Pontevedra: Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Narrativas XXI, impartido por Xosé Monteagudo

O Obradoiro de creación literaria Narrativas XXI, impartido por Xosé Monteagudo, e cunha sesión especial con Ledicia Costas, en Pontevedra, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

Porque todo mudou nos últimos vinte anos. Porque a literatura non é unha excepción ancorada no tempo. Porque os temas e as técnicas, as autorías e os públicos lectores, os medios de edición e as canles de promoción tamén cambiaron no mundo da novela, cómpre reelaborar a aprendizaxe narrativa. Sen descoidar as técnicas fundamentais, en Narrativas XXI analizaremos as formas actuais da novela, prestando especial atención aos enfoques novidosos e ás modalidades mixtas do relato. Un obradoiro no que se combinarán as explicacións teóricas coa práctica das persoas matriculadas, facilitando dese xeito unha aprendizaxe colectiva na procura da maior efectividade literaria para as historias que se escriban.

– 12 prazas, para persoas maiores de 18 anos.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase mediante correo electrónico en oficina@aelg.org
– O obradoiro desenvolverase na Aula da Escola de Escritoras-es da AELG (Seminario 7), no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Calendario
– Días:
Venres 10, 24 e 31 de marzo; venres 14, 21 e 28 de abril; 5, 19 e 26 de maio; e venres 2 de xuño de 2023.
– Horarios:
Venres 10 de marzo, de 17:00 a 19:00 h.
Venres 24 e 31 de marzo, venres 14, 21 e 28 de abril; e 5, 19 e 26 de maio, de 17:00 a 19:30 h.
Venres 2 de xuño, de 17:00 a 19:00 h.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Ledicia Costas: “Quería tratar o tema da ludomanía dende unha perspectiva ampla”

Entrevista a Ledicia Costas no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Oxalá a vida funcionase así, cunha bandada de paxaros que aparecen cando necesitas reconstruírte e volver a empezar”, son palabras de Nana, unha das personaxes que poboa a nova novela de Ledicia Costas: A lebre mecánica. Con esta obra, coa que gañou, por terceira vez o Premio Lazarillo. A entrevista pode verse aquí.”

Ledicia Costas: “Este libro está escrito para emocionar”

Entrevista a Ledicia Costas en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Despois de dez anos volve ao realismo social con A lebre mecánica. Que a levou a regresar a esta temática?
– Ledicia Costas (LC): Algúns dos meus libros que sinto que son máis queridos pola mocidade, e así o verbalizan cando teño encontros nos institutos, son Unha estrela no vento, a primeira novela que me publicaron, e O corazón de Xúpiter. Os dous son libros de realismo social. Eu sentía como que debía escribir outra obra de realismo social seguindo o ronsel daquelas novelas que a min me marcaron tanto no instituto: Rebeldes ou La ley de la calle, de Susan E. Hinton, que para min foron cruciais como lectora. Por iso escribín A lebre mecánica. Ademais eu teño materia para escribir realismo social porque a cuestión tanto do desamor dunha ruptura sentimental, que é algo do que me apetecía falar, como a cuestión da ludopatía, están tan presentes na obra, xunto como outras cuestións de corte social como a homofobia ou a amizade e os lazos tan estreitos que se establecen na adolescencia. Todo ese hummus foi a materia que empreguei para escribir este libro.
– DP: Como foi o proceso de documentación e escrita? Porque se implicou persoalmente, non?
– LC: Si, porque cando escribes unha novela deste tipo, na que tratas unha cuestión tan delicada como a adicción ao xogo, o que non podes é pasar sobre as puntas dos pés nin falar de oídas. Entón fixen un labor de documentación que tivo varias pólas. A primeira consistiu en varias conversas con profesorado de Secundaria que ten alumnado con esta problemática nas súas aulas; pregunteilles como mudaba o comportamento e como afectaba tanto ao rendemento académico como nas relacións sociais que establecen con outros alumnnos do centro, da clase… Falei tamén con persoal da Xunta de Galicia para que me asesorase e houbo unha segunda fase, eu chámolle así, que foi un traballo de campo presencial.
– DP: En que consistiu?
– LC: Primeiro deime de alta nunha web de apostas, para ver como funcionaba a mecánica, nunca mellor dito, e apostar ás carreiras de galgos. Vin como unha desas webs, cando quixen recuperar os cartos quedaba con eles directamente e me bloqueaba a conta… Eran poucos, nin 15 euros. Imaxina o que tal non farán con outras cantidades! Despois fun presencialmente a casas de apostas para ver como eran por dentro, porque a verdade non estivera nunha. Quería ver como era, o tipo de persoas que hai alí, que son moi diversas. Como eran os locais por dentro, que tipo de apostas había, que tipo de máquinas… E cando tiven todo iso claro é cando me puiden poñer a escribir. (…)”

Entrevista a Ledicia Costas en Cíes Podcast sobre A lebre mecánica

Entrevista a Ledicia Costas en Cíes Podcast:
“(…) “Oxalá este novo libro chegue a moitas mans e de pé a debater sobre unha cuestión tan preocupante como é a ludopatía na adolescencia”. Entrevista en Cíes Podcast sobre: A lebre mecánica. Pode escoitarse aquí.”