Entrevista a Yolanda Castaño en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que escritores destacaría das Terras de Lemos?
– Yolanda Castaño (YC): Sobre todo como poetas subliñaría a Antón Lopo e Alicia Fernández. Antón é un dos autores en activo de maior talento e ademais é un inquedo editor e promotor cultural, agora coa editorial Chan da Pólvora e mesmo cun proxecto bastante novidoso e sorprendente entre mans como é unha colección adicada a autores da Ribeira Sacra. En canto a Alicia Fernández é unha das voces máis renovadoras da poesía galega. É un xenio precoz da poesía, con moi poucos anos xa demostrara ter un talento inusual e unha voz moi persoal. Actualmente está moi implicada na renovación das letras en Galicia a través de diversos proxectos.
– LVG: Recentemente participou nunha homenaxe a Lois Pereiro, o poeta monfortino por excelencia. Atopa algún punto común entre a obra de Pereiro e a súa?
– YC: Eu tiven a inmensa sorte de poder escoitar un dos últimos recitais de Lois Pereiro cando era moi noviña e quedei moi impactada. En parte polo moza que era pero, sobre todo, por aquela forza poética. Creo que Lois simbolizou toda a forza da Terra de Lemos e espallouna por Europa a través das súas viaxes e a súa visión moderna e cosmopolita.
– LVG: Cal é, a seu xuízo, o nivel da actividade literaria e cultural de Lemos?
– YC: Véxoa como unha gran canteira poética e literaria. No meu pregón menciono a moitos escritores para dar conta do enormemente fértil que é esta terra a nivel literario. Poderiamos nomear a Lois Patiño, Xosé Manuel Eyré, Lois Diéguez, Margarita Rodríguez Otero, Ramón Sandoval, Germán Vázquez, Manuel Veiga… a lista é imparable. Así mesmo, hoxe en día hai iniciativas como a última colección de Antón Lopo que amosan que Lemos non claudica. Incluso nas miñas visitas ao IES A Pinguela puiden comprobar que entre os máis novos de Monforte tamén hai unha incesante actividade cultural, científica e tecnolóxica.
– LVG: Vostede que traballa a miúdo con mozos. Cal percibe que é a súa actitude cara á literatura?
– YC: É un tópico e un prexuízo pensar que pasan da escrita e tampouco se leu nunca moito máis do que se está a ler agora. En canto a poesía, nunca foi un xénero de masas e non ten por que selo. Con todo, haina que ver nun sentido amplo, é dicir, hai poesía nas letras de cancións, en certos tuits, na boa publicidade, no rap e en moitos máis lugares dos que pensamos. Os rapaces e rapazas si que seguen a consumir poesía ao seu xeito. (…)”
Arquivos da etiqueta: Lois Patiño
Novo simposio de galicianistas na Universidade de Michigan
Desde Sermos Galiza:
“Paralelamente á Feira do Libro de Bos Aires, a cultura galega tamén está a ser protagonista en Ann Arbor, onde se celebra do 20 ao 23 de abril o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos, con importante presenza tanto de investigadores como de persoas da cultura chegadas desde Galiza.
Os estudos galegos están a vivir un momento de crecemento nos Estados Unidos, e este simposio, que coordina a profesora da Universidade de Michigan en Ann Arbor, Cristina Moreiras, non fai máis que confirmalo. Nel participan, ademais de estudosos da cultura galega de todo o país, os escritores Miguel Anxo Murado, María Reimóndez e Suso de Toro; os xornalistas Pemón Bouzas e Xosé Manuel Pereiro; o produtor audiovisual Felipe Lage; os cineastas Eloy Enciso e Lois Patiño; o fotógrafo Manuel Sendón, ou o líder de Luar na Lubre, Bieito Romero.
No Simposio participan máis de 40 galicianistas de universidades de todo Estados Unidos, como Princeton, Wisconsin, Houston, Ohio, Massachusets ou Texas, entre moitas outras. Os temas a tratar van desde a identidade galega, a lusofonía, o novo cinema galego ou obras dos clásicos como Rosalía de Castro até artistas contemporáneos como Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, Sés, Dios Ke Te Crew, entre outros.
