Cuestionario Proust: Iria Misa

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Iria Misa:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O inconformismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor. Paréceme síntoma doutras boas calidades.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Agarimo de balde. Compartir moitas risas e tamén algunha bágoa, claro.
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade. A indecisión.
5.– A súa ocupación favorita?
– Argallar. En moitas e moi variadas formas.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar soa con alguén e sentirme tan cómoda como para non ter nin que falar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O sufrimento ou a perda de alguén querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Compoñente dunha banda Punk dos 70, ou dunha banda da Movida nos 80.
9.– En que país desexaría vivir?
-En Inglaterra pero cincuenta anos atrás. No Londres dos Swinging 60s, para vivir a revolución da mini-saia e o nacemento do rock.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As papoulas.
12.– O paxaro que prefire?
– As pegas, esas que andan sempre polo xardín dos meus pais.
13.– A súa devoción na prosa?
– As escritoras de comezos do século XX. As súas fillas, as súas netas…
14.– E na poesía?
– Os combates de versos dos Poetas da Hostia.
15.– Un libro?
– Un só? Non se pode…
16.– Un heroe de ficción?
– Rüdiger Von Schlotterstein.
17.– Unha heroína?
-Mary Poppins.
18.– A súa música favorita?
– O glam rock, o punk rock, o britpop, o electro pop, o indie-rock… Que teña potentes guitarras é fundamental.
19.– Na pintura?
-O Impresionismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as persoas podemos ser heroes ou heroínas, non?
21.– O seu nome favorito?
– Os que comezan por “M” non adoitan fallar.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A condescendencia.
23.– O que máis odia?
– A falla de empatía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– FF.
25.– Un feito militar que admire?
– “Militar” e “admirar” para min non caben na mesma frase.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da teletransportación!
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, co cabelo branco e a pel toda engurrada.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A expectativa, a transición.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que causan sufrimento a quen os posúe.
30.– Un lema na súa vida?
– De verdade, de verdade, de verdade pode pasar.”

Taboleiro do libro galego XLVII (outubro e novembro de 2016), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“O Caderno da crítica incorpora a referencia das novidades editoriais publicadas en lingua galega máis demandadas nalgunhas librarías galegas ao longo dos meses de outubro e novembro. Nesta ocasión, a información subministrárona un total de dez librarías. Grazas, pois, a Chan da Pólvora, Suévia, Cartabón, Casa do Libro de Vigo, Cronopios, Andel, Lila de Lilith, Pedreira, Miranda e Libros para Soñar.

NARRATIVA
1º-. Manuel Esteban, A ira dos mansos, Xerais.
2º-. Patrick Ness, Un monstro vén a verme (tradución de Xesús Fraga), Kalandraka.
3º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
4º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
5º-. Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.
6º-. X. L. Santos Cabana, Novas do exterior, Axóuxere.
7º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
8º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
9º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia
10º-. Miguel Anxo Fernández, Un dente sen cadáver, Galaxia

POESÍA
1º-. Francisco Cortegoso, Suicidas, Chan da Pólvora.
2º-. Concha Rousia, Se os carvalhos falassem, Através.
3º-. Antía Otero, O cuarto das abellas, Xerais.
4º-. Rebeca Baceiredo, O canto da Sibila, Galaxia.
5º-. Tiago Alves Costa, Mecanismo de Emergência, Através.
6º-. Marcos Abalde, Exhumación, Xerais.
7º-. Xohana Torres, Elexías a Lola, Engaiolarte.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Albert Memmi, Retrato do colonizado (tradución de Cláudio López Garrido), Laiovento.
2º-. Javier del Valle Inclán Alsina, Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid 1912-1925, Laiovento.
3º-. Jorge Mira-María Canosa, A que altura está o ceo?, Alvarellos.

XUVENIL
1º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
2º-. Iria Misa, Xa non estou aquí, Xerais.
3º-. Agustín Fernández Paz, Contos de inverno, Xerais.
4º-. Carlos Meixide, Cans, autoedición.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Justin Richardson e Peter Parnell, Con Tango son tres, Kalandraka.
4º-. Eva Mejuto, Corre corre, cabaciña, OQO.
5º-. Fran Alonso, Poemas birollos para ler cos ollos, Xerais.

LIBROS CD-DVD
1º-. Migallas, Canta connosco, Kalandraka.
2º-. Paco Nogueiras e David Pintor, Brinca vai!, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Jacobo Fernández, Marcopola 4. Avoa power, Xerais.
2º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
3º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.

Pontevedra: actividades literarias destacadas do venres 2 no Culturgal

Dologo-footer-culturgal2 2 ao 4 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 2 e sábado 3, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 4, terá lugar o Culturgal 2016. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.

As actividades literarias destacadas do programa para o venres 2 son:
19:00 h. Conversa con Inma López Silva, autora de Aqueles días en que eramos malas, publicado en Galaxia, con Montse Dopico. Espazo Libro.
19:00 h. Sinatura dos gañadores dos Premios Xerais (Stand de Xerais), Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez Iglesias.
19:00 h. Xosé María Álvarez Cáccamo asina exemplares de Ganapán das palabras, publicado por Kalandraka, no stand da editora.

