Revistas dixitais, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Continuando co seu impagable labor de difusión e análise da literatura galega de noso, a AELG, a través do seu voceiro a revista Escrita contemporánea, publicou un volume no que se recollen as Actas do VI Encontro de Novos/as escritores/as baixo o título xeral de Da tinta á pegada dixital.
Esta entrega de Escrita contemporánea —que na súa particular numeración alfabetizada fai xa o R— debrócase no moi suxestivo e complexo mundo das revistas dixitais como novos espazos para a presenza da literatura na sociedade actual.
Cómpre dicir que, como queira que os encontros que reproduce esta publicación tiveron lugar en setembro do 2011, algunhas das informacións ou valoracións que nel se verteron foron xa matizadas ou superadas pola vertixinosa realidade dixital. Secasí, é evidente que a cerna do alí exposto segue a ter vixencia e que gran parte das súas propostas se viron tamén confirmadas neste tempo.
Prologado polo presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, o volume recolle unha conferencia inaugural de Tati Mancebo sobre As revistas na era dixital e os relatorios de dúas mesas redondas: unha primeira arredor do concepto Crear desde a ventá e unha segunda para As revistas dixitais na Galiza: pasado, presente e futuro.
Coordinada por Antía Otero, vicepresidenta da institución, a primeira das mesas reuniu as voces de tres poetas singulares que desenvolveron (e algúns aínda desenvolven) na Rede interesantes espazos de comunicación. Velaí o ciborg literario …mmmm… de Estíbaliz Espinosa, o colaxe creativo de Ana Cibeira e o punk poeticomusical de Leo F. Campos en Haicu.
Pola súa banda, a segunda das mesas tivo como mestra de cerimonias á tamén poeta Elvira Riveiro Tobío, quen cedeu a palabra a Chus Nogueira para que fixese un exhaustivo varrido das orixes e actualidade das revistas literararias en internet; a Gaspar Domínguez para que falase da poesía e o medio electrónico dende a súa experiencia como xestor da páxina Andar21.net; e a Montse Pena Presas para que se ocupase das plataformas que acubillan a crítica literaria galega entre retrincos de tinta e bytes.
É moi de agradecer que as xentes da AELG tomasen a iniciativa de convocar este foro e publicar as presentes actas. Neste mundo evidentemente internetizado, onde a convivencia da prensa en papel e os novos medios dixitais é unha realidade da que a práctica totalidade da nosa sociedade xa participa, facíase necesario reflexionar sobre as posibilidades que este novo continente abriu para a creación e o pensamento dende as revistas que pola arañeira circulan.
Para tod@s @s que, como ciberlector@s asidu@s, navegades polo ancho mar da Rede este Escrita contemporánea. Da tinta á pegada dixital ha ser lectura coa que hiperenlazar lediciosamente. As súas páxinas complementariamente non electrónicas esperan por vós.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-2-2013]

A Coruña: recital de A hostia en verso: Poetas Carnívoros vs. Poetas Veganos

O martes 4 de decembro, ás 20:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar unha nova edición de A hostia en verso, baixo o título Poetas carnívoros vs. poetas veganos. Conducido por Lucía Aldao e María Lado, o recital enfrontará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, Nolim González, Xabier Xil Xardón, Estíbaliz Espinosa e Cesáreo Sánchez Iglesias nun duelo sen tregua. O elenco complétase coa música en vivo de Mig Seoane.

Gales: participación de Estíbaliz Espinosa no North Wales International Poetry Festival

Estíbaliz Espinosa participará nun programa de actividades entre os días 3 e 7 de outubro en Gales, entre as que se encontra a participación no North Wales International Poetry Festival. O programa é o seguinte:

Día 3 de outubro:
– 20:00 h. Entrevista a Estíbaliz Espinosa en Môn FM, radio local.
Día 4, xoves: (Lecturas a estudantes de escrita creativa na Universidade de Bangor pola mañá e lectura no teatro)
– 11:15 h. Meet in foyer of Management Centre. Give short readings for creative writing students.
– 20:00 h. Reading by Jeroen Theunissen, Julia Fiedorczuk, Katerina Iliopoulou, Estíbaliz Espinosa and Eduard Escoffet. Bangor University Terrace Room
Día 5, venres: (Participación nun mapa colaborativo. Lecturas de traducións dos/as poetas visitantes en inglés e galés)
– De 18:30 a 19:45 h. Europe: Poetry Reading, Arts Centre Old Café:
An evening of poetry that in different ways maps Europe – a collaborative map by five Aberystwyth-based poets (Tiffany Atkinson, Matthew Francis, Richard Marggraf Turley, Katherine Stansfield and Damian Walford Davies), four European poets (Julia Fiedorczuk (Poland), Katerina Iliopoulou (Greece), Jeroen Theunissen (Belgium), and Estíbaliz Espinosa (Galicia)), and research students of the Department of English & Creative Writing, who will read the translated work of the visiting poets (in Welsh and in English).
Día 7, domingo: (Lecturas de todos os/as poetas)
– 16:00 h. Absurd presents…
The North Wales International Poetry Festival brings leading poets from around Europe to Mold for a unique encounter between cultures. Presented with translation into Welsh and English, this is a chance to hear some of the most vibrant contemporary voices in their own languages. If it is sometimes said that poetry is what is lost in translation, this event will show what is gained when different ways of looking at the world spark each other into life. The event will be introduced by Zoë Skoulding, editor of Poetry Wales.

Outubro verá unha bandada de poetas internacionais en Gales do norte, traendo unha gama de linguas desde grego ao galego en diálogo con galés e inglés. Un programa inusual que abarca Machynlleth, Aberystwyth, Bangor e Mold traerá poesía nunha viaxe emocionante, cos acontecementos que deixan a seguranza de librarías e bibliotecas para desprazáranse a tendas, museos, universidades e teatros. As lecturas faranse nas linguas orixinais, con traducións galesas e inglesas para axudarnos ao longo da viaxe. Poetas galeses en ambas as dúas linguas tamén participarán, traendo unha dimensión local a esta reunión internacional.
A aliñación impresionante de escritoras/es visitantes inclúe: Eduard Escoffet (Catalunya); Estíbaliz Espinosa (Galiza); Julia Fiedorczuk (Polonia); Katerina Iliopoulou (Grecia); Cia Rinne (Suecia/Finlandia/Alemaña); Morten Søndergaard (Dinamarca); Jeroen Theunissen (Bélxica); Anja Utler (Alemaña) e Yu Jian (China). Entre os poetas galeses que participan están Tony Conran, Samantha Wynne-Rhydderch, Twm Morys, Karen Owen e Gerwyn Williams. Zoë Skoulding, organizadora do festival declarou que “A poesía trata a miúdo de traer os sons e significados das palabras xuntas en modos inesperados. Escoitar outras linguas neste contexto bilingüe é un xeito de explorar a riqueza da cultura propia, ao tempo que se abre a ideas novas.” Desde lecturas a un open mic, discusións e mesmo un Paseo de poesía “whatever the weather”, o Festival Internacional de Poesía de Gales do norte ten abundancia de acontecementos para pór unha primavera no outono, e é unha colaboración entre Poetry Wales and Tŷ Newydd Writers’ Centre/Translators’ House Wales, apoiada por Arts Council of Wales, Bangor University, Literature Across Frontiers, Wales Literature Exchange, Literature Wales, Aberystwyth University, the British Councile e varias organizacións no estranxeiro listadas no sitio web de festival. As/Os poetas convidados estarán aloxados en Ty Newydd, o National Writers’ Centre for Wales, onde se farán unha serie de talleres literarios. Durante o os sete días do festival, haberá eventos por toda a xeografía do norte de Gales (Bangor, Mold, Aberystwyth). O extraordinario do Festival é que os eventos poéticos acontecerán en lugares abertos ou públicos das vilas e cidades, como bibliotecas, mercados ou o Pier victoriano da cidade de Bangor. É unha actividade promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Parlamento das letras: Estíbaliz Espinosa

