Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2024


A novena edición dos Premios Follas Novas do Libro Galego pechou a súa edición deste ano coa tradicional gala que deu a coñecer aos ganadores en cada unha das trece categorías destes galardóns. A gala celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela serviu de repaso da intensa e prolífica actividade do mundo do libro durante o ano 2023. Os premios reivindican a excelencia acadada en 2023 en librarías e editoras e destacan tamén os papel das autoras galegas que dominaron en case todas as categorías.

A Gala dos Follas Novas volveu representar o excelente momento creativo da comunidade do libro en Galicia e volveu poñer de manifesto a necesidade de que esta creatividade sexa acompañada por politicas que incrementen a visibilidade e a presenza do libro e da literatura galega na sociedade. A gala foi presentada polo actor Xosé Barato “acompañado” por unha intelixencia artificial entremetida nas intervencións do presentador. A música para esta nova edición correspondeu a SAL, o proxecto musical de Diego Salgado e Pablo Pazo, guitarra e baixo, arredor do mundo do soul. O xurado desta novena edición estivo formado por Andrea Barreira, David Cortizo, Beatriz Fariñas, Lorena Gómez, Carlos Negro, Arantxa Nogueira e María Villaverde.

Os premios Follas Novas están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), co apoio da Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e CEDRO.

No nome das tres asociacións impulsoras do premios falou Cielo Fernández, presidenta da Federación de Librarías de Galicia. A presidenta salientou na súa intervención o momento que vive o sector “podemos afirmar que un ano máis somos quen de manter a espléndida diversidade do noso ecosistema, tanto editorial coma libreiro, e que a calidade da produción escrita en galego segue a ser moi alta.”  No mesmo sentido puxo o Follas Novas como exemplo da creatividade artística de Galicia “Os libros e as persoas finalistas nesta gala dan boa conta disto, e sabemos que, ademais das presentes hoxe aquí, hai outras escritoras, ilustradoras, xornalistas, debuxantes, activistas e promotoras culturais, editoras e libreiras, que están a desenvolver un traballo diverso e de calidade.”
Cielo Fernández anunciou unha serie de actividades que se porán en marcha nos vindeiros meses e que servirán para dar máis presenza á comunidade do libro no país e que incrementarán a colaboración entre as tres asociacións convocantes do premio. Tamén apuntou que o ano vindeiro, décimo aniversario dos Follas Novas, haberá novidades nos premios e na gala.

Premios honoríficos
Os galardóns desta edición son para a Libraría Eixo, pola Federación de Librarías de Galicia; o finado editor Francisco Porrúa, pola Asociación Galega de Editoras; e o escritor vasco Joseba Sarrionandia, nomeado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como Escritor Galego Universal.

Libraría Eixo
A Federación de Librarías de Galicia premiou nesta edición á Libraría Eixo, que acaba de cumprir 25 anos desde que Javier Ibáñez abrira as súas portas en Ourense en 1999. Desde ese momento, a libraría converteuse nun axente cultural para a cidade, ofrecendo un catálogo de 25.000 títulos e realizando actividades destinadas a dar a coñecer o mundo literario e a crear unha comunidade lectora na cidade.

Francisco Porrúa
A Asociación Galega de Editoras quere recoñecer este ano a quen foi un dos máis importantes editores de fala hispana no mundo. Francisco Porrúa, nacido en Corcubión en 1922 e finado en Barcelona en 2014, foi tradutor e editor en Arxentina e fundador dunha das principais editoras de ciencia ficción, Minotauro. Foi editor de Cortázar, Bradbury, Tolkien e Ballard, e tivo unha importancia decisiva na publicación de Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez. Tamén foi editor de Editorial Sudamericana e Edhasa.

Joseba Sarrionandia
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), poeta e tradutor vasco, tamén coñecido como Sarri. Formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott. xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika. É membro da Euskaltzaindia e tradutor de Eliot ou Pessoa. Ten publicado arredor de corenta títulos de narrativa, poesía, ensaio ou literatura infantil. Ademais, Sarrionandia foi un dos tradutores ao éuscaro dos clásicos da literatura galega.


GAÑADORAS/ES DOS PREMIOS FOLLAS NOVAS 2024

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
Ser Cetáceo. O fascinante inverno do animal de fondo. Francisco Xosé Fernández Naval. Editorial Bululú.

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
O cento voando. Amores, alianzas e monogamias. Andrea Nunes Brións, Ánxela Lema (coord.). Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
Cinco corujas. Susana Sanches Arins. Através Editora.

PREMIO Á OBRA INFANTIL
A botella de lentellas. Leticia Barbadillo. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO Á OBRA XUVENIL
Burbullas de calma serena. Andrea Maceiras. Cuarto de inverno.

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
Maruja Mallo. Enigmaticamente única. María Canosa e Bea Gregores. Editorial Bululú.

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
Fago o que podo. Afra Torrado. Rodolfo e Priscila.

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Colección Candemaia. Edicións Laiovento.

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
Deiche os ollos e miraches as tebras. De Irene Solá. María Alonso Seisdedos. Kalandraka.

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
Retratos de vodas, partos e funerais. Silvia Penas. Editorial Galaxia.

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
Festas de gardar. Díptico para a resistencia. Lorena Conde. Cuarto de inverno.

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
O gran libro dos nosos montes. Blanca Millán. Cumio Editorial.

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
Espazo Lectura de Gondomar.

