O
venres 16 de setembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, terá lugar un recital poético de textos de Álvaro Cunqueiro a cargo de Marta Dacosta e Rexina Vega, concerto musical baseado en textos de Cunqueiro a cargo de César Morán, acompañado polo contrabaixo de Alfonso Morán, e representación do prólogo do Incerto señor don Hamlet a cargo do grupo Non si Teatro. O acto está organizado pola Sección de Lingua e Literatura do Instituto de Estudos Miñoranos.
Arquivos da etiqueta: César Morán
Congreso Mil e un Cunqueiros, do 28 de setembro ao 1 de outubro
“En
2011 cúmprense cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro Mora. Esta conmemoración supón unha oportunidade para revisar o legado do escritor mindoniense, facer balance dos estudos cunqueirianos e propiciar novas aproximacións críticas á súa obra.
A dimensión galega e universal da obra e da figura de Álvaro Cunqueiro convertérono nun factor privilexiado para a proxección de Galicia no mundo. O pensamento e a imaxinación cunqueiriana renovaron a conciencia dos propios galegos sobre si mesmos, establecendo novas pautas que contribuíron a definir a identidade galega e a imaxe do noso país.
No marco das diferentes conmemoracións que ao longo deste ano van ter lugar por toda a xeografía galega (exposicións, faladoiros, concertos, representacións teatrais…), o Consello da Cultura Galega, coa colaboración das universidades galegas, organiza o Congreso Mil e un Cunqueiros. A súa finalidade é servir de foro para o debate académico e o intercambio científico, con especial atención á presentación dos resultados das investigacións en curso sobre Álvaro Cunqueiro. O Congreso pretende ser un punto de encontro entre investigadores, profesores e estudantes da comunidade académica galega, peninsular e internacional, e favorecer o diálogo interdisciplinar e intercultural arredor da obra do mestre mindoniense.
O programa, que pode estar suxeito a cambios, pode consultarse aquí:
* Mércores, 28 de setembro:
Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro s/n.). Santiago de Compostela:
– 10:00 h. Inauguración
– 10:30 h. Conferencia As miñas lecturas de Cunqueiro, por César Antonio Molina (Casa del Lector da Fundación Germán Sánchez Ruipérez).
– 12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro: o derradeiro dos tradutores-mestre da Península Ibérica?, por Thomas Harrington (Trinity College, Hartford-Connecticut).
– 13:00 h. Mesa redonda Achegas á biografía cunqueiriana: Xosé Luís Franco Grande (escritor),
Rexina Vega (Universidade de Vigo) e Xosé M. Dasilva (Universidade de Vigo)..
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 18:00 h. Mesa redonda Cunqueiro e os medios de comunicación: Miguel Somovilla (Director de comunicación da RAE), Iago Castro (Universidade de Vigo) e Manuel Outeiriño (Universidade de Santiago de Compostela).
– 19:30 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, unha mirada holística, por Anxo Tarrío (Universidade de Santiago).
* Xoves, 29 de setembro:
Paraninfo da Universidade da Coruña (Maestranza, 9).
– 09:30 h. Sesións de comunicacións.
– 11:30 h. Pausa.
– 12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, José J. Veiga e a literatura fantástica, por Regina Zilbermann (Universidade de Rio Grande do Sul).
– 13:00 h. Mesa redonda O herdo de Cunqueiro: Xosé María Álvarez Cáccamo (escritor), Francisco Salinas (Universidade da Coruña) e Xosé Miranda (escritor).
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 19:00 h. Conferencia Cando xogan dobre a novela e o seu autor. Proceso de configuración textual en Merlín e familia/Merlín y familia, por Martine Roux (Universidade de Angers).
– 20:00 h. Proxección cinematográfica (CGAI).
* Venres, 30 de setembro:
Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela:
– 09:30 h. Sesións de comunicacións.
– 12:00 h. Conferencia Cunqueiro en castelán. Breve historia dunha recepción, por Fernando Valls (Universitat de Barcelona/Universidade de Berlín).
– 13:00 h. Mesa redonda O popular en Cunqueiro, con María Xesús Nogueira (Universidade de Santiago de Compostela), Camino Noia (Universidade de Vigo) e Marcial Gondar (Universidade de Santiago de Compostela).
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 19:00 h. Conferencia Os lugares do intelectual, por Jordi Gracia (Universitat de Barcelona).
– 20:00 h. Representación teatral.
* Sábado, 1 de outubro:
Vigo, nun lugar pendente de confirmación
– 10:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e o fetichismo sentimental, por Alberto Moreiras (TAMU, Texas A&M University).
