Terra de Outes: os novos libros de Marcos Calveiro e a revista A Voz de Barbantia

O venres 28 de maio, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Outes, terá lugar a presentación do novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación dos libros de Marcos Calveiro O pintor do sombreiro de malvas (Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009) e Settecento. No acto, ademais do autor, estarán presentes María Xesús Blanco (socia de Barbantia), Xoán Mariño (presidente da Asociación Cultural Terra de Outes) e mais o alcalde de Outes Carlos E. López Crespo.

A Coruña: “A imaxe reinventada”, por Luís Rei Núñez e Marcos Calveiro

O xoves 13 de maio, ás 20:00 no Macuf (Avda. de Arteixo, 171, A Coruña), Marcos Calveiro e Luís Rei Núñez ofrecerán “A imaxe reinventada”, dentro do ciclo de conferencias literarias “Mestres de papel”.

«Luís Rei Núñez e Marcos Calveiro tenderon unha ponte entre literatura e pintura e literatura e cine a partir do laborioso traballo de reconstrución imaxinaria dunhas vidas que brotan da contemplación duns cadros ou do visionado dunha pelí­cula, actos ambos que desencadean o feitizo febril da emoción narrativa.» (MACUF)

Vigo: presentación de Settecento, de Marcos Calveiro

Settecento será presentada no Auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, o vindeiro martes, 27 de abril, a partir das 19:30 horas, nun acto que contará coa participación do autor, de Manuel Candelas (Arume dos piñeiros) e da Orquestra de Corda «CMUS Profesional de Vigo», dirixida por Edita Shulman, que interpretará o concerto «Alla Rustica» de Antonio Vivaldi.

Marcos Calveiro, Luís Rei Núñez, Fina Casalderrey, An Alfaya e Rosa Aneiros no ciclo “Maestros de papel”

Ciclo de conferencias literarias “Maestros de papel”. Unha ponte de papel entre escritores e escritoras do panorama literario español e galego actual e os seus lectores. Achégate a coñecer en propia voz as reflexións destes mestres de papel e descobre as mensaxes ocultas dos seus libros, a esencia do acto literario e os segredos da arte de crear beleza con palabras.:

Mércores 28 de abril, 20:00 h.: José María Merino: “A alquimia literaria”

Xoves 13 de maio, 20:00 h.: Marcos Calveiro e Luís Rei Núñez: “A imaxe reinventada”

Xoves 10 de xuño, 20:00 h.: Fina Casalderrey, An Alfaya e Rosa Aneiros: “Literatura con voz femenina: ¿una escritura de rebelión no panorama do século XXI?”

Martes 22 de xuño, 20:00 h.: Luis Mateo Díez: “Os fíos condutores da ficción: o azar, a memoria e o esquecemento”

Entrada libre (aforo limitado); aparcadoiro gratuíto; Autobús urbano nº 11.

Marcos S. Calveiro gaña o Premio Lazarillo de Narrativa Xuvenil

O autor anunciou a nova hoxe mesmo no seu propio blog:

“Unha novela miña que se titulará O pintor do sombreiro de malvas vén da gañar a edición 2009 na modalidade de narrativa xuvenil do Premio Lazarillo convocado pola OEPLI dende o ano 1958. O libro publicarase na primavera do ano 2010 en galego por Edicións Xerais, en castelán por Edelvives e en euskera por Ibaizabal.

A historia acontece na pequena vila francesa de Auvers, na ribeira do río Oise, durante sesenta e nove días do verán do ano de 1890 e está protagonizada polo rapaz do lenzo que acompaña ao pintor do sombreiro de malvas…”

Ver listaxe de gañadores do Premio Lazarillo (1958-2007)

Santiago: mesa redonda con Concha Blanco, Marcos Calveiro e Rosa Aneiros

O club de lectura Gálix Tendendo redes organiza unha mesa redonda que leva por título A fráxil existencia, temática escollida para o mes de novembro polo club, e que aborda eses libros que teñen como fondo de reflexión os inadaptados sociais, os seres humanos que dun xeito ou doutro se sitúan nas periferias da sociedade.

Nesta mesa redonda participarán a escritora Concha Blanco, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática da súa novela Nano; o escritor Marcos Calveiro, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática dentro da súa novela Rinocerontes e quimeras e a escritora Rosa Aneiros, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática na súa última obra Ás de bolboreta. Modera a mesa Ánxela Gracián. O acto terá lugar o xoves 26 de novembro de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega (pazo do Obradoiro, Santiago).

Gondomar: encontro con Marcos Calveiro arredor de Festina lente

A libraría Libraida, en colaboración con Edicións Xerais, organiza un encontro co escritor Marcos Calveiro, autor de Festina lente, a novela proposta no club de lectura Sete Vidas para o mes de outubro. O acto, presentado polo profesor Manuel Candelas, celebrarase este venres, 23 de outubro, ás 20.30 horas na libraría Libraida (Rosalía de Castro núm. 13, Gondomar).

A novela Festina Lente abre mañá martes 6 a nova tempada do Club de lectura Sete Vidas

Este martes de 6 de outubro, ás 20.00 horas, Espazo Lectura reanuda as sesións mensuais do Club de Lectura Sete Vidas, que se celebrará, como en sesións anteriores, na Biblioteca de Gondomar. O autor da novela, Marcos Calveiro, estará na librería Libraida o próximo 23 de outubro, á disposición de todos os lectores.

O libro que citará aos lectores e lectoras para falar e debater, informalmente, sobre el é, nesta ocasión, a novela Festina lente, de Marcos Calveiro, publicada por Xerais. Trátase dunha novela que está a ter unha gran acollida entre o público e que mesmo está dando lugar a roteiros literarios por Santiago de Compostela, a cidade onde está ambientada. Un texto escrito con enorme alento e prosa depurada, que propón unha intrigante viaxe polo mundo dos libros e o coñecemento nun tempo de intolerancia.

Esta sesión do Sete Vidas completarase o día 23 de outubro cunha visita do autor, Marcos Calveiro, á libraría Libraida de Gondomar, onde falará sobre a súa novela e manterá un encontro cos lectores e lectoras.