Anxos Sumai: “A maneira de percibir as cousas pode converterse nun límite”

Entrevista de Camilo Franco a Anxos Sumai en La Voz de Galicia:
“Unha novela, A lúa da colleita, que marca un cambio no seu xeito de narrar é a que permitiu a Anxos Sumai gañar o premio García Barros, da Estrada, no que o xurado salientou a prosa límpida e as fortes doses de intriga.
– La Voz de Galicia (LVG): Recoñece un cambio na maneira de contar.
– Anxos Sumai (AS): Tiña que dar un paso adiante porque xa levaba tempo pensando que estaba dando voltas arredor do mesmo argumento.
– LVG: ¿Cal é o xeito e o argumento novo desta novela?
– AS: Ten que ver coa percepción que temos sobre o mundo e sobre nós e como esta percepción pode ser un límite. Trata de como nos vemos a nós mesmos e como o noso xeito de percibir altera a visión da realidade. Son os límites dun mesmo e como eses límites están condicionados por como percibimos.
– LVG: Leva un tempo sen publicar. ¿Por que?
– AS: Primeiro porque tiña que dar un cambio, ir noutra dirección. Tamén porque non son escritora profesional e dedícolle á literatura o tempo que sobra, aínda que me gustaría que fose doutro xeito. Tamén pode ser que agora teña menos enerxía e todo vaia máis lento. Eu non publico un libro cada ano e, en certo modo, presentarse a un premio e gañalo é como volver a empezar. Ten a vantaxe da dotación económica e dunha difusión que un libro por si mesmo non pode conseguir.”

Fran Godón: “O máis divertido é ser actor, pero é o que peor se me dá”

Entrevista de Camilo Franco a Fran Godón en La Voz de Galicia:
“Ten unha compañía, Ut-Tópico, e alterna todos os oficios que un teatro pode ofrecer. Fran Godón gañou o premio Abrente de textos teatrais cunha obra, Diante do espello, que ía para montaxe pero deu unha pequena volta polo mundo da escrita escénica.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿En que consiste Diante do espello?
– Fran Godón (FG): En principio era un texto para escenificar. Unha encarga que quedou aparcada. Foi entón cando decidín darlle unha volta á escrita e presentalo ao premio. É unha peza para dúas actrices que se sentan en dúas partes simétricas do escenario e que teñen ao público como espello. Elas van falando da súa vida, do que van facer ao día seguinte. Falan co espello, pero non entre elas. Segundo avanza a obra vaise descubrindo que teñen máis cousas en común.
– LVG: ¿Os premios son a única saída para os dramaturgos?
– FG: Eu son profesor de secundaria. Empecei a facer teatro porque me gusta e vou facendo máis cousas. Pero os premios son como unha táboa de salvación para quen escribe teatro. Por iso a noticia da desaparición de convocatorias é unha moi mala noticia. Non hai traballo no mundo escénico e os premios son das poucas cousas que podes facer. (…)”

A Editorial Galaxia, premio Fernández Latorre 2013

Desde Galaxia:
““O Padroado da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, constituido en xurado para fallar o LV Premio Fernández Latorre, instituido en memoria do fundador de La Voz de Galicia, acordou conceder por unanimidade o Premio Fernández Latorre na súa edición do 2013, dotado con 10.000 euros, á Editorial Galaxia”, di literalmente a acta da concesión.
“O Xurado valorou especialmente a contribución da editorial á recuperación e fomento da lingua e a cultura galegas e o seu compromiso inquebrantable co patrimonio cultural de Galicia, que se ten concretado na publicación dos autores máis destacados da comunidade ata formar un catálogo vivo de máis de mil títulos”.
Asemade, o texto salienta “o papel dinamizador de Galaxia na vida cultural galega e a posta en marcha de proxectos tan ambiciosos e fundamentais como a Fundación Penzol e a revista Grial“.
O anuncio do galardón faise público todos os anos o 25 de xullo, Día de Galicia, e entrégase o derradeiro trimestre do ano. Nese mesmo numero de La Voz de Galicia inclúese unha ampla crónica da historia da editorial, unha entrevista co presidente de Editorial Galaxia, Benxamín Casal, e un artigo do noso director xeral, Víctor F. Freixanes.”

