O pasado xoves 28 de febreiro tivo lugar, no Café Literario do Instituto Cervantes (Lincoln House, Lincoln, Place, 2) de Dublín, Irlanda, a presentación de Forked Tongues, editado por Manuela Palacios, libro que recolle as traducións de poetas galegas, éuscaras e catalás ao inglés por poetas anglófonas. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega foi unha das entidades colaboradoras desta actividade, participando na mesma, na súa representación, Mercedes Queixas.
Posteriormente o Instituto Cervantes de Dublín, organizador do acto, elaborou este dossier de prensa, que pode ser descargado aquí: Dossier de prensa sobre Forked Tongues 28-02-2013.
Arquivos da etiqueta: Manuela Palacios
Mercedes Queixas: Saúda e benvida para Forked Tongues
Desde o blogue de Mercedes Queixas:
“Intervención lida, en representación da AELG, o 28 de febreiro no Instituto Cervantes de Dublín no acto de presentación do volume Forked Tongues. Galician, Basque and Catalan Women´s Poetry in Translations by Irish Writers, baixo o coidado da edición de Manuela Palacios:
É o galego a miña lingua de comunicación habitual e a lingua literaria de escrita poética que hoxe nos convoca e acolle neste marco cultural que vén confirmar que as barreiras lingüísticas per se non existen.
Desde logo estas non existen nunca por principio para as linguas hexemónicas. Tal vez deberiamos ser máis cautas ao afirmar isto de maneira tan categórica para as linguas minorizadas, infravaloradas como a miña, o galego, ao igual que o catalán e o éuscaro, que tamén hoxe aquí nos acompañan, dentro do propio Estado español, por definición constitucional plurilingüe e pluricultural, ao que pertencen.
O galego é unha lingua en proceso de normalización, isto é, unha lingua cuxos falantes aínda non teñen asegurada a posibilidade de vivir plenamente nela na súa vida cotiá, malia estar recoñecidos por lei todos os seus dereitos desde a recuperación da democracia, a aprobación da Constitución española en 1978 e o Estatuto de Autonomía en 1981.
Con todo, fronte ás ópticas reducionistas e simplificadoras que tanto agroman por parte dalgúns defensores da unidade mimética e o corsé homoxéneo uniformizador, estamos aquelas persoas que, desde o cultivo do coñecemento, a superación da ignorancia e a valoración do que nos é propio, nos empeñamos en mostrar orgullosas os nosos sinais de identidade, aqueles que nos fan diferentes e singulares dentro da biodiversidade lingüística e cultural.
Precisamente é no ámbito da creación literaria onde o grao de normalización lingüística alcanzado, no noso país, ten sido practicamente completo. Os nosos escritores e escritoras conseguiron, desde a convición e o compromiso íntegro e integrador, converter o galego na lingua habitual de escrita e lectura de todos os xéneros literarios, para todos os públicos, sen excepción, sendo o seu prestixio e recoñecemento de vital importancia (auto)estimuladora, dentro e fóra do noso país.
Porque o puzzle da globalidade non se comprende, en toda a súa dimensión, se non é desde unha perspectiva de sumas integradoras de esencias diferentes e con personalidade propia complementaria. Sumar sempre, restar nunca; multiplicar, si, dividir non.
Ten sido esta vontade común, colaborativa e participativa a que nos conduciu até aquí e neste camiño de tránsito común a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Manuela Palacios debe calificarse como a guía imprescindíbel, a nosa luz. Grazas a ela, sempre acompañadas da súa man abertamente interlocutora, os versos de Pilar Pallarés, Chus Pato, Lupe Gómez, María do Cebreiro e Yolanda Castaño cruzaron os nosos marcos fronteirizos político-administrativos para servos entregados como palabras-agasallo na súa sonoridade de sentimento e nacencia en convivio de irmandade coa vosa senlleira expresión.
Estas cinco escritoras galegas, poetas en esencia, de cuxa traxectoria tanto nos orgullamos, representan cinco mundos líricos persoais que se abren como a rosa de cen follas do noso poeta Ramón Cabanillas para o lectorado contemporáneo; cinco voces que revisitan corpus temáticos tradicionais e amplifican novas experiencias transgresoras para sempre enriqueceren as tonalidades dos versos que cada tempo precisa e merece; cinco expresións femininas que amplían o arco da vella do noso sentir e pensar colectivo, do noso persoal aquí e agora, como herdeiras dun legado literario culto impreso, desde un marcado carácter multicultural, que iniciaron os trobadores galego-portugueses no medievo, a finais do século XII, ininterrumpidamente, a pesar de avatares políticos esóxenos que en diferentes capítulos da nosa historia interna apostaron por invisibilizalo até case facelo desaparecer.
