Entrevista de Armando Requeixo a Luís González Tosar no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Luís González Tosar (LGT): Fáltalle sexo. Blanco-Amor foi o primeiro, como el dicía, que recolleu na súa escrita que as mulleres tiñan seos e os homes falos. Isto, aínda que semelle unha boutade, é un feito contrastable, que fala da esmagadora influencia de xeracións e autores moi pacatos. A literatura galega segue a ser cousa de señoritos, comedidiños e apañadiños, nada escandalosos. Agora é cando empeza a haber xente nova libre de complexos e desinhibida.
Para min, ás letras, en xeral, nunca lles sobra nada. Pero unha cousa é chegar a facer literatura e outra moi distinta quedarse na escritura. Hai moito escribidor, moita ansia de triunfar, o que é lícito, pero o talento… (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– LGT: Andamos como sempre: imos cos tempos. Agora un pouco máis adiantados, porque a xente está mellor formada, fala e le noutras linguas, viaxa máis e as novas tecnoloxías póñennos ao día. Antes iamos a remolque, aquí todo chegaba tarde. Iso cambiou. O que me entusiasma, o que anima enormemente son as singularidades. Igual que tivemos, e seguimos tendo, unha pléiade de escritores galegos e de orixe galega que engrandeceron as letras iberoamericanas (Lino Novás Calvo, Paco Luis Bernárdez, González Carvalho, Juana de Ibarborou, Nélida Piñón, César Aira, Claudia Piñeiro…) distínguennos unhas individualidades que xa son literarias de seu, como, por poñer un só exemplo, Elías Portela, poeta en galego, políglota e un dos mellores escritores islandeses, moi coñecido alí como Elias Knörr. Quen llo dera a outros que levan gastado moitísimos cartos na proxección exterior. (…)”
Arquivos da etiqueta: Criticalia
Tabela dos Libros de decembro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como todos os primeiros de mes, velaquí está a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.»
Parlamento das Letras: Juan Tallón
Entrevista de Armando Requeixo a Juan Tallón no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
– Juan Tallón (JT): No eido formal, quizais a procura dunha ollada filosófica, posiblemente o humor, como engraxamento, e se cadra o uso da propia literatura como material narrativo. Como ve, non teño nada seguro. E no eido temático, o tratamento do fracaso persoal. O desexable sería romper coa normalidade e procurar de vez en cando xiros de 180 graos, para eliminar a seguridade nun mesmo e buscar novas metas capaces de facerte fracasar, pero ao mesmo tempo motivarte. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– JT: Os riscos sempre son positivos e talvez tomamos poucos.
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– JT: Digamos que agardo que o futuro chegue pronto e que nel a nosa literatura viaxe moito.”
Radiocrítica do 17-11-2014, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 17 de novembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo (I, 0:30); Fulguración e silencio, de Xavier Rodríguez Barrio (4:22), Álvaro Cunqueiro o los disfraces de la melancolía, de Anxo Tarrío (9:04) e Os amigos de Santi, de Araceli Gonda e Xosé Tomás (13:02).“
Leiras Pulpeiro, sempre na memoria, por Armando Requeixo
Reportaxe de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Escribo estas liñas en rematando o día do aniversario do pasamento de Manuel Leiras Pulpeiro, ao que honramos en Mondoñedo nunha xornada memorable con diversos actos que lembraron a súa figura e confirmaron, máis unha vez, a vixencia non só literaria, senón humana e cívica de quen foi republicano, federalista, laicista, filántropo e decido defensor da lingua nosa, das tradicións etnográficas propias, da idiosincrasia antropolóxica que máis xenuinamente nos caracteriza.
Pola mañá, ás 12:00 h., o Salón Nobre do Concello de Mondoñedo acolleu a presentación dun volume colectivo de interese para o coñecemento e análise da obra do persoeiro mindoniense: Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). O poeta e o cidadán ao cabo dun século. O libro, que coordinaron Xe Freyre e Abel Vigo García e editou o Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo coa supervisión de Xoán Ramiro Cuba, reúne unha parte substantiva das conferencias e relatorios do congreso leirasiano que, por mor do cumprimento do centenario do autor, tivo lugar en Mondoñedo nos primeiros de novembro de hai dous anos.
