Eduardo Estévez: “Poemas como filmes”

Entrevista de Daniel Salgado a Eduardo Estévez en Sermos Galiza:
“Unha persoa sentada na cociña. Penumbra. Despois, a mesma persoa nun deserto. Está calmada, pero o seu rostro axítase lenemente. A imaxe regresa á cociña. Parece unha secuencia dun filme pero é o núcleo argumental dun poema. En concreto, dun poema do último libro de Eduardo Estévez, [sen-fin] (Positivas, 2019).
“a escena comeza / cun cadáver / boca abaixo no centro da rúa”, principia a obra, “non pasan coches / nin xente / a esta hora da mañá / os domingos”. Sen maiúsculas, sen voz alta, como un cinematógrafo que enmarca a realidade, atento aos detalles, con significadísimos fóra de campo e sobriedade metafórica, a orixe de [sen-fin] confirma a súa aparencia fílmica.
“O libro escribino antes dos dous últimos que publiquei, de baleas (2017) e nós-dentro (2018). Acabara o proceso de Entrar na casa [en colaboración co fotógrafo Nachok], que fora moi negociado, e apetecíame escribir ao meu aire”, conta Estévez (Bos Aires, 1969) a Sermos Galiza. Era 2013. Decidiu daquela recuperar bosquexos dun caderno de notas en que, tempo atrás, recollera ideas para videopoemas.
A situación resultáballe rara. El sempre preferiu escribir no computador ou no móbil. E aqueles prototipos de guión que quedaran en nada convertíanse agora en poemas, inzados de cortes, secuencias e fundidos. “o movemento das pólas / detrás das cortinas / translúcidas / fai xogos de luz / no papel da parede”, di cuarto de hotel, “comezan a oírse voces / nun cuarto contiguo // discuten // a cámara permanece fixa”.
A soidade da vida moderna e o absurdo apenas entornado do cotián. A poética dos obxectos e as trampas da memoria. A ollada espida sobre a cidade e personaxes como de cadro de Hopper. Esa luz que redefine as cousas a cada paso. [sen-fin] é ademais un álbum de fotos, postais lacónicas pero narrativas, a non tanta distancia doutros traballos de Estévez. (…)”

Cesáreo Sánchez Iglesias: “Sinto que o recoñecemento da Universidade do Ceará é á miña xeración”

Entrevista de Daniel Salgado a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“O poeta que publicou hai 41 anos Silencios e conversas de inverno -primeiro elo dunha longa cadea de títulos-, activista cultural e social, figura inevitábel da literatura contemporánea, recibe a vindeira semana a medalla de mérito artístico Alberto Nepomuceno da Universidade Estadual do Ceará do Brasil. “Sinto que é un recoñecemento á miña xeración”, di Cesáreo Sánchez Iglesias a Sermos Galiza, “e acéptoo con todo o pudor e toda a sincera humildade”.
A distinción serviulle a Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951), presidente da Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG), para botar a vista atrás e repasar a súa vida. “Hai ademais 45 anos que me organicei, con outras galegas e galegos, para dotar o país de plataformas culturais”, relata, “ou sindicais, como o Sindicato Galego de Traballadores da Administración Pública, logo integrado na CIG”. O seu nome aparece igualmente en iniciativas de prensa en galego -presidiu durante dúas décadas o Consello de Administración de A Nosa Terra- e mesmo no movemento veciñal.
“A miña biografía como activista non é más que a continuación daquilo que a ditadura interrompera, enlazando con persoas exiliadas e represaliadas polo franquismo”, indica. O feito de que o galardón veña da outra beira do Atlántico, en concreto do Nordeste brasileiro, é motivo engadido da súa satisfacción. “Alí vemos esoutra galla do noso idioma actuando”, opina, “é unha suma de gratas sensacións”.
O xurado da medalla Alberto Nepomuceno -o pai do nacionalismo na música académica do Brasil- salientou o seu traballo “a prol da cultura, das letras e das artes galegas”. Mais tamén o poeta, nome indiscutíbel da promoción dos 80, cuxa obra foi evoluíndo dun intimismo esencial e simbolista a libros marcados pola idea e a práctica da viaxe: O rumor do distante (2001), Caderno do Nilo (2013) ou As bolboretas do Mekong (2018).
Sobre a súa escrita e a poesía galega actual disertará na Universidade do Ceará dentro do programa cultural e académico “en conmemoración do Día das Letras Galegas” que decorrerá entre o 20 e o 24 de maio. Sánchez Iglesias presentará ademais a versión en portugués do Brasil de Caderno do Nilo, lerá textos de As bolboretas do Mekong e falará sobre literatura de tradición oral galega na Academia das Letras do Ceará.
“O premio serviume para facer balanzo”, insiste, antes de concluír: “Sempre tiven presente, e visitar o cuarto do Centro Galego de Bos Aires onde morreu Castelao lembroumo, aquilo que di o Sempre en Galiza: ‘Nunca nos derrotaron a esperanza’. Ese é o elemento vertebrador da miña xeración”. Ao pouco tempo, o poeta envía por whatsapp unha nova conclusión. Desta volta cita Nepomuceno: “Não tem pátria um povo que não canta no seu idioma”.”