Malia que só hai un centro galego, a cátedra na CUNY (City University of New York, fundada por Kathleen March nos anos 80), nos últimos anos os estudos galegos en Estados Unidos deron un salto significativo neste país. A entrada dunha lingua minorizada como o galego na MLA, a organización académica de linguas e culturas que agrupa máis socios en todo o mundo, supuxo un fito no galicianismo e un “recoñecemento sen precedentes para a nosa cultura”, segundo Gabriel Rei-Doval, profesor da Universidade de Wisconsin e un dos impulsores desta candidatura.
En novembro de 2014 acadouse a aprobación do Foro de Lingua, Literatura e Cultura Galegas na MLA e este xaneiro houbo no seu congreso anual (ao que asistiron unhas 7.000 persoas) catro sesións dedicadas a Galiza cun total de 13 relatorios impartidos por outros tantos estudosos da cultura galega.”
Coñécense as persoas e entidades gañadoras dos Premios da Crítica Galicia 2014
“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso do xantar do sábado 11 de outubro o ditame da trixésimo sétima edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais, Artes Escénicas e Audiovisuais e Cultura Gastronómica.
Baixo o lema A beleza feriume para sempre, recollido dun verso de Xosé María Díaz Castro, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Iolanda Veloso, voceira do BNG no concello de Vigo; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Inmaculada López Silva, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséxima sétima edición na que por vez primeira se convocaba a modalidade de Cultura Gastronómica.
– Costa do Solpor, de Xosé María Lema, Premio de Creación Literaria.
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Xabier Cordal Fustes, escritor, gañador da edición anterior; Ramón Nicolás Rodríguez, crítico, membro da sección de crítica literaria da AELG; Mercedes Queixas Zas, escritora, secretaria da AELG; Carme Ferreira Boo, profesora da UDV, membro da Asociación de Investigación ELOS; Rexina Rodríguez Vega, escritora, profesora UDV; Modesto Hermida García, crítico e ex-profesor da USC e Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras Costa do Solpor de Xosé María Lema (Xerais), O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila (Galaxia) e Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Costa do Solpor, de Xosé María Lema, editada por Xerais. O xurado salientou que “a obra gañadora asume diversos modelos narrtaivos cunha ampla documentación histórica e un rexistro lingüístico rico, poñendo en valor os territorios literarios vinculados co mar”.
– Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Premio de Investigación.
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Xosé Ramón Barreiro Fernández, catedrático da USC; gañador da edición anterior; Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática de Computación da UDC; Mar Fernández Vázquez, secretaria da Fundación de Investigación ELOS; Luis Espada Recarey, catedrático e ex-reitor da UDV; Lucía Fernández-Novoa Valladares, directora da Unidade de Xenética de EBIOTEC, José Antonio Gómez Segade, catedrático da USC e Charo Portela, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou declarar como finalistas as obras Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos populares, de Antón Cortizas (Xerais), Arte e ciencia en Galicia, de Francisco Díaz-Fierros (Servizo de Publicacións da USC) e Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, editada por Xerais. O xurado salientou “a novidade e orixinalidade da proposta, que é a primeira deste tipo en lignua galega, e a concepción e enfoque amplo da Estilística ao abeiro doutras disciplinas lingüísticas”. Así mesmo subliñou “o seu potencial na investigación lingüística e a súa apliación en relación ás novas tecnoloxías”.
– Ciclo Poetas D(in)versos, Premio de Iniciativas Culturais.
O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Xulio Amigo Estrada, editor, gañador da edición anterior; Eulalia Agrelo Costa, presidenta de ELOS, profesora; Carlos Callón Torres, profesor e escritor; Berta Dávila Fernández, mestra e escritora; Xosé Ramón Fandiño, presidente da Fundación Pedrón de Ouro, Celia Torres Bouzas, editora e Blanca Roig, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Ciclo de Poetas D(in)versos, revista Luzes e Viñetas desde o Atlántico. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Ciclo de Poetas D(in)versos. O xurado salientou que o Ciclo de Poetas D(in)versos, que se leva a cabo no Auditorio do Centro Ágora da Coruña, dende onde se ofrecen recitais da mellor poesía de Galicia e do mundo, “é fonte de alimentación do gusto poético, dignificando e visualizando o xénero, consolidando un público propio para a lírica de hoxe, tanto nacional como internacional”. O xurado subliñou, ademais, “a capacidade do ciclo para implicar ás librarías que sirven poesía á cidade, expandíndao por toda Galicia a través de recitais de poetas convidados ao ciclo, coordinado por Yolanda Castaño”. Por último, o xurado quixo recoñecer, ademais, o Festival Ponte-Poética, dirixido tamén por Yolanda Castaño, co apoio, sobre todo, do concello de Pontevedra e do Ateneo da Cidade, no que participan poetas de todo estado e se realizan actividades para insistir na alimentación do gusto literario”.
