Entrevista
de Montse Dopico a Miguel Anxo Fernández en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Frank volve quedar en Galicia nesta novela [Bícame, Frank]. Que nada máis comezar remítenos a temas de actualidade: prima de risco, violencia de xénero, movemento dos indignados… Xa na entrega anterior estaban as vagas de lumes. Responde isto, en parte, a un esforzo progresivo por achegar as historias que contas á actualidade?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Nas tres primeiras entregas, o contexto medioambiental e temático eran Los Angeles, Hollywood e o mundo do cine, sen por iso manifestar Frank Soutelo desinterese pola problemática social de cada momento. En Un nicho para Marilyn (2002), era o tráfico de cadáveres lustrosos e de ilustres, que casos hai, abondo… En Luar no inferno (2006), as “snuff movies”, asasinatos en directo diante da cámara. En Tres disparos e dous friames (2008), o acoso sexual ás aspirantes a estrelas do cine. Superado ese ciclo, considerei que era chegada a hora de que Frank aterrara en Galicia, pois a fin de contas viña a Muros con frecuencia, a visitar a súa tía Castora.
E aí naceu Lume de cobiza (2011), centrada na terrible vaga de lumes de 2006. Como, naturalmente, a nosa realidade non é a mesma de Los Ángeles, houben de crear novos personaxes: o ex–garda civil Poncio e a segurata Dalia Maxino, cualificada como detective privada á espera dunha oportunidade profesional… Entendo que a novela policial xa non responde ao modelo convencional. O lector demanda solucións (ou reflexións…) sobre o acontecer e os conflitos diarios, e os detectives teñen a particularidade de poder chegar a onde o cidadán común non pode… Entendo ao detective como a prolongación do lector, que procura complicidades nas tramas e ao tempo desexa divertirse lendo. O modelo da pescuda a pau seco para resolver un enredo, penso que caducou na narrativa policial actual. Realmente, agora, o de dar solución a un caso, pasou a ser a coartada para fins máis ambiciosos… (…)
– MD: Tamén hai varias referencias, na novela, á cultura galega: Uxía, Cabanillas, Vento mareiro…. Era só un xeito de darlle verosimilitude á historia, xa que transcorre aquí, ou ten que ver co debate que houbo noutrora de “galeguización” das tramas?
– MAF: Certo, son trazos de contexto, pois a fin de contas está en Galicia e tería moito de inverosímil que esquecese esas referencias. Non, responde a un criterio autoral, coa vantaxe de que Frank procede doutra cultura e iso permíteme facer referencias continuadas á cultura norteamericana: música, cine, costumes… Entendo que galeguizar as tramas acrecenta a credibilidade, pero ao tempo hai que ser moi coidadoso, non pasarse de freada. (…)”
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Radiocrítica do 03-02-2014, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 3 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novela O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila (I, 00:48); o volume de artigos Coa lingua na Terra de Héitor Picallo Fuentes (I, 6:58); o relato infantoxuvenil O castañeiro de abril de Antonio Manuel Fraga (II, 00:00) e mais o poemario As lavandas adáptanse a todo erro de navegación de Ramón Neto (II, 4:59).”
Compostela: presentación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila
O
xoves 6 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Anxos Sumai, Gonzalo Hermo e Arturo Ponte.
Compostela: presentación de De Voces Ceibes a Milladoiro, de Antón Seoane
Taboleiro do libro galego (XIX), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Primeira entrega deste ano do Taboleiro do libro galego que recolle, segundo os datos obtidos dalgunhas librarías galegas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do mes de xaneiro. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías: Biblos, Casa do Libro de Vigo, Torga, Couceiro, Andel, Aira das Letras, Pedreira, Á lus do candil, Carricanta, Suévia e Libros para Soñar.
NARRATIVA
1º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
2º-. Vento e chuvia. Mitoloxia da antiga Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, Edicións Xerais.
3º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
4º-. O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro, Editorial Galaxia.
5º-. Legado nos ósos, de Dolores Redondo, Editorial Xerais.
6º-. O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, Editorial Galaxia.
POESÍA
1º-. Moda galega reloaded, de María Reimóndez, Positivas.
2º-. Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, Xerais.
3º-. Ningún precipicio, de Olalla Cociña, Toxosoutos.
4º-. Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, Galaxia.
5º-. Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, Ed. Alvarellos.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, Edicións Xerais.
2º-. Exhortación á desobediencia, de Xosé Manuel Beiras, Laiovento.
3º-. O valego, de Xosé-Henrique Costas, Edicións Xerais.
4º-. Outra idea de Galicia, de Miguel Anxo Murado, Debate.
5º-. Emigrados, exilados e perseguidos, de Dionisio Pereira, Através Editora.
6º-. Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela, Editorial Galaxia.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Todos somos, de Marcos Calveiro, Edicións Xerais.
2º-. Mortos de ningures, de Pere Tobaruela e Ledicia Costas, Everest (ilustracións de Andrés Meixide).
3º-. A illa de todas as illas, de Xabier P. Docampo, Edicións Xerais (ilustracións de Xosé Cobas).
4º-. O raposo e a mestra, de Manuel Rivas, Xerais (ilustracións de Jacobo Fernández).
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Pan de millo, de Migallas, Kalandraka.
2º-. Toc Toc, de Pablo Díaz, ilustracións de Nuria Díaz, Galaxia.
3º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
4º-. Mamá, de Mariana Ruiz Johnson, Kalandraka (tradución de Manuela Rodríguez).
BANDA DESEÑADA
1º-. Astérix e os Pictos, René Goscinny (autor), Albert Uderzo (ilustrador), Jean-Yves Ferri (autor), Didier Conrad (ilustrador), Xavier Senín e Isabel Soto López (tradutores), Edicións Xerais.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. 36-39. Malos tempos , de Carlos Giménez, El Patito Editorial.
