Guitiriz: Ofrenda poético-floral no centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro

Dada a amábel conxuntura de que estándomos no ano no que a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas ao guitiricense Xosé María Díaz Castro, e tamén que no 19 deste mes de febreiro é cando se cumpre o centenario do seu nacemento, dende esta Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio e colaboración do Centro Pen Galicia e a Asociación Cultural Xermolos, convidamos ao acto poético-floral que por ese secular motivo se celebrará no camposanto de San Xoán de Lagostelle ás cinco da tarde, coa intención de que sexa o preludio dos moitos recoñecementos que neste ano e nos que sigan reciba o autor chairego.

Localización da Igrexa parroquial de San Xoán de Lagostelle

Estas son outras actividades relacionadas coa figura de Xosé María Díaz Castro da A. C. Xermolos:

Vídeo Todas con Rosalía [segunda parte]

“Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva”.
Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dunha segunda parte do vídeo colectivo Todas con Rosalía.
Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente.
As gravacións amateurs foron montadas e editadas pola cineasta Raquel Rei. Participan, entre moitas outras, Marta Dacosta, María Canosa, Concha Blanco, Mercedes Leobalde, Berta Roca, Fina Casalderrey, Isabel Risco, Lorena Souto e Pilar García Negro.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega contou coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.

Guitiriz: o centenario de Díaz Castro inaugura os actos do ano dedicado ao poeta

Desde Sermos Galiza:
“O ano no que a Academia decidiu adicar o Día das Letras Galegas a Díaz Castro é tamén o do seu centenario. Será o próximo 19 de febreiro a data na que con distintos actos en Guitiriz se conmemore os cen anos do seu nacemento, saída tamén para un ano de festexos arredor do autor de Nimbos, levados adiante pola A. C. Xermolos.
Unha ofrenda poético-floral da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no cemiterio de Guitiriz ás 17.00 horas iniciará unha sesión de tarde na que se darán cita no concello natal de Díaz Castro algunhas das máis madrugadoras iniciativas do ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Será ocasión tamén para inaugurar a exposición Nimbos de luz da Xunta, que quedará aberta na Casa Habanera e que conta con Alfonso Blanco -amigo e estudoso do autor- como comisario nun acto que contará tamén coa intervención do escritor Luís González Tosar e o investigador e crítico Armando Requeixo, autor a súa vez da primeira biografía do ano arredor do autor titulada Xosé María Díaz Castro. Vida e obra que se presentará a seguir.
A estrea do documental O instante eterno. de Xosé A. Cascudo, porá fin á xornada de homenaxe aberta ao público en Guitiriz, concello no que, desde primeiras horas da mañá, a lembranza será continua, de parte do alumnado da comarca, en especial, do centro que leva o seu nome.
O programa escolar comezará ás 10:30 coa visita á exposición por parte dos CEIP de Parga e Guitiriz. O espectáculo musical Zapatiños para Díaz Castro, de 2naFronteira inclúese tamén nunha xornada e mañá na que desde as 12:30 están convidados os colexios de Friol e o IES Urbano Lugrís da Coruña á festa da aniversario de Díaz Castro.”

Acordos da Asemblea Xeral e Extraordinaria de Socios-as da AELG

A Asemblea de Socias-os da AELG celebrada o pasado sábado, 8 de febreiro, no Museo do Pobo Galego, aprobou incorporar aos estatutos as modalidades de socio protector-a e socio colaborador-a para entidades e particulares que, sen pertencer de maneira exclusiva ao mundo da escrita, contribúan ao desenvolvemento das actividades e a vida da Asociación. Aprobáronse os informes económico e de actividades de 2013 e 2014. Tamén os nomes das persoas e entidades que na próxima Gala das Letras (que se celebrará en Pontevedra o día 3 de maio) recibírán os Premios “Os Bos e Xenerosos” e “Institucións Culturais”, que terán ambos o teatro como protagonista, así como Premio AELG “Mestras-es da Memoria”. A vixésima homenaxe “O Escritor na súa Terra – Letra E” dedicaráselle ao Xabier P. DoCampo, o 14 de xuño en Ribeiras de Lea.

Premio “Os Bos e Xenerosos”
Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiará representantes de todas os ámbitos da escena galega:

Premio AELG 2014 “Institucións Culturais”
AELG valorará tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiará:

Premio “Mestras-es da Memoria”
Xabier Blanco e Elba Requeijo serán os informantes recoñecidos nesta segunda edición.