Festa da Palabra na Insua dos Poetas, por Armando Requeixo

Crónica de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Onte sábado, 20 de xullo, o pequeno lugar de Esgueva, na parroquia de Madarnás, concello do Carballiño, acolleu un insólito evento literario: a Festa da Palabra, celebrada nunha contorna natural de excepcional beleza que leva o sonoro nome de Insua dos Poetas.
O organizador do acto, o poeta Luís González Tosar, é tamén o presidente da fundación homónima que convoca cada ano o evento e concede os Premios Sete Carballas para homenaxear distintos particulares ou colectivos que, dende os ámbitos do artístico, o humanístico ou o social, se signficaron a prol da defensa da nosa terra e a nosa cultura.
Este ano os premiados foron, na categoría de Mellor Iniciativa Cultural a Fundación Premios da Crítica de Galicia; na de Arte e Natureza, o pintor Antón Sobral; na de Medio Ambiente, a Asociación Ridimoas; na de Cultura Galega na Emigración, o Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires; na de Compromiso Empresarial, Aceites Abril; na de Acción Social, a Asociación Antidroga Renacer de Ribeira e na categoría de Mellor Medio de Comunicación, a sección de Cultura de La Voz de Galicia.
Con motivo desta entrega coincidiron neste anfiteatro xeórxico artistas, escritores, intelectuais e representantes institucionais nun evento no que interviu como mantedor Xesús Alonso Montero en calidade de presidente da RAG e no que recitaron os seus poemas Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova e mais Víctor Campio Pereira, aos que acompañaron con interludios musicais os compoñentes do Grupo Tradicional Laghareu.
O acto central desta xuntanza, presentada por Xavier Castro Martínez, foi o desvelamento da escultura Rexurdimento da autoría de Pedro José Rodríguez Álvarez, ao pé da que figuran inscritos versos de Rosalía, Curros e Pondal, pois esta V Edición da Festa da Palabra estaba dedicada, xustamente, ao noso Rexurdimento na voz destes tres incomparables poetas.
Logo da entrega de premios, as correspondentes intervencións e o descubrimento da escultura, tivo lugar un animado xantar campestre no marco do cal foron repartidos diversos agasallos, entre eles a recente edición da Obra poética e teolóxica de Faustino Rey Romero realizada por X. Ricardo Losada e, para algúns escolleitos, un dos contados exemplares do cartafol V Festa da Palabra. Rexurdimento que, para tal ocasión, prepararon os organizadores nunha tiraxe de tan só trinta exemplares numerados e asinados polo autor das sete láminas inseridas na carpeta, o pintor Nicolás González Aller, quen iluminou coas súas coloristas creacións versos de Rosalía, Curros, Pondal, Díaz Castro, Celso Emilio, García-Bodaño e mais González Tosar, algúns deles reproducidos tamén nas esculturas que adornan esta singular paraxe.
Cómpre felicitar á Fundación Insua dos Poetas e o principal promotor e responsable deste evento, o poeta Luís González Tosar, por tan significada iniciativa a prol do espallamento das nosas letras, a nosa cultura e a nosa lingua nunha contorna nomeadamente fermosa na que onte foi a palabra e a palabra de noso a que reinou entre bos e xenerosos.”

Galicia reivindica a Rosalía aos 128 anos do seu pasamento

Reportaxe en La Voz de Galicia:
“Cunha «tarde de palabras e música» Galicia conmemorou en Padrón o 128 cabodano de Rosalía de Castro nun acto na Casa Museo da Matanza, na que viviu os últimos anos da súa vida, e no que non se lembrou a súa perda senón a «permanencia da súa altísima obra; do seu pensamento feminista; do seu compromiso con Galicia e coas clases máis desfavorecidas», segundo se dixo nas diversas intervencións. (…)
A profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro falou da vixencia de Cantares Gallegos e asegurou que «a mensaxe de fondo» da obra rosaliana «non caducou e é ampliable ao mundo actual». Como era de agardar, o acto na horta da Casa Museo da Matanza tivo tempo para, da man do académico Xosé Luís Axeitos, celebrar a recente descuberta en Vigo (cualificada como «todo un fito») dun exemplar único da primeira edición de Cantares Gallegos.
Para rematar, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, quixo explicar ao numeroso público presente o que fixo a entidade no último ano, que cualificou como «intenso, de moita dedicación e traballo», e tamén os plans para o futuro inmediato.
Entre eles, falou do «empeño por continuar as obras na Casa Museo da Matanza e levar adiante un proxecto de renovación museográfica».”