OUTROS
1º-. CoraSons, colectivo CoraSons, Kalandraka.
2º-. Revista Luzes, nº 2.
O Consello da Cultura Galega abre as cartas de Luís Seoane
Desde
Sermos Galiza:
“(…) A correspondencia que publica agora en rede o Consello da Cultura Galega mostra as cartas de ou a Seoane nunha comunicación establecida con máis de 200 persoas. Francisco Fernández del Riego con 284, Domingo García Sabell con 85, Armando Zegrí con 72 ou Ramón Piñeiro con 69 son os interlocutores con maior número de cartas no seu epistolario. Os temas máis recorrentes deixan á vista tamén a traxectoria de Luís Seoane labrada ás dúas beiras do océano. Centro Galego de Bos Aires, Editorial Galaxia, Galicia Emigrante, Galería Bonino, Cadernos Grial, La Nación, Revista Galicia, La Noche, Museo Carlos Maside, Sargadelos son os asuntos dos que máis fala o creador galego.
As cartas foron dixitalizadas, editadas e contextualizadas por un equipo de documentalistas e filólogos e permite realizar buscas por temas ou nomes a través do conxunto destes escritos que Seoane elaborou para a comunicación persoal sen vontade de seren publicados mais que dan grande información sobre a súa figura e o acontecer intelectual do seu tempo. De cada unha das cartas pódese acceder ao orixinal -manuscrito ou a máquina- e tamén a súa versión dixitalizada. O traballo inclúe unha ficha de identificación persoal das duascentas persoas que se escriben con Seoane. A colección ampliarase nos vindeiros meses con cartas relacionadas co grupo de Sargadelos e as amizades do exilio, entre outras. (…)”
Rianxo: presentación de A lúa da colleita, de Anxos Sumai
A Coruña: presentación da tradución ao galego de Ulises, de James Joyce
José María Durán Medraño gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
Desde
o blogue de Galaxia:
“A obra Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx, da que é autor José María Durán Medraño, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural-Unión Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 21 de xaneiro de 2014, ás 11:00 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela. O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros ha ser publicado por Editorial Galaxia o durante este ano.
O xurado valorou moi especialmente a orixinalidade do tema e do seu enfoque, que afronta un asunto de actualidade e abre unha reflexión nova sobre a concepción do traballo na sociedade contemporánea. O autor establece un vencello entre a teoría do valor do traballo e o pracer, empregando as achegas recentes do pensamento para subliñar a dimensión creativa e estética do traballo, ademais da social. O xurado recoñece así os méritos dunha obra na que se valorou tanto a exposición e a análise das ideas, como o rigoroso labor de argumentación dun ensaio escrito desde unha prespectiva orixinal e provocadora.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Marilar Aleixandre, Xaime Subiela, Dolores Vilavedra e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos trece orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.”
Anxos Sumai: “Nestes tempos, as persoas están disociadas e a sociedade, esquizofrénica”
Entrevista
de Alberto Ramos a Anxos Sumai en Praza:
“(…) – Praza (P): Unha primeira pregunta de periodista folgazán. Como definiría A lúa da colleita?
– Anxos Sumai (AS): É un libro que ten máis lecturas das que fun consciente mentres a escribía. Cando a traballaba, pretendía mostrar unha concepción holística do ser humano, coas súas partes de sombra e as súas partes de luz. E despois do escrito, decateime de que ía reflexionando sobre moitos temas que me interesaban, que me preocupaban… Definilo con maior concreción cústame moito. Tería que escribir un libro enteiro para explicalo. [Ri] (…)
– P: Estamos disociados?
– AS: Estamos disociados en moitos casos. O que busco retratar aquí, levando situacións ao extremo, pouco ten que ver coas persoas con enfermidades mentais. O que procuro falar é de todo o mundo e sobre como todos sufrimos este tipo de disociacións. Por iso Nuria precisa parar e pensar no que se escindiu dentro dela. Eu non intento falar dunha enfermidade psiquiátrica, senón de como somos todos e todas. Vivimos dun xeito tan acelerado que nin nos concedemos ese último momento do día para parar e pensar. Imos ás carreiras e, cando nos decatamos, que nos queda por vivir? Nada. Son as circunstancias do momento actual. Nestes tempos, as persoas están disociados e a sociedade, esquizofrénica. (…)
– P: Nunha entrevista no Zig Zag afirmaba que vostede escribía moito, pero publico pouco. Por que agardou cinco anos entre a súa primeira novela, Así nacen as baleas, e esta segunda?
– AS: Non tiña nada que dicir, nada que fose necesario contar. Eu escribo moito, sigo escribindo relatos en libros colectivos e esas cousas… Pero algo que tivese a entidade dun libro meu? Non tiña nada que contar. Para que facelo? Para que forzar? Eu non teño que publicar un libro cada ano. Por sorte ou por desgraza non vivo de escribir. Malia que me gustaría vivir de escribir nestes tempos, teño un traballo marabilloso. Pódome permitir ser moito máis selectiva. Publico só o que me apetece, son moi autocrítica, quizais excesivamente autocrítica… É que non tiña nada que escribir, é absurdo. [Ri] Eu estiven publicando moito na primeira década do século, na radio, en Anxos de Garda, na prensa, etc. Cheguei a ser consciente de que me estaba aborrecendo a min mesma, a miña forma de escribir xa non me valía, estábame a repetir constantemente. Non tiña nada especial que contar, foi unha vertixe. Había que parar, cumpría pensar. (…)”


