Camiño Noia: “Cunqueiro foi o primeiro en renovar a poesía galega do século XX”

EntrevistaÁlvaro Cunqueiro de Montse Dopico a Camiño Noia en Magazine Cultural Galego:
“A profesora Camiño Noia vén de publicar na colección Arte de Trobar do PEN Clube de Galicia Trinta poemas, un libro no que reivindica a Álvaro Cunqueiro como non só un dos grandes poetas modernistas do país, senón como o primeiro en renovar a poesía galega do pasado século. Falamos con ela.
– Montse Dopico: A idea de facer o libro xa viña de atrás, mais foron as pesquisas de Henrique Costas sobre Eliano Ardeanu as que o impulsaron. Como foi?
– Camiño Noia: A miña relación con Cunqueiro xa viña de atrás, da Facultade. Fun alumna de Carvalho Calero e el non o promovía como gran escritor. Cunqueiro tamén era criticado por xente nacionalista, por xente comprometida, que salientaba que se arrimara ao réxime e que dicía que o que escribía era evasivo, fantástico… Así, acabei coñecéndoo antes de lelo. Coñecino en Vigo, na Fundación Penzol, por Francisco del Riego. Era un home tranquilo, amable, boa persoa… Quedei impactada pola persoa e comecei a ler a súa obra.
Pasado o tempo, Quique Costas andaba a investigar nuns poemas que se publicaron no Faro de Vigo como traducións de Cunqueiro, atribuídos a autores descoñecidos. E estaba claro que, por exemplo, ‘O Vagabundo’, que Cunqueiro lle atribuía ao poeta romanés Eliano Ardeanu, retrataba o Cunqueiro que eu coñecera. Era el quen escribía estes poemas. A partir disto xa pensei que había que rehabilitalo como gran poeta e empecei este libro, que fun escribindo aos poucos. Acabei concluíndo que a poesía de Cunqueiro non se coñecía. Os manuais despachan o tema dicindo que era un poeta culturalista, intertextual, con elementos neotrobadorescos… Dise que os renovadores da poesía galega foron Méndez Ferrín, Alfonso Pexegueiro e Arcadio López Casanova, que si o foron, pero ninguén fala de que Cunqueiro había anos que facía poesía moderna, a partir de Pound, de Rilke ou de Eliot. (…)”

Radiocrítica do 23-06-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 23 de xuño en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Juan Luis Silva sobre A voz do vento, de Pemón Bouzas (I, 00:31); Trinta poemas de Álvaro Cunqueiro, en edición de María Camiño Noia Campos (II, 00:11); Quizais, de Delmiro Rocha (II, 4:30) e mais Pitusa Semifusa, de Olga Brañas (III, 00:33), con coda musical por remate.”



Gondomar: presentación de As vidas de Nito, de Xabier Paz

O venres 21 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Libraida (Rúa Rosalía de Castro, 13) de Gondomar, preséntase As vidas de Nito, de Xabier Paz, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Camiño Noia e Fran Alonso.

Vigo: homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O luns 4 de marzo, na Universidade de Vigo, terá lugar unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego, co seguinte programa:
12:00 h. Xardíns do CACTI (Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á investigación): descubrimento dunha placa ao pé do pradairo plantado en 2010 na súa honra.
Interveñen: Xosé-Henrique Costas (vicerreitor da UVigo), Alfonso Zulueta de Haz (presidente da Fundación Penzol)
13:00 h. Mesa redonda: Lembranza e semblanza de D. Paco del Riego no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución.
Interveñen: Camiño Noia (catedrática de Filoloxía Galega da UVigo), Malores Villanueva (profesora de Lingua Galega na UB), Ana Mª Fernández del Riego (irmá de D. Paco), Francisco Domínguez (director da Fundación Penzol)
Organizan: Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Fundación Penzol.
Colaboran: Trabalingua, Comités.

Lourenzo Maroño e Elena Sherevera e Camiño Noia, Premios de Tradución Plácido Castro

Desde Praza:
“O xurado da XI edición dos Premios de Tradución Plácido Castro acordou conceder o galardón ex aequo aos tradutores Lourenzo Maroño e Elena Sherevera, pola Antoloxía da poesía rusa: de Pushkin a Evtushenko; e mais a Camiño Noia, pola súa tradución O gran Meaulnes. O xurado, integrado por representantes da propia Fundación Plácido Castro, a Xunta de Galicia, o IGADI, a Real Academia Galega e a Asociación de Tradutores Galegos, sinala que na tradución da poesía rusa apréciase “unha vontade de estilo moi ben conseguida, con expresións naturais e poeticamente cribles en galego. Trátase de composicións trabadas, sólidas, que concordan coas presentacións que se fan dos autores. Ademais incorpora voces poéticas diferentes con cadanseu interese, punto de vista e idiosincrasia expresiva, sempre cunha lectura fluída e doada”. Na tradución de Alain Fournier destácase “o excelente manexo da lingua que consegue reproducir á perfección as distintas atmosferas nas que se desenvolve o argumento. Ofrecésenos aquí unha perfecta reconstrución en galego do heroe romántico que se lanza á persecución dos seus soños”. O obxectivo deste premio é destacar a calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquecer o universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.
A Fundación pretende con este premio reivindicar o importante labor dos nosos tradutores e tamén aquela dimensión literaria de Plácido Castro (1902-1967), quen se destacara como o máis universalista dos nosos galeguistas. Os premiados nesta edición recibirán o diploma acreditativo e unha escultura alegórica da autoría de Xaquín Chaves o próximo día 1 de decembro ás 12 horas no Concello de Vilagarcía de Arousa.”

