Ramón Nicolás: “Hai que preguntarse onde non estivo don Paco ao longo da vida de Galicia durante o século XX”

Entrevista a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Supoño, porque Francisco Fernández del Riego estivo en todos os grandes feitos do galeguismo do século XX.
– Ramón Nicolás (RN): Dende o mitin que deu na súa vila natal en 1931, cando tiña 18 anos, o seu compromiso foi total. Está en todo, nas Mocidades Galeguistas, no Partido Galeguista, No Seminario de Estudos Galegos, Ultreia, na Asociación de Escritores en lingua Galega, estivo como representante galeguista no Estatuto de Autonomía. Foi colaborador en A Nosa Terra, Nós, Alento, etc. E logo, na posguerra está presente en todo o que foi a reconstrución do galeguismo, desde a fundación de Galaxia á creación da Penzol, pasando pola creación do Día das Letras Galegas ou a presidencia da Real Academia. Realmente hai que preguntarse onde non estivo Fernández del Riego. Ata nese tempo estivo dúas veces no cárcere por exercer ese labor de difusión cultural. Arriscou moito da súa propia vida.
– LVG: Sempre se lle recoñece a don Paco o seu papel como activista. Pero como é o seu traballo literario?
– RN: Á marxe de todo iso el construíu unha gran obra literaria. Pero esa obra, en gran parte, está enfocada cara ao ensaio, que é un xénero de minorías. Pero é moi rico e valioso porque el, como ensaísta ou autor de libros de crónicas e viaxes ten un estilo propio moi facilmente recoñecible. Eu creo tamén que el sacrificou unha obra creativa de amplo espectro, como pode ser a narrativa, en función de todos eses traballos silenciosos e o traballo de recuperación da memoria. De feito só nos deixou unha novela, O cego de Pumardedón, e un par de relatos pequenos. Pero si deixou unha grande cantidade de traballos extraordinarios e artigos xornalísticos, como os que fixo durante vinte anos en La Voz.
– LVG: Ademais, fixo traducións.
– RN: Si, ademais da súa faceta como ensaísta, narrador e ser un gran orador, Del Riego fixo varias traducións tanto para Galaxia como para a revista Grial. Hai que entender esa labor dende o punto de vista de tratar de normalizar a presenza do idioma galego na literatura coa presenza de textos traducidos. É curioso porque xunto con Plácido Castro mantiveron unha relación coa BBC británica, na que organizaban emisións radiofónicas.
– LVG: É certo que recuperou a Cunqueiro para a literatura?
– RN: Si. A Cunqueiro xa o coñecía da mocidade porque el era de Vilanova de Lourenzá e Cunqueiro de Mondoñedo, e ían xunto a examinarse a Lugo. E si foi clave na recuperación de Cunqueiro tras a guerra. Cunqueiro recoñeceu que o Merlín non sería tal se non fose pola insistencia de Francisco Fernández del Riego. Tamén lle pasou con Longa noite de pedra, que apareceu despois dunha reunión entre Del Riego e Celso Emilio Ferreiro escolmando os poemas. Mesmo foi el que suxeriu o título. Incluso detrás dos grandes escritores da posguerra está el como editor, corrector ou incitador. É unha figura total. (…)”

A Coruña: lectura pública da obra de Florencio Delgado Gurriarán, o 15 de maio

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o grupo Valdeorras Infinda celebraremos as Letras Galegas coa lectura pública da obra de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este 2022, na cidade da Coruña.

Será o domingo, 15 de maio, ás 12:00 h, diante do Teatro Rosalía de Castro. Estades convidadas todas as persoas que queirades ler poemas deste autor valdeorrés, figura clave do exilio mexicano. Pregamos que as persoas interesadas comuniquen o texto que queren ler, enviando un correo electrónico a acab@mundo-r.com

A Academia inaugura a Primavera das Letras de Xela Arias no colexio vigués onde estudou a protagonista das Letras Galegas 2021

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega celebrou no CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo) a presentación da Primavera das Letras de Xela Arias da man da súa familia e da comunidade educativa do colexio onde a autora estudou a partir dos sete anos. O proxecto dixital fornecerá os nenos e nenas de diversos recursos lúdicos e didácticos, descargables e interactivos, para achegalos á figura da escritora, editora e tradutora á que a institución dedica as Letras Galegas 2021. Coa posta en marcha desta páxina web específica para o público infantil, a Academia complementa nas vésperas do aniversario de Xela Arias –nada o 4 de marzo de 1962– a súa oferta de xanelas virtuais sobre a súa vida e obra, tras a activación o pasado mes de xaneiro da sección das Letras Galegas 2021 na web institucional, academia.gal, en permanente actualización.
“Para a Real Academia Galega, este encontro de presentación da Primavera das Letras, que facemos todos os anos cos rapaciños e rapaciñas que están descubrindo o mundo, as palabras e tamén a significación da literatura, é unha festa”, expresou o presidente da Real Academia Galega. “Nesta ocasión a figura de Xela Arias convoca todo o cariño, toda a sorpresa, toda a alegría que ten sempre a palabra da poeta nas novas xeracións, que son unha sementeira de esperanza”, engadiu.
A Real Academia Galega mantén a web primaveradasletras.gal dende o ano 2016 co apoio da Deputación da Coruña. A que é xa a sexta edición arrinca cunha ficha biográfica sobre Xela Arias e unha actividade interactiva sobre Vigo. A estes contidos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas para achegarlles aos nenos e nenas o mundo da poesía, da edición e da tradución a través da obra da protagonista das Letras Galegas 2021; e tamén para coñecer a súa Sarria natal, o seu compromiso co coidado ambiental ou a súa afección pola música, explicou Fina Casalderrey. O proxecto completarase co concurso Contádenos o voso Día das Letras, aberto aos centros de infantil e primaria. A académica expresou a súa satisfacción polo incremento paulatino de participantes en cada edición, mostrou o seu desexo de que esta progresión continúe e animou a todos os colexios a compartir a través deste certame as homenaxes e os traballos que lle dediquen a Xela Arias.
Fina Casalderrey agradeceu ademais a presenza no acto da familia da homenaxeada e a excelente acollida do colexio de Sárdoma-Moledo. A celebración contou con, Amparo Castaño, nai da autora; o seu fillo, Darío Gil Arias; e os seus irmáns Lois, Marcos e Xoán. Lois Arias Castaño agradeceu en nome da familia o recibimento da comunidade educativa de Sárdoma-Moledo, onde estudaron os cinco irmáns. “Temos moi bos recordos neste colexio, onde pasamos a infancia. Da nenez sempre hai boas lembranzas, pero é que ademais este colexio é moi bonito, está en Vigo pero nunha zona aberta, no medio da natureza”, gabou. (…)
A oferta de contidos dixitais arredor das Letras Galegas de Xela Arias incluirá propostas audiovisuais que poderán verse proximamente nas redes sociais da RAG e na sección das Letras Galegas de academia.gal. Neste espazo xa están dispoñibles a biografía da homenaxeada que asina a académica Ana Romaní, entrevistas –unha delas a Amparo Castaño–, e unha galería de retratos de Xela Arias realizados por Xulio Gil, entre outros contidos.”

María Xesús Nogueira: “De Xela Arias destacaría a voz rompedora, arriscada”

