela
CONCELLO DE ARZÚA
Rúa Santiago, 2 – 15810 Arzúa – A Coruña
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras ou aqueles autores de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e tamén o currículo vitae de o considerar oportuno. No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.

5. PREMIOS
A obra gañadora será premiada con 1000€ (suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais). Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico)(***).
(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento das súas autoras ou dos seus autores.

6. XURADO E DECISIÓN
O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores (AELG e PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALICIA) e do Concello de ARZÚA (A CORUÑA). Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7. ENTREGA DE PREMIOS
Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de ARZÚA (A CORUÑA) en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8. OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.
O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste Certame.”

Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. O Teatro e as súas potencialidades na educación infantil, do 3 de outubro ao 7 de novembro

A AELG colabora co Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. O Teatro e as súas potencialidades na educación infantil ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense). Todas as sesións comezan ás 18:00 h.

Entrada libre.

Inscrición (gratuíta) para recibir un diploma de asistencia (12 horas) en imocino@uvigo.es

Para alumnado de Ciencias da Educación, alumnado do Campus Universitario de Ourense, mestres/as en activo e público en xeral.

O Ciclo, coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense – Universidade de Vigo), conta coas seguintes conferencias:

3 outubro | Paula Carballeira | Que facemos co teatro?

10 de outubro | Raquel Castro | Teatro, unha ferramenta imprescindible no ensino.

17 de outubro | Antón Cortizas | Escribir teatro dende o anfiteatro.

24 de outubro | Carlos Labraña | Teatro para ler, teatro para pensar.

31 de outubro | Manuel Núñez Singala | Normalización da lingua, identidade e literatura.

7 de novembro | Sabela Gago | Literatura infantil e dramatización.

Obxectivos
• Dar a coñecer estratexias, recursos e ferramentas para achegar o teatro e a dramatización á infancia e adolescencia.
• Divulgar experiencias e producións de Literatura Infantil e Xuvenil galega da man das propias creadoras/es (autoras/es, ilustradoras/es), aspecto fundamental entre futuros docentes da Educación Infantil e Primaria.
• Reforzar as carencias dos currículos académicos en materias específicas para o traballo coa literatura dramática e a representación na etapa da Educación Infantil e Primaria.
• Desenvolver coloquios/conversas coas creadoras/es participantes (autoras/es textuais, da ilustración, escenógrafas/os, directoras/os…) para contrastar as liñas de creación das persoas participantes coa percepción que os usuarios/consumidores teñen da súa produción.
• Valorar as potencialidades do teatro e as súas múltiples dimensións na práctica docente e na formación da infancia.
• Tomar conciencia entre o alumnado, mediadores e público en xeral da importancia de coñecer a literatura para os máis novos, saber recomendar as obras de calidade e, sobre todo, aquelas que promovan valores en positivo, entre eles a literatura dramática.
• Visibilizar a produción e potencialidades da literatura dramática para a infancia e adolescencia, incidindo en criterios de selección coherentes e acordes ao coñecemento da evolución histórica destas producións.
• Valorar o papel dos docentes e a escola como dinamizadores, programadores e normalizadores culturais.

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra en San Simón, con Xosé María Álvarez Cáccamo

Estas son algunas das fotografías do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra realizado en San Simón, que tivo lugar o sábado 2 de setembro, con Xosé María Álvarez Cáccamo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

As primeiras fotos son de Marta Dacosta. A derradeira de Montse Fajardo.

Un congreso sobre a poesía galega que a reivindica como “pedra basilar” da literatura galega

Desde Sermos Galiza:
“O 6 e o 7 de outubro Pontevedra acollerá a celebración de Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega, un congreso de poesía organizado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, que pretende “darlle unha visibilidade social máis ampla” á poesía e reivindicala “como pedra basilar do sistema literario galego”, segundo Cesáreo Sánchez. Terá lugar no Pazo de Cultura de Pontevedra e estará formado por 6 mesas redondas, abertas á interacción co público asistente.
O obxectivo da AELG é “facer un debate aberto sobre o estado actual e recente da poesía galega, unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria, mais que padece dunha certa invisibilidade social, o que fai máis necesario que nunca un Congreso que se converta nun punto de encontro onde reflexionar serena e abertamente arredor de todas as perspectivas vinculadas ao feito poético”.
Segundo Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, “era necesario un monográfico para darlle unha visibilidade social máis ampla e tamén, dalgún xeito, reivindicar a poesía como pedra basilar do sistema literario galego, que ten un peso determinante”. É un dos poucos territorios, afirma o tamén poeta, “nos que se pode dicir que somos unha terra liberada, un lugar de normalidade cultural”.
Para Sánchez foron 40 anos “moi fructíferos” a pesar de que se foi dificultando a condición do poeta, pois “a precariedade laboral no mundo da cultura ten moito que ver na poesía”. Afortunadamente, na súa opinión, a poesía “sempre gozou dunha moi boísima saúde malia as dificultades para publicar, que continúan xeración tras xeración” e lembra as palabras de Antonio Gamoneda cando afirmou que a poesía galega é a máis importante dentro do Estado.
Ademais, nos últimos anos xurdiron proxectos especializados en poesía, como as editoriais Apiario ou Chan da Pólvora, que son -segundo o presidente da AELG- un “síntoma de saúde, xunto coa certa normalidade no resto das editoriais, con coleccións estables de poesía”.
O Congreso estará formado por 6 mesas redondas, que tratarán temas como a poesía galega de 1976 a 2016; o teatro e outras formas de comunicación do poético; interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia; traducións e diálogos con outros sistemas poéticos; 40 anos de poesía aos ollos da crítica; e innovación poética, trans-xénero, novas modalidades.”

Edítase Migrant Shores. Irish, Moroccan and Galician Poetry

Migrant Shores – Irish, Moroccan & Galician Poetry reúne escritoras e escritores de tres países do Atlántico, Marrocos, Galicia e Irlanda, que comparten a vivencia da dura experiencia da emigración e do exilio en diferentes momentos da historia.
O libro, que conta co apoio da AELG, conta coas achegas de Mohammed Bennis, Taha Adnan, Fatima Zahra Bennis, Imane El Khattabi, Mohamed Ahmed Bennis, Aicha Bassry, Mezouar El Idriss, Martín Veiga, Chus Pato, Eva Veiga, Baldo Ramos, Gonzalo Hermo, Marilar Aleixandre, María do Cebreiro, Paula Meehan, Máighrèad Medbh, Susan Connolly, Hugh O’Donnell, Catherine Phil MacCarthy, Sarah Clancy, Thomas McCarthy, Eiléan Ní Chuilleanáin, Lorna Shaughnessy, Maurice Harmon, Celia de Fréine, Keith Payne, Breda Wall Ryan e Mary O’Donnell.

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Lucía Novas, o 24 de xuño

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria do sábado 24 de xuño, con Lucía Novas. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Día das diversidades sexuais 2017. Construíndo diversidade

A secretaria xeral da AELG foi convidada a participar dos actos organizados pola Deputación Provincial da Coruña con motivo da conmemoración do “Día das diversidades sexuais” o 28 de xuño de 2017. Desde a Sección de Servizos Sociais da Deputación da Coruña organizouse unha campaña de sensibilización provincial baixo o lema “Construíndo diversidade”, co obxectivo de sensibilizar sobre a necesidade de xerar sociedade, apoiando a diversidade e a liberación sexual que non entende de orientación sexual ou identidade de xénero, así como normalizar a comunidade LGTBQI. Participaron nesta campaña 31 concellos da provincia da Coruña.

Estas foron as palabras da Secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas Zas, dentro do programa de actos:

Crónica videográfica de A Escritora na súa Terra – Letra E, Pilar García Negro (e III)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXIII edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de María Pilar García Negro, que será homenaxeada en Lugo, terra na que naceu e se criou.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do/a homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Mónica Alonso), a plantación dunha árbore simbólica (un magnolio elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.
Este acto conta co apoio da Deputación de Lugo, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e CEDRO.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos, referentes á entrega da Letra E (no salón de plenos do Concello de Lugo):

Laudatio: Carme Fernández Pérez-Sanjulián:

Resposta de María Pilar García Negro á laudatio:

Entrega da Letra E:

Entrega de premios da VII edición do Concurso de relatos de inspiración científica “Inspiraciencia”

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, e que pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar a creación literaria como forma libre e persoal de achegamento ao pensamento científico e de explorar realidades antes non imaxinadas.
A AELG colabora ofertando prazas ás persoas gañadoras nos obradoiros da súa Escola de Escritores/as.

Nove relatos inspirados na ciencia resultaron gañadores de entre as máis de 630 obras presentadas a este concurso organizado polo CSIC.

Entregáronse os premios do concurso Inspiraciencia no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, na Coruña, nun acto que contou coa participación especial da escritora Rosa Montero. O acto desenvolveuse ao fío do espectáculo “Creando pontes. Ciencia, escena e literatura”, cuxas escenas se intercalaban entre as entregas de premios. O espectáculo, da compañía Limiar Teatro, adaptou os relatos gañadores á linguaxe escénica a través da música, a narración oral e a manipulación de obxectos.

Foron sete premiados/as e oito finalistas nas categorías de relato adulto e xuvenil nos idiomas castelán, catalán, galego e eúscaro, seleccionados de entre as 637 obras presentadas a concurso, a participación máis alta conseguida até a data. O xurado tivo en conta a orixinalidade das propostas, a calidade literaria e o contido científico. A estes hai que engadir os dous premiados por decisión do público en base á votación popular..