– 11:00 h. Mesa redonda Os outros mundos de Cunqueiro, con César C. Morán Fraga (escritor), Carlos Paulo Martínez Pereiro (Universidade da Coruña) e María Xesús Lama (Universitat de Barcelona).
– 13:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e a tradición literaria anglófona, por John Rutherford (Universidade de Oxford).
– Inscrición:
A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado no web do Consello da Cultura Galega. O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza. As persoas con comunicación aceptada deberán seguir o mesmo procedemento de preinscrición que o resto das persoas interesadas (formulario de preinscrición). O número de prazas é limitado (100 persoas).
– Tarifas de inscrición:
O pagamento da matrícula realizarase no prazo sinalado para a inscrición de asistentes (con ou sen comunicación), do 15 de xuño ao 15 de setembro, no seguinte número de conta: NOVACAIXAGALICIA 2091-0300-47-3110063172. Importante: O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza.
• Inscrición con comunicación: 40 euros.
• Inscrición sen comunicación: 20 euros.
• Parados e estudantes: desconto do 50% sobre as tarifas anteriores.
Para formalizar a matrícula debe enviarse o xustificante de pagamento. Se está nos grupos de matrícula reducida, debe incluír tamén unha copia da tarxeta do paro ou da matrícula no curso 2010-2011.”
A Coruña: charla musicada A poesía de Álvaro Cunqueiro, con César Morán
O martes 5 de abril, ás 20:00 h., no Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez) da Coruña, con entrada libre até completar capacidade, prosegue o ciclo Cinco días con Cunqueiro, organizado pola Concellaría de Cultura en homenaxe ao autor mindoniense, do que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento, coa charla musicada: A poesía de Álvaro Cunqueiro, a cargo de César Morán.
A Coruña: recital de poesía e música con Roberto Reséndiz Carmona
O xoves
10 de marzo, ás 20:15 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o recital do poeta de Zamora de Michoacan (México) Roberto Reséndiz Carmona. No acto participan Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Olga Patiño e o propio autor mexicano, coa compaña dos músicos César Morán e Xosé Taboada.
A Coruña: recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez
O
xoves 17 de febreiro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, terá lugar un recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura da Coruña quere mostrar así o seu agradecemento a Perfecto Estévez, deseñador referencial do noso país, e que ten colaborado coa AELG en tempos difíciles. O acto, presentado por Dores Tembrás, contará coa presenza de:
– Lois Diéguez
– Francisco X. Fernández Naval
– Yolanda Castaño
– Xulio L. Valcárcel
– Marica Campo
– Diana Varela
– Cesáreo Sánchez
Haberá unha actuación musical de César Morán e Xosé Taboada.
Na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, tamén en Durán Loriga, 10, pódese visitar a Exposición homenaxe a Perfecto Estévez organizada pola Concellaría de Cultura da Coruña.
A Coruña: II Encontros Milpedras, recital de poesía, música e pintura en directo
O venres
29 de outubro, a partir das 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras da Coruña, desenvólvese a segunda edición de Encontros en Milpedras, unha proposta de unión en diálogo libre, ao vivo, de poesía, música e artes plásticas. Actuarán recitando poemas Begoña Paz, Dores Tembrás, Luís Mazás e Iolanda Aldrei, en paralelo á música de César Morán e a creación plástica de Nando Lestón.
A Coruña: presentación de Todo é silencio, de Manuel Rivas
O venres
29 de outubro, a partir das 19:30 h., na FNAC (Mercado Eusebio da Guarda – Praza de Lugo, s/n.) da Coruña, presentación do novo libro de Manuel Rivas Todo é silencio, publicado en Xerais. No acto estará acompañado por César Morán e Xosé Taboada. Ao finalizar a presentación, o autor asinará exemplares da súa obra.
Vigo: preséntase a Fotobiografía sonora de Álvaro Cunqueiro
A Fotobiografía Sonora de Álvaro Cunqueiro será presentada no Verbum de Vigo hoxe mércores día 2 de decembro ás 20.30 horas. Intervirán neste acto de presentación o fillo do escritor mindoniense, César Cunqueiro, e mais os autores da fotobiografía, Rexina R. Vega e César Morán.
A Fotobiografía Sonora de Álvaro Cunqueiro (libro + 2 CD’s) presenta dunha forma novidosa a vida e a obra literaria do escritor a través de perto de 200 páxinas, máis de 100 fotografías do seu álbum persoal e dous CD’s que recollen a propia voz de Cunqueiro así como unha selección dos seus poemas musicados.