Aberto o prazo para a votación popular de Inspiraciencia, ata o 12 de xuño

Abriuseinspiraciencia2015 a votación popular de Inspiraciencia para decidir o premio do público. Preto de 90 relatos pasaron a preselección de entre os máis de 400 relatos recibidos e poden votarse ata o 12 de xuño, co único requisito de estar previamente rexistrado. A mesma selección de relatos pasou ao xurado do premio institucional que decidirá os ganadores para cada lingua e categoría.

– Premio do público: Votación aberta ata o 12 de xuño. Pode realizarse aquí.

– Premio institucional. Xurado: David Alenyà Vilaró, Jon Arrizabalaga Valbuena, Karina Barros Ferradas, Jon Elordi Akordarrementeria, Eva García Fernández, Sara Martín Alegre, Pau Solsona Boada e Sonia Varela Pombo, representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e profesora na Universitat Autónoma de Barcelona.

Ramón Nicolás: Texto lido na entrega dos premios AELG (Círculo das Artes de Lugo)

DesdeRamón Nicolás Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
O día 9 de maio dei lectura a este texto, que aquí modifico lixeiramente, no Círculo das Artes de Lugo nos actos de entrega do premio AELG a este blog.

Hai por volta de cinco anos, cando os blogs xa constituían unha moda que caera en certo desuso, inspirándome na orientación e nos contidos de dous populares blogs como eran e son Ferradura en tránsito e mais Brétemas botei a andar Caderno da crítica, un tanto irresponsablemente, todo hai que dicilo, pois o mundo virtual e o das novas tecnoloxías constituía para min unha sorte de arcano respecto do que era bastante escéptico.
Desde aquela até hoxe vai un período no que, creo, aprendín algunhas cousas: unha delas, e que se foi xerando de seu, foi iso da chamada identidade dixital. Manuel Bragado, que ten un percorrido máis longo e experimentado neste ámbito, díxome un día algo así como que un blog era, ou debía ser, unha actitude, unha maneira de ser e de estar. Fíxenlle caso e quixen que esa maneira de ser e estar discorrese allea a estridencias e balbordos, que se centrase en exclusiva no que emerxe e se dá no noso sistema literario contemplado este como un ente autónomo, singular, non dependente de nada nin de ninguén; que se deseñase nel unha presenza continuada concibida coa intención de apoiar e difundir a construción colectiva que se fai coa palabra, coa palabra nosa.
Conxecturo que as compañeiras e os compañeiros que constituímos a AELG galardoan este blog por esta actitude, e eu agradézollelo sinceramente, porque ven nel unha ventá que ofrece un discurso que quere ser integrador e plural, colectivo, que aposta por informar criticamente arredor dos nosos libros, de quen os constrúe e comercializa, de quen os escribe tamén, algo absolutamente necesario hoxe en día no que nin os nosos libros, nin  quen os constrúen e comercializan, nin  quen os escriben son tratados como se merecen, coma se o libro galego fose estranxeiro na súa propia terra. Contra todo iso, que é palpable, dolorosamente palpable, cómpre talvez aplicar a metodoloxía do traballo e do esforzo, seguir adiante na esperanza de que virán tempos mellores e que nos fagan esquecer as precariedades.
Quero agradecer igualmente, a atención que me dispensan os medios xornalísticos para os que escribo, parte substancial que alimenta este blog e, nomeadamente, algunhas persoas e institucións que quero citar. En primeiro lugar Lucía López Bayo, quen me empresta con xenerosidade a axuda técnica indispensable; Anxo Cabada, amigo e esteo fundamental para novos proxectos; algúns dos libreiros e libreiras máis comprometidos co libro galego e coa súa precisa visibilización, algunhas institucións colaboradoras –sempre xenerosas comigo- como as Fundacións Penzol, Uxío Novoneyra e Celso Emilio Ferreiro. Grazas tamén ao señor Proust e a todas as persoas que sempre atendedes ás miñas peticións.
Abrazo este premio con alegría e agradecemento. Valoro moito o voso agarimo e alento cando van aló vinte e cinco anos de práctica ininterrompida de crítica literaria. Cousas así son un estímulo para seguir traballando nesta República das Letras que nos une. Saúde.”

