Publicación da III Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GÁLIX, e a Secretaría Xeral de Igualdade veñen de publicar a III Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade. Esta publicación pretende destacar aqueles libros que superan a discriminación de xénero, salvando estereotipos, prexuízos e roles de corte tradicional. Os libros que aparecen nesta selección (publicados nos anos 2014, 2015 e 2016) ofrecen modelos de muller e de home acordes coa actualidade.
As 51 obras distribúense en tres tramos de idade: primeiras lecturas, lecturas autónomas (a partir de 8 anos) e lecturas expertas (a partir de 12 anos).
Este volume, xunto cos dous anteriores, axuda a profesores, bibliotecarios, pais e nais, a escoller un tipo de lectura que, ademais da calidade literaria, sirvan para darlles a rapazas e rapaces necesitan novos personaxes cos que identificarse.
A elaboración da Guía estivo coordinada por Pilar Sampedro.

Andrea Maceiras gaña o premio Lazarillo 2018

Desde o blog de Gálix:
“A OEPLI fallou os Premios Lazarillo 2018. A galega Andrea Maceiras gañou na modalidade de creación literaria, mentres Paloma Corral e Begoña Oro fixeron o propio en álbum ilustrado.
Na modalidade de creación literaria, optaron ao Premio Lazarillo un total de 119 obras, das cales 69 eran en narrativa, 36 en poesía e 14 en teatro. De todas elas 108 estaban escritas en castelán, 9 en galego e 2 en catalán. O Xurado acordou conceder por maioría o Premio Lazarillo á obra titulada Rusgalía, da que resultou autora Andrea Maceiras. O xurado destacou que se trata “dunha obra ben urdida e entramada cunha linguaxe poética con bellísimas escenas que che transportan a un mundo galáctico. Unha aposta á imaxinación desbordante e á ciencia ficción.”
Na modalidade de Álbum Ilustrado o xurado seleccionou a obra gañadora Un lume vermello, entre os 46 proxectos presentados, destacando de forma unánime “a orixinalidade da hora, o trato da cor cunha rica paleta de grises en contraste con cores vivas, a composición da dobre páxina e a secuenciación dos personaxes, así como unha gran sensibilidade pola natureza”.”

Lugo: entrega a Paco Martín do galardón Socio de Honra 2017 de Gálix

Reunida en Santiago de Compostela, a xunta directiva de GÁLIX decidiu por unanimidade nomear Socio de Honra 2017 o escritor Paco Martín.
A entrega do galardón terá lugar o vindeiro mércores, día 8 de novembro, ás 12:00 h. nun acto escolar aberto ao público no IES Ánxel Fole (Lugo) [Rúa Angelo Colocci, s/n.].
O escritor Xabier P. DoCampo realizará a laudatio. Despois o alumnado do centro poderá presentaralle ao homenaxeado diferentes traballos relacionados coa súa obra. Logo da resposta do homenaxeado á laudatio, o presidente de GÁLIX fará entrega da escultura, deseño de Noemí López, que acredita o nomeamento.”

Xosé A. Perozo asume a presidencia da OEPLI

Finalizado o mandato de Reina Duarte como presidenta da OEPLI asumiu esta representación o escritor e editor Xosé Antonio Perozo, actual presidente de GÁLIX. A OEPLI é a máxima entidade representante en España do ámbito cultural da Literatura Infantil e Xuvenil que aglutina todos os niveis (escritores, ilustradores, editores, bibliotecarios, libreiros, educadores, mediadores…). Está integrada por catro seccións: Consejo General del Libro, GÁLIX, ClijCAT e Galtzagorri, representantes das catro linguas oficiais: castelán, catalán, galego e vasco.

María Fe Quesada nomeada Socia de Honra de Gálix

Desdemaria-fe-quesada Gálix:
“A xunta directiva de Gálix decidiu por unanimidade nomear Socia de Honra 2016 á ilustradora Mª Fe Quesada.
A entrega do galardón terá lugar o vindeiro luns, día 12 de decembro, ás 12:00 horas nun acto escolar aberto ao público no IES Valadares (Vigo).
A escritora María Xosé Queizán lerá a laudatio. Despois procederase á proxección dos traballos da galardoada e o alumnado asistente ao acto poderá, ademais de manter un coloquio coa ilustradora, recibir un gravado numerado e asinado por ela, feita para esta ocasión. Logo da resposta da homenaxeada á laudatio, o presidente de GÁLIX fará entrega da escultura deseño de Noemí López, que acredita o nomeamento.”