Olga Novo: “Hai persoas que realizan actos de poesía aínda que despois non escriban un só poema”

Entrevista de Daniel Salgado a Olga Novo en Sermos Galiza:
“A Feliz Idade (Kalandraka, 2019) da poeta Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) é a da creación. A da creación humana e a da creación poética. Salmo vitalista e pregaria pola liberdade, composicións que cantan á materia e cantan á memoria, salutación aos outros, funde poesía e amor. “como o útero me medra / ata alcanzar a dimensión exacta / da poesía”, escribe en Premontaña. “Que toda herdanza sexa a do amor e non a propiedade”, afirma na Carta limiar que endereza á filla acabada de nacer. Novo explica a Sermos Galiza o contexto e as forzas que operan no seu quinto libro de poemas. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario en papel.
– Sermos Galiza (SG): É difícil preguntar sobre unha poesía tan afirmativa como a súa.
– Olga Novo (ON): Desde logo, é unha poesía afirmativa, porque é a poesía dunha muller autoafirmada. Eu escribo como vivo, dalgunha maneira. Ás veces pregúntanme polos proxectos que teño en marcha e nunca sei que contestar. Porque a poesía, a escrita en xeral, vai nacendo ao mesmo tempo que as experiencias vitais. A poesía xorde na vida. Non teño un proxecto teórico formado, senón que hai creación espontánea. É o sentido dun trallazo, unha concepción un tanto romántica da creación.
– SG: O “fogonazo” que titula a primeira sección do libro.
– ON: Exactamente. Ese fogonazo é en realidade a irrupción da vida, a concepción dun ser e polo tanto un embarazo. E, no fondo, é tamén o fogonazo da propia creación literaria. De feito ao longo de todo o libro dáse esa identificación entre esas dúas creacións. Ao final, non deixan de ser dúas creacións vitais. Ambas as dúas están moi conectadas, son experiencias do propio corpo, da existencia. (…)”

Gañadoras/es da XV edición dos Premios Frei Martín Sarmiento

Desde o blogue dos Premios Frei Martín Sarmiento:
“O día 3 de maio coñecéronse os gañadores da décimo quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polo departamento de Dinamización Lingüística de Escolas Católicas coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O acto, foi conducido pola comunicadora e locutora Paula Pájaro, estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo presidente de Escolas Católicas, Juan Manuel Buján.
Os gañadores desta XV edición do Premio Frei Martín Sarmiento foron:
– Educación Infantil
Olalla González; Un máis; Ed. Kalandraka.
– 1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
María Lado; 5 minutos; Ed. Auga editora.
– 2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
Pere Tobaruela; Catro pedras vellas; Baía Edicións.
– 3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
Ledicia Costas; A señorita Bubble; Ed. Xerais.
– 4ª categoría: 1º e 2º de ESO
Fernando M. Cimadevila; A incríbel viaxe de Noa; Ed. Contos Estraños.
– 5ª categoría: 3º e 4º de ESO
David Lozano Garbala; Descoñecidos; Ed. Rodeira-Edebé.
– 6ª categoría: bacharelato e adultos
Lito Vila Baleato; Campus Morte; Ed. Galaxia.”

Compostela: actividades destacadas do 4 e 5 de maio na Feira do Libro 2019

O 5 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 4
– 13:00 h. Presentación de O galego mola. Palabras da miña vida, de Isabel Villanueva (Isashopaholic), de Hércules de Edicións. Posterior sinatura na caseta de Secretaría.
– 18:00 h. Ledicia Costas asina na caseta da Libraría Numax.
– 18:00 h. Presentación-concerto de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
– 19:45 h. Presentación de Mitos e lendas na Galicia máxica, de José Luis Casteleiro (escritor) e Carlos Sardiña (ilustrador), publicado por Hércules de Edicións. Posterior sinatura na caseta da Secretaría.
– 20:00 h. Manuel Portas estará asinando exemplares de Por puntos (Premio Blanco Amor 2018) na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:00 h. Raquel Senra asina Conto da Travesía das Musas, na caseta da Libraría Pedreira.
– 20:00 h. Presentación da colección Vitamina N (Kalandraka) co seu coordinador, Antonio Sandoval, que guiará unha ruta de natureza pola Alameda de Santiago.