Premio CEDRO 2024 á escritora Gemma Lienas, coa presenza de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, e membro da Xunta Directiva de CEDRO


Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, estivo presente, como membro da actual Xunta Directiva de CEDRO, na entrega do Premio CEDRO 2024 á escritora Gemma Lienas, en recoñecemento ao seu labor na defensa colectiva dos dereitos de propiedade intelectual do sector da cultura escrita.
A presidenta de CEDRO, Carme Riera, afirmou que “a Xunta Directiva quixo recoñecer a Gemma Lienas o traballo que levou a cabo sempre para promover un ámbito donde escritores, escritoras, tradutores, tradutoras e editoriais poidamos recibir o recoñecemento legal e social axeitado e unha compensación xusta polo noso traballo”.”

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2024 en Compostela (I)

Estes son algúns dos vídeos do acto central do Día de Rosalía de Castro 2024 en Compostela, que tivo lugar o 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO. A crónica videográfica completa pode verse aquí.

Interpretación musical da Coral da A. C. Solfa:

Saúda da presidencia da AELG, Cesáreo Sánchez:

Lectura do Manifesto da AELG, Carlos Callón:

Euloxio Ruibal e Joseba Sarrionandia serán premiados pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega

Desde Nós Diario:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recoñecerá cos galardóns O Escritor na súa Terra – Letra E’ e ‘Escritor Galego Universal’ os autores Euloxio R. Ruibal e Joseba Sarrionandia.
Este sábado, a asociación reuniu en Compostela a súa Asemblea Xeral de Socias, na que revisaron e analizaron o feito o pasado ano, así como tamén programaron as actividades deste 2024.
Segundo trasladou o presidente de AELG, Cesáreo Sánchez, o escritor recoñecido como ‘O Escritor na súa Terra – Letra E‘, unha homenaxe que chega este ano á súa XXV edición, será Euloxio R. Ruibal, para dar visibilidade e recoñecemento a “toda unha vida de entrega á escritura dramática”.
A entrega do galardón ‘Letra E’, unha peza escultórica, efectuarase na capital galega a segunda semana de xuño, cando se plantará unha árbore simbólica elixida polo propio autor e colocarase un monólito conmemorativo. Para iso, a asociación conta co apoio do Concello de Compostela e do Centro Español de Dereitos Reprográficos.
Doutra banda, o recoñecido como ‘Escritor Galego Universal‘ neste 2024 será o poeta vasco Joseba Sarrionandia, escritor con obra traducida ao galego e que tamén traduce obras do galego ao vasco.
Ademais, a próxima semana a AELG participará en Soria na Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores de todo o Estado español, onde demandarán á Administración “determinadas cuestións que nos corresponden”, como a compatibilización das pensións co cobro de dereitos de autoría.
De igual maneira, a asociación continuará facendo os seus roteiros literarios por distintas cidades galegas, así como a súa gala de premios ‘Mestres da memoria’, que levará a cabo en Lugo, xornadas sobre literatura dramática no outono, e un congreso das novas voces narrativas.
Así mesmo, Cesáreo Sánchez recalcou a implicación de AELG coa dedicación do Día das Letras Galegas a Luísa Villalta, por formar a escritora parte da directiva da asociación. Deste xeito, farán talleres literarios dedicados á vida e obra da escritora, que decorrerán en centros educativos de toda a Galiza.
Tamén quixo destacar a preparación, xunto a editoras e librarías, dos Premios Follas Novas, que se entregarán unha semana antes do Día das Letras Galegas (17 de maio).
Por último, nesta asemblea anual os e as participantes debateron sobre as boas prácticas nos premios literarios, para tentar atender as necesidades das persoas asociadas, á vez que traballan para que “a literatura galega siga cumprindo o papel tan importante que cumpre”.”

Crónica fotográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2024 en Compostela

Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2024 en Compostela, que tivo lugar o 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

A AELG entrega á filla de Ana Luísa Amaral o premio á Escritora Galega Universal

En xaneiro deste ano Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, fixo entrega do Premio Escritora Galega Universal 2022 a Rita Amaral Ribeiro, filla de Ana Luisa Amaral, na súa residencia en Porto.
Ana Luísa acompañáranos coa súa palabra poética na Gala dos Premios Follas Novas dese ano, dado que non puidera facelo presencialmente.
En palabras de Marta Dacosta, quen ía facer a laudatio: “Amaral era a poeta que contraria a tradición, a que reinterpretou e volveu falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contrariou e ironizou. Nos seus poemas Penélope négase a Ulises e Medea decide ficar no palacio. Lemos os seus poemas como espellos en que a palabra ocupa o lugar exacto, transparente, simbólico, traslada sentimentos, constrúe un mundo propio sen artificios innecesarios. Espida, densa, directa.”

Crónica videográfica da XVI Xornada de Literatura de Tradición Oral 2023 (1)

A XVI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Das regueifas ás músicas actuais, unha travesía polos mares da canción, unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, tivo lugar o 28 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Aquí pode verse a crónica videográfica, da que publicamos hoxe o vídeo da inauguración da Xornada:

Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2024

O acto central do Día de Rosalía de Castro terá lugar o sábado 24 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela.

Este é o programa previsto:

Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias

Lectura do Manifesto da AELG, por Carlos Callón

Lectura de poemas rosalianos
– Francisco Tobar Cereijo (A. C. Solfa)
– Celsa Astray (Asociación do Traxe Galego)
Henrique Alvarellos (Asociación Galega de Editoras)
– Patricia Porto Paderne (Federación de Librarías de Galicia)
– Luís Pérez (Alcaldía de Ribeira)
– María Lago Lestón (Alcaldía de Muros)
Suso de Toro (escritor)
Paula Carballeira (escritora)
Beatriz Maceda Abeleira (AELG)

Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

Ofrenda floral

Interpretación do himno