Francisco Castro: “Escribín a novela poñéndome na pel dos lectores do xornal”

Entrevista de Camilo Franco a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Cal é o punto de partida para O corazón da Branca de neve?
– Francisco Castro (FC): Como outras veces, o punto de partida foi unha noticia no xornal das moitas que seguen saíndo estes días sobre roubos de bebés e xente adulta que quere saber quen eran os seus pais. Leo esas historias e quero escribir unha novela sobre iso, e é cando se publican as bases do premio.
– LVG: ¿Como condiciona a escrita o requirimento de ser publicada día a día nun xornal?
– FC: Teño que dicir que cada capítulo ten 3.500 carácteres exactos, nin 3.499 nin 3.501. Vivín o proceso como un reto. Poñéndome na pel dos lectores de xornal e na necesidade de manter a intriga durante os trinta e un días do mes.
– LVG: ¿Cales son as características desta historia?
– FC: Está protagonizada por un policía, un inspector vigués, o inspector Hermida, que está no final da súa carreira e que o menos quere é enfrontarse a un caso do roubo dun bebé. A novela ten un punto de denuncia social importante porque a quen lle rouban os bebés son ás mulleres das clases humildes, non ás nenas de papá. Tamén hai unha denuncia da corrupción en determinados sectores nos que non debería haber corrupción.
– LVG: Esa é a trama principal, pero a novela a medida que avanza vai incorporando outras tramas.
– FC: Ese foi un gran problema. Cando pensas en escribir unha novela en trinta e un capítulos pensas nunha soa liña argumental. No primeiro capítulo da historia o lector está diante dunha situación, no segundo capítulo aparece outro personaxe, no cuarto ou quinto volve aparecer un novo. A idea é que, suavemente, se fosen enguedellando todas as historias para confluír no final. Todo iso coa limitación espacial. Foi un reto e, para min, que levo 19 libros, foi unha maneira nova de abordar a creación. (…)

Francisco Castro gaña cunha historia de intriga o Premio de Novelas por Entregas de La Voz

Desde La Voz de Galicia:
“Unha historia de intriga de ritmo trepidante que arranca co roubo do bebé que unha inmigrante vén de dar a luz en Vigo é a gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, fallado onte. A obra presentouse baixo o título O corazón da Branca de neve e o seu autor resultou ser Francisco Castro e os finalistas foron os escritores Ana María Galego e Xesús Constela. O fallo do galardón, patrocinado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés, deuse a coñecer no transcurso dunha cea literaria que se celebrou no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.
O corazón da Branca de neve é unha historia que manexa perfectamente os recursos máis clásicos do suspense. A novela ábrese cunha enigmática escena, na que un personaxe de nome Alberto vive unha tensa espera nun bar de Vigo. De súpeto recibe unha chamada ao móbil, cominándoo a saír á rúa. Aos poucos minutos aparecerá un coche e un descoñecido entregaralle un bebé. Nos seguintes capítulos o lector saberá a procedencia do meniño, cuxa nai é unha inmigrante da que coidan os membros dunha banda criminal que aparentan ser empregados dunha organización humanitaria.
A trama desenvolverase a través das vivencias dos personaxes implicados, dende a parella que acolle o bebé, a súa nai biolóxica, os criminais implicados e os policías que deben resolver o caso. Cada capítulo está inserido nesta trama pero ao mesmo tempo presenta unha acción propia, que sustenta a tensión da novela e a fai avanzar, conseguindo deixar o interrogante da intriga para o capítulo seguinte.
Nada máis recoller o premio, Francisco Castro destacou a dificultade que impuña unha estrutura así -«pechar cada capítulo con 3.500 caracteres converteuse nun pesadelo», dixo-, pero ao mesmo tempo a satisfacción de saber que ese suspense tirará do lector: «Esta é unha historia que a xente empezará o 1 de agosto, e que espero que volva a ela o día 2, e o día 3, e así ata chegar ao día 31». Non obstante ser a intriga o motor interno da novela, os personaxes principais da historia son de carne e óso e teñen unha complexa personalidade de seu, que Francisco Castro capta na narración, e que comparte co resto da súa obra «unha carga de reivindicación».
A novela publicarase no xornal e na súa edición dixital, a razón dun capítulo por día, ata sumar 31. Como nas edicións anteriores, a historia contará coas ilustracións de Juan Carlos Abraldes. Ademais da publicación da obra nas Páxinas Literarias, o premio ten unha dotación económica de 6.000 euros.”

