Roteiro Construíndo a ciencia. Desmontando o corpo, con Andrea Barreira, na Coruña

O Roteiro Construíndo a ciencia. Desmontando o corpo, guiado por Andrea Barreira, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.

Debido ás inclemencias meteorolóxicas adversas, terá lugar o sábado 4 de novembro, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña, tendo como punto de saída a Escalinata da Domus (Rúa Ángel Rebollo, 91).

Cansa da pregunta de se es de ciencias ou letras? Son dous aspectos do coñecemento incompatibles? Co roteiro ao redor de Elisa e Jimena Fernández de la Vega, descubriremos varias cousas:
1.-Coñeceremos a vida das xemelgas, o que nos axudará a recuperar os referentes científicos femininos tan necesarios para non perder os elos de quen nos precede, para remediar a sensación de comezar sempre de cero (tamén no eido científico), para recoñecer o labor das mulleres na investigación. O ano 2021 foi adicado a Jimena Fernández de la Vega como científica galega, un roteiro pode ser un bo xeito de lembrar os seus fitos sen esquecer o traballo de Elisa.
2.-Poderemos descubrir a relación ciencia-letras a través de textos de autoras como María Canosa, Xela Arias, Marga Tojo, Estíbaliz Espinosa, Ledicia Costas, Cris Pavón… fiando a vida de Elisa e Jimena con fragmentos destas obras, entre outras.
3.- A necesidade de construír divulgación e ciencia en galego a través, neste caso, do título Construíndo a ciencia. Desmontando o corpo. As xemelgas Fernández de la Vega, escrito por Andrea Barreira Freije, da editoria coruñesa Baía Edicións, editora que promove a divulgación científica en galego.
4.- Aprender e desenvolver o coñecemento é algo divertido.
5.- Mergullarnos na Coruña máis científica.

Agradecemos que as persoas interesadas se inscriban previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Manifesto da AELG de repulsa á guerra en Palestina

A AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), que conta entre os seus escritores galegos universais co palestino Mahmud Darwish, quere manifestar a súa total repulsa pola guerra en Palestina.

As escritoras e os escritores galegos, representados na AELG, condenamos toda forma de violencia e expresamos a nosa máxima solidariedade cos millóns de persoas palestinas, entre elas tantas nenas e nenos, que a esta hora ven ameazadas gravemente as súas vidas, privadas de auga potábel, subministración eléctrica ou corredores humanitarios que garantan unha mínima seguridade.

Queremos sinalar tamén que as nosas autoridades e gobernos deben instar á comunidade internacional, nomeadamente a Unión Europea, a que tome cantas medidas estean na súa man para deter o xenocidio que se está a cometer co pobo palestino, valéndose de prácticas terroristas, negando o cumprimento estrito do dereito internacional e incumprindo o artigo 33 do IV Convenio de Xenebra, que protexe as e os civís: “Non se castigará ningunha persoa protexida por infraccións que non cometese. Están prohibidos os castigos colectivos, así como toda medida de intimidación ou de terrorismo».

Ao tempo, refugamos que o mundo da cultura e, nomeadamente o literario, sexa tamén vítima deste conflito, por vía da censura e da  negación aos escritores e escritoras palestinos dos recoñecementos e da difusión aos que ten dereito a súa obra literaria, como vén de acontecer coa escritora palestina Adania Shibli na Feira de Frankfurt.

Finalmente, a AELG anima toda a cidadanía a participar nas mobilizacións previstas para mañá en varias vilas e cidades do país, convocadas pola Asociación Galaico Árabe Jenin, BDS Galiza, Galiza por Palestina e Mar de Lumes.

A Coruña: Roteiro (íntimo) poético, con Xoán Abeleira, o 21 de outubro

O Roteiro (íntimo), guiado na Coruña por Xoán Abeleira, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.

Terá lugar o sábado 21 de outubro, a partir das 12:00 horas, tendo como punto de saída a Escola Pablo Picasso (Rúa Pelamios, 2). Neste roteiro o autor fará un percurso persoal por varios espazos vinculados á súa extensa traxectoria de vinculación á poesía como forma primordial de coñecemento e indagación na Realidade.

Agradecemos que as persoas interesadas se inscriban previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2023. A dramatización na formación da identidade lectora

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A dramatización na formación da identidade lectora é unha actividade coordinada por Isabel Mociño, Carla Míguez e Verónica Pousada Pardo (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Vaise desenvolver o 25 e 31 de outubro e o 8 e 15 de novembro, ás 18:00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense. O programa pode descargarse aquí.

As persoas interesadas poden inscribirse, de balde, aquí.

Rcoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección (en proceso).

A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O programa é o seguinte:

25 de outubro
Inauguración
Raquel Castro
Aprender sentindo, o teatro máis ca un xogo nas aulas

31 de outubro
Paula Carballeira
Breves instrucións para ler teatro

8 de novembro
Antón Cortizas
E se a escola fose un teatro? A tradición oral como recurso educativo

15 de novembro
Carlos Labraña
Non dramatices!!! Censura e autocensura no teatro infantil

Lugo: Faladoiros da Memoria 2023, o 26 de outubro


Vinculada aos actos dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2023, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

FALADOIROS DA MEMORIA 2023
Homenaxe a Dorothé Schubarth

O acto celébrase no marco da VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo e a colaboración da Deputación de Lugo, o xoves 26 de outubro ás 19:00 h., no Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).

Coa participación de:
– Branca Villares, música, cantante e recompiladora.
– Richi Casás, músico.
– Sergio de la Ossa, musicólogo, profesor e guitarrista.
– Germán Díaz – Peche Musical
– Presenta e modera: Lois Pérez

A Coruña: VI Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria: Colorín colorado, faladoiro ilustrado, o 17 de outubro

A AELG colabora coas VI Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria: Colorín colorado, faladoiro ilustrado, actividade da Universidade da Coruña, ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A actividade terá lugar o 17 de outubro, ás 17:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, con entrada libre e gratuíta. As profesoras coordinadoras da actividade son Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire e Patricia Carballal Miñán, da Facultade.

O obradoiro-coloquio conta coa presenza de:
– Bea Gregores.
– Óscar Villán.

Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2023

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2023 conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2023 respectivamente a Mercedes Vázquez Saavedra e Xan do Vilar, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregaranse no marco da VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, que terá lugar en Lugo, o 27 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas, con entrada libre até completar capacidade.

No acto, conducido por Lois Pérez, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Espín de Doncos, quen lerá a laudatio de Xan de Vilar, e Aser Álvarez, quen lerá a laudatio de Mercedes Vázquez Saavedra.

Lugo: Letra das Festas. San Froilán 2023 (Revista oral do San Froilán), o 9 de outubro

A Letra das Festas. San Froilán 2023 (Revista oral do San Froilán) conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Chega a edición número 13 da Letra das Festas, a revista oral do San Froilán, baixo o título Arquitecturas efémeras do San Froilán. Lembranza da paisaxe efémera do feiral: carruseis, teatriños, atraccións, gabinetes, consultorios e túneles do inferno.
Terá lugar o luns, segunda feira, 9 de outubro, ás 18:30 horas, no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n).
A entrada é de balde até completar capacidade.

Participan:
– Dina Pérez
– Jorge Salvador
– Alberte González
– Ana Carreira

Ambientación musical:
– Saulo Sause

Coordinación e presentación:
– Lois Pérez

Groenlandia, de Francisco Fernández Davila, gaña o XVII Premio de Narrativa Breve Repsol

Concertos de presentación de Na Casa Deles 2023