Alberto Gómez Aneiros gaña o XIII Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

O xurado do XIII Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, integrado por Xulio López, Pedro García Vidal, Antonio Piñeiro e Xavier Castro, decidiu, por unanimidade, conceder o premio a Alberto Gómez Aneiros, polo seu texto O tesouro d’o dourado.

Xosé Antonio López Teixeira gaña o Premio de Investigación de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2013

Desde Fervenzas Literarias:
“A Casa da Cultura do concello de Porto do Son acolleu o acto do fallo do Premio de Investigación de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2013, que organizan conxuntamente a editorial Toxosoutos e os Concellos de Carnota, Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son dende o ano 2001.
O xurado do premio, formado por Henrique Monteagudo, Clodio González Pérez, Xerardo Agrafoxo, Ana Isabel Boullón, Pedro García Vidal e Olga Novo, decidiu por maioría entregar o premio á obra presentada baixo o lema Códice Calixtino, de Xosé Antonio López Teixeira. A obra gañadora deita unha ollada na historia de Galicia baseada nos documentos e afastada da visión habitual da historiografía española asentada por Menéndez Pidal. Salientan o coñecemento e a crítica da bibliografía existente e mais a exposición argumentada e documentada dunha tese que refuta o lugar común de considerar a Xelmírez como o principal axente político do sei tempo, para outorgarlle este papel a Pedro Froilaz, o conde de Traba, como cabezaleiro dunha clase aristocrática que tivo un maior protagonismo no desenvolvemento do reino de Galicia do que é adoito outorgarlle. (…)”

Noia: curso de formación do profesorado sobre Roberto Vidal Bolaño, do 3 ao 7 de xuño

Do luns 3 ao venres 7 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos de Noia, terá lugar un curso de formación do profesorado sobre Roberto Vidal Bolaño.
Ten solicitada a homologación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e outorgará un diploma (de 10 horas). Máis información na Casa da Cultura “Antón Avilés de Taramancos” (teléfonos 981824169 e 699301481). As inscricións poden efectuarse enviando un correo electrónico a concha.allut@gmail.com.
O programa, que se pode descargar aquí: Roberto Vidal Bolaño. Un home de teatro, é o seguinte:

Luns 3
20:00 h. Inauguración. Lectura Dramatizada. Roberto Vidal Bolaño: a súa vida, por Xosé Manuel Fernández Castro (biógrafo).
Martes 4
20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: autor. Mesa redonda: Manuel Lourenzo (autor) e Xulio Lago (director).
Mércores 5
20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: director e actor. Mesa redonda: Laura Ponte (actriz), María Barcala (actriz) e Rubén Ruibal (actor e autor).
Xoves 6
20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: no audiovisual. Roi Vidal (autor e biógrafo).
Venres 7
20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: as postas en escena. Camilo Franco (crítico teatral).
Clausura.