Esta compilación antolóxica biblingüe -galego/inglés- de versos e poemas recollidos baixo o significativo título Forked Tongues, editados orixinariamente en galego entre 1995 e 2010, son un presente que a cidadanía galega amante das letras recoñece, valora e admira. No entanto, somos ben conscientes de que elas, en moitas ocasións, herdeiras da nosa poeta nacional Rosalía de Castro, tamén como ela se senten estranxeiras na súa propia patria, porque a temida invisibilidade do seu traballo, compromiso e esforzo creativo da escrita con mirada de muller desde unha lingua propia, oficial, minoritaria e minorizada sempre asexa e respira ameazadora.
É por esta razón que me orgulla profundamente acompañarvos neste acto, en representación da AELG, para quen sempre será compromiso firme actuar como ponte cómplice en proxectos de internacionalización que coloquen a literatura vivida e expresada en galego, co protagonismo que se merece, no escenario literario global.
Moitas grazas a todas as persoas que, desde unha actitude comprometidamente solidaria e xenerosa teñen contribuído a que o que un día foi un proxecto ilusionante e intanxíbel puidese converterse nunha feliz concreción.
Grazas a estas cinco poetas-compañeiras pola súa enriquecedora expresión lírica; grazas ás tradutoras por este camiño de retroalimentación entre versos que cabalgan linguas; grazas ás poetas de Euskadi e Cataluña por acompañarnos neste ronsel de irmandade; grazas á profesora Manuela Palacios polo seu traballo firme e incansábel e por entender que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega representa a amical casa común aberta sempre ao (re)encontro; grazas á editorial Shearsman Books por valorar e acreditar neste proxecto de intercomunicación literaria e humana; grazas, finalmente, ao Instituto Cervantes de Dublín por actuar de encrucillada de camiños, como os nosos valiosísimos cruceiros de pedra de cantería, onde todo este proxecto colaborativo hoxe cobra vida auténtica.”
Cork, Irlanda: Simposio Iberia in Translation
O Simposio Iberia in Translation, organizado pola University College de Cork, en Irlanda, propón un debate sobre diferentes aspectos da tradución literaria no contexto ibérico, seguido de lecturas poéticas multilingües por poetas vascos, cataláns e galegos.
– 14:00-14:30 h. Manuela Palacios (Universidade de Santiago de Compostela): Irish and Galician poetry: transnational and translational negotiations.
– 14:30-15:15 h. Jennifer Arnold (University of Birmingham): Desterrada: The English Translation of Maria Barbal’s Pedra de Tartera.
Elisa Serra Porteiro (University College Cork): Irish Identity on the Galician Stage.
– 15:30-16:00 h. Diana Cullell (University of Liverpool): Catalan Identity in Translation? Xarnego Poetry and Inter-Cultural Dialogues in Catalonia.
– 16:00-16:45 h. Mari Jose Olaziregi (Instituto Vasco Etxepare): Basque Writing in the Iberian Context: Brief Notes on the Translations of Basque Literature
Mercedes Queixas (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega): Literatura galega: un portal de letras aberto ao mundo.
– 16:45-17:00 h. Debate.
Venue: Cork City Library, Grand Parade.
– 17:30-19:00 h. Recepción e recital poético.
* Leire Bilbao, Itxaro Borda.
* Yolanda Castaño.
* Vinyet Panyella Castillo Suárez.
Traducións ao inglés lidas por Helena Buffery, Lorna Shaughnessy e Matthew Sweeney.
Música por Isaac Xubín.
O Simposio foi organizado por Helena Buffery e Martín Veiga, e apoiado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cork City Library, Irish Centre for Galician Studies (UCC), Instituto Vasco Etxepare, Institut Ramon Llull, Department of Hispanic Studies (UCC), School of Languages, Literatures and Cultures (UCC), Ministerio de Economía y Competitividad.
Dublín: presentación de Forked tongues, editado por Manuela Palacios
O xoves 28 de febreiro, ás 18:00 horas, no Café Literario do Instituto Cervantes (Lincoln House, Lincoln, Place, 2) de Dublín, Irlanda, preséntase Forked tongues, editado por Manuela Palacios, tradución de poetas galegas, éuscaras e catalás ao inglés por poetas anglófonas, onde colaborou a AELG. En representación desta entidade participará no acto Mercedes Queixas.
