Estas son algunhas das fotografías do acto en Pontevedra, na Fundación Manuel Moldes, do Día de Rosalía de Castro 2026, que tivo lugar o 23 de febreiro, ás 19:00 horas, en colaboración co Concello de Pontevedra. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Arquivos da etiqueta: Día de Rosalía de Castro
Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2026 na Coruña
Estas son algunhas das fotografías do acto na Coruña do Día de Rosalía de Castro 2026, que tivo lugar o 23 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro. O acto contou tamén con música do grupo de Cantos de Taberna da A. C. Alexandre Bóveda e coa actuación de Noite Bohemia. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Discurso de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, no acto central do Día de Rosalía de Castro 2026
Este foi o discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, no acto central do Día de Rosalía de Castro, que tivo lugar o domingo 22 de febreiro en Compostela. Pode descargarse aquí.
“Amigas e amigos, representantes das institucións políticas sociais, académicas e culturais, agradecemos a vosa presenza hoxe aquí.
Saudamos tamén á Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e o seu Padroado, que o 23 de febreiro celebra neste lugar o seu acto oficial do Día de Rosalía. Desexámoslle unha fértil e proveitosa andaina no desenvolvemento das súas funcións, e ofrecemos a nosa colaboración para que este sexa un lugar á altura da nación que acolle os seus fillos e fillas máis prezados.
Agardamos que, a non tardar moito, este lugar e as arquitecturas que o acompañan conten cun Plan Director de Rehabilitación e Posta en Valor deste importantísimo patrimonio cultural. Isto fará que teña o status necesario para seren honrados, coa dignidade que lles corresponde, aqueles e aquelas que tiveron Galiza e o pobo galego como razón de ser e viver, nomeadamente Rosalía de Castro, que hoxe aquí nos reúne e convoca.
Este lugar vai día a día mostrando a súa vontade laica no seu uso público. Pensamos que hai arquitecturas que constitúen os símbolos nacionais dun pobo, dunha cultura, e deben ser os galegos e as galegas quen exerzan neles a súa soberanía a través das organizacións e institucións que lles son propias, e do que faremos que sexa un lugar de vida.
Falei aquí neste mesmo lugar o ano pasado sobre a aculturación que estamos a sofrer e que vén da destrución de patrimonio cultural ou natural social e económico. Celebramos que Altri foi derrotada, mais seguimos a denunciar a abusiva presenza de eólicos en zonas arqueoloxicamente ricas e moi vulnerábeis, a minaría que envelena o chao por séculos, a limpeza dos montes ardidos onde a maquinaria pesada destrúe patrimonio arqueolóxico, ou a non moi coñecida aínda macroplanta de biogás que nas terras do Limia se quere implantar, contaminando capas freáticas para os séculos futuros e o subsolo de vilas con patrimonio histórico como Xunqueira de Ambía, a Limia toda, incluída a súa lagoa, que nestes días recuperou toda a súa superficie alagada.
Estas actividades, que levan consigo o sinal da destrución do noso patrimonio, fanse na terra que o noso povo transformou nunha das mais humanizadas da Europa, unha terra que acolle as cinzas os osos dos nosos mortos sobre os que aramos, dinos Olga Tokarczuk.
Que pensarían, os que neste panteón moran, desta etapa da nosa historia tan dolorosa e indignante sometida a depredación. Afortunadamente a Galiza sempre tivo as fillas e fillos que construíron o seu destino pensando nas xeracións futuras. A Galiza que nos tocou enfrontar, téndonos dado eles e elas as ferramentas para nos recoñecer como pobo que creou unha cultura e un idioma.
Rosalía achéganos aos problemas aínda actuais e por resolver, como é a problemática do noso idioma. Sen o noso idioma non somos, como escrebeu Castelao. A terra amada por Otero Pedraio, que amorosamente transitou e habitou o mapa de Fontán, que mora a uns centos de metros da Torre do Reloxo, onde a Torre da Berenguela foi o punto cero, vértice do primeiro triángulo que o propio Fontán mediu, na estrada de Santiago á Coruña, entre Formarís e A Sionlla, iniciando a triangulación durante 17 anos da súa vida que posibilitou o trazado de estradas e camiños de ferro. Non lles estou a falar deste século. Estou a falarlles de hai douscentos anos.
No último Consello Directivo da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) incorporamos a declaración como membros de honra da AELG de todos os escritores que formaron parte da Asociación de Escritores Gallegos, fundada en Ourense, en xullo de 1930, así chamada porque non existía legalidade que lle permitise ter o nome en galego, e que foi presidida por Ramón Otero Pedraio (felicitamos á Real Academia Galega a decisión de declararlle este ano 2026 á súa inmensa obra. Felicitámonos tamén pola elección neste ano para lle dedicar o Día das Letras Galegas a Begoña Caamaño).
A AELG actual nace en 1980 da mesma vontade, asumindo os seus principios fundacionais, o seu ideario, que convoca á escrita en galego. Desde aquel tempo, continuamos a tecer os camiños que nos permitiron chegar até hoxe, reivindicándonos como fillos e fillas do seu maxisterio e do seu martirio.
Orgullámonos na lexitimidade que temos para representar os escritores e escritoras en lingua galega, poñendo en valor o noso sistema literario e participando en que a Galiza desenvolva os seus dereitos nacionais, e tamén berrando: Palestina libre!
Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Bonaval, 22 de febreiro de 2026“
Sargadelos (Cervo): acto polo Día de Rosalía 2026
Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2026 en Vigo
Estas son algunhas das fotografías do acto en Vigo do Día de Rosalía de Castro 2026, que tivo lugar o 23 de febreiro, ás 17:30 horas, na Imprenta de Juan Compañel e Centro Social A Revolta, coorganizado entre a AELG e a Asociación Cultural O Castro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2026 en Lugo
Estas son algunhas das fotografías do acto en Lugo do Día de Rosalía de Castro 2026, que tivo lugar o 23 de febreiro, ás 13:30 horas, no Parque de Rosalía de Castro, organizado pola AELG, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. O acto consistiu na lectura do Manifesto da AELG, elaborado neste 2026 por Eva Veiga, un recital poético da obra de Rosalía de Castro, con participación do alumnado gañador do Enredando co Galego 2025 e escritoras/es da cidade de Lugo, e unha ofrenda floral en homenaxe á autora. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Gondomar: Día de Rosalía de Castro 2026
O domingo 1 de marzo, ás 19:00 horas, en colaboración coa Asociación Cultural Centáurea, terá lugar no Café Keik (Rúa Ánimas, 10), en Gondomar, a lectura do Manifesto da AELG, obra de Eva Veiga, e un recital poético da obra de Rosalía de Castro. Esta actividade conta tamén co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO) e a Deputación da Coruña.
Crónica fotográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2026 en Compostela
Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2026 en Compostela, que tivo lugar o 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO e a Deputación da Coruña. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Eva Veiga, autora do manifesto da AELG: “A poesía de Rosalía chega a todos os ámbitos e valores da sociedade”
Entrevista de Roi Fernández a Eva Veiga en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que importancia ten Rosalía de Castro a día de hoxe?
– Eva Veiga (EV): A obra de Rosalía ten unha vixencia absoluta. É unha poeta universal e a súa escrita aborda a problemática humana en toda a súa fondura e matices dunha maneira tan eficaz poeticamente que chega a todos e a todas. Rosalía fala do fundamental do ser humano dunha maneira que me parece fascinante: o modo no que víncula o íntimo co mundo. Hoxe en día iso é algo moi interesnate, porque ás veces nós separamos esas dúas esferas; reducimos o íntimo ao femenino e o mundo ao masculino. Vincular eses dous aspectos, como fixo Rosalía, a dimensión social e política do ser humano, é fundamental para entendernos.
– ND: Que supuxo para vostede redactar o manifesto da AELG deste ano?
– EV: Unha honra, amo a Rosalía de Castro. Que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega me encargue o manifesto é unha honra e tamén teño unha grande emoción. Desde o punto de vista tanto poético como do contexto social e político, paréceme fundamental. A súa poesía permea toda a sociedade e os seus ámbitos, e é un valor impresionante e impagábel. Cando falas de Rosalía todo o mundo sabe quen é, mais non só polo nome, senón que tamén leron algo e quedaron prendidos e prendidas.
– ND: Como cre que podemos seguir reivindicando Rosalía a día de hoxe?
– EV: Sobre todo, no ensino. O ensino é fundamental en todos os sentidos. Rosalía é unha poeta que os rapaces acollen perfectamente. Temos feito recitais nos institutos e enténdena, e isto implica reflexionar sobre a condición humana e o mundo. Paréceme fundamental, así como falar de Rosalía de Castro onde se poida. (…)”
Comprenderás estonces
como abranda a delor as pedras frías,
anque abrandar non poida
almas de ferro e peitos homicidas.
