O sábado 2 de xullo, ás 19:00 h., dentro do X Encontro de Embarcacións Tradicionais en Carril, preséntase o poemario Tamén navegar, antoloxía de poesía galega dedicada á carpintería de ribeira e ás embarcacións tradicionais, en edición a cargo de Francisco X. Fernández Naval, e publicado en Toxosoutos. Ao rematar o acto haberá un recital poético no que intervirán Marta Dacosta, Miro Villar, Ramón Caride, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Henrique Rivadulla Corcón, Carlos Arias e Cesáreo Sánchez.
Arquivos da etiqueta: Francisco X. Fernández Naval
Guitiriz: curso Paisaxes simbólicas na nosa cultura, na Universidade de Verán 2011, do 20 ao 22 de xullo
O Curso Paisaxes simbólicas na nosa cultura, da Universidade de Verán 2011 (Universidade de Santiago), desenvolverase do mércores 20 ao venres 22 de xullo, na Casa Habanera (Guitiriz, Lugo), con 22 horas lectivas. O curso está cofinanciado polo Concello de Guitiriz e outras institucións e empresas. O seu director é Roxelio Pérez Moreira e o seu secretario: Francisco Javier López González. Máis información sobre o curso e matrícula (o prazo remata o venres 8 de xullo) aquí.
PROGRAMA
* Mércores 20 de xullo:
– 10:00 h. Recepción e inauguración.
– 11:00 h. Os usos simbólicos da paisaxe: simbolismo existencial, simbolismo cultural. María López Sández, doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada.
– 12:45 h. As paisaxes do pan: entre a terra e a mesa. Adolfo García Martínez, profesor de Antropoloxía Social e Cultural. UNED.
– 16:15 h. Imaxe do xardín do Edén nos claustros dos mosteiros galegos. Ana Goy Diz, profesora de Historia da Arte. Universidade de Santiago de Compostela.
– 18:00 h. Viaxe a procura do solpor. Francisco X. Fernández Naval, escritor.
* Xoves 21 de xullo:
– 10:00 h. A casa tradicional: simbolismo e arquitectura popular. Francisco Javier López González, profesor de Enxeñaría Agroforestal. Universidade de Santiago de Compostela.
– 11:15 h. Cruceiros e cruces na paisaxe galega. Fernando Arribas Arias, etnógrafo e investigador do patrimonio cultural.
– 13:00 h. Arqueoloxía e territorio: patrimonio e paisaxe. Felipe Arias Vilas, director do Museo do Castro de Viladonga, arqueólogo e historiador.
– 16:15 h. A paisaxe rural na nosa arte pictórica: realidade e idealización. Roxelio Pérez Moreira, profesor de Patrimonio Natural e Paisaxe. Universidade de Santiago de Compostela.
– 18:00 h. As paisaxes do mar na arte pictórica galega. Xosé Manuel B. López Vázquez, profesor de Historia da Arte. Universidade de Santiago de Compostela.
* Venres 22 de xullo:
– 10:00 h. Bosques simbólicos de Galicia. Manuel Antonio Rodríguez Guitián, botánico e profesor de Produción Vexetal. Universidade de Santiago de Compostela.
– 11:15 h. Da natureza xurdíu o símbolo. Luís Giadás, investigador de simbolismos e rituais na cultura popular.
– 13:00 h. As paisaxes imaxinarias na cultura popular galega. Antonio Reigosa, escritor e investigador da mitoloxía popular e da literatura de tradición oral.
– 16:30 h. Roteiro: paisaxes simbólicas chairegas.
A Coruña: Festa do Libro, actividades do martes 17 de maio
Finaliza a nova edición da FESTA DO LIBRO, nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, organizada pola Concellaría de Cultura e a Agrupación de Libreiros da Coruña, con horarios de 11:30 a 14:00 e de 17:30 a 21:30 horas. Este é o programa de actividades para o martes 17:
– 12:00 h.- Lectura colectiva e música. Organiza Queremos Galego. No Obelisco.
– De 17:30 a 19:30 h.- “Se queres un retrato faicho Xurxo Lobato”. Se compras libros na Festa agasallámosche cun retrato que che fará Xurxo Lobato e que poderás visualizar, engadir notas, comentarios e descargar en tamaño e resolución orixinal desde Flickr. No Palco da Música.