O Escritor na súa Terra – Letra E
O escritor Xabier P. DoCampo será este ano o homenaxeado coa letra E de O Escritor na súa Terra e protagonizará, polo tanto, a xornada na que, entre outros actos, plantará unha árbores no seu territorio biográfico. A homenaxe chega este ano á súa vixésima edición.

Alén destes premios, a AELG xa adiantara que o escritor vasco Bernardo Atxaga será, desta volta, o Escritor Galego Universal.

O calendario de actividades a desenvolver no primeiro semestre de 2014 é o seguinte:

  • 19 de febreiro: Ofrenda poético-floral a Xosé María Díaz Castro.
  • 23-24 de febreiro: Día de Rosalía de Castro.
  • 28 de febreiro: Coplas de Entroido.
  • 4 de marzo: Homenaxe a Xela Arias.
  • 3 de maio: Gala das Letras.
  • 14 de xuño: O Escritor na súa Terra – Letra E.

A AELG homenaxea o teatro galego cos seus premios

Desde Sermos Galiza:
“Os Premios da AELG deste ano terán ao teatro como protagonista. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere así recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiará, en distintas categorías, a representantes de todas os ámbitos da escena galega. A compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibirá o premio como agrupación profesional mentres Achádego de Lugo, que cumpre 25 anos neste 2014, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador. A todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega homenaxearase no premio que a entidade concede á Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
A AELG valorará tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiará ao proxecto Buxiganga, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego. Tamén a área de cultura de Deputación da Coruña, polo premio Rafael Dieste, foi valorada pola asociación profesional literaria. Narón e Tui entran no palmarés da AELG como concellos que dedican un especial destaque ás artes escénicas.
En canto iniciativas privadas, a editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son os dous proxectos que merecen destaque da asociación presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias.
O escritor Xabier P. DoCampo será este ano o homenaxeado coa letra E de O Escritor na súa Terra e protagonizará, polo tanto, a xornada na que, entre outros actos, plantará unha árbores no seu territorio biográfico. A homenaxe chega este ano á súa vixésima edición.
Alén destes premios, a AELG xa adiantara que o escritor vasco Bernardo Atxaga será, desta volta, o Escritor Galego Universal.
Ao longo do mes de maio, a AELG dedicará tamén actos de homenaxe ás escritoras Xela Arias e Luísa Villalta, ao se cumpriren dez ano do seu falecemento.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado día 8 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios/as, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego. Decidiuse, entre outras cousas, que a Gala das Letras terá lugar o 3 de maio na cidade de Pontevedra. Tamén se aprobou incorporar aos estatutos as modalidades de socio protector e socio colaborador para entidades e particulares que, sen pertencer de maneira exclusiva ao mundo da escrita, contribúan ao desenvolvemento das actividades e a vida da Asociación.”

Santiago: Asemblea Xeral de Socios/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará mañá sábado día 8 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios/as, ás 11:00 en primeira convocatoria e 11:15 en segunda convocatoria, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego.
Ao final da Asemblea, previsto para as 13:00, e no mesmo salón de actos, o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e a Secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, ofrecerán unha ROLDA DE PRENSA para dar conta de:

– Os pronunciamentos da Asemblea sobre as vindeiras actividades da entidade.
– Os nomes das entidades que recibirán os Premios AELG 2014 Institucións e o Premio Os Bos e Xenerosos 2014, que se entregarán na Gala das Letras que terá lugar o 3 de maio na cidade de Pontevedra.
– O nome do/a Escritor/a na súa Terra – Letra E, homenaxe que este ano chega á súa vixésima edición.
– O programa de actividades do Día de Rosalía de Castro.

