O 14 de abril ábrese a matrícula para os novos obradoiros da Escola de Letras 2023

A Escola de Letras de Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra abre o 14 de abril, ás 08:00 horas, o prazo de matriculación para todas as persoas que desexen participar nos novos obradoiros impartidos por Antonio García Teijeiro e Esther F. Carrodeguas.
Só estará aberta a matrícula para estes dous obradoiros. Para o vindeiro, abrirase o prazo de inscrición durante o transcurso da edición.
Para formalizar a matrícula é imprescindible enviar un correo electrónico a escoladeletras@editorialgalaxia.gal, indicando:
-Nome completo da alumna/o.
-Correo electrónico.
-Número de teléfono.
-No ASUNTO e no CORPO do correo hai que sinalar o obradoiro, cidade e docente, no que se quere un matricular, por orden de preferencia.

OBRADOIRO LITERARIO EN VIGO CON ESTHER CARRODEGUAS
Días: 3, 10, 18, 24, 31 de maio

OBRADOIRO DE POESÍA EN PONTEVEDRA CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Días: 3 e 10 de maio

A través de varios obradoiros, que se estenderán ata o mes de outubro, cinco profesoras e profesores ofrecen información aos alumnos para aprender a escribir e desenvolver o seu propio estilo literario. O horario para todos os obradoiros é de 18 h a 20 h.
Cada unha das peticións formalizaranse por estrita orde de chegada. Os obradoiros constan de quince prazas cada un; haberá unha lista de agarda para cubrir posibles baixas de matriculados. Terán preferencia as persoas que non participaron na Escola anteriormente.

Francisco Castro: “O abuso sobre as nenas e nenos, sexual ou doutro tipo, é algo que me desgarra por dentro”

Entrevista de Laura Veiga a Francisco Castro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xurdiu A historia de Sara?
– Francisco Castro (FC): Así como son quen de identificar claramente o momento exacto no que se me ocorreu cada unha das miñas outras 22 obras, esta saíu moi de dentro e dalgún lugar que non son capaz de identificar. De feito, saíu moi rápida: a base da historia escribina en dous días, aínda que logo traballei moito sobre ela. É unha historia moi coherente con todo o que fixen até o de agora porque sempre me ocupo de temas que me preocupan desde un punto de vista social, de temas duros.
– ND: Tampouco é a primeira vez que escribe sobre o dano que provocan as persoas adultas na infancia.
– FC: Hai moitas cousas que non me gustan na nosa sociedade, mais desde logo o abuso, sexa sexual ou de calquera outro tipo, sobre a infancia é algo que me desgarra por dentro. A obriga dos adultos é coidar, non esganar a vida a ninguén. A capacidade para relativizar e para valorar o que che pasa é diferente cando es maior que cando tes seis anos, como é o caso de Sara. E o certo é que as estatísticas falan de moitos nenos e nenas que son abusadas e ademais, como se conta no libro, no contexto inmediatamente familiar. Nun contexto no que ninguén sospeitaría que puidese estar acontecendo. E logo, claro, hai unha vergoña social moi grande e inclusive incredulidade. Como imos sospeitar de alguén da propia familia? Mais é así. (…)”

María Alonso: “Quería cuestionar o mesmo xénero da novela negra”

Entrevista a María Alonso Alonso en Praza:
“(…) – Praza (P): A novela Red Lion é a historia de Lolita Dinamita. Como xorde esta personaxe?
– María Alonso (MA): É unha personaxe que levaba traballando moitos anos dende que escoitara unha nova sobre a detención dun proxeneta que tiña un prostíbulo en Pontevedra onde unha muller que estaba alí retida desaparecera sen deixar rastro. Sempre fun moi consciente deste tipo de lugares onde as mulleres son obrigadas, na maior parte dos casos, a manter relacións sexuais con homes. Ao lado da miña casa en Matamá estaba o Mamba Negra e de camiño a un dos meus traballos en Coruxo estaba o Barbarella. Na maior parte dos casos, estas mulleres usan alcumes ou mesmo son simplemente anacos de carne sen nome. Con Lolita Dinamita quería traballar o empoderamento, sen caer na idealización, das mulleres que se rebelan contra un destino inxusto. Posiblemente isto foi o que aconteceu con aquela muller que desapareceu do prostíbulo pontevedrés e da que nunca máis se soubo.
– P: Lola habita un mundo fóra da lei, dominado pola violencia. O feito de centrar a historia nela muda totalmente o que podería ter sido o típico thriller contado desde o punto de vista masculino. Querías falar dese mundo desde a perspectiva das mulleres?
– MA: Por cuestións académicas levo algúns anos traballando con novela negra e non hai cousa que máis me cabree que decatarme de que o patrón do hardboiled norteamericano dos anos sesenta segue a reproducirse na novela negra actual. Ese patrón é, como ti dis, moi masculino: unha femme fatale sofre algún tipo de infortunio e un home atormentado acode na súa salvación para que todo volva ao seu lugar. Na novela negra latinoamericana dos últimos quince anos parece que houbo un intento de refundar o xénero pero caendo nos mesmos tópicos de muller-vítima e home ou ben vitimario ou ben salvador.
En Red Lion, Lolita Dinamita é vítima, sen dúbida, pero tamén é vitimaria e esa é unha idea moi atractiva coa que traballar. Certo é que hai moitos exemplos de novela negra onde a muller ten un papel diferente como pode ser o da detective, pero mesmo nestes casos parece que hai unha imposibilidade manifesta de cambiar os roles de xénero dentro dun xénero literario que parece que se está esgotando. Na miña novela quería que todas as personaxes fosen vítimas e vitimarias ao mesmo tempo para cuestionar o mesmo xénero da novela negra e ofrecer, á vez, unha especie de redención final. (…)”