Finou María do Carme Kruckenberg, Socia de Honra da AELG

AMaría do Carme Kruckenberg Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer público o seu pesar polo pasamento da escritora María do Carme Kruckenberg, nomeada no ano 2006 Socia de honra pola Asemblea de Socios e Socias da AELG, da que foi vicepresidenta en 1986, termando da asociación coa valentía e a coraxe precisas, apostando firmemente por unha continuidade necesaria.

Os restos mortais da poeta foron trasladados ao tanatorio de Pereiró, na súa cidade natal, Vigo. Logo dunha breve cerimonia relixiosa e antes da súa incineración, celebrarase ás 18:00 horas de mañá domingo, 17 de maio, unha homenaxe cívico-poética na que amigas e amigos de María do Carme leran a súa obra.

Vigo: Paseos polo Vigo literario, o 16 e 23 de maio

Paseos polo Vigo literario Paseos polo Vigo literario 2015é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Todos os paseos con saída ás 11:30 horas.
Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán).
Inscrición por orde de chegada do correo. Prazas limitadas: 50.

Sábado, 16 de maio: María Reimóndez
Saída: Praza de Independencia – Parada de taxis de Álvaro Cunqueiro.
Fronte ao desenraizamento, ela escolleu transplantarse, botar raíces aéreas e traer canda a si a montaña ao mar. Gaia, a protagonista de En vías de extinción, percorre diferentes espazos mais a súa vida aséntase xa de forma definitiva na cidade ampla que acolle, de brazos abertos, o indómito e biodiverso. Vigo é tamén o espazo de intersección entre o ficcional e o vital para María Reimóndez quen neste percorrido nos levará polos espazos desta obra e compartirá tamén en exclusiva fragmentos da súa próxima novela A música dos seres vivos. (Prégase traer calzado cómodo. Cans benvidos).

Sábado, 23 de maio: Francisco Castro
Saída: Praza da Constitución.
Desde a Praza da Constitución desprazarémonos ata a Porta do Sol, ao edificio onde estaba ubicado El Pueblo Gallego, que serviu de inspiración para recrear o Eco de Vigo, o xornal onde traballa o pai do protagonista. Baixaremos cara o Teatro García Barbón, para parar na antiga sede da churrería ‘Bonilla’ de camiño cara á rúa Luis Taboada, rúa que albergaba a enigmática imprenta da novela Tes ata as 10. A Praza de Compostela-Alameda e o Porto Deportivo encamiñarannos cara á estatua de Xulio Verne, protagonista da cidade e da novela Tes ata as 10.

Paseos pola Coruña Literaria, con Xurxo Souto, o 16 de maio (prazas cubertas)

PaseosLiterarioCorunha2015As pedras percebeiras da Torre de Hércules (Ruta de Ulyses Fingal), Xurxo Souto.
Sábado, 16 de maio, de 12:00 a 13:30 h.
Saída: Praia de santo Amaro.
Tanto para a tradición greco-latina como para as vellas lendas atlánticas , A Coruña é unha fin do mundo –Torre de Hércules, Torre de Breogán–, porta do Mar Maior ou, o que é o mesmo, porta de todos os misterios.
O pintor Urbano Lugrís condensou estas dúas tradicións no seu alcume literario: Ulyses Fingal (Ulises de Ítaca, e mais Fingal, o heroe dos versos escoceses do bardo Ossián).
O Grelle, Macallás, Area de Concha, o Cabalo, as Longuiñas, a Rabaleira, Sogadoiro, Gueivouteiro… Velaí as pedras que rodean a Torre, conforme nos ensinou Emilio Mariñas, o sabio percebeiro.
Nesta ruta –dende a praia de Santo Amaro até o vello faro- queremos coñecer cada unha destas rochas, e que a eufonía dos seus nomes sexa impulso evocador para nos reencontrar coas máis grandes lendas do mar.

NOTA: agradecemos ao público o seu interese nesta actividade, que levou a que xa se cubrisen todas as prazas.