– 18:00 h.- Presentación da serie de novelas “Suso Espada”, de Francisco X. Fernández Naval (Ed. Everest). Lectura de fragmentos da última entrega “Suso Espada. Nota Roja“. Participan Irene Penas, directora de Everest Galicia e o propio autor. No Kiosco Alfonso.
– 18:00 h.- Visita guiada á exposición de Quintana Martelo. No Kiosco Alfonso.
– 19:00 h.- Actuación de Nova Galega de Danza: “Tradicción“. Diante do Kiosco Alfonso.
– 20:00 h.- “Declaración audiovisual: Lois Pereiro“, por Xurxo Souto e Fran Amil. No Kiosco Alfonso.
– 20:30 h.- “Moita poesía, pouca diversión”. Lucía Aldao e María Lado. Diante do Kiosco Alfonso.
Vigo: lectura pública da obra de Lois Pereiro, e recital poético-visual con poemas seus
O luns 16 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca Xosé Neira Vilas (Rúa Martínez Garrido, 21) de Vigo, terá lugar unha lectura pública da biografía de Lois Pereiro, en véspera da celebración do Día das Letras Galegas, na que participarán tanto autoridades, como o concelleiro de cultura, Xesús López Carreira, como todas aquelas persoas que queiran acercarse á biblioteca. Tras este achegamento á vida do autor a poeta Olga Patiño levará a cabo un recital poético-visual no que presentará algúns dos poemas máis relevantes de Lois Pereiro, acompañada polo escritor Francisco Fernández Naval e a fotógrafa Maribel Longueira.
Sarria: o 7 de maio entrega do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño a Xerardo Quintiá
O sábado 7 de maio, a partir das 19:30 horas, no Hotel Alfonso IX de Sarria, celebrarase a festa da poesía coa entrega a Xerardo Quintiá o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, organizado pola A. C. Ergueitos, participarán os membros do xurado Chus Pato, Xiana Arias, Baldo Ramos, Xermán Arias e María Casar, contando con Francisco X. Fernández Naval como mantedor e as actuacións do músico Manu Clavijo e o mago Carlos Coira.
A Coruña: recital de poesía e música con Roberto Reséndiz Carmona
O xoves 10 de marzo, ás 20:15 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o recital do poeta de Zamora de Michoacan (México) Roberto Reséndiz Carmona. No acto participan Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Olga Patiño e o propio autor mexicano, coa compaña dos músicos César Morán e Xosé Taboada.
Vilaboa, Culleredo: presentación de Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval
O mércores 23 de febreiro, ás 20:00 h., na Aula de Poesía da Biblioteca Uxío Novoneyra de Vila Melania, en Vilaboa (Culleredo), preséntase Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, gañador do X Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, publicado en Espiral Maior. No acto participan Celestino Poza, María Casar e Miguel Anxo Fernán-Vello.
A Coruña: recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez
O xoves 17 de febreiro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, terá lugar un recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura da Coruña quere mostrar así o seu agradecemento a Perfecto Estévez, deseñador referencial do noso país, e que ten colaborado coa AELG en tempos difíciles. O acto, presentado por Dores Tembrás, contará coa presenza de:
– Lois Diéguez
– Francisco X. Fernández Naval
– Yolanda Castaño
– Xulio L. Valcárcel
– Marica Campo
– Diana Varela
– Cesáreo Sánchez
Haberá unha actuación musical de César Morán e Xosé Taboada.
Na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, tamén en Durán Loriga, 10, pódese visitar a Exposición homenaxe a Perfecto Estévez organizada pola Concellaría de Cultura da Coruña.
A Coruña: presentación do libro A frecha azul do teixo, de Eva Veiga
O venres 11 de febreiro, a partir das 20:00 h., na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Teresa Seara, Francisco X. Fernández Naval, Miguel Anxo Fernán-Vello, e finalizará cunha actuación do Grupo Ouriol (Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez).
Lugo: presentación de Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval
O venres 28 de xaneiro, ás 20:00 h., na Librería Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, gañador do X Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando ao autor, participan Miguel Anxo Fernán-Vello, Marica Campo e María Casar. Organizado pola A. C. Ergueitos.