– Berrogüetto, Premio de Música.
O xurado da modalidade de Música, formado por Luís Soto, membro de TAC, gañador da edición anterior; Joaquín Carvajal, director do Coro Clásico de Vigo; Teresa Cuíñas Lavandeira, xornalista; Óscar Losada Castro, xornalista; Julio Gómez, director de Sin Sal, Lucía Riveiros Vázquez, soprano e Manuel Bragado, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Historia da Música en Galicia, de Lorena López Covas, Berrogüetto e Germán Díaz. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar o premio por maioría a Berrogüetto. O xurado salientou “a excelente traxectoria artística de case vinte anos do grupo vigués, constituíndose nunha referencia imprescindible na música de raíz galega, e un conxunto de prestixio no panorama internacional que deixa un legado permanente na nosa cultura”.
– Antón Pulido, Premio de Artes Plásticas e Visuais.
O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Xulio Gil Rodríguez, fotógrafo, gañador da edición anterior; Paula Cabaleiro, xestora cultural e comisaria de exposicións; Carlos Núñez “Le Vieux”, deseñador gráfico; Isabel Aguirre de Urcola, arquitecta; Xavier Limia de Gardón, crítico de arte, Annia González Castiñeira, directora de Pletor e Xavier Senín, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Berta Cáccamo, Antón Pulido e Francisco Pazos. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Antón Pulido.
O xurado salientou que “Antón Pulido Nóvoa é un pintor e un excelente gravador que comenza axiña nos montes de Casaio, desenvolve un trazo profundo e denso que concreta nunha narrativa rexionalista que gabou Otero Pedrayo cando aínda non fixera Belas Artes en Barcelona. Refina o trazo despois da súa etapa de formación até que a mediados dos oitenta fai seu o expresionismo figurativo, en soidades de paseantes, xogadores, mulleres na lúa e todo un mundo simbólico. En 2013 sorprende en Pontevedra coa exposición “Kermesse” que viña esbozándose en mostras fóra de Galicia dende o ano 2007. Kermesse é unha viaxe a unha abstracción lúdica, moi ben organizada, que transforma toda a súa pintura anterior cunha solidez moi difícil de acadar. Pola súa traxectoria, pola exposición que se menciona, pola lección de frescura e renovación comprendendo o seu tempo, cremos que o artista é merecedor deste premio”.
– Costa da morte, de Lois Patiño, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais.
O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado por Marta Pazos Antas, directora de escena e actriz, gañadora edición anterior; Alfonso Pato, director do festival de Cans; Damián Villalaín, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Paula Carballeira Cabana, escritora e actriz; Roi Vidal Ponte, dramaturgo e director de escena, Roberto Pascual Rodríguez, director da MIT Ribadavia e profesor na ESAD de Galicia e María do Cebreiro Rábade, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Costa da morte de Lois Patiño, As do peixe de Abrapalabra creacións escénicas e Eurozone de Chévere. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio á película Costa da morte de Lois Patiño. O xurado salientou “a capacidade do filme para abrir unha liña estética non convencional e un punto de inflexión no cine galego e na revisión do diálogo entre cine e paisaxe, así como na internacionalización do sector e na renovación dos modelos tradicionais de produción, distribución e exhibición”. O xurado expresou, ademais, que “debido á fecundidade dos ámbitos escénicos e audiovisual e á dificultade para equiparar obras de natureza tan distinta, recomenda a creación de dúas seccións diferenciadas en posteriores edicións destes premios”.
– Grupo Cuevas, Premio de Cultura gastronómica.
