Álex Mene faise co XXIV Premio de poesía Concello de Carral co seu primeiro poemario: Os puntos do impacto

Desde o Concello de Carral:
“O vigués Álex Mene vén de facerse co XXIV Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Os puntos do impacto. O autor, que conta xa con varias publicacións, acadou o galardón tras conquistar ao xurado do certame cun “universo orixinal e coherente e cunha estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética, propoñendo unha volta á ancestralidade e un retorno do ser humano á natureza para diluírse nela”.
O xurado salientou, iso si, “a calidade demostrada no conxunto de obras presentadas a esta edición do certame, no que se contou cun alto número de poemarios merecentes do premio”. O tribunal do concurso estivo formado polo concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida –presidente-, por Manuel López Rodríguez –gañador da pasada edición e que estivo en calidade de vogal-, Inma Otero –crítica literaria e profesora, tamén en calidade de vogal-, Luciano Rodríguez Gómez –profesor e investigador literario como vogal- e por Carlos Lorenzo –técnico municipal de Cultura en calidade de secretario-. (…)
O premio de Carral está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio Concello de Carral está previsto para o 28 de maio e servirá, así mesmo, para presentar o libro As pulsacións, co que Manuel López Rodríguez gañou a XXIII edición do certame.
Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada. (…)”

Arteixo: coloquio “A tribo literaria en 2021”

Pode seguirse o evento en streaming a través de Facebook live, ou asistir presencialmente coa recollida de invitacións 1 hora antes do seu comezo na billeteira do CCC de Arteixo (máximo 5 por persoa). Este acto enmárcase dentro das actividades conmemorativas do 30º Aniversario do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía.

O certame aRi[t]mar selecciona os poemas galegos e lusos finalistas

Desde Nós Diario:
“O certame aRi[t]mar vén de escoller as poesías galegas e portuguesas finalistas e abre o prazo para que o público poida votar polas gañadoras.
As finalistas galegas son Ana Romaní co poema “Protocolo”; Arancha Nogueira, con “#love”; Carlos Lorenzo e Baldo Ramos, “Chamamento okupa”; Iria Pinheiro e María Lado, co poema “Agora non se agarda nada”; Eduardo Estévez, “Santa Lucía”; Lucía Cernadas, “Decidín”; María Lado, “Odias a poesía e fas ben”; Rosa Enríquez, “A metáfora de tan fina”; Rosalía Fernández Rial, “A reflexión” e Francisco Fernández Naval co poema “Dixeches”.
Pola outra banda, as candidatas portuguesas son Álamo Oliveira, co poema “Ninguém sabe o malefício dos anos”; Alexandra Santos, “As letras do teu nome”; Hélia Correia, “Almofada de andorinhas”; João Pedro, “Memórias”; Jorge C. Ferreira, “Quem ordena este pandemónio?”; Jorge Sousa Braga, “Poema recuperado do caixote do lixo”; Márcia, “O verão sabe-se bem”; Raquel Serejo Martins, “A casa velha como uma velha”; Rosa Oliveira, “Valencià” e Samuel F. Pimenta co poema “Foz”.
As persoas que queiran votar poderán facelo na páxina web do certame até o día 10 de maio, que como recompensa terán a posibilidade de entrar nun sorteo dun lote de libros e discos. (…)”

Manuel López Rodríguez gaña o 23º Premio Concello de Carral de poesía

Desde o Concello de Carral:
“Manuel López Rodríguez (Noia, 1978), coa súa obra Nas pulsacións, resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.
O xurado salienta neste poemario o feito de que amosa un discurso lírico sólido e inspirado, con gran riqueza léxica e con interesantes achados estilísticos.
Manuel López Rodríguez ten publicado un libro titulado Antítese nativa, así como múltiples poemas en revistas e volumes colectivos. Foi ganador dos premios Suso Vaamonde de poesía, Eduardo Pondal e López Ardeiro, entre otros.
O xurado do concurso estivo formado por Miriam Ferradáns, José Mª Paz Gago e Xurxo Alonso, coa presidencia do concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 42 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio “Concello de Carral” está previsto para o mes de setembro. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, En luz escrita de Xurxo Alonso.
Como ven sendo habitual nas últimas edicións, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.”