O porriñés Diego Giráldez gaña o XLIII Premio de Novela Blanco Amor por As obras póstumas

Desde Nós Diario (foto do autor desde a Wikipedia galega):
“O escritor porriñés Diego Giráldez García é o gañador do XLIII Premio de Novela Eduardo Blanco Amor polo seu traballo As obras póstumas. Así o acordou o xurado do certame, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que escolleu a obra gañadora por maioría de entre un total de 49 orixinais presentados a esta edición, máis do dobre das obras recibidas na pasada edición (21). Organizado pola Fundación Eduardo Blanco Amor coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano.
Na súa resolución, difundida este domingo, o xurado destaca o estilo “directo, rico e cargado de simbolismo” que caracteriza a obra premiada, na que se aborda a historia dunha escritora que ante a diagnose de demencia reflexiona sobre a vida e sobre o seu traballo. A prosa elaborada de Giráldez, engade o xurado, crea unha “atmosfera estremecedora sobre o tempo e a memoria” e amosa a realidade crúa sobre o tratamento da enfermidade psiquiátrica do pasado “sen caer en estereotipos”.
Unha vez concluída a reunión do xurado, o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, comunicou por vía telefónica ao escritor a concesión deste galardón pola obra que presentou ao certame baixo o lema ‘Contra o peito’.
O xurado, que destacou a calidade literaria dos traballos presentados e o crecemento da participación neste premio, estivo presidido por Luís González Tosar, en representación da Fundación Blanco Amor, e integrado polo crítico literario Xosé Manuel Eyré, o xornalista e escritor Fran Fernández Dávila e a tradutora Inés Mosquera, actuando como secretaria Inmaculada Otero Varela, filóloga e ensaísta galega.
O Premio Eduardo Blanco Amor é o galardón máis veterano da novela en lingua galega e leva implícita a publicación da obra por unha editorial escollida polo gañador. A entrega desta distinción producirase o próximo 13 de decembro durante un acto literario previsto para as 20 horas no Liceo de Ourense.”

Sara Vila gaña o Premio Blanco Amor

Desde o Diario de Pontevedra:
“A escritora e xornalista Sara Vila (As Neves, 1989), veciña de Pontevedra, é a gañadora do XLII Premio Blanco Amor, segundo se deu a coñecer este sábado en Ourense. Recibe o galardón pola novela O incendio.
O xurado destaca o “tratamento desprexuizado” do acoso escolar e sexual, así como das relacións familiares a través da protagonista da obra: unha muller que relata a súa adolescencia. A acta sinala que Vila emprega no seu traballo unha voz “poderosa e crúa” para achegarse a un “universo adolescente e rural que foxe da mitificación a través de personaxes ben construídos, realistas e coherentes”.
Tamén se sinala que a dureza da realidade pouco compracente de O Incendio “contrasta co sentido do humor no tratamento das diferenzas entre mocidade e vellez, ademais coa asepsia dos adultos e a problemática da infancia ou a vitalidade do primeiro encontro coa morte”. O xurado subliñou tamén a calidade literaria de todos os traballos presentados, 21 títulos orixinais.
O certame organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor, en colaboración coa Deputación de Ourense, está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano. A entrega desta distinción terá lugar o próximo 1 de decembro durante un acto literario previsto no Liceo de Ourense (20:00 horas). A data coincide co día aniversario do falecemento do autor de A Esmorga en 1979.
O xurado da 42ª edición do galardón foi presidido por Luis González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Xosé-Henrique Costas González, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo; Maite Jiménez Pérez, catedrática de Latín e tradutora; César Lorenzo Gil, xornalista, editor e escritor, e Inmaculada Otero Varela, filóloga e ensaísta.”

Marilar Aleixandre, gañadora do XXXIX Premio Blanco Amor coa obra As malas mulleres

Desde a Deputación de Ourense:
“A escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XXXIX Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor pola súa obra As malas mulleres, presentada baixo o lema “Láudano”, e na que se relata a historia das coñecidas como “visitadoras de cárceres”, nun consistente retrato do último terzo do século XIX. O xurado escolleu por unanimidade a obra gañadora de entre un total de 32 orixinais presentados a este certame, organizado pola Deputación de Ourense, en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, e dotado cun premio de 15.000 euros.
A novela gañadora retrata o tramo final do século XIX, a través dunha historia conducida polas personaxes centrais do relato, Juana de Vega e Concepción Arenal, e na que segundo reflicte a acta do fallo “recoñece e destaca, literariamente, o traballo das chamadas visitadoras de cárceres e as súas ideas progresistas e pioneiras”. Un traballo no que a autora “incorpora con habelencia elementos poéticos que reforzan unha trama ben estruturada e compensada que enriquece o relato”, destacaron os membros do xurado. (…)
O acto de entrega celebrarase o próximo 1 de decembro ás 11.00 horas no Pazo provincial, data na que se cumpren 41 anos do pasamento de Blanco Amor.
O xurado da presente edición do Premio Blanco Amor estivo integrado por Luis González Tosar, como presidente; María Canosa, secretaria; e Avelina Rodríguez, Luciano Rodríguez e Xan Carballa, como vogais. (…)”