Nova Polafía en Monte Alto, A Coruña, o sábado 26 de novembro

O sábado 26 de novembro, ás 19:30 horas, no Club do Mar de Santo Amaro (Monte Alto, A Coruña) a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza unha nova edición das Polafías:

Monte Alto, Monte Alto,
porque aquí a alma ten forma de barco

O pregón de Monte Alto, Manuel Rivas e Os Diplomáticos de Monte Alto.

Contos, cantos e historias do mar da Coruña, coa participación de Emilio Mariñas (sabio percebeiro) Serafín Mourelle (patrón do Gran Sol), Luís Dopico (patrón de baixura), Xurxo Souto, Moncho do Orzán, Manuel Lugrís, Isidro Novo, Comparsa Monte Alto a 100, coro Cántigas da Terra, e aínda máis amigas e amigos co seu saber contar e cantar. Tamén terá lugar a proxección do vídeo A recuperación microtoponímica da Peninsula da Torre, elaborado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A entrada será de balde. Colaboran: o Club do Mar de Santo Amaro, a Asociación de Veciños Barrio de Monte Alto, Cántigas da Terra e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Patrocina a Deputación da Coruña.

Titoán, de Iván Suárez e Ignacio Vilariño obtén o VII Premio de banda deseñada Castelao

O cómic Titoán, do debuxante compostelán Iván Suárez e o guionista de Lalín Ignacio Vilariño, é a obra gañadora da VII edición do Premio de banda deseñada Castelao, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora. Miguelanxo Prado apuntou que todos os libros de banda deseñada que gañaron o Castelao foron editados tamén en castelán e están a ter unha boa acollida por parte do público, pois son obras “que chegan máis alá do mercado local e deféndense por si soas con dignidade”. Segundo explicou Miguelanxo Prado, Titoán é “unha achega adulta a un personaxe histórico como Castelao, a través dunha narrativa medida e axustada, sen parafernalia efectista”, e cunha solución gráfica “atractiva, coherente e eficaz, que funciona á perfección ao servizo que está a contar”. “Non é doado facer unha obra sobre Castelao sen caer no didactismo ou na cita enciclopédica”, afirmou Miguelanxo Prado, que subliñou tamén “a metalectura do texto, a historia que se conta nun segundo plano da obra, como Castelao constrúe unha historia e vai atopando personaxes e situación”, todo iso cunha “estrutura arriscada” na que o humor se mestura con momentos de grande intensidade poética.
A obra foi seleccionada por unanimidade, pois “ten un plus a nivel gráfico e de guión, cuxa orixinalidade e plantexamento vai alén dos estándares habituais”. O xurado decidiu tamén seleccionar como finalista a obra Salpock, o val dos cegos, de Álvaro López Santos e Luis Sendón, que é “unha fantasía heroica, unha utopía e unha ucronía en clave de aventura” (Galicia Hoxe). Tamén foi recollido en Culturagalega, Xornal, Galiciaé.

Manuel Guede gaña o Premio Rafael Dieste de teatro con A función do tequila

“Intriga, unha historia do galeguismo e tramas da CIA entreveranse en A función do tequila, a obra coa que Manuel Guede gañou onte o Premio Rafael Dieste de teatro, convocado pola Deputación da Coruña. Guede, que na súa ultima achega dramática perfilara o personaxe de La bella Otero, regresa aos intestinos do século XX para pescudar na peripecia vital da muller que a CIA lle puxo de secretaria a Castelao na súa visita a Nova York en 1938, cando o autor de Sempre en Galiza trataba de lograr apoio económico para a II República. Ela era daquela unha rapaza e chamábase María Docampo. Porén, ao tirar do fío descobre unha figura fascinante: o seu marido, José García Peña Jalisco, personaxe que xa trataran Fernando Salgado e Daniel Cortezón, pero que Guede converte agora no eixe dunha trama callada de realidade e ficción. O que fora director do Centro Dramático Galego (CDG) durante catorce anos estaba onte encantado “de entrar no selecto club dos que gañamos o Dieste e o Cunqueiro de teatro, como Roberto Vidal Bolaño” e tamén estaba satisfeito de que o xurado valorase un texto que fai dramaturxia a partir dunha investigación histórica. A obra, subliñou o xurado, está “baseada en feitos reais e ben documentada, desvela que Castelao e Luis Soto foron espiados pola CIA e propón un interesante xogo entre pasado e presente, entre realidade e recordos, e entre personaxes que varían a súa identidade, que ten a capacidade de enganchar ao espectador”. Guede, pola súa banda, recoñece que traballou moito, en especial a través dunha documentación que lle amosou a estremecedora relación de Docampo con Jalisco: nos anos corenta, ela ven a Galicia “fuxindo de non sabemos que” e “a finais desa década foi cruelmente asasinada polo seu marido xunto coa súa irmá e a súa nai” nunha aldea de Sada. Para Guede -“ou para Méndez Ferrín e Isaac Díaz Pardo”, puntualiza- tratouse dun crime político: un encargo da CIA para facer desaparecer a que fora a súa espía.” Vía Galicia Hoxe. A nova tamén se recolle na páxina da Deputación, e en Xornal, La Voz de Galicia, Galiciaé.