Así pois, neste volume poden lerse traballos de Xe Freyre, Andrés García Doural, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán, Isabel Morán, Camiño Noia, Antonio Reigosa, Ramón Reimunde, Armando Requeixo, Alicia Tella-Villamarín e Xosé Ramón Veiga, textos e achegas que convidaron a coñecer no acto de presentación o propio Freyre, amais de Reimunde e Meilán, todos tres con alocucións complementarias, pois á acuidade na síntese de contidos do coordinador seguiu a reivindicación leirasiana do seu editor e aínda o discurso emotivo, vibrante e entregue de quen se criou na casa do poeta. (…)”
Ars dedicandi: Manuel Leiras Pulpeiro
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) Agora que andamos a cruzar a data do seu pasamento, deixo aquí a dedicatoria que Leiras Pulpeiro fixo da edición dos célebres Cantares gallegos (1911) ao seu compañeiro de angueiras profesionais, un documento centenario que se mantiña inédito ata o de agora co que Criticalia quere homenaxear a quen, sen dúbida ningunha, ‘amou a Verdade e practicou o Ben’, como nos lembra a súa campa.”
Tabela dos Libros de novembro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, velaquí está a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.»
Ars dedicandi: Francisco Luis Bernárdez
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O escritor porteño-galego Francisco Luis Bernárdez (Buenos Aires, 1900-1978) tivo dende novo unha querenza polo noso que o levou a escribir poemas e artigos en galego que alternou coa escrita en castelán. Nesta última lingua chegou a ser unha das figuras cimeiras da literatura arxentina, o que non o privou de se converter nunha voz de interese certo nas nosas letras do tempo das Irmandades e a República, mesmo na de despois, pois tamén na Posguerra contactou co grupo Galaxia e deixou escritos de tema galego en diversos libros. (…)
Velaquí deixo o testemuño dese afecto cruzado na dedicatoria do exemplar de Alcándara (1925), publicado en Buenos Aires e asinado para o ‘hirmán’ Blanco-Amor, coa inequívoca cruz de Santiago ao pé, símbolo dunha galeguidade compartida da que nunca abdicou.”
Eduard Velasco gaña o III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro
Desde Crónica 3 (tamén se pode consultar este artigo de Armando Requeixo en Criticalia):
“Eduard Velasco, natural de Barcelona e residente en Santiago, álzase como gañador da III edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo.
O traballo presentado pola gañador que obterá un premio de 1.500 €, placa e diploma, leva por título Mentres o tacto. O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra titulada Marchamos, da que é autor Gonzalo Hermo González, de Rianxo. José Antonio Grela Martínez, acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra Renovatio. José Antonio Grela é de Santiago de Compostela.
A entrega do premio terá lugar o vindeiro sábado, 8 de novembro segundo o seguinte programa:
– 12:00 horas; Recepción oficial na Casa do Concello.
– 12:15 horas; Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
– 12:45 horas; Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”
Segundo informa Armando Requeixo, o xurado estivo formado por Áurea Fernández, Xosé María Felpeto Enríquez e mais el, coordinados polo técnico de cultura do Concello, Gil Ares.
Manuel Leiras Pulpeiro no seu 160 aniversario, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O sábado 25 de outubro, hai exactamente 160 anos, nacía na cidade de Mondoñedo Manuel Leiras Pulpeiro. (…) Neste día tan sinalado préstame recuperar un seu texto que tomo prestado do apéndice gráfico de Ben pode Mondoñedo desde agora. A eséncia popular na obra e na língua de Manuel Leiras Pulpeiro (1998) do estudoso Ramón Reimunde Norenha. Nunca ata hoxe fora transcrito, pois alí foi só reproducido fotograficamente. (…)
¿Quenes á Dios poñen chatas?
As beatas.
¿Quenes teñen sempre achegos?
Os cregos.
¿Quenes máis soñan co-herdades?
Os frades.
Pois, si ll’os cas non isades,
Xa que faguer así solen,
Mercedes que vos amolen
Beatas, cregos e frades.”