Piloño, Vila de Cruces: XI edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural

Desde La Voz de Galicia:
“A úndécima edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural celébrase os 12 e 13 de xullo. Así o deron a coñecer os patronos de A Solaina, Damián Payo e Armindo Salgueiro, coa presidenta Carmen Lareo ao fronte quen remarcou que se oficializou o nome da fundación como Paco Lareo-A Solaina de Piloño.
A forxa tributará homenaxe ao escritor cruceño Xosé Neira Vilas e que comezará ás 18:00 horas do venres 12 cunha benvida da presidenta e autoridades para dar paso á inauguración de dúas exposicións; unha de Ángel Utrera que se abrirá ao público baixo o título de Invisibles como nós e as Rosas brancas entre dúas lúas, de Dolores Tranché. De seguido dará comezo unha mesa redonda na que intervirán o propio Neira Vilas xunto a Xesús Alonso Montero, Valentín García, Cándido Pazó, Xosé Luna, Rosario Golmar e Xosé Luís Reimóndez. A primeira xornada da forxa proseguirá co descubrimento dun bronce coa figura de Neira Vilas, autoría de Paco Lareo, que deixou feito en vida para esta homenaxe. Interpretaranse as Muiñeiras de Neira Vilas e de A Solaina, haberá poesía de Rosalía Morlán e Loli Veloso e concertos de Mini e Mero, Manoele de Felisa, Xosé María Varela xunto á actriz Tamara Lema e Alba Costa; para rematar cun ágape agasallo de Siro. O sábado 13, á mesma hora, abrirase a forxa cun recital músico poético con intervencións de Alba Payo, Andrea Porto, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Cristina Gende, Iria Pedreira, Lucía Aldao e María Lado. O grupo de clarinetes de Lalín, os Hadhietxekos, porán as notas músicais a un día no que se lle fará entrega da medalla de Amigos de A Solaina a José Luis Ferreiro e Ana Fernández Carlín. Haberá un ágape para pechar os encontros.”

Antonio Seijas: “Adaptar unha novela a banda deseñada é un proceso difícil”

Desde Xerais:
“La Voz de Galicia publicou o pasado día 4 de xullo unha entrevista de Alberto Sánchez a Antonio Seijas, autor da novela gráfica Cartas de inverno, baseada na novela de Agustín Fernández Paz.”

Basilio Losada regalará a Galicia os 10.000 libros que pretendía adquirir unha universidade norteamericana

Entrevista de Ramón Loureiro a Basilio Losada en La Voz de Galicia:
“O profesor Basilio Losada, unha das grandes figuras do mundo académico hispano, confirmou a súa intención de regalar a Galicia os 10.000 volumes que conforman a súa colección persoal de libros singulares, xoias bibliográficas e edicións canónicas de clásicos universais. O profesor, natural de Láncara, confirmaba que non venderá á Universidade de California eses libros, porque o seu desexo é que «estean en Galicia a disposición de quen teña interese neles».
«Estou no final de miña vida -di Basilio Losada, co desenfado de sempre-, e sei que eses libros non poden vir comigo cando morra. No inferno arderían; e no Ceo queimaríanos tamén, porque moitos deles estiveron no índice de obras prohibidas. E como en Galicia xa están os case vinte mil volumes que mandei no seu día a raíz do acordo ao que chegara con Manuel Fraga, agora, cando sei que non é moito o que me queda de vida, quero que esta outra biblioteca tamén sexa para Galicia, á que tanto lle quero». (…)”