Mondoñedo: Xornadas arredor de Manuel Leiras Pulpeiro, do 9 ao 11 de novembro

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O médico, escritor e filántropo mindoniense don Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912) está de aniversario. Este nove de novembro próximo cumprirase o centenario do seu pasamento. Con tal motivo, ao longo destes últimos meses estanse a desenvolver unha serie de iniciativas que culminarán na celebración dunhas ‘Xornadas arredor de Leiras Pulpeiro’ organizadas polo Concello de Mondoñedo e a Deputación Provincial de Lugo os días 9, 10 e 11 de novembro. No marco desas xornadas lembrarán a vida e obra do insigne escritor mindoniense estudos@s e analistas tan prestixios@s como Xesús Alonso Montero, Xusto Beramendi, Francisco Fernández Rei, Xe Freyre, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán García, María Camiño Noia Campos, Antonio Reigosa, Ramón Reimunde, Dolores Sánchez Palomino ou Anxo Tarrío, entre outr@s.
Tod@s aquel@s interesad@s neste evento (se clicades na imaxe do programa que figura máis abaixo poderédelo ver en grande), sabede que o prazo de matrícula para o congreso está aberto e que podedes dirixir as vosas solicitudes ao seguinte enderezo: concellodemondonedo@yahoo.es.
Nesas mesmas xornadas, tamén se presentarán novas edicións da obra do autor, pois esta levaba preto de vinte anos fóra do mercado, o que dá idea da oportunidade da súa reedición. Neste sentido, cómpre aplaudir as Poesias completas. Manuel Leiras Pulpeiro que para a serie Clássicos da Galiza da AGLP realizou o profesor Bernardo Penabade, así como dar noticia da Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro. Antoloxía poética disposta para a renovada colección Letras Galegas da Editorial Galaxia por Xurxo Martínez González e Armando Requeixo. Igualmente, nesa xuntanza en homenaxe ao estimado poeta e estudoso da tradición oral farase entrega do I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, certame que ten rexistrado unha moi alta participación que alcanzou o medio cento de orixinais. (…)”.

Crónica posterior de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.

Vigo: presentación de Romances Populares Galegos, recollidos da tradición oral, de Carlos Bernárdez e Xosé Ramón Mariño Ferro

O xoves 9 de febreiro, ás 20:00 horas, en Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 1) de Vigo, preséntase o libro Romances Populares Galegos, recollidos da tradición oral, de Carlos L. Bernárdez e Xosé Ramón Mariño Ferro, publicado en Nigra Trea. No acto, acompañando aos autores, participa Camiño Noia.

Ourense: conferencia Do contar da oralidade ás narracións breves de Carlos Casares, por Camiño Noia

O xoves 2 de febreiro, ás 20:15 horas, na Aula de Cultura (Rúa Lamas Carvajal, 5) do Liceo de Ourense, dentro dos Encontros Literarios: Contando historias desta entidade, terá lugar unha conferencia de Camiño Noia baixo o título Do contar da oralidade ás narracións breves de Carlos Casares.

María Xosé Queizán, Premio Voz da Liberdade 2011, outorgado polo Centro PEN de Galicia

“O xurado cualificador do Premio Voz de Liberdade 2011, outorgado polo Centro PEN de Galicia e de carácter bienal, integrado por Luís González Tosar, Miro Villar, Inma López Silva, Marilar Aleixandre, Manuel Outeiriño, Román Raña e Manuel Guede, decidiu conceder este galardón, na súa quinta edición, por unanimidade, á escritora viguesa María Xosé Queizán. Entre outros méritos, o xurado considerou, “a súa traxectoria independente e firme, tanto na defensa da liberdade de expresión coma na dos dereitos das mulleres desde a década dos sesenta ata a actualidade. María Xosé Queizán, cunha obra de referencia na narrativa, na poesía, no ensaio e no teatro, destaca tamén polo seu labor de tradutora e por manter, ao longo de 28 anos, a revista Festa da palabra silenciada, verdadeira voz da escrita feminina e exemplo de pluralidade e proxección exterior da literatura galega”. O xurado fai constar, asimesmo, que María Xosé Queizán impulsou, xunto con outros 22 escritores e escritoras, o primeiro intento de creación do PEN Clube de Galicia, asistindo á asemblea constitutiva celebrada en Santiago o 7 de abril de 1977 e suscribindo a incorporación ao PEN Internacional. (…) A entrega do Voz de Liberdade 2011, unha peza escultórica da autoría do ourensán Xosé Cid, terá lugar no transcurso dunha actividade literaria aberta, na que a glosa da homenaxeada correrá a cargo da Catedrática de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Vigo, Prof. Mª Camiño Noia Campos. O acto terá lugar o sábado 26 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Social Novacaixagalicia, Praza de Cervantes, de Santiago de Compostela.” Vía Xerais.