O xurado da modalidade de Cultura gastronómica, modalidade que se concedía por vez primeira na historia destes premios, formado por Manuel Gago Mariño, escritor, director de Culturagalega.org; Matilde Felpeto Lagoa, escritora de temas gastronómicos; Fina Casalderrey Fraga, escritora, membro RAG; Xavier Castro, profesor da USC, historiador de temas gastronómicos; Guillermo Campos, crítico gastronómico, Jose Maria Fonseca Moretón, presidente Grupo Terras Gauda e por Antón Sobral, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crñitica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Empresa Cuevas S.A., Fundación Dieta Atlántica e Centro Superior de Hostelería de Galicia. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Grupo Cuevas. O xurado salientou que Grupo Cuevas é “unha empresa familiar de longa e consolidada traxectoria (máis de 100 anos) que ofrece dentro e fóra de Galicia un fito destacado, ser pioneira en converter un produto autóctono, a castaña, nun elemento de calidade con incidencia universal, como é a castaña confitada, sen deixar de mirar cara adiante na procura de seguir a mellorar resultados. En defintiiva, a través da posta en valor dun produto popular desprestixiado, no eido da excelencia”.
Vigo, 11 de outubro de 2014″
Madrid: Festa das letras galegas por Galicia en Madrid
“O Centro Social Autoxestionado La Tabacalera de Lavapiés é o escenario elixido para celebrar a Festa das Letras Galegas na capital de España. Será o próximo 21 de maio, no marco dun evento de sete horas e media co que botará a andar o proxecto cultural Galiciaenmadrid.com.
Era unha cita obrigada. Lois Pereiro regresa a Madrid, escenario fundamental na súa vida e obra. Madrid foi a cidade do desencanto universitario, a dos paseos polo Rastro, a das sesións de cinema na Filmoteca, a da aprendizaxe de idiomas, a dos fulgores da Transición e a movida, pero tamén a da fatalidade polo envelenamento do aceite de colza. Pero sobre todo, Madrid foi a cidade dos primeiros poemas, onde Lois Pereiro se fixo público con aqueles versos na revista experimental Loia, promovida por un grupo de galegos instalados na cidade, entre os que estaban o seu irmán Xosé Manuel Pereiro, Manuel Rivas, Menchu Lamas e Antón Patiño. Precisamente o fillo destes dous últimos, Lois Patiño, é un dos participantes neste ambicioso proxecto de Galiciaenmadrid.com que puxeron en marcha Silvia Bardelás e Beatriz González Goce, coa colaboración doutros galegos residentes en Madrid, para dar a coñecer a realidade da nosa cultura na capital de España.
Este proxecto cultural botará a andar o próximo 21 de maio coa celebración da Festa das Letras Galegas en La Tabacalera, sita no popular e multicultural barrio de Lavapiés, un escenario á medida de Lois Pereiro, o guía deste gran desembaque da cultura galega en Madrid.
PROGRAMA
– 16:00 h. Inicio das actividades:
NAVE CENTRAL: Dramatización de Esther Carrodeguas. Collage.
SALA 1: Proxección da película de animación De Profundis de Miguelanxo Prado.
SALA 2: Proxección de curtas de animación, mostra do cómic en Galicia (Álex Cal, Emma Ríos, David Rubín, David Braña…).
PATIO (aire libre): un equipo de grafiteros galegos realizará unha intervención conxunta nas paredes de La Tabacalera.
– 17:00 h.
NAVE CENTRAL: Performance a cargo de Natalja Dudek con poemas de Elías Portela.
SALA 1: Proxección de curtas documentais de festivais musicais de Galicia: Festival música folk de Ortigueira, Cultura Quente de Caldas, Festival FAX de Ourense, Festival Vigo Transforma e Festival de jazz de Vigo Imaxina Sons.
SALA 2: Documental de Pablo Outón sobre a actividad do graffiti en Galicia.
– 18:00 h.
NAVE CENTRAL: Dramatización dun texto de Xesús Manuel Marcos e presentación da editorial Pulp Books.
SALA 2: documental sobre a historia e actividade do Festival de Cans e sesión continua de curtas, making off de animación e cómic.
– 19:00 h. HOMENAXE A LOIS PEREIRO:
* Presentación de Lois Patiño.
* Lectura pública.
* Dramatización de Alfonso Armada.
* Lectura de Xosé Manuel Pereiro.
* Música a cargo de Manu Clavijo e O Leo.
* Proxección de imaxes.
– 21:00 h. Conexión en directo coa clausura do Festival de Cans; e proxección do making off da intervención dos grafiteiros nas paredes de La Tabacalera.
– 21:15 h. Festa gastronómica na Nave Central con música de gaitas.
– 21.45 h. Concerto do Grupo Correos e de de Jing Hang Man e os Cunha Brothers.
– 23:30 h. Despedida e peche.”