Proxección exterior da poesía galega
Desde Caderno da crítica, blogue de Ramón Nicolás:
“Distribúese, desde hai escasos días, unha antoloxía poética publicada polo selo inglés Shearsman Books baixo a responsabilidade da profesora Manuela Palacios; unha empresa editora, por certo, aberta e receptiva á literatura contemporánea galega pois xa acolle no seu catálogo poemarios de Chus Pato, María do Cebreiro e, hai pouco, de Manuel Rivas, en tradución da irlandesa Lorna Shaughnessy. (…) Nesta ocasión, incorpóranse versións bilingües en galego e inglés de poemas de Chus Pato e María do Cebreiro, que constituían parte do catálogo de Shearsman, xunto con outras voces que non formaran parte da antoloxía anterior -a devandita To the Winds…- e que son Pilar Pallarés, Yolanda Castaño e mais Lupe Gómez Arto; de todas elas poden lerse composicións, nalgúns casos inéditas, traducidas ao inglés por poetas irlandesas que, segundo a editora do volume, gozasen dalgunha afinidade, de carácter estilístico e temático, coa obra das poetas que traducen. A carón delas, súmanse catro poetas vascas –Itxaro Borda, Miren Agur Meabe, Castillo Suárez e Leire Bilbao- e catro catalás –Vinyet Panyella, Susanna Rafart, Gemma Gorga e Mirei Calafell-, con textos en inglés e nas súas respectivas linguas, para poñer o ramo a un excelente volume, coidadosamente anotado e que só cómpre saudar con satisfacción.”
Publicación da web do grupo de investigación Poxeirga
“O grupo de investigación Poxeirga acaba de publicar a súa web. Vencellado a ese grupo está o proxecto Us and Them: Discourses on Foreignness by Irish and Galician Women Writers (1980-2007), cuxa I.P. é a profesora Manuela Palacios, e que conta con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación (FFI2009-08475/FILO). Como antecedentes podemos citar aqueloutro proxecto así mesmo financiado, Poetas irlandesas e galegas contemporáneas (1980-2004), xa dirixido por Manuela Palacios. O obxectivo deste proxecto, tal como se explica na web, é, partindo dos vencellos socioculturais entre Irlanda e Galicia e da emerxencia sen precedentes de tantas mulleres escritoras nun e noutro lugar desde os 80, explorar o xeito no que a literatura contemporánea de autoría feminina configura a estranxeiría e produce unha crítica social da diferenza cultural. Ademais de Manuela Palacios forman parte do proxecto Laura Lojo, María Dolores Gómez Penas, María Xesús Nogueira, Burghard Baltrusch, Olivia Rodríguez González, Luz Mar González Arias, María Xesús Lama, José Francisco Fernández Sánchez, Helena Miguélez Carballeira e Borbála Faragó.” Vía Poesía Galega.
Santiago: presentación de A cidade na poesía galega do século XXI
O xoves 8 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A cidade na poesía galega do século XXI, publicado en Toxosoutos. No acto interveñen Yolanda Castaño e Manuela Palacios.
Armando Requeixo: “A Federación Galeusca”
Crónica do Galeusca 2011 en Criticalia, o blog de Armando Requeixo:
“Un ano máis —e xa van alá case trinta— a Federación Galeusca celebrou a súa xuntanza reunindo autores e autoras da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, a Euskal Idazleen Elkartea e mais a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Desta volta, o tema sobre o que se debateu durante dous días (30 de setembro e 1 de outubro) foi A tradución literaria: profesión e creación, o que explica que estas xornadas, celebradas en Barcelona, transcorresen coincidindo no tempo co Día Internacional da Tradución.
Por parte da delegación galega asistiron ao evento o presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias; a secretaria da asociación, a ensaísta Mercedes Queixas Zas; a profesora e tradutora Manuela Palacios e quen isto escribe.
No Ateneu Barcelonès —emblemático espazo que acolleu as sesións de traballo—, tiven a honra de debater co escritor e editor vasco Xabier Mendiguren e mais o xurista e asesor editorial Mario Sepúlveda sobre A repercusión da edición dixital na práctica e os dereitos do tradutor, mesa redonda na que se puxeron en común interesantes cuestións que afectan aos contratos entre tradutores e editoras aplicados ao ámbito dixital.