Montse Dopico: “Non temos medo. Non vamos calar. E imos moito máis alá da resistencia”

galaFoto de Alfredo López, “Tokio”.

Desde o Magazine Cultural Galego, de Montse Dopico:
“Esta é a versión completa do texto que lin, resumido tras unha interrupción por un problema co micro, na Gala das Letras. Fala da importancia de apoiarnos entre nós, como sociedade, sen agardar polo poder.

Primeiro, compartir o primeiro cos todos os meus compañeiros, e en especial con aqueles que pertencemos á especie en perigo de extinción dos xornalistas culturais. Eu non vou reivindicar a lingua e a cultura porque sería como reivindicar o dereito a respirar, algo que é parte de min de xeito natural, como ter mans ou ter voz. Mais si vou reivindicar o dereito a traballar, os nosos dereitos como traballadoras e traballadores. O dereito a traballar facéndoo, ademais, nunhas condicións dignas nun sector, o da cultura, que é o primeiro que se recorta coa escusa da crise-estafa.
Mais tampouco estou aquí para queixarme do mal que nos vai aos xornalistas. Senón para facer, por unha parte, unha denuncia. Pola outra, unha proposta. A denuncia ten que ver coa cada vez máis escasa presenza da cultura nos medios de comunicación, nos que a pouca información cultural que se mantén faise polo empeño persoal dalgúns profesionais. E non sei de ningún medio, público nin privado, no que non haxa polo menos algún traballador ou traballadora ao que a cultura lle guste e lle importe como para dedicarlle o tempo que merecen os lectores, moitas veces a costa do tempo propio, por moito que as empresas tenten desincentivalos.
As empresas tentan xustificar os poucos recursos dedicados á cultura co argumento de que non vende. E se cadra a literatura non “vende” tanto como os partidos de fútbol, mais tampouco incrementan as vendas as múltiples roldas de prensa de nulo contido informativo que se cobren para que quen reparte subvencións e asina convenios poida saír na fotografía. Subvencións que, en si, non terían por que ser un problema, pero que acaban conducindo á censura e á autocensura cando as empresas dependen delas para a súa sobrevivencia e o poder que as sustenta confunde información con propaganda.
Mais hai máis. Porque tomar en serio a cultura podería alterar a estrutura do ADN de parte dos medios do país, representantes das elites económicas e políticas, cando non das burguesías herdeiras do franquismo, para os que a cultura galega só pode entenderse como un apéndice subordinado e dependente da cultura en castelán e inglés sancionada polas televisións de maior audiencia ou como unha marca de clase a exhibir en certos espazos.
As mesmas burguesías que temen as palabras inconvenientes dos profesionais da cultura que lles restan a lexitimidade simbólica que a eles só lles dan as súas relacións co poder. Alén diso, adoptar unha liña crítica coa política lingüística e cultural da Xunta de Galicia pode ameazar a continuidade dunhas subvencións que, moitas veces, sustentan estruturas mediáticas fondamente desiguais nas que se producen despedimentos masivos para que as cúpulas poidan seguir cobrando como 10, 50 ou 100 xornalistas da base.
Mais eu teño detectado, por parte do poder, máis que medo a eses escritores e escritoras que non son controlables, desprezo. Desprezo á cultura. Por considerala superflua, molesta. E a miña proposta é que non permitamos ese desprezo. Que demostremos, entre todos e todas, que a cultura interesa. Que lles digamos, con feitos, aos que nos gobernan e aos que mandan nos medios de comunicación que si hai demanda. Porque a cultura lémola, escoitámola, compartímola, debatémola. Porque non esperamos dos medios só que promocionen o noso novo produto (o noso libro, a nosa obra de teatro), senón que nos axuden a pensar a cultura e a facela, sobre todo, máis forte e máis libre.
E eu creo que a sociedade foi neste, como en moitos outros contextos, por diante das empresas de comunicación e dos gobernos. (Diante, desde logo, da Xunta que recortou o apoio á creación e difusión cultural nun 60 por cento). Desaparecidas as seccións culturais de Vieiros, A Nosa Terra, Xornal de Galicia ou Galicia Hoxe, ou suplementos como o Luzes de El País, produciuse unha multiplicación crecente de blogs e webs culturais que se uniron á información cultural prestada por medios alternativos de estruturas máis modestas, pero tamén en xeral máis libres que as empresas de maior tamaño, e tal como está a situación non menos precarias.
Aínda que é certo que nos falta compartir, e non competir, para ser todos máis fortes. A sociedade é tamén a que impulsa os centos de proxectos culturais que se desenvolven cada día no país, contra vento e marea e sen tutela de ninguén. E teño claro tamén que, nese aspecto, témonos a nós mesmos. A nós mesmas. Non podemos agardar por ninguén. Temos que apoiarnos entre nós. Os da novela aos do teatro. As do cine ás da arte. Os da educación aos da lingua. As da música ás da poesía. Todos e todas aos demais. Creando unha masa crítica que demostre que si. Que tomamos en serio a nosa cultura. E, sobre todo, que non temos medo. Que non vamos calar. E que imos moito máis alá da resistencia.
Grazas aos socios e socias da AELG polo premio, á miña familia e amigos por aturar as miñas ausencias e, en especial, a miña nai, por terme ensinado que os libros son importantes para a vida.”