Entrevista de Armando Requeixo a Estíbaliz Espinosa no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Estíbaliz Espinosa (EE): Ás nosas letras fáltanlle —será por pouco tempo— traducións dos clásicos da ciencia —as Lecturas en Física de Feynman, obras de Sagan ou Koestler ou Pinker ou Dawkins…—, de ensaio, de cómic —Little Nemo, por exemplo—, de ciencia-ficción; esluír a identificación literatura = poesía/novela/conto; fáltalle confianza en si mesma por parte de todos os axentes sociais, dende lectores a autores. Fáltanlle mulleres metidas na fariña. E fáltalle o salto á literatura dixital que complemente —non tanto substitúa— a literatura en papel. O que lle sobra é capacidade de re-creación. Seica neste norte do sur do hemisferio norte lévase, en xeral, ese talento despreocupado e distraído que tanto alporiza a outros: sabemos que talento aquí hai, mais non lle concedemos moita importancia nin atragoamos de solemnidade. É a nosa forma de ser. Non somos ianquis. Uns gramiños de endogamia tamén lle sobran, pero iso está a cambiar ou tal espero. Caciques literarios e amiguismos, claro, pero iso sóbralle a todas as literaturas. Tamén en todas acho de máis a figura do ‘escritor burócrata’: alguén con ganas de fosilizarse nun lugar cómodo diso que se dá en chamar —non sen certa afectación— cultura, e non pretender outra cousa que o clasismo reseso e o exercicio da influencia e do poder. Un escritor naceu para se dar de fociños coa vida e non quedar só na súa cara subvencionada, de aí a necesidade de cambios periódicos naquilo que leve a etiqueta de ‘sistema’, de aceptarmos que toda estrutura social esclerosada no tempo tende á mafia. Sen menoscabo disto, percibo aínda tendencia xeral a desvalorizar o acto de escribir, como se non fose máis aló dunha ‘emanación astral’ que non entraña esforzo nin repercusión ningunha, e ás veces semella que habemos reverenciar a oportunidade de botar a nosa leria por aí, a 80 quilómetros da casa e de balde. De se converter nunha actividade frecuente, cómpre regulalo como o traballo que é: non todos somos a condesa de Pardo Bazán nin vivimos de pagar con hexámetros á peixeira. Debo engadir, no entanto, que se mudou bastante nese sentido e é moi de agradecer por exemplo o empeño da AELG nos últimos anos. Así a todo, segue a resultar complicado manter o equilibrio ético entre o/a escritor/a morto/a de fame e o/a subvencionado/a a inzar calquera libro de autocompracencias coa conivencia dun mercado editorial superpoboado. Acadar unha infraestrutura de lectores non só composta dos propios escritores destaca como materia pendente na que internet, a antártida na que polo de agora ‘somos o que escribimos e o que lemos’, está a fornecer novos depredadores e reconstrutores do literario.
Se cadra estou a falar dun xeito moi provinciano con todo isto, mais unha parte da literatura que me interesa nace do provincianismo e da sensación de periferia… A literatura galega, a priori, é como calquera outra (chinesa, rusa, venezolana, nixeriana ou suíza). Coido que asumir esa normalidade —mesmo que naturalmente se trate de algo aínda por acadar— constitúe un punto de partida para evitar redundar no mesmo ante os de sempre, os xa persuadidos e diría que aburridos da transcendencia e singular-idade da lingua, os que medramos cunha conciencia deste anaco de planeta desenraizado da oficialidade da historia… O contrario é procurar o aplauso fácil… unha droga de certo abuso nas letras. A nosa época vai moi escéptica coa literatura, a arte… haberán desculpar se me len dende o futuro. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EE: Non me vexo na postura óptima para valoralo. Todo presente é unha sensación estática de algo mutante. Agora esa mutación semella obvia: asistimos a un transformismo total nas nosas armas de lectura e escritura, avalado pola dixitalización imparable, pero moitos dos rostros dese cambio resultan aínda impredicibles. Literariamente, achámonos á altura de calquera cultura veciña, con autores brillantes e non tanto, lectores formados, variedade e versatilidade… quizais sexa o mercado editorial ‘decimonónico’ baseado no pater familias o axente máis obsoleto. O noso sistema literario aínda é novo. Óese crecer. Así que se me deteño na expresión ‘presente literario’ imaxino un deses obxectos atravesados por unha bala e gravados con cámara de alta velocidade: a detonación é lenta, é fluída, case non é pero é. Intentamos penetrar no pasado ou no futuro literarios, enguedellámolos por completo e supoño que a filloa resultante é o que coñecemos como presente. Pasado e Futuro. Paturo e Fusado. Pasaturo e Futurado. Como dous amigos xaponeses. Indistinguibles. (…)”

A Coruña: presentación de Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega