Arquivos da etiqueta: Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro
Bases do VI Certame de poesía Xosé M. López Ardeiro (o prazo finaliza o 11 de decembro)
Rocío Leira gaña o III Certame de poesía Xosé M. López Ardeiro convocado polo concello de Negreira
Desde Que pasa na Costa (fotografía recollida no mesmo medio de comunicación):
“(…) Rocío Leira Castro (Pereiriña – Cee), coa súa obra Obituario, presentada baixo o pseudónimo de Xanela, resultou a gañadora do III certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, que tivo lugar no concello de Negreira.
Entre as tres obras finalistas están, aparte de Obituario, Versos de amor e norte, de Cristina Negreira Barcia, de Negreira, e Mexacáns do Tambre, de Xosé Antonio Grela, de Santiago de Compostela.
O premio consiste na edición do poemario gañador por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a entrega de 150 exemplares nun acto a desenvolverse na vindeira primavera en Negreira. “Este premio supón un paso importante na miña carreira, pois vai ser o meu primeiro libro de poesía para adultos que ve a luz”, asegura Rocío Leira.
O xurado –formado por José Antonio Ponte Far, Xulio López Valcárcel, María López Sández e María Rey– destacou da obra a forza das imaxes poéticas, así como a mirada poliédrica sobre un tema tan actual como a violencia de xénero. “A obra está baseada nun conxunto de poemas, e cada poema sobre a morte dunha muller que cita nun primeiro momento xunto coa data en que foi asasinada”, salientou José Antonio Ponte Far, presidente do xurado e amigo persoal de Ardeiro.
Obituario consta de 41 poemas, cada un deles encabezado polo nome dunha muller asasinada no 2015, e nos que se ofrecen, a través da linguaxe poética, distintas perspectivas dunha lacra social como son os feminicidios. (…)
Éste non é o único premio co que a ceense despide o seu ano literario; xa que recentemente lle comunicaron ser a gañadora do segundo premio da XXIX edición do Certame Rosalía de Castro de Cornellá, que dende hai case trinta anos convoca a comunidade galega de Cataluña.
O certame ó que se presentaron máis de 260 obras, tiña como membros do xurado a persoeiros coma Xurxo Souto ou Anxo Angueira -presidente da Fundación Rosalía de Castro-.
O poema presentado por Rocío Leira baixo o título Lume no peito combina elementos culturais galegos e cataláns e versa sobre a dualidade de sentimentos que pode sufrir alguén na diáspora. Entremedias, numerosas referencias a Manuel Oreste Rodriguez López, poeta galego cunha relación moi estreita coa comunidade galega emigrada en Cataluña.”
Negreira: entrega do II Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro
Entregados os premios Xosé M. López Ardeiro e Novela Curta de Negreira
O venres 20 de decembro tivo lugar no Centro Sociocultural o acto de entrega dos premios do II Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, o VI Premio de Novela Curta e o VII Premio de Pintura Negreira en Cor, promovidos polo Concello de Negreira.
Yolanda López López resultou a gañadora do certame poético con Paisaxes subterráneas, e obten o premio da publicación de 150 exemplares do poemario.
O xurado selecionou á obra Cita con Lola de Rocío Leira Castro como vencedora no certame de Novela Curta. A pintura “Augas abaixo” de Manuel Carballeira Rivas, acadou o VII Premio de Pintura Negreira en Cor.
O acto contou coa participación do secretario xeral de cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, que estivo acompañado polo concelleiro de educación e cultura, Luís Calviño e o de xuventude e deportes, Manel Hombre.
Convocado o II Premio de poesía Xosé Manuel López Ardeiro
BASES
“1. Ao premio de poesía Xosé Manuel López Ardeiro poderán concorrer todas as persoas que o desexen, coa única condición de que a obra presentada estea escrita en lingua galega e cun máximo dunha obra por autor.
2. Os traballos deberán ser orixinais, inéditos e non ter sido premiados con anterioridade en calquera outro concurso ou certame.
3. Os traballos estarán escritos en lingua galega e terán unha extensión mínima de 350 versos e máxima de 700, escritos con tipografía de imprenta (tipo Arial 12 ou similar), a dobre espazo, con absoluta liberdade do/a autor/a en canto a estrofas, métrica e rima.
4. Os traballos presentaranse por triplicado, sen sinatura, constatando neles soamente o título e o lema. Achegarase outro sobre pechado que conterá no seu interior o lema xunto co nome, dous apelidos, fotocopia do D.N.I. e teléfono do/a autor/a. No exterior de dito sobre consignarase o lema e o certame ao que se presenta. Só se abrirán os sobres dos traballos premiados. Así mesmo, deberá acompañarse o traballo dunha declaración xurada de que se cumpre o requisito do punto segundo, é dicir, que é inédito e non premiado noutros concursos, certames ou premios, declaración que será introducida no sobre cos datos persoais xa citados.
5. Deberán ser entregados en:
Concello de Negreira. Delegación de Cultura e Deportes
Casa da Cultura – 1º andar
15830 Negreira (A Coruña)
6. O premio de poesía Xosé Manuel López Ardeiro consistirá na publicación do libro gañador por parte da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral do Libro, e a entrega ao/á autor/a de 150 exemplares.
7. As obras poderán entregarse entre o 24 de maio e o 14 de novembro de 2013.
8. O certame presentarase ao público o xoves 30 de maio de 2013.
9. O xurado estará formado por tres membros de prestixio no campo da literatura, e como secretario, con voz pero sen voto, o representante do Concello que designe o alcalde. A súa composición só se fará pública coincidindo coa difusión do seu ditame. Ao xurado, que actuará con liberdade e discreción, e cuxas decisións son inapelables, corresponderá discutir e emitir o ditame, así como outorgar o premio a unha soa obra ou declaralo ex aequo, con accésits ou finalistas, e/ou deserto.
10. A entrega dos premios será o 21 de decembro de 2013, no 6º aniversario do falecemento do poeta de Logrosa, Xosé Manuel López Ardeiro.
11. A participación no concurso supón a aceptación destas bases.”
Rafael Lema gaña o I Certame de Poesía Ardeiro
Desde a páxina web do Concello de Negreira:
“Trece obras aspiraban ao primeiro Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, que finalmente recaeu por decisión unánime do xurado no traballo titulado Alturas do monte Pindo, cuxo autor é Rafael Lema Mouzo, natural de A Ponte do Porto (Camariñas), valorando os catro membros do xurado o nivel da súa obra, e cuxo fallo do xurado coñeceuse nun acto literario-musical no Auditorio de Negreira, celebrado o pasado venres 21 de Nadal, cadrando co quinto cabodano do pasamento do Ardeiro, na cidade de Ferrol.
De ser, de Anxo Mena (Carral), e Expansión, de Suso Bahamonde (Muxía), foron os outros dous traballos finalistas, que logo da deliberación do xurado presidido polo crítico literario, José Antonio Ponte Far, xunto co poeta Xulio López Valcárcel; a escritora, María López Sande, e maila profesora María Rey, ambalas dúas pertencentes ó IES Xulián Magariños, decidiron concederlle este premio consistente na publicación do poemario gañador por parte da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral do Libro, e a entrega ao autor de 150 exemplares. (…)