O químico“, un eloxio aos mestres/as da vida e da ciencia, de Xoán Martínez Gonzalez (Vigo), e “Gran de Pole” de Saioa Zozaya Fernández (Verín), que narra as singulares tribulacións dun gran de pole, son os relatos gañadores das categorías de relato adulto e mozo en galego, e recibirán unha praza nun dos obradoiros da Escola de Escritoras/es da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Foi finalista na categoría adulto/a “O profundo desacougo epistemolóxico“, de Daniel Baliñas Pérez (Barcelona); e os relatos finalistas na de mozas/os foron “Diario dunha testemuña universal“, de Iván Montenegro Vázquez (Chapela), e “Un novo amencer“, de Mario González Quintas (Vigo)

Todos os relatos premiados e finalistas en todas as linguas poden lerse na web de Inspiraciencia.

Inspiraciencia é unha iniciativa impulsada polo CSIC (concretamente, pola Delegación do CSIC en Cataluña) e conta co patrocinio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnoloxía. Entre as entidades que colaboran figuran: Escola d’Escriptura de l’Ateneu Barcelonès, Escuela de Escritores, Editorial Galaxia, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Associació d’Escriptores en Llengua catalana, Biblioteques de Barcelona, Xarxa de Biblioteques municipals de la Diputació de Barcelona, Euskal Etxea Centre cultural Barcelona, Mètode. Revista de Difusió de la Investigació de la Universitat de València, Fundazioa ElHuyar, Idazten. Idazle Eskola, Amigos de la Real Academia de Ciencias, ademais da Residència d’Investigadors (CSIC-Generalitat de Catalunya), La Casa Encendida de Madrid, o Museo Casa de la Ciencia de Sevilla e Bibliotecas públicas de Zaragoza e Vigo.

Morreu un Mestre da Memoria, morreu Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando

A AELG lamenta fondamente a perda dun dos seus Mestres da Memoria, nomeado en 2015.

A cámara ardente está na sala número 1 do Tanatorio Regueiro, da Fonsagrada. Mañá, sábado 1 de xullo, ás 15.15 sairá cara o cemiterio parroquial de Porteliña (A Fonsagrada). O funeral terá lugar ás 16.00 na igrexa parroquial.

Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando, naceu no lugar do Pando, parroquia de Cuíñas, concello da Fonsagrada (Lugo) un  27 de febreiro de 1932. Foi o máis cativo de dez irmáns, criados nunha casa con moitas necesidades pero tamén alegre e con tradición musical. Seu pai tocaba a frauta traveseira, e un seu irmán era tocador de trompa. Ademais, a casa natal foi lugar de reunión onde se celebraron moitas polavilas.
A primeira memoria que ten da música e dos músicos da Fonsagrada é de cando andaba polos dous anos e medio: foi daquela cando quedou impresionado pola música do Chocolateiro, un gaiteiro dezanove anos maior, que el recorda tocando algunha peza coa súa gaita para amenizar, entre os monllos, os descansos da sega do trigo.
No transcorrer da vida, ademais de músico, foi  xastre, comercial de electrodomésticos, carteiro por vinte e cinco anos, activista social, político e cultural, e ata presidente dun club de fútbol. Mestre de músicos, semente e salvagarda -con outros nomes míticos da comarca- da conservación da trompa ata a actualidade.
Emilio do Pando  participou na creación e colaborou decisivamente no acrecentamento de fondos do Museo Etnográfico da Fonsagrada, unha institución fundamental na realidade cultural actual daquel concello. Tamén foi dirixente e formador doutro colectivo cultural da Fonsagrada, a Asociación “Antaruxas e Sorteiros” fundada en 1979, agrupación responsable da profunda tradición que atesoura aquela comarca no referente á música e baile tradicionais.
Emilio do Pando foi gaiteiro e tocador de trompa de formación autodidacta. Tiña facilidade para aprender dos vellos gaiteiros e trompeiros, aos que lembra con admiración e gratitude. Formou varios grupos musicais que amenizaron centos de festas e romaxes por case todo o país. Foi un dos músicos populares galegos que, xunto ao seu paisano e amigo Herminio Villaverde, participaron no disco La Voz Antigua, unha gravación de SONIC, S. A. en 1980. Foi tamén, momentaneamente, foi actor na película Tierra del Fuego, un filme gravado en parte na Fonsagrada, dirixido por Manuel Littin, no que compartiu cartel con Uxía Blanco, Nancho Novo, Ornella Mutti e Jorge Perugorría.
Xa na madurez, recoñecida por fin a súa mestría máis alá da súa terra natal, foi convidado a impartir numerosos obradoiros e a participar en múltiples concertos con grupos de tanto renome como Luar na Lubre ou Milladoiro. Tributáronselle numerosas e moi merecidas homenaxes. Unha das súas alegrías  e ilusións é ver como o seu sobriño-neto, Daniel Pando, se convertiu nun digno continuador da tradición dos tocadores de trompa da Fonsagrada e de toda a Terra de Burón.
Emilio do Pando pasou a formar parte do noso arquivo de Mestres da Memoria como exemplo irrepetible de persoa onde conviven memoria, saber e tradición.

Deixounos onte, 29 de xuño de 2017.

Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Emilio do Pando no Proxecto Polafías.