Entrevista a María Xesús Nogueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que supón a elección da RAG de Xela Arias para ser homenaxeada no Día das Letras de 2021? E como agarda que sexa á vista da situación sanitaria?
– Chus Nogueira (CN): Como toda dedicatoria dunhas Letras Galegas, a de Xela Arias supón un recoñecemento institucional. Á parte diso, persoalmente espero que leve consigo unha ampla difusión da súa obra, un maior coñecemento para a cidadanía, tanto da súa figura como da súa obra. Sobre a situación sanitaria, gustaríame ser optimista pero non sei se hai moitas razóns neste momento, o único que temos son moitas dúbidas de que este próximo ano poida ser algo parecido a normal, e nese sentido paréceme unha mágoa que a Xela Arias lle correspondese un ano así, tan incerto e tan cheo de dúbidas no que a restricións se refire.
– ND: Como recompiladora da súa obra, cal diría que é a importancia de Xela Arias nas letras?
– CN: Atribuiríalle unha importancia a dous niveis, en primeiro lugar como poeta e escritora, campos nos que foi unha innovadora do discurso poético, xa desde comezos dos 80, que foi a década na que empezou a publicar os seus primeiros textos. Despois, destacaría tamén a súa importancia como unha voz rompedora, unha voz arriscada, vangardista, diferente á poética do seu momento. Pero tamén salientaría a importancia que ten o seu traballo no conxunto da cultura galega e mais da literatura da Galiza, non unicamente como creadora, senón como tradutora, como difusora, como editora… Ademais Xela Arias foi unha persoa que se implicou e participou activamente, desde a década dos 80, na cultura galega.
– ND: A autora pasa a ser a quinta muller á que se lle dedica ese día. Que lectura fai dese feito?
– CN: Obviamente fago unha lectura moi positiva diso porque é un feito obxectivo que o número de mulleres homenaxeadas é sensibelmente menor que o de homes. Creo que nese sentido a dedicatoria das Letras Galegas a Xela Arias é unha boa nova, e considero que tamén responde a unha realidade referida á importancia que, desde a xeración de Xela en diante, tiveron as mulleres, a presenza feminina, na poesía galega e, dalgunha maneira, tamén na súa transformación.
– ND: Influíu Xela Arias nas poetas galegas de hoxe en día?
– CN: Creo que hai influencia de Xela nas poetas de hoxe, por suposto. Coido, de feito, que influíu moito, e tamén o fixo a dous niveis, por unha banda coa súa actitude como escritora, como voz visíbel. Pero tamén contribuíu, ou influíu na poesía de hoxe, non só a través da súa actitude como poeta e autora senón tamén a través da súa propia obra. E considero que esta contribución empezou a notarse xa nas outras voces poéticas dos anos 90 e, por suposto, tamén nas escritoras e nos escritores máis novos, que son precisamente e en boa medida, estas escritoras e escritores quen reivindicaron a voz de Xela como fronte.
– ND: Vense trazos da editora e da tradutora na súa voz poética?
– CN: Foi tradutora e editora e habería que engadir tamén profesora, porque nos últimos anos da súa vida dedicouse á docencia. Creo que Xela Arias foi unha das primeiras tradutoras profesionais ao galego e, tanto unha persoa que fai tradución como unha persoa dedicada á edición son individuos que traballan coa lingua, que traballan co discurso e, nese sentido, forman parte dunha actividade semellante a creación, a tradución… Estamos a traballar sempre coa linguaxe e, sen dúbida, tivo que influír tamén ese labor que supón unha lectura doutra literatura nos seus referentes literarios. (…)”

“Letras Galegas 2021: Xela Arias e a discutible decisión da Real Academia” (Fran Alonso)

Desde o blog de Fran Alonso:
“En circunstancias normais, o nomeamento de Xela Arias para celebrar as Letras Galegas 2021 sería unha alegría enorme. Xela, ademais dunha persoa discreta, foi unha poeta enorme e de obra contida e precisa.
E, non obstante, non podo máis que mostrar a miña perplexidade por este nomeamento, tan pouco oportuno, da Real Academia Galega, que se produce, ademais, desoíndo unha maioría de voces do tecido cultural galego.
Pero, sen ánimo de estenderme nin de polemizar gratuitamente, aínda que si de explicar a miña indignación, vou expoñer os motivos destas afirmacións:
1) Habitualmente, a Real Academia toma esta decisión no mes de xuño. A estas alturas do ano (22 de decembro) xa non ten sentido ningún que a Academia dedique o 2021 a ninguén que non sexa Carvalho Calero. Nin as circunstancias provocadas pola pandemia permitiron unha celebración normal para Ricardo Carvalho Calero, que ve profundamente minguada a conmemoración da súa figura, nin o nomeamento de Xela Arias vai poder ser celebrado como correspondería.
2) Para que se publiquen estudos, divulgativos, pero tamén rigorosos, profundos e á altura das circunstancias, é preciso, en primeiro lugar, buscar autoras e autores, e concederlles tempo para a investigación e posterior escrita dos libros sobre a obra e a figura á que se lle dedican as Letras Galegas. É un proceso que as editoriais comezan habitualmente no verán, cos pertinentes encargos literarios. A maiores, o proceso de edición, como sabe calquera persoa vencellada ao mundo do libro, precisa un mínimo de tres meses (e é un prazo demasiado apurado, que require un grande esforzo suplementario) para poder levalo a cabo nun tempo tan xusto. En consecuencia, esta declaración tan á destempo evitará que se realicen estudos profundos, investigacións literarias e biográficas precisas, e traerá como consecuencia unha celebración incompleta e precipitada. Ademais, neste caso, Xela Arias é unha escritora con capacidade real para conectar coa sensibilidade da cidadanía, e tras esta decisión da Academia parte cunha enorme desvantaxe marcada pola escaseza de tempo, nun momento ademais en que, por desgraza, a fin da pandemia aínda non está clara.
3) Lamentablemente non podo entender os motivos polos que non se prolongou o ano Carvalho Calero, aproveitando as dinámicas e refluxos xa creados e concedéndolle tamén ao autor de Ferrol a dignidade precisa para entendermos a súa figura, que non se puido traballar nos centros de ensino de primaria nin de secundaria.
4) E, finalmente, se a intención da Real Academia era non prolongar ao 2021 o ano Carvalho Calero non podo entender como se agardou ata o 22 de decembro para facer pública esa decisión de dedicarllo a Xela Arias, decisión que, de facerse pública con anterioridade, proporcionaba unha marxe moito maior para unha celebración apropiada á dimensión dunha poeta e muller como Xela Arias.
De verdade non foi posible tomar esta decisión con anterioridade?
Só queda a esperanza de que, desde os ámbitos da cultura cidadá, fagamos todo o posible para impulsar e divulgar a figura dunha poeta radicalmente moderna, feminista, filla dun tempo que soubo comprender á perfección, íntegra e cunha vocación creativa que deu como resultado unha obra literaria de primeira magnitude.”