19:30 h. Conversa con Xosé Monteagudo, autor de Todo canto fomos, publicado por Galaxia. Coa xornalista Montse Dopico. Espazo libro.
19:45 h. Contacontos infantil do libro O cociñeiro Martiño, co seu autor, Iago López, publicado en Xerais. Espazo infantil.
20:00 h. Conversa da xornalista Montse Dopico cos gañadores dos Premios Xerais 2016: Manuel Esteban, autor de A ira dos mansos, Premio Xerais de Novela; Iria Misa, autora de Xa non estou aquí, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil; e David Pérez Iglesias, autor de Todo o tempo do mundo, Premio Merlín de Literatura Infantil (Espazo Libro).

Iria Misa: “Non hai que dar aos rapaces unha idea dun mundo idealizado que non existe”

Entrevistairia-misa a Iria Misa en Disquecool:
“(…) – Disquecool (D): Como naceu a idea de Xa non estou aquí?
– Iria Misa (IM): Hai uns anos, cando comezaba a escribir, ocorréuseme esta idea dunha moza que desaparecía e que me falaba a min directamente. Sempre me impactaron moito estas noticias das desaparicións e xurdiu esa voz, que eu sabía que quería saír da miña cabeza, pero non tiña moita idea de como facelo. Era unha rapaza, que eu imaxinaba nun monte, perdida, e que falaba da súa vida. Ao longo dos anos, esa idea fun retomándoa, intentando experimentar algo con ela, e deixándoa cando non me convencía… Quizais é unha das primeiras historias que empezaron a saír das miñas teclas, sempre estivo aí no trasfondo. Hai dous ou tres anos retomeina de novo e á fin conseguín darlle a voz propia que eu quería e sacar a historia adiante. (…)
– D: E como é escribir para adolescentes, como diferencias?
– IM: É para adolescentes pero tamén o poden ler os adultos, aínda que eu escribín para eles e nada me faría máis ilusión que que aos rapaces lles gustase. Escribes para adolescentes facendo un exercicio de memoria e desfacéndote de moitos prexuízos que ao mellor cos anos fuches collendo. E hai moitas cousas que son igual que hai 20 anos, cando nós eramos novas. (…)
– D: Estás metida en algo?
– IM: Sempre hai algo que pode estar en proceso de xestación. Na cabeza, documentándote, escribindo, en paréntese porque estás saturado… Espero que sexa o comezo dun camiño no que poida seguir escribindo, que me axude a organizar a miña vida. Saber que teño esas horas de escribir e que se non o fago sinto como que me falta algo. (…)”

Entrevista a Iria Misa, autora de Xa non estou aquí

Desde iria-misao Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Pilar García Rego entrevista a Iria Misa, autora de Xa non estou aquí, obra gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016. Xerais acaba de publicar o libro, que ten como protagonista a Ánxela, unha moza que repite primeiro de bacharelato obrigada polos seus pais. A historia versa sobre as inseguridades típicas da adolescencia. Pode accederse á entrevista aquí.”

Iria Misa: “A desaparición de Águeda hai dez anos impactoume moito e foi o xerme da novela”

Entrevista iria-misaa Iria Misa en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Xa non estou aquí aborda tamén o sentimento de pertenza a un grupo.
– Iria Misa (IM): Si. Todos queremos pertencer a un grupo a certa idade. Queremos ter visibilidade, estar. A protagonista, Ánxela, repite primeiro de Bacharelato e sinte esa necesidade.
– FdV: Ten algo de autobiográfico?
– IM: -Non. Eu era unha rapaza moi común no instituto [risas]. Só trata de achegarse ao que poden pensar moitos adolescentes. Un mundo co que estou en contacto porque son profesora de Secundaria.
– FdV: Cando comezou a escribir e por que?
– IM: Cando acabei Filoloxía Inglesa hai dez anos, comecei a sentir o impulso de escribir. Empecei a ir a cursos de escritura creativa e a presentarme a concursos.
– FdV: Que significou para vostede o premio Jules Verne de Xerais?
– IM: Moita alegría polo recoñecemento no primeiro momento, pero tamén unha sensación de pánico. Sinto que estiven nunha fase de adestramento ata agora e gustaríame que este fose o comezo dun camiño.
– FdV: Que proxectos tén?
– IM: Gustaríame explorar a literatura infantil. Hoxe é moi difícil captar a atención dos nenos. Sería interesante que en Galicia se desenvolvese unha literatura capaz de facelo, que fixeramos algo para que os nenos quixesen ler en galego, como conseguiu Ledicia Costas con Escarlatina, a cociñeira defunta.”

Baiona: presentación de Xa non estou aquí, de Iria Misa

Airia-misa sexta feira 14 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa da Navegación (Rúa Ventura Misa, 17), en Baiona, terá lugar a presentación do libro Xa non estou aquí, de Iria Misa, novela gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016, publicado por Xerais. No acto, xunto á autora, participan Ledicia Costas e Manuel Bragado.