Rosalía de Castro
Cara a onde imos?
Esta é unha pregunta que a bo seguro a Humanidade vén facendo en todo momento ao longo da súa historia, pois adoito camiñamos ás atoutiñadas, abríndonos paso no escuro. Mais talvez nunca como agora semellou esa cegueira tan perigosa para a supervivencia da especie, mergullada nunha imparable e global complexidade onde as redes de (des)información parecen arredarnos, máis que achegarnos, dun atinado coñecemento do real. Un coñecemento que deberá ir alén da ciencia e da tecnoloxía; e unha realidade que atinxe a vida cotiá da meirande parte da poboación mundial cada vez máis súbdita dos poderes económicos e dunha escala de valores que admira a riqueza, odia o pobre e apenas se escandaliza ante a inxustiza. No entanto, de tal triste condición xa nos advertiu Rosalía de Castro –“Tirá pedras ó caído”–, cuxa obra aborda con verdade e lucidez a problemática humana tanto no que á emocionalidade se refire como á súa dimensión social e política.
Un legado, o seu, de total vixencia neste noso mundo do que cada quen, nalgunha medida, somos responsables. Un mundo que a día de hoxe produce alimentos suficientes para fornecer 1,5 veces a poboación actual e, non obstante, no que 673 millóns de persoas sofren de alimentación insuficiente, segundo datos da FAO. Miles e miles de crianzas morren de fame ou desnutrición severa. Como definir, entón, esta especie que dicimos humana?
Tembra un neno no húmido pórtico…
Da fame e do frío
ten o sello, o seu rostro de ánxel (…)
E mentras que el dorme
triste imaxen da dor i a miseria,
van e vén ¡a adoraren ó Altísimo,
fariseios!, os grandes da terra,
sin que ó ver do inocente a orfandade
se calme dos ricos a sede avarienta.
En efecto, só a compaixón cos máis vulnerables e a denuncia da cobiza dun capitalismo salvaxe xunto a esa hipocrisía que perverte o auténtico significado das palabras e do pensamento, poden crear un estado de conciencia crítica que limite as accións criminais dos poderes económicos e políticos que perpetran, ante os nosos ollos, xenocidios en Gaza, Sudán, República Democrática do Congo, Nagorno-Karabakh, Nixeria, Etiopía ou a China. Vítimas da fame e de todas as posibles formas de violencia, milleiros de persoas foxen desas circunstancias en procura de refuxio ou de oportunidades para sobrevivir. “Miran para o mar/ os que noutras terras/ ten que buscar pan”. Segundo o CEAR, sete persoas migrantes e refuxiadas morren de media cada día no mar. Se a hospitalidade debera ser signo de civilización, como entender ese odio cada vez maior ao que chega en precariedade e desamparo? Que sociedade estamos a construír se o racismo, a xenofobia e a aporofobia medran ao abeiro de discursos tan irresponsables como infames? Se un Estado non pode dar acollemento a quen nada ten ou o perdeu todo, a quen desafiuzan ou non pode acceder a unha vivenda digna, onde radica a súa razón de ser?
mais ¿cómo pagar, cómo, si un non pode
inda pagar a renda?
Embargaránnos todo, que non teñen
esas xentes concencia, nin ten alma.
Se non reaximos fronte a esa acumulación obscena que reteñen un reducido grupo de magnates, multinacionais ou fondos voitres que dirixen o mundo, provocando desigualdade, cambio climático, explotación laboral, escravitude e guerras, veranse reforzados por respostas cómplices de resignación e servilismo que ata os desfavorecidos defenden, cativos da súa ignorancia. Semella así que vivimos nun sistema feudal, moi lonxe da Declaración dos Dereitos Humanos ou do Dereito Internacional e tan preto da impunidade da clase poderosa. “Mais socede nesta vida/ que os que ten culpa na levan.” Así e todo, Rosalía non se resigna e nós tampouco. Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración. Falamos da bondade que é a intelixencia máis evolucionada, a que procura o ben do individuo canda o ben da colectividade á fin de mellorar o mundo que habitamos. Porque xa nolo deixou escrito Rosalía, poeta universal, muller afouta e adiantada ao seu tempo que falou alto e claro:
Sin amar cal é negra esta vida
E perde o sol o seu brilo.
Eva Veiga
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#maiselestamenperdidos
#_rdc2026



