Domingo 5
– 13:00 h. Anxo Tarrío asina O mundo en que vivín, de Ilse Losa, na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta de Secretaría.

Compostela: actividades destacadas do 2 de maio na Feira do Libro 2019

O 2 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

– 18:00 h. Presentación de Os contos da avoa Pepa, de Francisco X. Fernández Naval, publicado por Kalandraka. Con Manuel Figueiras.
– 19:00 h. Presentación de Sandalias verdes, zapatos azuis e cans negros, de Pilar G. Rego, publicado por Xerais. Participan Estíbaliz Espinosa, Fran Alonso e a autora. Ao remate sinatura de exemplares.
– 19:00 h. Sinatura de Suso de Toro na Caseta de NUMAX.
– 19:45 h. Presentación de As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey, publicado por Xerais. Participan Montse Pena Presas, Fran Alonso e o autor. Ao remate sinatura de exemplares.

Compostela: actividades destacadas do luns 29 na Feira do Libro 2019

O 29 de abril continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

– 19:00 h. Héctor Cajaraville asina na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:45 h. Presentación da colección Animais viaxeiros (Kalandraka), de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández. Participa Agustín Agra.

Tabela dos libros. Abril de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro lunes do mes, chega a nova Tabela dos libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Olga Novo: “A literatura pertence ao dominio da cáscara estética da linguaxe, pero a vida está máis alá e máis dentro. A Poesía é Amor ou non é nada”

Entrevista de Montse Dopico a Olga Novo en Praza:
“Feliz Idade é “a condensación no tempo, nunha Idade, do encontro con persoas que fan felices aos demais. E ese é o gran don ao que canta este libro. A presenza, no mundo, de seres que fan da vida un paraíso aquí e agora, e que extirpan na súa praxe cotiá, de xeito silencioso, as dores e as miserias que nos atenazan. A linguaxe bordea con dificultade tal experiencia inefable”. Así resume Olga Novo o contido do seu novo libro, Feliz Idade, que vén de editar Kalandraka. Nada máis hai, se cadra, que dicir, que non sexa convidar a achegarse a el. E esta entrevista pode servir quizais para subir, nese proceso, un primeiro chanzo.
– Praza (P): “A poesía é un acto radical de vida, e estes poemas son tan só terminacións nerviosas da poesía experimentada”, dis no limiar de Feliz Idade. Que a poesía é vida, e non só exercicio literario, é algo que defendiches sempre. Mais é como se a pegada da vida, da experiencia, fose máis forte neste poemario. Por que?
– Olga Novo (ON): En efecto eu nunca concibín a poesía como un mero exercicio literario, máis ben ao contrario. E creo que era poeta antes de aprender a ler ou escribir, porque a poesía -como actitude vital- antecede ao poema. O que acontece é que a pegada da vida neste poemario é quizais máis evidente, dado que se fai referencia directa a feitos experienciais tan fortes como a maternidade ou a enfermidade e morte do pai. Nese senso, o poemario ancora absolutamente na vida, acaso porque a poesía só pode ser verdade.
– P: Explicas no limiar que o libro contén un círculo no que a túa filla e o teu pai se encontran: a pequena, unha nena medrando, e el, un señor maior voltando á infancia. Nese sentido, todo o libro é unha declaración de amor: á filla, ao pai, á parella… “Souben/ que a miña natureza era amar”, di un dos versos, contra o final do libro. Definirías así este libro, como unha declaración do amor?
– ON: O libro está vivido, sentido e escrito coma un canto de amor profundísimo, porque o amor salva, cura e cauteriza, xustifica e engrandece a existencia. E a poesía non é senón expresión -neste caso, verbal- dese acto radical de amor. Feliz Idade é a condensación no tempo, nunha Idade, do encontro con persoas que fan felices aos demais. E ese é o gran don ao que canta este libro. A presenza, no mundo, de seres que fan da vida un paraíso aquí e agora, e que extirpan na súa praxe cotiá, de xeito silencioso, as dores e as miserias que nos atenazan. A linguaxe bordea con dificultade tal experiencia inefable. (…)”