Obras gañadoras dos Premios AELG 2015

EstasAELG Logo 1-2015 son as obras gañadoras dos Premios AELG 2015, que premian as mellores obras editadas en 2014, e que se veñen de fallar na Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

Blog literario
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás [https://cadernodacritica.wordpress.com/]

Ensaio
Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, de Helena Miguélez-Carballeira (Através Editora)

Literatura Infanto-Xuvenil
Penúltimas tendencias, de Carlos Negro (Edicións Xerais de Galicia)

Xornalismo Cultural
Montse Dopico

Narrativa
A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz (Edicións Xerais de Galicia)

Poesía
A distancia do tambor, de Eva Veiga (Espiral Maior)

Teatro
Obras completas. Volume IV, de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas)

Tradución
A Divina Comedia, de Dante Alighieri, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG, que tamén se entregaron na Gala das Letras:

– O premio Mestres e Mestras da Memoria, que chegou á súa terceira edición, que se concedeu a Josefa Arias Castelo, de Vilalba, e a Emilio Pérez Álvarez, “Emilio do Pando”, do concello da Fonsagrada, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.

– O Premio AELG Institucións 2015, que se concede a aquelas entidades que contribuísen á divulgación da lingua e cultura galega e que este ano, pola súa defensa dos dereitos profesionais dos/as xornalistas, por ter o idioma galego e o xornalismo cultural como prioridade, e por promover os valores éticos na escrita xornalística, foi concedido ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e polo seu empeño en que Galiza teña uns medios de comunicación galegos e en galego e, por tanto, pola súa contribución ao proceso de normalización lingüística e cultural, á Asociación de Medios en Galego. Recolleron o premio Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Henrique Sanfiz, presidente da Asociación de Medios en Galego.

– E máis o Premio AELG 2015 Escritor Galego Universal, que na súa décima edición recolleu o escritor brasileiro Luiz Ruffato; este galardón que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge e Bernardo Atxaga, e co que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aqueles autores e autoras que unen á excelencia literaria o compromiso  ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.

No transcurso da Gala das Letras a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entregou tamén o  seu recoñecemento anual “Os Bos e Xenerosos”, que chegou este ano á súa duodécima edición e que supón un acto de recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura. Neste caso, pola súa contribución en diversos eidos do Xornalismo, sempre á altura das necesidades do seu tempo e, particularmente, por poñer os alicerces para termos uns medios de comunicación galegos e en galego, foron nomeados Bos/Boas e Xenerosos/as Xosé María García Palmeiro, Margarita Ledo Andión, Manuel Lombao e Tareixa Navaza.

A Gala das Letras contou coa actuación musical “Os sons esquecidos”, a cargo de Abraham Cupeiro e Iago González.

O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que fai extensivo a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.

Co apoio da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Concello de Lugo e a colaboración do Círculo de las Artes.