Fene: tertulia de Xesús Rábade Paredes con Verónica Martínez Delgado, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 15 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, dentro do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, terá lugar un novo coloquio con Xesús Rábade Paredes, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Cedeira en 2006, coa novela Mentres a herba medra, acompañado por Verónica Martínez Delgado.

Fene: tertulia de Francisco Castro con Carlos Negro, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 8 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Francisco Castro, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Neda en 2005, coa novela Spam, falará sobre esta obra nun acto conducido por Carlos Negro.

Xurxo Souto: “Dende o mar, A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Dous pontóns dun mesmo océano”

Desde Praza:
“A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza a partir do vindeiro venres 9 de novembro un obradoiro sobre a relación entre o mar e a literatura, que estará coordinado por Xurxo Souto, e que se realizará até final de ano todos os venres no Club do Mar de Santo Amaro, na Coruña. Hai apenas 20 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición. Haberá charlas, debates e roteiros, nos que estarán moi presentes os contos mariñeiros, as lendas mitolóxicas, a toponimia e talasonimia do mar da Coruña, a importancia do gremio de mareantes ou a influencia da emigración maritima.
“Vivimos como terrícolas e terrícolos cando o mar está aí sempre bourando”, láiase Xurxo Souto que imos aos poucos perdendo a nosa relación co mar, mesmo téndoo sempre diante, poñendo unha fronteira na liña de costa: “queremos salientar a idea de que o mar non é algo gremial, non é algo que pertenza só aos mariñeiros, nin ás mariscadoras, nin aos armadores nin aos ecoloxistas. O mar non é que sexa de todos senón que todos somos do mar”, di. “É coma cando lle preguntaron a Steffan Mörling por que viñera vivir a esta fin da Terra. O sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar”, conclúe. E lembra: “Cando remata o boureo dos homes xa só se escoita o ruido do mar dicindo a palabra máxica: Orzán, Orzán, Orzán…”
O obradoiro quere recuperar “todas as historias náuticas que conforman as nosas cidades”. Trátase de recoller todos eses estimulos atlánticos para dar forma a literatura a pequenas historias. Historias coma as de Breogán ou as que rodean a Torre de Hércules. “Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo”, di Souto. (…)”.

Santiago: roteiro literario con Euloxio R. Ruibal, o sábado 10 de novembro

Froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), desenvólvese o sábado, 10 de novembro, ás 12:00 da mañá, o primeiro dos Roteiros Literarios por Compostela co dramaturgo Euloxio R. Ruibal como protagonista, tendo como lugar de reunión para comezar a ruta é ao pé da escultura de Chillida no Parque de Bonaval. Para participar destes itinerarios non é necesario inscribirse previamente.

Santiago: II Xornadas de Literatura e Ensino, Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá, o 9 e 10 de novembro

O venres 9 e sábado 10 de novembro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), (Rúa San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos, organiza as II Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá.

O programa, que pode ser descargado aquí, é o seguinte:

Venres, 9 de novembro
16:30 h. Conferencia: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição, por Rui Torres.
17:30 h. Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?, con Joseph Ghanime Lopes, Concha Costas, Miguel Ríos e María José Díaz Pinheiro.
19:00 h. Espectáculo poético: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao.

Sábado 10 de novembro
10:00 h. Conferencia: Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?, por Agustín Fernández Paz.
11:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra, por Ramón Nicolás.
12:15 h. Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?, con Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez.
16:30 h. Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía, con Ledicia Costas, Ángel Núñez Ramos e Dores Tembrás.
18:00 h. Espectáculo poético: A hostia en verso, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane.

A entrada é de balde.

A Coruña: obradoiro de creación literaria Historias da Cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, con Xurxo Souto

Co título Historias da cidade-barco. A Coruña, capital do mar, a Escola de Escritoræs da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pon en marcha o seu sexto obradoiro. Co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a colaboración do Club do Mar de Santo Amaro, o escritor Xurxo Souto desenvolverá a partir do venres 9 de novembro, ás 19:00 horas, en 8 sesións, un obradoiro aberto á maiores de 16 anos, cos seguintes contidos:

– Todos os grandes ciclos míticos do mar recalaron na Coruña.
– Don Emilio González López e a ruta do “curricán”. A historia da cidade contada polos camiños do mar.
– Do antigo gremio de mareantes.
– Toponimia e talasonimia do mar da Coruña.
– Os homes mariños do Orzán e o Tritón de Lisboa.
– A outra banda do Muro: Terranova e Gran Sol.
– A Coruña-La Habana. A cultura galego renace polos camiños do mar.