Camilo Nogueira: “Galiza demostra até que punto o Estado está construído de forma imperfecta”

Entrevista de Daniel Salgado a Camilo Nogueira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): E que o conduciu a un traballo da envergadura de Unha nación no mundo?
– Camilo Nogueira (CN): [Manuel] Bragado [anterior director de Xerais] sabe moi ben como foi este proceso. Houbo un intre en que me lancei a facer unha historia de Galiza, a Idade Media e o tempo contemporáneo. Fixen a primeira parte [A memoria da nación I. O reino de Gallaecia (Xerais, 2001)] e está o libro por aí. Despois metinme co outro e tardou moito tempo. Polo medio escribín catro ou cinco libros máis, que tiñan a ver co que facer. Unha nación no mundo empezou antes e despois foi adiado e posibelmente enriquecido. Pero a idea viña de antes. O fío condutor tíñao moi claro: reverter a negación de Galiza por parte de Castela. A chamada Castela responde en gran medida á negación de Galiza. Sen Galiza non se entende para nada o Estado español. E con Galiza demostras até que punto o Estado español está construído de forma imperfecta. Porque non podes construír un Estado democrático negando realidades evidentes, como o feito de que se falan catro linguas e non unha.
– SG: Detectaba a necesidade de escribir a historia de Galiza desde esa perspectiva?
– CN: Si, si. Pero non contra os galeguistas, que teñen unha certa presenza no libro, moi importante. O que era Galiza e o que eu pensaba modestamente xa está desde o principio. Por exemplo, que pasou coa nobreza galega? Ou coa Igrexa galega. Os Reis Católicos nun momento determinado desprazaron a nobreza galega, que conservou as súas propiedades pero non puido gobernar Galiza. Mais sen o traballo da nobreza galega aquí e no mundo non se entende nada. A Casa de Alba, por exemplo, é a suma dos Monterrei e dos Castro. (…)”

Olga Novo: “Hai persoas que realizan actos de poesía aínda que despois non escriban un só poema”

Entrevista de Daniel Salgado a Olga Novo en Sermos Galiza:
“A Feliz Idade (Kalandraka, 2019) da poeta Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) é a da creación. A da creación humana e a da creación poética. Salmo vitalista e pregaria pola liberdade, composicións que cantan á materia e cantan á memoria, salutación aos outros, funde poesía e amor. “como o útero me medra / ata alcanzar a dimensión exacta / da poesía”, escribe en Premontaña. “Que toda herdanza sexa a do amor e non a propiedade”, afirma na Carta limiar que endereza á filla acabada de nacer. Novo explica a Sermos Galiza o contexto e as forzas que operan no seu quinto libro de poemas. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario en papel.
– Sermos Galiza (SG): É difícil preguntar sobre unha poesía tan afirmativa como a súa.
– Olga Novo (ON): Desde logo, é unha poesía afirmativa, porque é a poesía dunha muller autoafirmada. Eu escribo como vivo, dalgunha maneira. Ás veces pregúntanme polos proxectos que teño en marcha e nunca sei que contestar. Porque a poesía, a escrita en xeral, vai nacendo ao mesmo tempo que as experiencias vitais. A poesía xorde na vida. Non teño un proxecto teórico formado, senón que hai creación espontánea. É o sentido dun trallazo, unha concepción un tanto romántica da creación.
– SG: O “fogonazo” que titula a primeira sección do libro.
– ON: Exactamente. Ese fogonazo é en realidade a irrupción da vida, a concepción dun ser e polo tanto un embarazo. E, no fondo, é tamén o fogonazo da propia creación literaria. De feito ao longo de todo o libro dáse esa identificación entre esas dúas creacións. Ao final, non deixan de ser dúas creacións vitais. Ambas as dúas están moi conectadas, son experiencias do propio corpo, da existencia. (…)”

A poesía de Manuel Rivas, Lupe Gómez ou María do Cebreiro, traducida ao inglés

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A poesía galega avanza na súa difusión internacional. Libros de María do Cebreiro, Manuel Rivas, Lupe Gómez e Yolanda Castaño verán luz en inglés nos vindeiros meses.
Camuflaxe (Chan da Pólvora, 2017) foi a reaparición de Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) logo de seis anos sen publicar. Novo estadio na súa contundente e singular obra poética, obtivo gran recoñecemento das lectoras e da crítica. Non por acaso recibiu o premio da Asociación Galega da Crítica 2018. A canadiana Erín Moure encargouse da tradución inglesa e o volume inaugurará o selo estadounidense Circumference Books, centrado na tradución de poesía.
Shearsman Books, con sede en Bristol, é unha das principais editoriais do xénero en Gran Bretaña. Este ano publicará tres poetas galegas. O deserto (Apiario, 2015), de María do Cebreiro (Compostela, 1976) e no seu día premio da Crítica, e A segunda lingua (Pen Clube, 2014, premio Abanca), de Yolanda Castaño (Compostela, 1977), terán versión do tradutor e poeta irlandés Keith Payne.
A Manuel Rivas (A Coruña, 1957) tamén o traducirá unha irlandesa, a poeta Lorna Shaugnessy que xa se ocupara de facelo con A desaparición da neve (Alfaguara, 2009). Desta volta será A boca da terra (Xerais, 2015).
Non só a poesía viaxará máis alá do campo literario galego. A editorial Small Stations, dirixida por Jonathan Dunne e Tsevetanka Elenkova, anuncia a publicación, ao longo do que queda de 2019, de cinco títulos, segundo informa o portal Galician Literature da Dorección Xeral de Políticas Culturais da Xunta.
Serán de Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) –Tristes armas (Xerais, 1994)-, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) –A Cabeza de Medusa (Galaxia, 2008)-, Elena Gallego (Teruel, 1969) –Dragal IV: A estirpe do dragón (Xerais, 2015)-, Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1955) –Pensa nao (Xerais, 1999) e Paco Martín (Lugo, 1940) –Das cousas de Ramón Lamote (SM, 1985).”

“Perdeuse unha montaña de diñeiro público no libro e parece que non houbo responsábeis”

Desde Sermos Galiza:
“A historia comeza en 1969, nun local de 23 metros cadrados na rúa San Pedro de Compostela, en pleno Camiño de Santiago. Centrada no material escolar, foi o punto en que Xesús Couceiro (Mesía, 1941) iniciou a súa aventura. Medio século e varias mudanzas -até o emblemático edificio da praza de Cervantes- despois, a Libraría Couceiro é un dos pulmóns do libro galego. No corazón da cidade vella da capital e a cargo dos seus fillos María e Pablo, este e mais Xesús explican o pasado, o presente e o futuro do comercio. Eis un extracto da entrevista publicada no número 340 de Sermos Galiza. (…)
– Sermos Galiza (SG): E como comezou?
– Xesús Couceiro (XC): Eu non tiña diñeiro nin formación para montar unha libraría. Eu vivía na Coruña e viñera para Santiago vivir nunha pensión de estudantes. Alí coñecín moita xente, entre outros un crego irmán da dona da pensión, na praza do Matadoiro. Este crego tiña unha casa na rúa de San Pedro. E un día díxome: “Oíches, ti que andas por aí buscando un local, eu teño un na rúa de San Pedro. Mírao. Se che vale, eu quero 1.500 pesetas ao mes. Pero ti non te preocupes, que eu non necesito os cartos, xa mos pagarás cando os gañes”. Fun ver o local e quedei con el.
– SG: Eis os inicios de Couceiro.
– XC: Así empezou o mundo da libraría, para min totalmente descoñecido. Pero tiña unha vantaxe. Eu era un executivo, e as librarías que había naquel momento estaban adurmiñadas, os libros nas vitrinas, o libreiro agardaba que o cliente lle fose preguntar… O primeiro que fixen foi visitar todos os centros de ensino e conseguín bastante volume de vendas en libros escolares. Un pouco máis tarde, en 1971, cambiou a lei de educación, e os libros base pasaron de 70 pesetas a 800. Foi unha inxección forte para o mundo do libro. Traballei tamén o mundo da papelería. O local era de 23 metros nun barrio de Santiago e non daba para moito, daquela eu facía máis labor fóra que dentro do local. En 1975 mudámonos á rúa República do Salvador e especializámonos en libro galego.
– SG: Como foi ese proceso de especialización?
– XC: Son cousas que se lle ocorren a un e pode atinar ou non. Neste caso atinamos plenamente. Empezábase a publicar máis libro galego. Despois complementámolo cunha sección de libro portugués, porque empezou a carreira de filoloxía galego-portuguesa. Abandonamos a papelería e o libro escolar.”

