Desde Nós Diario:
“Xosé Ricardo Losada, profesor e escritor do municipio de Rianxo (O Barbanza), recibiu este sábado en Noia (comarca homónima), o premio do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos polo seu traballo Un inferno frío.
No concorrido acto, que tivo lugar na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, foi presentado o libro co mesmo título, editado por Toxosoutos e coas ilustracións a cargo do artista noiés Xosé Luís Veiras Manteiga.
Alén da publicación do libro, que foi entregado a Losada por Veiras Manteiga e que forma parte do premio, o gañador recibiu os 3.000 euros nos que está valorado o certame por parte do concelleiro de Cultura da localidade, José Pérez. Ademais, recibiu unha escultura realizada polo coñecido artista local Alfonso Costa da man do escritor ribeirense Antonio Piñeiro.
Segundo sinalou Xosé Ricardo Losada, o libro trátase dunha homenaxe a Faustino Rey Romero, crego de Rianxo que emigrou a Bos Aires (Arxentina) e do que el mesmo fixo unha biografía. Así mesmo, o libro tamén trata de facer tributo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira.
Nesta ficción con personaxes que foron reais, Castelao e Virxinia tratan de desentrañar a verdade sobre o asasinato en Bos Aires de Don Faustino, segundo relatou o autor durante a súa intervención, na que non faltou a lembranza e a poesía de Avilés de Taramancos. Neste sentido, o acto tamén estivo acompañado pola actuación de Serafín Marcos, tamén ao redor da obra de Antón Avilés. (…)”
Arquivos da etiqueta: Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo
Xosé Ricardo Losada reivindica a figura de Faustino Rey Romero
Padrón: presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de Xosé Ricardo Losada
O venres 29 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Padrón, terá lugar a presentación do libro Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de Xosé Ricardo Losada, publicado en Xerais, nun acto organizado polo Concello de Padrón.
A Pobra do Caramiñal: presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de X. Ricardo Losada
Tui: presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de Xosé Ricardo Losada
O venres 16 de outubro, ás 20:30 horas, na sala Félix Rodríguez, a Área Panorámica de Tui, terá lugar a presentación do libro Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de Xosé Ricardo Losada, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Asociación Levada Libre (Foro aberto de opinión tudense) en colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui.
Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do sábado 25 e domingo 26
O domingo 26 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados nos dous últimos días desta edición:
Sábado 25
– 12:00 h. Presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de X. Ricardo Losada, publicado por Xerais, e Elos de cinza, de Xosé Manuel Lobato, publicado por Ézaro, coa participación de Manuel Bragado, Antón Riveiro Coello e Alejandro Miguéns. Presenta o acto Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo). Na Casa do Concello.
– 20:30 h. Presentación de A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro, publicado por Galaxia, e de O solpor dos deuses, de Xosé Duncan, publicado por Contos Estraños Editora. Coa participación de Manuel Cartea e Adolfo Muíños Sánchez.
Domingo 26
– 12:00 h. Presentación do libro infantil As señoras cousas, de Helena Villar Janeiro, publicada por Galaxia e de Leandro e os números, de Rocío Pérez Castro. Participarán no acto Francisco Castro, Lidia Brea e Rita Bugallo. Presenta o acto Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo). Na Casa do Concello.
– 18:00 h. Actividade infantil. Contacontos por Miguel Ángel Alonso Diz, organizada por Nova Galicia Edicións.
Onte 1389: O evanxeo bufo de Faustino Rey Romero
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Presentamos o venres 17 de xullo na primeira edición da Feira do Libro de Ribeira a biografía que Xosé Ricardo Losada preparou de Faustino Rey Romero, o poeta crego galeguista e antifranquista da Xeración da Tebra. Foi Manuel Cartea que dialogou co autor sobre unha obra que comezou definindo como «informativa e crítica, moi documentada, interpretada e interpretativa» e rematou aconsellando moi vivamente polo seu carácter de «biografía complexa na fronteira entre a verdade e a verosimilitude».
Cartea afirmou que nesta biografía atopábase felizmente un protagonista riquísimo e un autor polivalente, eficaz e moi irónico». Na formulación da súa primeira pregunta afirmou que «Faustino foi un crego franciscano postconciliar, antes da celebración do Vaticano II, capaz de enfrontarse na década de 1950 tanto coa igrexa estamental como coa igrexa franquista». Ricardo Losada contestoulle que «Faustino cometeu ao longo da súa vida dous pecados revolucionarios contra o poder: o primeiro, amar aos pobres e identificarse con eles; o segundo, o amor a Galicia, a súa cultura e a sua lingua». «Ao longo da súa vida Faustino apostou sempre pola microrrevolución, xa que para el todo derivaba do evanxeo, pola súa preocupación polas cousas do día.» «Non era unha persoa ideoloxizada que crese en cambios políticos bruscos. Foi un antifranquista por razón do evanxeo. Valoraba máis ás persoas que facían o traballo metódico cada día. Era a súa forma de poder mudar o mundo.»
Cartea e Losada conversaron despois sobre a condición de Faustino como «poeta cura» ou «cura poeta». Losada comentou a afirmación de Xosé Luís Franco Grande que coloca a Faustino como «un poeta que naceu antes de tempo»: «A loita de Faustino foi contra o mundo burgués. A súa poesía ten unha paixón popular, busca unha forma, sobre todo o soneto, para expresar a súa subxectividade persoal.» A seguir abordaron as relacións que mantivo co pai, nas que Losada considerou «existía un conflito, pero non hai culpabilidade», para centrarse despois nas extravagancias do personaxe. Para Losada «Faustino nunca colocou máscara ningunha, adoptou unha forma de vida franciscana, toda a súa vida foi unha reivindicación do humor, o seu histrionismo era apenas un xeito de chamar a atención e dicir as cousas que naquel momento non se podían dicir.» Con respecto a polémica sobre o sexo, onde hai opinións diversas, Losada confesou que para el «Faustino morreu célibe. O que dicía sobre o sexo era unha provocación, un xeito informar de expresar que estaba en contra do celibato. Unha práctica que encaixa na súa visión franciscana do que é a vida.» «Mais tampouco podemos esquecer que a angustia foi un tema recorrente na súa vida. Faustino decidiu vivir imitando a Francisco nas circunstancias do franquismo en parroquias rurais e acaba atrapado e fracasando no seu proxecto poético e familiar, mais tamén no proxecto como crego, entrando nun proceso de autodestrución que o levou a marchar para Arxentina onde morreu.»”
Ribeira: actividade destacada na Feira do Libro o venres 17
O venres 17 de xullo continúa a Feira do Libro de Ribeira (na Praza do Concello), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:30 h., co seguinte acto literario destacado para este día:
– 20:30 h. Presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de Xosé Ricardo Losada, publicado en Xerais. No acto acompañan ao autor Manuel Cartea e Manuel Bragado.