A inscrición, gratuíta, farase por orde de solicitude até completar as 20 prazas dispoñibeis, a través dos seguintes medios:
– Correo electrónico: oficina@aelg.org
– Teléfono: 981 133 233 (luns a xoves, de 08:30 a 14:30 e de 15:30 a 18:00; venres, de 08:30 a 14:30 horas).

Con esta iniciativa, a AELG desenvolve un dos seus obxectivos: dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.

Cando lle preguntaron a Staffan Mörling por que viñera a vivir a esta fin da Terra, o erudito sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar.
Unha declaración que se vira especialmente propia cando falamos da Coruña. A cidade naceu baixo o abeiro do faro do antigo camiño cara Britania. Hoxe esta rocha chantada no Atlántico segue afirmar o seu futuro nun mar polo que circula a ruta oceánica máis importante do planeta.
Todos os grandes mitos mareiros recalaron na nosa ribeira. Esta é á fin do mundo -Torre de Hércules- para a tradición greco-latina. Mais tamén Torre de Breogán na vellas lendas da conquista de Irlanda. Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo.
A Coruña naceu do mar. Sen embargo a maioría dos seus habitantes actuamos como terrícolas, sen coñecer tan sequera os nomes das pedras da ribeira. Por iso, principiaremos o obradoiro pola descuberta dese tesouro toponímico: o Xogadorio, o Gueivouteiro, a Rabaleira, o Grelle, o Xanrei…nomes das rochas percebeiras do pé da Torre. Mais tamén a eufonía dos caladoiros que rodean á cidade: Carpancho, Abarracidos, Acentes, Tousas de Leste, Tousas de Vendaval.
Non Coñece A Coruña quen só coñece A Coruña. Mares de Terranova, augas do Gran Sol, dicídeme vós o que A Coruña é!
Wenceslao Fernández Flórez definiuna como a Cidade-Barco. O Padre Rubinos no Poema da Cruña, Monterroso Devesa en Nau Enfeitizada, ou Luísa Villalta no seu libro En concreto, acudiron tamén a esa mesma imaxe.
É tempo pois de embarcar nas palabras, e converter tantas mareas en literatura. A Torre vai na proa, que a emoción e a creatividade sexan o impulso de moitas novas singraduras da Cidade-Barco.

Conclusións do XXIX Encontro Galeusca

O Congreso da Federación Galeusca reúne anualmente representantes da literatura galega, vasca e catalá arredor dun tema de debate, que nesta ocasión foi Oralidade. O que se escribe para dicir, unha reflexión desde o punto de vista do escritor/a, analizando as características dos textos que se crean para seren lidos e interpretados (guións de cinema e teatro, medios de comunicación, poemas, contacontos…). Tamén os modos nos que o escritor/a recrea a oralidade e, en especial, a intencionalidade do escritor/a na recreación da linguaxe falada tendo en conta as características e situación de normalización da lingua na que se escribe.
Así pois, reunidos en Donostia os días 26, 27 e 28 de outubro no marco do encontro anual da Federación Galeusca, os escritores cataláns, galegos e vascos, chegouse ás seguintes

CONCLUSIÓNS

1. Estimamos que a literatura debe ter unha presenza máis intensa en todos os niveis do sistema educativo, tendo en conta que o marco normativo, e en especial as últimas reformas educativas que pretenden a recentralización regresiva, obvia a existencia das literaturas minorizadas do Estado.
2. Esta mesma esixencia faise extensiva ao fenómeno da oralidade que, lonxe de ser entendida unicamente na súa dimensión tradicional, persiste como realidade actual e con capacidade de se adaptar ás novas tecnoloxías desde as experiencias máis vangardistas. Neste sentido, resaltamos a oportunidade de desenvolver as retóricas orais no ámbito da formación e da comunicación.
3. Denunciamos que os medios de comunicación de ámbito estatal, como reflexo da política activa das estruturas gobernamentais, negan e invisibilizan todas aquelas manifestacións literarias que se producen nas nosas nacións.
4. Reclamamos ás institucións públicas un esforzo engadido para recuperar a memoria colectiva, moi especialmente aquelas experiencias asociadas ás clases populares que teñen escaso acceso ao espazo público. Asemade, convocamos a sociedade para que se implique activamente neste labor común.
5. Fronte aos contidos banais e evasivos xerados polas industrias e medios de comunicación de masas, optamos pola incorporación e potenciación de experiencias culturais auténticas, arraigadas, comprometidas e críticas.
6. Por último, como parte da sociedade que alimenta as nosas literaturas, non estamos á marxe dos procesos históricos que están a vivir as nosas respectivas nacións co obxectivo de conseguirmos as máximas cotas de soberanía. Neste sentido, seguiremos a traballar para acadarmos a plena normalización das nosas realidades nacionais e, en consecuencia, das nosas culturas e sistemas literarios.

Este encontro é tamén o marco no que se celebra a Asemblea da Federación Galeusca, creada polas asociacións de escritores de Euskadi, Cataluña e Galicia como instrumento para a coordinación e a acción conxunta, esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas. A Asemblea tomou, entre outros, o acordo de facer xestións ante o Ministerio de Cultura para que aplique e leve á practica a proposición non de Lei Medidas para que o Ministerio de Cultura asuma a multiculturalidade e plurilingüismo existente no Estado no sector da literatura (1), que, impulsada pola propia Federación Galeusca, foi finalmente foi aprobada por unanimidade o 15 de setembro de 2010 no Congreso dos Deputados. Esta proposición indica que o Estado debe crear as condicións para que poidan ser perceptoras das axudas económicas as asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado, feito que non está a acontecer dado que a Asociación Colegial de Escritores de España recibe axudas ás que non optan as súas homólogas de Cataluña, Euskadi e Galicia.

(1) Foi aprobada nos seguintes termos:
1. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir avanzando no impulso e protección da multiculturalidade e o plurilingüísmo existente en España, mediante unha política de promoción, protección e difusión da obra artística e literaria, con independencia da lingua utilizada.
2. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir impulsando a incorporación de representantes do ámbito literario en todas as linguas do Estado en Actos, Premios, Xurados e Institucións dependentes do Ministerio de Cultura. Así mesmo insta a crear as condicións para que poidan ser perceptores das axudas económicas as asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado.
3. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir establecendo canles de diálogo coas asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado.

XXIX Encontro Galeusca: Donostia, do 26 ao 28 de outubro de 2012

A XXIX edición de Galeusca celébrase en Donostia, organizada pola (Euskal Idazleen Elkartea) baixo o lema Oralidade. O que se escribe para dicir (Ahozkotasuna. Esateko idazten dena).
Nesta edición quérese debater a oralidade desde o punto de vista do escritor/a, analizando as características dos textos que se crean para seren lidos e interpretados (guións de cinema e teatro, medios de comunicación, poemas, contacontos…). Tamén os modos nos que o escritor/a recrea a oralidade e, en especial, a intencionalidade do escritor/a na recreación da linguaxe falada tendo en conta as características e situación de normalización da lingua na que se escribe.
A delegación galega estará composta por Cesáreo Sánchez, presidente, Mercedes Queixas, secretaria xeral e os relatores/as:
Antonio Reigosa, que presentará o relatorio A oralidade nos textos literarios.
– Vanesa Sotelo, quen co título Operativos e literarios, participará na mesa Guións de teatro e cine.
Xurxo Souto, que participará na mesa Oralidade e medios de comunicación co traballo titulado Xeografía xeral do mar de Galiza.

O programa é o seguinte:

Venres 26 de outubro
18:00 h. Benvida.
19:30 h. Recital-concerto: Zazpi poeta / Alén da fronteira, en Koldo Mitxelena kulturunea. Trátase dunha sesión en galego e éuscaro na que participarán Xosé Estévez, José Ángel Irigaray e Luís Rei Núñez. O cantautor Ruper Ordorika e o músico Arkaitz Miner interpretarán varias composicións baseadas nos textos de Luigi Anselmi, Bernardo Atxaga, Jon Gerediaga, Tere Irastortza, Xabier Lete, Xabier Montoia e Joseba Sarrionandia, que protagonizan o poemario Alén da fronteira.

Sábado 27 de outubro
09:30 h. Acto oficial no museo San Telmo.
Conferencias: Oralidade
* 10:15-10:45 h. Juan Kruz Igerabide (EIE).
*10:45-11:15 h. Laia Martinez Lopez (AELC).
*11:15-11:45 h. Antonio Reigosa (AELG).
Conferencias: Medios de comunicación
* 12:15-12:45 h. Rafa Xambó i Olmos (AELC).
* 12:45-13:15 h. Xurxo Souto (AELG).
* 13:15-13:45 h. Arantxa Iturbe (EIE).
Conferencias: Guións de teatro e cine
* 16:30-17:00 h. Vanesa Sotelo (AELG).
* 17:00-17:30 h. Aitzpea Goenaga (EIE-Etxepare Institutua).
* 17:30-18:00 h. Lluís Arcarazo Martínez (AELC).
18:30-20:00 h. Contacontos: Joxemari Carrere (éuscaro), Cristina Mirinda (galego), Carles Garcia Domingo (catalán).

Domingo 28 de outubro
10:30 h. Asemblea e Conclusións finais da Federación Galeusca.

As asociacións de escritores en catalán, éuscaro e galego formaron a Federación Galeusca o 15 de xuño de 2008, en Poblet, coincidindo co 25 aniversario da reunión anual Galeusca creada para establecer relacións entre os creadores/as de obras literarias na tres linguas minorizadas de España. O obxectivo da súa creación é que as tres asociacións teñan un instrumento legal para a coordinación e a acción conxunta, e tres anos despois, a Federación Galeusca converteuse nunha ferramenta que é esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas.

Fene: tertulia de Valentín Carrera con Tati Mancebo, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 25 de outubro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Valentín Carrera, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Narón en 1990, coa novela Riosil, falará sobre esta obra nun acto conducido por Tati Mancebo.

Remataron as V Xornadas de Literatura de Tradición Oral

Rematou a V edición das Xornadas de Literatura Oral, que tivo como lema Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, consolidándose como formato que combina o estudo, a divulgación e o ensino de tradición oral, cun seminario de conclusións, unha sesión eminentemente práctica e participativa na que os/as asistentes tiveron a oportunidade de achegar as lendas de mouros/as das que teñen coñecemento, sexan procedentes da comarca de nacemento ou da de residencia permanente ou temporal. Estas lendas, que constitúen unha mostra representativa da variedade temática e xeográfica deste tipo de relatos, serán incorporadas ao libro de actas das xornadas, xunto cos textos dos relatorios e coas transcricións das mesas de debate. Este libro incluirá tamén un DVD coa gravación en vídeo das xornadas, co obxecto de que se convirta nunha ferramenta útil para a reflexión e o ensino da literatura de tradición oral. Para este efecto, cada centro de ensino da provincia de Lugo recibirá un exemplar antes de fin de ano.
As xornadas comezaron o venres 19 de outubro, cunha conferencia do antropólogo, escritor e músico tradicional, Rafael Quintía, que supuxo unha excelente introdución a esta mitoloxía que, segundo este autor, permite “unha procura de nós mesmos”, e quen fixo un amplo percorridos sobre o seu reflexo na toponimia.
Alexandre Parafita, profesor na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, fixo unha exposición sobre estas lendas no país veciño cunha conferencia con título Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades. Ambos especialistas partillaron posteriormente unha mesa redonda, que se converteu nun interesante debate sobre as hipóteses que as últimas investigacións achegaron sobre esta mitoloxía.
A xornada do sábado abriu cunha conferencia da Mar Llinares, profesora da USC e autora de Mouros, ánimas, demonios. El imaginario popular gallego, e diversos artigos sobre antropoloxía e muller en Galicia. Foi precisamente esta última liña de estudo a que desenvolveu para achegar ao público asistente unha reflexión sobre as imaxes femininas na mitoloxía popular galega.
Seguidamente foi Jesús Suárez López, responsábel do Arquivo de Tradición Oral no Muséu del Pueblu d’Asturies, quen focalizou a súa intervención nos tesouros dos mouros, achegando testemuñas de persoas que dedicaron moito tempo da súa vida á busca dos tesouros de mouros e mouras en Asturies.
Estes encontros tiveron lugar nas instalacións do Edificio da Deputación Provincial de Lugo, entidade que apoia este evento desde a súa primeira edición, en 2008.
A AELG traballa xa na edición das actas, que serán enviadas aos centros de ensino e bibliotecas da provincia de Lugo antes de fin de ano.