Boiro: Á luz das palabras, encontro entre Xosé Luís Méndez Ferrín e Juan José Moralejo Álvarez

O sábado 26 de marzo, ás 12:00 h., na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro, terá lugar un encontro intelectual entre Xosé Luís Méndez Ferrín, escritor e presidente da Real Academia Galega, e Juan José Moralejo Álvarez, profesor e catedrático de grego na Universidade de Santiago, baixo o título Á luz das palabras, con este guión:
1. O mundo clásico na poesía de Ferrín.
2. Gallaecia e as súas etimoloxías.
O acto está organizado pola Asociación Cultural Barbantia, a Deputación da Coruña e o Concello de Boiro.

Calo (Teo): presentación de Rianxo na súa historia. Consecuencias da Guerra Civil (1936-1939)

O sábado 26 de marzo, ás 20:30 h., nos locais da escola da Igrexa de Calo, rehabilitada para actividades culturais, preséntase o libro Rianxo na súa historia. Consecuencias da Guerra Civil (1936-1939), de Xesús Santos e Xosé Comoxo, editado pola Deputación da Coruña.

Cerqueda, Malpica: nova edición das Polafías

O domingo 13 de marzo, a partir das 17:00 h., no Complexo-Restaurante Aldeola, en Cerqueda (Malpica), con entrada libre, nova edición das Polafías: a Asociación de Escritores en Lingua Galega aproveitará para realizar unhas gravacións da tradición da literatura oral e da música tradicional da parroquia de Cerqueda. Gravaranse romances de cego, coplas, comparsas, regueifas, contos, lendas así como o repertorio de catro xeracións de pandereteiras da parroquia. Esta actividade está coorganizada coa Asociación de Veciños Monte d’Arxa (AVMD) e a Asociación Cultural Raigañas (ACR), co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e o Complexo-Restaurante Aldeola. Crónica posterior en Galicia Confidencial.

Muxía: Acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente

O sábado 29 de xaneiro, ás 11:30 h., no salón de plenos do Concello de Muxía, terá lugar o acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente, que nace co fin de poñer en valor a obra e a figura do escritor Gonzalo López Abente (Muxía 1878-1963), e con vocación de ser un foco de irradiación de actividade cultural para toda a Costa da Morte. Farán a presentación Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, e X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente. Logo farase a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado: Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Galicia, tras o que o poeta e escritor Miro Villar, membro da Comisión Executiva da Fundación, fará o laudatorio de López Abente. A continuación os asistentes trasladaranse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral -a cargo dos familiares- diante da tumba do poeta nun acto presentado por Xesús Sambade, membro da Comisión Executiva da Fundación, e lectura de poemas de López Abente por: X. H. Rivadulla Corcón, Miro Villar, Luís González Tosar (presidente do PEN Clube de Galicia), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG) e Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG). Os actos continuarán coa visita á sede da Fundación (Casa das Beiras) onde será interpretado pola Coral Virxe da Barca o himno á Virxe da Barca (obra de López Abente) por primeira vez en galego, xa que nos anos 50 prohibíuselle escribilo en galego, e agora como acto de xustiza fíxose a tradución, rematándose cun ágape de confraternización para os asistentes. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Convocado o XXIII Premio de narrativa Torrente Ballester

“Co ánimo de contribuír a acrecentar a calidade fabuladora e creativa que caracteriza os nosos escritores, así como de homenaxear o ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, a Deputación Provincial da Coruña convoca o XXIII Premio de narrativa Torrente Ballester, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira.- Poderán optar ao premio todas aquelas persoas, calquera que sexa a súa nacionalidade, que non obtivesen o premio nas cinco edicións anteriores a esta, e que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade, escritas en castelán ou en galego.
Segunda.- Outorgarase un premio único e indivisible dotado con 25.000 euros, estando suxeita esta cantidade ás retencións legais que lle sexan de aplicación. A Deputación publicará a obra premiada, directamente ou a través doutra editorial, reservándose durante dezaoito meses os dereitos de edición da mesma.
Terceira.- As obras serán de tema e extensión libres, podendo presentarse novelas, relatos e conxuntos de relatos. As obras presentaranse preferentemente en formato dixital: CD que incluirá na carátula: XXIII Premio de narrativa Torrente Ballester, título da obra e lema ou pseudónimo; o tratamento de texto será Word ou OpenOffice. No caso de optar pola presentación en papel, os orixinais enviaranse por duplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A 4, tamaño de letra 10, espazo 1 1/2, polas dúas caras, numerados, grampados ou encadernados. Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada xunto cun sobre aparte; no exterior do sobre farase constar o título da obra e o lema ou pseudónimo do seu autor; no interior incluirase unha copia do documento de identidade, enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico e, ademais, incluirase unha declaración expresa de a obra ser inédita e non ter sido premiada, até a data de presentación, en nengún outro certame ou premio.
Cuarta.- O prazo de presentación de orixinais comezará ao día seguiente ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e finalizará o 1 de xullo de 2011. Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avenida Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre: XXIII Premio de narrativa Torrente Ballester.
Quinta.- O xuri estará presidido polo presidente da Deputación e formarán parte do mesmo: un representante da familia Torrente Ballester, a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico, e seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario. O xuri será nomeado polo presidente da Deputación e actuará como secretario o da corporación ou o funcionario no que este delegar. A composición do xuri publicarase con anterioridade á súa reunión no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de se poderen interpoñer os recursos legais pertinentes.
Sexta.- Os participantes teñen a obriga de comunicaren á Deputación a concesión de calquera premio que obtiver a obra presentada, no momento en que esta situación se producir, o que dará lugar á súa exclusión deste concurso. O xuri actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Aos efectos da validez da súa constitución, será de aplicación o disposto no artigo 26.1 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O xuri non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para resolvelo. O fallo do xuri terá lugar no cuarto trimestre do ano 2011 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, así como a través dos medios de comunicación. A plica correspondente á obra que resultar finalista poderá ser aberta polo secretario do xuri coa fin de que, de o permitir o seu autor, poida darse a coñecer o seu nome.
Sétima.- Non se devolverán as obras presentadas non premiadas e a partires do día seguinte ao do fallo do xuri serán destruídas.
Octava.- A presentación das obras supón a aceptación destas bases por parte dos autores.

A Coruña, 20 de decembro de 2010.”

Convocado o XV Premio de Teatro Rafael Dieste

“Coa intención de incentivar a creatividade no ámbito do teatro, por ser unha das formas artísticas de maior incidencia social e en lembranza do xenial autor rianxeiro, a Deputación Provincial da Coruña convoca o XV Premio de teatro Rafael Dieste, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira.- Poderán optar ao premio todos os autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade, que estean escritas en lingua galega.
Segunda.- Establécese un premio único e indivisible, dotado con 6.500 euros. Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables. A Deputación publicará a obra premiada, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala e de representala, e entregaralle ao gañador trinta exemplares. A Deputación poderá contratar unha compañía teatral galega para realizar a montaxe e a representación da obra premiada, sen que isto supoña unha compensación complementaria para o autor.
Terceira.- O tema e a extensión da obra será libre, e a súa presentación será feita por quintuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A 4, tamaño de letra 10, espazo 1 ½, polas dúas caras, numerados, grampados ou encadernados. Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada achegada dun sobre aparte; no exterior do sobre figurará o título da obra e o lema ou pseudónimo do seu autor; no interior incluirase unha copia do DNI, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico e, ademais, unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data da súa presentación, en ningún outro certame ou premio.
Cuarta.- O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 15 de febreiro de 2011. Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre XV Premio de teatro Rafael Dieste.
Quinta.- O xurado estará presidido polo presidente da Deputación da Coruña e formarán parte del: a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Xuventude e Patrimonio Histórico e Artístico, catro persoas de recoñecido prestixio no ámbito teatral e un dos gañadores de anteriores edicións, que poderá ser substituído por outra persoa no caso de que, a ningún deles, lle fose posible aceptar a súa participación. O nomeamento do xurado será feito polo presidente da Deputación, e actuará como secretario o da Corporación ou o funcionario no que delegue. A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta.- Os participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. Sendo un dos obxectivos deste concurso a representación da obra premiada, valoraranse positivamente os factores que incidan na súa viabilidade escénica: número de personaxes, condicións técnicas, etc. O xurado non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para resolvelo. A decisión do xurado terá lugar no primeiro trimestre do ano 2011 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, e a través dos distintos medios de comunicación. A plica correspondente á obra que resulte finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñecer o seu nome.
Sétima.- Non se devolverán os orixinais non premiados que, a partir da decisión do xurado, serán destruídos.
Oitava.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A Coruña, 20 de decembro de 2010.”

