Alborada para Rosalía de Castro

Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos:
“Prezad@s amig@s:
Este ano cúmprese o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro. Dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra única. Logo de que a Real Academia Galega se puxese en contacto coa Asociación de Gaiteiros Galegos para a organización dunha destas actividades, a AGG decidiu unirse a estas entidades para promover a Alborada para Rosalía, un acto no que se homenaxeará a Rosalía de Castro, unha das meirandes escritoras en lingua galega.
Na vindeira mañá do domingo 24 de febreiro, aniversario do nacemento da escritora, animamos a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexen, saian ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos…, para botar unha peza na honra da poeta, podendo espallar unha octavilla cun manifesto, que explica o motivo e razón da iniciativa.
Para poder amosar a todos os grupos participantes, e ver así o que ocorre nos distintos lugares de Galicia, os grupos e/ou persoas que participen gravarán a interpretación dunha peza (a elexir por cada grupo) e subirán o video a unha canle de Youtube na mesma mañá do domingo (A gravación podería ser co teléfono, ou con cámara de video, ou incluso se non se pode facer gravación se poderían enviar fotografías – as instrucións para subir o video poderanse consultar na web da Fundación Rosalía de Castro).
A partir deste material, iriamos dando conta do recibido, de xeito que dende o mesmo día poidamos ver o que ocorreu en todo o pais. Animámosvos a participar e a difundir esta actividade para conseguir que non quede ningún recuncho de terra sen o son das nosas gaitas en honor á Rosalía. Agradecemos a tod@s os participantes que nos indiquedes a través do correo secretaria@gaiteirosgalegos.com ou dos tlfs. 982229966 / 986847074 o lugar e a hora na que ides a interpretar a peza.
Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta…

“Nestes tempos convulsos para o noso país, que mellor que reivindicarmos a ousadía de Rosalía”

Artigo en Sermos Galiza:
“A Casa da Matanza, en Padrón, acolle este domingo a partir das oito do serán a conmemoración dos 127 anos do pasamento da poeta silenciada. Música, versos e discursos ao redor da súa figura farán parte do acto organizado pola fundación que leva o seu nome. Falamos con quen a preside, Anxo Angueira.
“É inmortal, segue a falarlle ao pobo galego xeración tras xeración, e aínda hoxe di cousas novas”. Quen fala é Anxo Angueira, un rosaliano por convencemento e de paixón que leva mes e medio á fronte da fundación que leva o nome da poeta silenciada. Se ben lembra que “a súa figura e o seu discurso pasaron por distintas épocas”, recoñece o profesor a beatificación oficial que se fixo de Rosalía, desposuíndoa do perfil arisco, espiñento. E reméxese en contra. “A sacrilización ou canonización da autora impediu ver o perfil máis activo, mais este discurso foi mudando”, incorporando a lectura social, política, feminista e estética. “Os redutos onde fica a idea da Rosalía nai e santiña son xa moi escasos”. (…)

Programa do acto na Casa da Matanza. 15 de xullo, 20:00 horas:
A palabra de Rosalía. Declamación de Ana Blanco.
– Xesús Alonso Montero.
– Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Poetas con Rosalía: Xavier Rodríguez Baixeras, Marica Campo, Cándido Duro, Mario Regueira, Lorena Souto e Dores Tembrás. Presenta Dolores Vilavedra.
– Actuación de Najla Shami, que interpretará pezas musicais con letra de Rosalía de Castro.
– Peche do acto: o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira Viturro.

Crónica posterior no mesmo medio, Sermos Galiza.

Anxo Angueira presidirá a Fundación Rosalía de Castro

Anxo Angueira é o novo presidente da Fundación Rosalía de Castro. O padroado da Fundación reuniuse o pasado venres 1 de xuño para escoller o novo presidente e a nova comisión executiva. Angueira chega á presidencia cunha listaxe de consenso. O escritor e poeta propuxo un programa de goberno para os próximos anos que salienta o fomento dos vínculos da entidade co Concello, con outras institucións e coa realidade do pobo de Padrón. (…) A nova comisión executiva, co escritor á cabeza, está integrada por Luz Pozo Garza, vicepresidenta da Fundación e académica de número; Xosé Carlos Beiró Piñeiro, secretario; Justo Cortizo Sóñora, tesoureiro e cinco vocais: Xesús Alonso Montero, presidente do Centro de Estudos Rosalianos e académico de número; Ana Blanco, presidenta en funcións ata a votación; María do Carme Kruckenberg, escritora e ensaísta; Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario da Real Academia Galega; e Dolores Vilavedra, profesora e crítica literaria.” Vía Fervenzas Literarias.

Rosalía, máis viva que nunca

Reportaxe de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“(…) Os actos centrais das homenaxes á escritora terán lugar en Santiago con dos puntos de atención. O acto convocado pola Fundación Rosalía de Castro realizarase na capela do Hostal dos Reis Católicos, espazo que no ano de nacemento da poeta, 1837, era un hospital. Nese mesmo espazo, segundo as biografías, foi bautizada Rosalía de Castro e este é o motivo de que a conmemoración principal saia por primeira vez da sede da fundación en Padrón. Unha circunstancia que disgustou á veciñanza da vila por máis que a presidenta da fundación, a tamén escritora Helena Villar Janeiro, sinalou que era unha decisión relacionada co carácter especial da celebración.
Lectura e cancións sobre poemas serán o eixo central das celebracións. En primeiro lugar, no acto do Hostal, que se iniciará ás sete da tarde, pero tamén haberá lecturas e poemas no acto que se fará de xeito expandido por toda Galicia, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e que terá como centro dos actos o Panteón de Galegos Ilustres. Nese espazo, a homenaxe de carácter participativo comezará arredor das seis da tarde. A lectura estendida realizarase nas principais cidades galegas e tamén en boa parte das vilas.
Un pouco máis lonxe, terá lugar outra homenaxe que tamén está relacionada coas primeiras horas de vida da escritora. Está convocada polos veciños de Conxo, ás oito menos cuarto, na Praza de Vigo, cunha ofrenda floral e un recital de Marilar Aleixandre e Anxo Angueira. O acto terá lugar no monolito que lembra a casa desa localidade na que naceu a escritora tal día coma hoxe. (…)”

