Antonio Tizón: “Isto supón o final dunha etapa da miña vida literaria”

Entrevista a Antonio Tizón en La Opinión:
“(…) Unha historia que conta a realidade de moitas avoas, nais e madriñas de Galicia que non tiveron unha educación, pero que cantaron e transmitiron a cultura popular cos seus cantos. Esta historia está presente no libro Coplas analfabetas, do escritor Antonio Tizón, nado en Aranga e afincado na Coruña e que leva traballando neste proxecto arredor de nove anos.
Durante este proceso tivo que buscar quen lle fixese a adaptación musical das coplas que compila no libro, e atopar a voz da avoa, figura principal do relato, inspirado na madriña do autor, María Domingo Cordeiro, unha muller analfabeta pero cun gran repertorio de cantigas populares. «Pasei moito tempo falando con distintas mulleres ás que lles interesase o proxecto, pero ían caendo polo camiño. Ao final tiña á mellor actriz diante dos fuciños, a miña amiga Eugenia Sanmartín, que fixo todo o arranxo musical, e á parte tamén é actriz e cantante», explica Tizón.
Coplas analfabetas conta con 55 poemas encadeados. «A partir deles, seleccionamos catorce coplas para adaptar musicalmente. Das catorce, dez adaptounas Eugenia Sanmartín, tres fíxoas Barahunda e unha, Carmen Penim. E logo tamén participou Davide Salvado como a voz do neto», indica. (…)”

Antonio Tizón presenta Coplas analfabetas en Magalofes, Fene

Desde Radiofusión:
“O escritor Antonio Tizón presenta este domingo 18 de maio en Magalofes (Fene) o seu libro-disco Coplas analfabetas. Eugenia Sanmartin, o dúo Barahunda, Davide Salvado e Carmen Penim interpretan as cancións incluídas no volume. Aprovéitase a biografía para o relato, pero sempre a través do filtro da literatura. A vocación literaria de Antonio Tizón débella, en boa medida, á súa avoa, María Dominga Cordeiro García (1900-1993), que era analfabeta pero gardaba na súa memoria prodixiosa centos de coplas, que lle recitaba e lle cantaba dende moi neno, cando sentaba con ela ao lado dereito da súa cama.
A esta muller, a quen sempre chamaba madriña, está dedicado este libro disco, Coplas analfabetas. Presentación, ás cinco da tarde do domingo no local veciñal de Magalofes. Despois actuarán as Xirifeiras. As Letras Galegas en Magalofes comezarán co teatro do grupo Licor Café de Cabanas o venres 16 ás nove da noite. O sábado 17 haberá un xantar veciñal. “

Compostela: actividades do 3 de maio na Feira do Libro 2024