Convocado o VII Premio de banda deseñada Castelao

“Tendo en conta, tanto por número como por calidade, o grupo de novos autores de historieta que teñen xurdido nos últimos anos en Galicia, e que compoñen un destacado colectivo que se considera o máis importante do panorama nacional, a Deputación da Coruña, sensible á significación que está a ter este sector da cultura galega, convoca o VII Premio de banda deseñada Castelao, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira.- Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non fosen premiadas nas cinco edicións anteriores, e que presenten narracións en banda deseñada escritas en lingua galega, inéditas e non premiadas en ningún outro premio o certame. As obras presentadas poderán ser escritas e debuxadas, cada unha delas, por un másimo de dous autores (un como guionista e outro como debuxante).
Segunda.- Establécese un premio único dotado con 6.500 euros, estando esta cantidade suxeita ás retencións legais que lle fosen aplicables. A Deputación publicará a obra premiada, directamente ou a través doutra editorial, mantendo o autor ou autores os dereitos para a posible edición da obra en calquera outra lingua distinta á galega. Así mesmo, cos traballos orixinais será realizada unha exposición de carácter itinerante.
Terceira.- A temática das obras será libre, podendo tratarse dunha historia única ou dun conxunto de historias. O traballo será presentado por duplicado e en exemplares separados, numerados, grampados ou encadernados, da seguinte forma:
• O libro terá que estar rematado, tanto en guión como en debuxo.
• O formato deberá ser de mancha 26 x 19 cm., ou proporcional.
• O tamaño dos orixinais: mínimo DIN-A4 e máximo DIN-A3.
No caso de que a maiores o traballo se presente en soporte dixital, deberá figurar a tamaño final (26 x 29 cm.) e en resolución de 300 ppp para color, 400 ppp para grises, ou 600 ppp para branco e negro, en soporte CD e formato TIFF.
• A extensión mínima será de 48 páxinas.
• Para a súa valoración enviaranse copias encadernadas en DIN-A4 con calidade láser.
• Os orixinais seranlle requiridos ao gañador para o proceso de edición e de preparación da exposición.
Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada achegada dun sobre aparte; no exterior do sobre figurará o título da obra e o lema ou pseudónimo do seu autor; no interior incluirase unha copia do DNI, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico e, ademais, unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data da súa presentación, en ningún outro certame ou premio. No caso de autoría conxunta, deberá incluírse un documento explícito coa participación de cadaquén e a porcentaxe do premio pactada entre os autores, e que estará asinado por ambos os dous.
Cuarta.- O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 31 de marzo de 2011. Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre VII Premio de banda deseñada Castelao.
Quinta.- O xurado estará presidido polo presidente da Deputación e formarán parte del: a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico, e tres persoas do eido da banda deseñada. O xurado será nomeado polo presidente da Deputación, actuando como secretario o da Corporación ou o funcionario no que delegue. A composición do xurado será feita pública con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta.- Os participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O xurado non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para resolvelo. A decisión do xurado terá lugar no mes de abril de 2011 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, e a través dos distintos medios de comunicación. A plica correspondente á obra que resulte finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñecer o seu nome. O xurado poderá realizar unha selección entre as obras non premiadas, para a súa inclusión nunha exposición itinerante que percorrerá os concellos da provincia, e da que se editará o correspondente catálogo. Os autores cuxas obras estean na exposición recibirán cinco exemplares do catálogo.
Sétima.- Non se devolverán as obras presentadas e non premiadas e a partir do día seguinte á concesión do xurado serán destruídas.
Oitava.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A Coruña, 20 de decembro de 2010.”