Callón inscribe a perda no seu segundo libro de poemas

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
““Como inscribir o que non está, como inscribir o que falta, como rexistrar a perda”, explica Carlos Callón (Ribeira, 1978) a Sermos Galiza os propósitos da súa obra. Lapidaria, cruzada pola morte e ao tempo con ángulos de humor, heteroxénea e cun tramo final desbordado escrito á morte da nai –As mans titúlase a sección-, Inscricións busca “o gume” onde se atopa o descoñecido. (…)
“Un amigo portugués [o poeta reside en Lisboa, onde é docente de xeografía e historia] dime que como é posíbel que eu, que sempre sorrío, escriba sobre a morte e a destrución”, relata. Nalgúns recitais previos á saída de Inscricións había quen remataba chorando. “Hai dores que se tocan”, entende, “e ás veces a poesía consegue que o entendamos ben”.
Esa experiencia tamén serviu ao autor para reflexionar sobre as mudanzas nas formas de chorar e “as dificultades de facelo en público”. A poesía de Callón, dalgún xeito intimista e, segundo el mesmo define, con parte confesional -“que non é o mesmo que biográfica”- indaga no eu. E sérvese sen complexos de conceptos psicanalíticos, ás veces trasladados ao verso sen apenas mediación. “A primeira vez que lin Jacques Lacan”, conta, “pensei que era un falabarato. Logo ves as prácticas clínicas e, vaia, mudas de opinión. Agora leo páxinas del que me producen a mesma sensación que un bo poema. Parece que falan de min”. Atravesar o fantasma, por caso, é Lacan.
Con preferencia pola composición breve, Callón deixa espazo ás incertezas do xénero. “Hai algo que impón a forma”, di. Non é doado identificar o que. En todo caso, Inscricións é síntese de tempos diferentes e diferentes proxectos de libro. “Preciso estar seguro para publicar poesía”, degraña, “talvez por iso fun un poeta que publicou de xeito relativamente serodio”. (…)”

Compostela: II Festival de poesía para Corpo Principal, Alguén que respira!

Monterroso: IV Feira do Disco e Libro Galego

11:00 h. Obradoiro gastroliterario Cociñando con Bolboretas no bandullo, (para nen@s de 5 a 12 anos con reserva previa). Reservas e info 630 65 04 19 / 699 69 14 47
11:00 h. Presentación de Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez, publicado por Galaxia. Acompañan ao autor Manrique Fernández e Francisco Castro.
11:30 h. Presentación de A gotiña viaxeira, de Toño Núñez, publicado por Edicións Fervenza.
12:00 h. Presentación de Monstros, con ou sen consentimento, de Chuches Amil. Con Fran Amil. Concerto para nen@s.
12:50 h. Presentación de Chámame señora, pero trátame coma un señor, de Inma López Silva, publicado por Galaxia.
16:10 h. Presentación da Colección Cámara Escura, con Eutropio Rodríguez (aCentral Folque).
16:30 h. Contacontos + actividade: A manchas ou a raias, con Estefanía Padullés.
16:45 h. Presentación de Cairón nº 3. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns. Con Xesús Alonso Montero, Daniel Salgado e Francisco Pardo.
18:20 h. Presentación de O puño e a letra, con Yolanda Castaño, publicado por Xerais.
20:00 h. Presentación de Memoria do silencio, de Eva Mejuto, publicado por Xerais.