Convocado o VIII Premio Rosalía de Castro para experiencias pedagóxicas. Unidades didácticas curso escolar 2011-2012

A Fundación Rosalía de Castro, para conmemorar os 25 anos do Premio Rosalía de Castro para mestres e pedagogos, creou o Premio Rosalía de Castro para experiencias pedagóxicas, que vai xa na súa oitava convocatoria.
O certame pretende potenciar o coñecemento de Rosalía e da súa obra, referencia imprescindible na formación integral dos escolares. Alén dos seus valores literarios e lingüísticos, os textos rosalianos teñen unha enorme potencialidade como motivadores de propostas de traballo nas aulas de ensino obrigatorio. Por iso consideramos que a obra de Rosalía de Castro resultará un bo material para traballar na innovación pedagóxica.
Un dos eidos máis interesantes deste traballo é a elaboración de unidades didácticas adaptadas aos diferentes niveis de ensino obrigatorio, específicas de área, interdisciplinares ou globalizadoras, segundo a etapa na que se apliquen. E cumpríndose no ano 2012 o 175 aniversario do nacemento de Rosalía, propónselle ao profesorado e á comunidade educativa en xeral a realización dunha unidade didáctica que conmemore nos centros educativos tan importante efeméride.
Esta Unidade didáctica conmemorativa do 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro ha desenvolver contidos biográficos da escritora e tamén os valores nos que creu Rosalía, contemporánea dos seus, avanzada do seu tempo e previsora dos comportamentos que habían de promoverse no futuro: o drama épico da emigración que sufriu a Galicia máis pobre e viven hoxe moitos pobos da humanidade; a problemática das mulleres con relación á igualdade, á creación e ao pensamento libre; e a denuncia da inxustiza, así como a defensa dos valores medioambientais, xa que ela foi unha extraordinaria cantora da paisaxe e da súa conservación.

A Matanza, 15 de xullo de 2011

BASES

1.- Poderán concorrer ao VIII Premio Rosalía de Castro para experiencias pedagóxicas as unidades didácticas,  desenvoltas en lingua galega, nos niveis obrigatorios do ensino durante o curso escolar 2011-2012, que xiren arredor do 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, considerando tamén a súa obra.
2.- Os aspirantes presentarán:
2.1. Unha unidade didáctica que conste, cando menos, dos seguintes apartados:
– Descrición do centro ou centros nos que foi aplicada.
– Profesorado que participa na experiencia.
– Alumnado ao que foi destinada.
– Obxectivos que se perseguiron.
– Contidos educativos que se desenvolveron.
– Metodoloxía aplicada.
– Relación do material de apoio seleccionado.
– Actividades propostas.
– Criterios e procedementos de avaliación.
– Valoración global do resultado.
2.2. Mostra significativa das actividades realizadas polo alumnado.
2.3. Certificación da dirección do centro ou centros que acredite a experiencia.
3.- A Unidade, asinada polo autor/a ou coordinador/a, presentarase por quintuplicado.
4.- O xurado valorará os seguintes aspectos:
– Idoneidade da selección de obxectivos e contidos.
– Idoneidade da selección de textos rosalianos.
– Selección e variedade do material de apoio.
– Implicación da comunidade educativa.
– Carácter innovador.
– Emprego das novas tecnoloxías.
– Atención á diversidade.
5.- Os traballos enviaranse por correo certificado, antes do 31 de maio de 2012, ao seguinte enderezo:

VIII PREMIO ROSALÍA DE CASTRO PARA EXPERIENCIAS PEDAGÓXICAS INNOVADORAS
FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO.
Casa da Matanza.
15917 PADRÓN (A Coruña)

6.- Concederanse dous galardóns:
– Primeiro premio: 3.000 euros e un lote de libros para o centro, así como diplomas acreditativos para os autores e os centros.
– Segundo premio: 1.500 euros e un lote de libros para o centro, así como diplomas acreditativos para os autores e os centros.
7.- O xurado terá capacidade para interpretar estas bases e poderá outorgar as mencións que considere oportunas. O premio poderá ser declarado deserto se, a seu xuízo, os traballos non teñen calidade suficiente. O fallo do xurado será inapelable.
8.- Os traballos premiados quedarán a disposición da Fundación Rosalía de Castro, que se reserva o dereito de expoñelos na súa aula pedagóxica e de publicalos para a súa divulgación. Os que non obtivesen galardón poderán retirarse no prazo dun mes a partir do día do fallo.
9.- O premio fallarase durante a primeira quincena de xuño e a entrega terá lugar o día 15 de xullo de 2012 no transcurso do acto que a Fundación Rosalía de Castro celebra anualmente para conmemorar o pasamento da escritora.”

As bases pódense descargar tamén aquí: Bases VIII Premio Rosalía de Castro para experiencias pedagóxicas.