Entrevista a Eduardo Estévez

DesdeEduardo Estévez a revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a poesia?
– Eduardo Estévez (EE): A pregunta ten moitas lecturas posibles. Para o meu cotián, a poesía é unha forma de comunicación que teño coa xente que me arrodea ou, moitas veces, comigo mesmo. Gústame pensar na poesía como un espazo moi meu no que podo mirar o mundo sen interferencias e tentar explicalo. E, nese proceso de tentar explicar o mundo, moitas veces o primeiro a descubrir e aprender son eu mesmo.
Querería que a poesía que fago poña en evidencia que se pode mirar doutro xeito. Non quero explicarlle a ninguén como mirar o mundo porque eu mesmo non o sei, vouno descubrindo a cada paso e, desde logo, non creo que haxa unha maneira de facelo así como non hai unha realidade senón moitas e en constante mutación (o río, etcétera). O que me gustaría é poñer en evidencia que sempre hai outra perspectiva posíbel. Nestes tempos de pensamento único e anatematización do disenso, aprender a procurar outras perspectivas coas que mirar o mundo paréceme un obxectivo case revolucionario. A idea é reflexionar e facer reflexionar. Convidar a descubrir conclusións persoais, que é todo o contrario do que procura este sistema, que só dá valor ao consumo acrítico e ao titular de portada, sen matices, aínda que sexa sesgado ou, directamente, falaz. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras e @s escritor@s com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, mais em geral-?
– EE: Desde hai ben tempo teño a convicción de que a produción literaria contemporánea non se aglutina por apostas estéticas. Ou tal vez debería dicir que non se aglutina en xeral: que os procesos de produción, no final do século XX, individualizáronse moitísimo. Creo que o que máis nos une aos que producimos poesía é o interese por chegarmos aos lectores ou as preocupacións polos conflitos culturais cos que nos toca convivir: á fin e ao cabo, tensións gremiais, diría. Non teño unha resposta aos (moi graves) problemas de comunicación poeta-lector que temos hoxe. Penso que moito pasa polo ensino e, neste sentido, parécenme importantes iniciativas como a Poesía hexágono, de Apiario, ou os obradoiros que desde hai tempo organiza a AELG nos centros de ensino. Máis alá do esforzo individual dalgúns docentes -que me constan-, no propio sistema educativo hai iniciativas que funcionan máis ou menos ben e están a dar algúns resultados como os clubes de lectura ou os programas de bibliotecas. Pero sospeito que o alcance destas accións segue a ser discreto e teño a sensación de que a poesía tampouco non é alí un convidado habitual. Como se, unha vez que se consegue un feixiño de persoas interesadas en ler, tivesen medo de arredalos se lles dan a ler poesía.
Penso que o traballo hai que orientalo sobre todo ao corpo docente de literatura. O camiño, claramente, é o lector. Sen lectores e lectoras non hai literatura. Nós temos ben pouquiños lectores e os docentes, sobre todo os de literatura, pero non só, poderían axudarnos a crealos.
– P: Como ves a literatura galega nestes momentos?
– EE: Feble. Creo que esa é a palabra. Desde o lado dos escritores hai dinamismo na hora de producir. E calidade. E mesmo moito empeño por tentar activar a difusión das obras resultantes. Ademais, hai unha actividade intensa na rede, pero está demostrado que non abonda. Os escritores e as escritoras traballamos constantemente e moitas das cousas que facemos poñémolas ao alcance do público: no papel, na rede, na rúa. Pero o público non chega. Non son amigo nin do pesimismo nin de hipotecar a resolución de problemas nas accións de entes supostamente responsábeis (a administración, por exemplo) nos que non está ao meu alcance influír. Creo que fai falta unha maior conciencia nos propios lectores e lectoras, que non viven esa falta de contacto coa literatura galega como un problema para eles. A cultura propia é algo que non doe na xente e iso é un problema serio.
Pregúntome se é normal que a dinamización cultural dependa tanto dos autores. Penso que temos unha eiva moi importante na poesía galega no ámbito editorial: non hai un esforzo editorial serio por facer chegar a poesía ao público. As (poucas) editoriais que publican poesía, difunden mal ou nada e todo queda librado moitas veces ao esforzo dos autores e autoras. Pero ese esforzo levamos moitísimo tempo facéndoo e non hai resultados relevantes polo que teño que concluír que, ou ben non van na boa dirección, ben non son suficientes e requiren da colaboración con outros esforzos. (…)”

A Coruña: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e fotografías de Ignacio Castro, “Nachok”

OEduardo Estévez mércores 2 de decembro, ás 20:30 horas, en Linda Rama (Porta de Aires, 4), na Coruña, preséntase o libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro. No acto, xunto aos autores, participará unha persoa representante de editora e os músicos Belén Bermejo e Andrés Díaz.