Pola súa banda, Manuela Palacios, recoñecida tradutora ao galego de textos ingleses e gaélicos, participou no acto Lectura de fragmentos literarios na lingua orixinal e a tradución á lingua de chegada cun recitado de poemas de Ana Romaní e María Lado, que leu tanto en galego como en inglés. Xunto á tradutora galega interviñeron tamén o escritor vasco Fito Rodríguez (que transvasou a Proust do francés ao éuscaro) e mais os cataláns Feliu Formosa (quen deu voz a Rilke e Trakl en catalán e alemán), Montserrat Abelló (que visitou en catalán e inglés a Sylvia Plath, Margaret Atwood e Anne Sexton) e Manuel Forcano (quen achegou dende o hebreo ao catalán a Iehuda Amikhai).
A mesma Manuela Palacios, xunto á narradora catalá Carme Riera e o poeta vasco Nicolás Zimarro, debateron na mesa redonda Autotradución e tradución entre as nosas linguas e o castelán como lingua de mediación (ou non), faladoiro no que a tradutora galega deu a coñecer a súa experiencia como coordinadora do volume To The Wind Our Sails, antoloxía bilingüe galego-inglesa dos versos de Luz Pozo, María do Carme Kruckenberg, Xohana Torres, Marilar Aleixandre, Luz Pichel, Chus Pato, Ana Romaní, María do Cebreiro, María Lado e Xiana Arias.
Logo da preceptiva Asemblea Xeral da Federación Galeusca e a lectura da acta coas conclusións das xornadas, deuse remate ás mesmas, deixando así atrás dous días de vizosos parladoiros nos que os compoñentes das tres delegacións tivemos tempo para pór en común experiencias e pareceres sobre moi diversos temas de natureza literaria que nos preocupan por igual.
Agora, máis que nunca, encontros como este da Federación Galeusca abren esperanzadoras perspectivas para as letras de noso, fannos saber que as nosas inquedanzas son compartidas por outras literaturas irmás e convéncenos de que a loita a prol da causa da escrita propia non é unha angueira solitaria.”
Barcelona: XXVIII Encontro Galeusca, o 30 de setembro e 1 de outubro de 2011
O XXVIII Encontro Galeusca, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Euskal Idazleen Elkartea e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, terá lugar no Ateneo de Barcelona o venres 30 de setembro e sábado 1 de outubro, baixo o título A tradución literaria. Profesión e creación. Este é o programa previsto:
– Venres 30 de setembro
17:00 h. Mesa redonda Repercusión da edición dixital na práctica e os dereitos do tradutor, e coloquio posterior coa participación de:
– Armando Requeixo (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG).
– Xabier Mendiguren Elizegi (Euskal Idazleen Elkartea, EIE)
– Mario Sepúlveda (Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, AELC). Posteriormente terá lugar un coloquio.
19:30 h. Día internacional da tradución. Fragmentos de lectura literaria na lingua orixinal e na versión traducida a cargo de:
– Manuela Palacios (Galego-Inglés).
– Texto de Iñaki Irazabalbeitia lido por Fito Rodríguez (inglés e éuscaro).
– Montserrat Abelló (Inglés-Catalán).
– Enric Casasses (Italiano / Francés-Catalán).
– Ramón Farrés (Alemán-Catalán).
– Feliu Formosa (Alemán-Catalán).
– Sábado 1 de outubro
10:30 h. Mesa redonda: Autotradución e tradución entre as nosas linguas e o castelán como lingua de mediación (ou non), e coloquio posterior coa participación de:
– Manuela Palacios (AELG).
– Carme Riera (AELC).
– Nicholas Zimarro (EIE).
12:30 h. Asemblea Xeral da Federación Galeusca.
14:00 h. Clausura.
Santiago: presentación de To the Winds Our Sails e recital de poetas de Galicia e Irlanda
O venres 1 de outubro de 2010 ás 19:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, preséntase o libro To the Winds Our Sails, antoloxía de poetas galegas feita por autoras irlandesas, editado por Mary O’Donnell e Manuela Palacios en Salmon Books. No acto desenvolverase un recital de poesía presentado por Olivia Rodríguez, no que participarán: Luz Pozo Garza, Mary O’Donnell, Ana Romaní, Maurice Harmon, Chus Pato, Lorna Shaughnessy, Marilar Aleixandre, Xiana Arias, Luz Pichel, María Lado e María do Cebreiro. Colaboran a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), o Ministerio de Educación e Ciencia (Proxecto Us and Them (FFI2009-08475/FILO)) e o Grupo de investigación Discourse and Identity (GI 1924).