Xela Arias protagonizará o Día das Letras Galegas no ano 2021 (Praza Pública)

Desde Praza Pública:
Xela Arias será a autora homenaxeada na edición 2021 do Día das Letras Galegas. Así o decidiu este martes o pleno da Real Academia Galega, que destaca á poeta sarriá como “unha voz singular da xeración que anovou nos anos 80 a poesía galega en temas, estilo e forma”, subliñando ademais “o seu labor pioneiro na tradución ao galego de clásicos universais e como editora”. Xela Arias convértese na quinta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas nos 58 anos desta celebración, despois de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007) e María Victoria Moreno (2018). (…)
Entre as súas obras destacan os poemarios Denuncia do equilibrio (1986), Lili sen pistolas (1986, obra inédita), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003), recollidos no volume Poesía reunida (Xerais), editado por Chus Nogueira. “Oxalá esta Poesía reunida contribúa ao recoñecemento e, sobre todo, á difusión da súa obra con independencia de que un día sexa a figura homenaxeada das nosas Letras”, sinalaba Nogueira no momento da publicación.
Nogueira incidía tamén en que “Xela Arias constituíu un modelo para novas escritoras e escritores”, subliñando o peso crecente que a súa figura e obras ten nas novas xeracións. A homenaxe deste xoves unirase a outras que foi recibindo, entre as que destaca a impulsada pola Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega, así coma a publicación do libro colectivo Xela Arias, quedas en nós, coordinado polo pai da poeta, Valentín Arias.
En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, volume no que os versos e a fotografía se fusionan a través de vinte e catro poemas acompañados doutras tantas imaxes, a maioría de corpos espidos, entre eles o da propia autora. Sobre este volume Chus Nogueira salienta que “a poesía galega non estaba preparada para recibir un libro como Tigres coma cabalos nin para interpretalo baixo outra clave que non fose o modelo da poesía erótica”. No seu terceiro poemario, Darío a diario (1996), dedicado ao seu fillo, abordou a maternidade dende unha ollada afastada do tratamento tradicional. En 2003 chegou o seu derradeiro libro, Intempériome, un chanzo máis na súa exploración para converter a desobediencia e a transgresión en palabra poética. (…)
A RAG recoñece igualmente o seu traballo como tradutora. (…)
Ademais, a elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora. Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas (coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige) e tomou sempre posición a favor da lingua galega. Así mesmo, traballou en Edicións Xerais entre 1980 e 1996. Igualmente, traballou como mestra no ensino secundario. En novembro do ano 2003 Xela Arias finou dun ataque ao corazón en Vigo, con só 41 anos de idade
En 2019 a plataforma literaria A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras, nunha celebración que incluíu varios actos en Vigo, entre eles un percorrido imaxinario pola súa vida a cargo de Susana Arins. A Sega fixo un convite aberto para que quen o desexase enviase un vídeo, dun minuto como máximo, recitando algún dos poemas de Xela Arias “para (re)descubrila e (re)coñecela”. (…)”