Eduardo Estévez: “Non me interesa dar imaxe de escritor sufrinte que iso tamén é, á fin e ao cabo, outro tópico”

EntrevistaEduardo Estévez de Montse Dopico a Eduardo Estévez en Praza:
“(…) – Praza (P): entrar na casa é froito dun encontro co fotógrafo Ignacio Castro. Como foi?
– Eduardo Estévez (EE): Ignacio Castro leu o meu libro construcións e viu que había unha relación entre a súa e a miña forma de mirar. Levo tempo dándolle voltas ao tema de mirar dunha maneira diferente. Interésame moito a literatura militante, que a verdade é que envexo, pero a min non me sae. Pois a maneira que atopei de facer algo semellante foi esa: tentar mirar as cousas desde outra perspectiva. Non para levar a mirada dos demais á miña, senón co obxectivo de que o lector se decate de que hai outras formas de mirar. En construcións facía iso mirando aos pequenos detalles. Porque mirar o detalle pode ser outro xeito de ver o total, o xeral.
Pois Ignacio Castro envioume unha ligazón para que puidese ver as súas fotos. Intercambiamos varios correos e unha vez e díxenlle que un día podiamos facer algo xuntos. Nunha semana respondeu: facemos? E así foi. Establecemos un diálogo do que o libro é resultado. Non é un libro de poemas con fotos nin un libro de fotos glosadas con textos. Eu escribín textos a partir de fotos, el fixo fotos a partir de textos… e os dous intervimos no que facía o outro. El orientaba os meus textos e eu as súas fotos. (…)
– P: Por que a idea da construción sae tanto na túa obra, entón?
– EE: Eu penso moito en como fago o que fago. Interésame moito o proceso, a construción. E tamén a construción que cada un fai de si mesmo. Interésanme os procesos máis que os resultados. Desfruto moito co proceso de construción dos libros. Agora estou co proxeto de baleas, que creo que é un dos mellores libros que escribín. É un work-in-progress que fun publicando en internet, con todas as versións de todos os poemas. Se cadra o publico tamén en papel. (…)
– P: lúa gris ten algunha conexión con en construción: a casa, as pegadas, a ausencia… Que relación teñen? Ou a idea de lúa gris era máis ben outra?
– EE: lúa gris é o máis parecido a un libro autobiográfico. Naceu dun soño no que aparecía a casa da miña infancia pero derruída. Afortunadamente a casa segue en pé, pero a imaxe serviume de escusa para facer o libro sobre a infancia e a adolescencia. Tanto ten se o que se conta ten un correlato biográfico estrito ou non. Mirado con ollos xornalísticos hai poemas que falan de cousas que aconteceron e outros que son construcións imaxinarias. E mesmo os que falan de cousas que aconteceron son tamén construcións imaxinarias, claro… (…)”

Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Desde12193820_987603724596403_4700766935712179039_n o Concello de Malpica:
“O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra A razão do perverso. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada A outra voz, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.
Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.
Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de A outra voz xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea. (…)”

Foz: actos destacados da Feira do Libro do sábado 22

OFeira do Libro de Foz 2015 sábado 22 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz no seu penúltimo día (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación do libro De paseo con Crunia, de Cristina Corral Meilán, publicado por Embora. Ao finalizar, a autora asinará exemplares da súa obra.
19:30 h. O fotógrafo Ignacio Castro, “Nachok”, asinará exemplares do libro Entrar na casa, con poemas de Eduardo Estévez, publicado por Estaleiro, na caseta da Libraría Bahía.
20:00 h. Presentación de De punta a chicote. Dicionario de expresións mariñeiras e Traca-traco, de Paco Rivas, publicados por Edicións do Cumio. Participan, xunto ao autor, Cándido Meixide e os mariñeiros Ton de Chao e Ricardo “Ridó”.
21:00 h. David Pobra, autor de Liña azul, publicado en Xerais, conversará sobre o detective Palmeira, protagonista da súa obra.

Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do martes 11

OAgosto cultural Cee martes 11 de agosto comeza a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

20:30 h. Presentación do libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro, nun acto presentado por Serxio Iglesias.
20:30 h. Modesto Fraga asina exemplares do seu libro Atlántica luz. Poesía mareira 1995-2015, na caseta da Libraría Á lus do candil.
21:15 h. Pregón da Feira a cargo de María Canosa, acompañada por Yolanda García Leal e Ramón Vigo Sambade.