Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Tabela dos libros. Abril de 2019
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro lunes do mes, chega a nova Tabela dos libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Callón inscribe a perda no seu segundo libro de poemas
Artigo
de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
““Como inscribir o que non está, como inscribir o que falta, como rexistrar a perda”, explica Carlos Callón (Ribeira, 1978) a Sermos Galiza os propósitos da súa obra. Lapidaria, cruzada pola morte e ao tempo con ángulos de humor, heteroxénea e cun tramo final desbordado escrito á morte da nai –As mans titúlase a sección-, Inscricións busca “o gume” onde se atopa o descoñecido. (…)
“Un amigo portugués [o poeta reside en Lisboa, onde é docente de xeografía e historia] dime que como é posíbel que eu, que sempre sorrío, escriba sobre a morte e a destrución”, relata. Nalgúns recitais previos á saída de Inscricións había quen remataba chorando. “Hai dores que se tocan”, entende, “e ás veces a poesía consegue que o entendamos ben”.
Esa experiencia tamén serviu ao autor para reflexionar sobre as mudanzas nas formas de chorar e “as dificultades de facelo en público”. A poesía de Callón, dalgún xeito intimista e, segundo el mesmo define, con parte confesional -“que non é o mesmo que biográfica”- indaga no eu. E sérvese sen complexos de conceptos psicanalíticos, ás veces trasladados ao verso sen apenas mediación. “A primeira vez que lin Jacques Lacan”, conta, “pensei que era un falabarato. Logo ves as prácticas clínicas e, vaia, mudas de opinión. Agora leo páxinas del que me producen a mesma sensación que un bo poema. Parece que falan de min”. Atravesar o fantasma, por caso, é Lacan.
Con preferencia pola composición breve, Callón deixa espazo ás incertezas do xénero. “Hai algo que impón a forma”, di. Non é doado identificar o que. En todo caso, Inscricións é síntese de tempos diferentes e diferentes proxectos de libro. “Preciso estar seguro para publicar poesía”, degraña, “talvez por iso fun un poeta que publicou de xeito relativamente serodio”. (…)”
Compostela: programación da Semana da novela negra
Ourense: presentación de Por puntos, de Manuel Portas, á prensa
O 28 de marzo, ás 11:30 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense (Rúa do Progreso, 30), terá lugar a presentación á prensa de Por puntos, a novela coa que Manuel Portas gañou o Premio Blanco Amor 2018.
Ourense: presentación de As ramonas, de Ana Cabaleiro
Pontevedra: presentación de Tres minutos no aire, de Miguel Anxo Murado
Compostela: Aulas abertas de Literatura Fantástica
Marcos Calveiro recolle o Premio San Clemente 2018
Desde
Galaxia:
“A finais do pasado 2018, soubemos que Marcos Calveiro fora recoñecido co Premio San Clemente na categoría en galego por O xardineiro dos ingleses, unha das novelas máis aclamadas pola crítica no 2018 e merecedora tamén do Premio Manuel García Barros 2017. E o 20 de marzo tivo lugar a entrega do galardón no Auditorio Abanca de Compostela, que contou coa presenza dos premiados nas outras dúas categorías: o arxentino Pedro Mairal, en español, e surcoreana Han Kang, en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Neira Vilas (Oleiros), o IES Sánchez Cantón (Pontevedra), o IES Xoán Montes (Lugo), o IES Otero Pedrayo (Ourense), o IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), o Hockerill College (Londres), o Saint François Xavier (Vannes), o Grimmelshausen Gymnasium (Gelnhausen), a Escola Secundaria de Santa Comba Dao e o Colexio Rosalía de Castro de Moscú.
En Vilagarcía, a principios do século XX, o destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Cunha prosa áxil, protagonistas de carne e óso e unha trama que zigzaguea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca da liberdade. Sobre a xustiza e a capacidade para enfrontarse ao fado da historia. Un relato que hoxe foi premiado pola súa valentía unha vez máis, que non deixa de sumar lectores dende a súa publicación hai un ano, e que vai camiño de converterse nunha das novelas mellores valoradas por crítica e lectores dos últimos tempos.”