A mar de historias

Do blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Un ano máis Antonio Reigosa e mais Isidro Novo, dende as vogalías por Lugo e pola Literatura de Tradición Oral da AELG, coordinan a publicación das Actas das Xornadas de Literatura de Tradición Oral que cada outono teñen lugar nos locais do Museo Provincial de Lugo.
O volume deste ano é o sexto dunha serie monográfica que ten acubillo como publicación da revista oficial da asociación, Escrita Contemporánea, que a dá á luz baixo o título Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Historias, mitos e monstros do mar de Galicia.
Como o propio rótulo anuncia, esta obra colectiva reúne as intervencións que a primeiros do pasado novembro impartiron na cidade amurallada o estudoso Xosé Lois Vilar Pedreira, o novelista Hixinio Puentes, o músico e narrador Xurxo Souto e mais a investigadora Rosa García-Orellán. Os catro compartiron tamén mesas redondas nas que as intervencións do público asistente, moi activo, se recolleron e transcribiron tamén nesta publicación, que ten por cabo un anexo no que se transcriben os poemas que, enlazando coa temática da xuntanza, recitou nas xornadas Xosé Iglesias.
Para máis saber sobre os naufraxios míticos e as crebas fantásticas, sobre o noso imaxinario marítimo e os seres imposibles que nos océanos habitan, para mellor comprender a nosa vizosa talasonomia e os relatos mareiros nos que os monstros e creaturas marabillosas todo o inzan, estas Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral son un caladoiro farto no que pescar erudición a redes cheas, beizón que lles hai que apoñer aos infatigables coordinadores do evento, Antonio Reigosa e Isidro Novo, ao apoio cómplice que da AELG reciben para levalo adiante e, sobre todo, ao esforzo da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que fai posible co seu patrocinio estas xornadas ás que lles hai que desexar moitos lustros de vida. E nos que os vexamos e os leamos.”

Día de Rosalía 2014: GraffitiRosalía. A fenda nos muros

A AELG promoverá unha serie de actos organizados por concellos, asociación culturais e a propia AELG para celebrar o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 24 de febreiro, no que se conmemora o nacemento da nosa autora.

Ademais de animar á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día, a AELG convoca para o día 24 de febreiro deste 2014 o programa GraffitiRosalía, dirixido a toda a sociedade galega, e especialmente aos centros de ensino de toda Galiza, para realizaren nos propios centros ou en espazos públicos coa colaboración dos concellos, ademais de lecturas da obra rosaliana, unha acción colectiva en torno á figura de Rosalía de Castro co obxectivo de visibilizar os seus versos en espazos públicos e comunitarios.

Así pois, proponse a todos os centros educativos de Galicia  para que, en muros ou paredes habilitadas a tal efecto, nos propios centros de ensino ou nas súas proximidades, grafitteen algún verso de Rosalía de Castro, de modo que o alento da súa voz se faga presente continuo para toda a cidadanía galega.

Esta intervención visual e artística poderá ir acompañada do recitado dos seus versos, ou de calquera outra actividade que contribúa a dinamizar e dar pulo á obra poética de Rosalía de Castro, en canto símbolo colectivo.

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega póñense á disposición dos centros de ensino os seus medios dixitais e de comunicación e difusión nas redes sociais para recompilar e difundir todas aquelas ligazóns onde as comunidades escolares dispoñan as súas actividades organizadas para este día. Para isto é preciso que desde os centros confirmen á AELG a súa participación no desenvolvemento destas actividades e, en segundo lugar, fagan chegar este material para amplificar o seu coñecemento e visibilidade ao seguinte enderezo: oficina@aelg.org

A AELG convoca a toda a cidadanía a participar desas actividades.

Por outra banda, a AELG vén solicitando desde 2011 aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número de 29, sumándose tamén a propia Deputación da Coruña. A AELG seguirá a llelo solicitar aos que non o fixeron aínda. Así mesmo pediralles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.

No 2012 a AELG promoveu unha moción a presentar nos concellos do país para instaurar o 24 de febreiro como Día Rosalía de Castro e, así, organizaren actos de celebración. A moción foi aprobada en Allariz, Ames, Betanzos, Carballo, Carnota, Cedeira, Deputación Provincial da Coruña, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Muros, Narón, Ourense, Padrón, A Pobra do Brollón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Riotorto, Rois, O Rosal, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade.

Rosalía de Castro é unha fenda.
Unha ferida aberta nas conciencias.
A voz que sempre nos asombra.

Querémola viva,
sabémola ceiba.

Querémola pola rúa,
nos barrios e nos arrabaldes,
nas aldeas e nas prazas,
nas fachadas brancas dos edificios.

Queremos que os seus versos nos invadan,
fender con eles o mutismo das paredes.
Para que a súa voz ilumine os muros.
Alta e clara como murmurio e como berro.
Por iso, convidámosvos a participar en graffitiRosalía.