O mércores, cuarta feira, 13 de abril, ás 19:00 horas, na Cafetaría Airas Nunes (Rúa do Vilar, 17) de Santiago, terá lugar un recital, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, en colaboración co Colectivo Gai de Compostela e a asociación BOGA – Lésbicas de Galiza, que conmemora o 950 aniversario da institucionalización máis antiga dunha unión homosexual conservada en Galiza. No acto participarán Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Antía Otero, Antón Fortes, Asunción Arias, Carlos Callón, Carlos Lixó, Fran Cortegoso, Gonzalo Hermo, Gonzalo Vázquez, Lois Diéguez, Luís González Tosar, María Rosendo, Marica Campo e Rosa Enríquez. O lema da convocatoria é unha expresión latina que se encontra no documento de unión entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz: “in totos dies et noctes, in omne tempus vel tempora”; isto é: “en todos os días e todas as noites, para sempre”.
Arquivos da etiqueta: Marica Campo
A Coruña: recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez
O
xoves 17 de febreiro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, terá lugar un recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura da Coruña quere mostrar así o seu agradecemento a Perfecto Estévez, deseñador referencial do noso país, e que ten colaborado coa AELG en tempos difíciles. O acto, presentado por Dores Tembrás, contará coa presenza de:
– Lois Diéguez
– Francisco X. Fernández Naval
– Yolanda Castaño
– Xulio L. Valcárcel
– Marica Campo
– Diana Varela
– Cesáreo Sánchez
Haberá unha actuación musical de César Morán e Xosé Taboada.
Na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, tamén en Durán Loriga, 10, pódese visitar a Exposición homenaxe a Perfecto Estévez organizada pola Concellaría de Cultura da Coruña.
Lugo: presentación de Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval
O venres
28 de xaneiro, ás 20:00 h., na Librería Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, gañador do X Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando ao autor, participan Miguel Anxo Fernán-Vello, Marica Campo e María Casar. Organizado pola A. C. Ergueitos.
Santiago: Implícate, noite de música e palabra solidaria 2011
O
domingo 9 de xaneiro, ás 20:30 h., no Teatro Principal de Santiago de Compostela, terá lugar o especial Implícate, noite de música e palabra solidaria 2011, que contará coa actuación musical de Leilía, Som do galpom e Wöyza, a danza do Centro Coreográfico Galego, o teatro con Life is a paripé, con Iolanda Muíños, César Goldi e Mos, e Quico Cadaval, e a presenza literaria de Ánxela Gracián, Lino Braxe, Marica Campo e Séchu Sende. Todo isto conducido co saber facer de Yolanda Castaño e Luís Tosar. Organizado por Implicadas no desenvolvemento. Máis información aquí.
Arteixo: presentación do libro inédito Galiza, de Manuel María
O
mércores 29 de decembro, a partir das 20:00 h., no Centro Cívico Cultural de Arteixo, terá lugar a presentación do libro Galiza, ensaio inédito de Manuel María. No acto, organizado pola Fundación Manuel María e a Asociación Cultural Monte da Estrela, participan Aniceto P. Nunes, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Marica Campo, Saleta Goi e Alberte Ansede, e aproveitarase para presentar tamén o proxecto da Casa Museo do autor chairego.
Muíño do Rañego, Vilalba: Nun lugar dos soños, homenaxe a Darío Xohán Cabana
O sábado 13 de novembro, a partir das 12:00 h., no Muíño do Rañego de Vilalba, terá lugar a edición do 2010 de Nun lugar dos soños, coa que a Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María homenaxean a figura de Darío Xohán Cabana. Haberá unha táboa redonda coa participación de Xosé Luís Calvo Vidal, Marica Campo, Paco Martín, Yago Rodríguez Yáñez e Xulio Xiz, seguida pola colocación do quinto hectómetro literario no Paseo dos Soños, finalizando cun xantar de irmandade en A Nova Ruta de Vilalba e a posterior actuación musical. Quen queira apuntarse aos actos de homenaxe poden facelo no teléfono 646-413890.
A Coruña: presentación de Onde houbo lume, de Marica Campo
O
martes 26 de outubro, a partir das 20:30 h., na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16-18) da Coruña, preséntase Onde houbo lume de Marica Campo, publicado por Biblos. No acto participan, ademais da propia autora, o editor Tucho Calvo e Pilar García Negro.
Ferrol: presentación de Onde houbo lume, de Marica Campo
O
mércores 20 de outubro, a partir das 20:00 h., preséntase na Galería Sargadelos de Ferrol Onde houbo lume, de Marica Campo, publicado por Biblos. No acto participarán, xunto á autora, Tucho Calvo e Pilar García Negro.
Marica Campo: “O problema da lingua non está na literatura, está nas escolas”
Entrevista
a Marica Campo en Xornal:
“Xornal (X): Que mensaxe pretende transmitir con Onde houbo lume?
Marica Campo (MC): O libro pretende recuperar a intrahistoria da vida de moitas mulleres no século XX. Son todas vidas que transcorren dende finais do XIX até todo o seculo XX. A fonte que recolle todas esas historias é un secretario de xulgado, xa maior, que coñece unha xornalista que quere cubrir a información dunha caravana de mulleres. Entón, con ese pretexto, establecen unha amizade e el cóntalle todas esas historias á rapaza. Ao mesmo tempo, tamén se mesturan a propia historia do narrador e máis a da xornalista. (…)
X: Ao respecto da literatura infantil, vén de celebrarse en Santiago o congreso International Board on Books for Young People (IBBY), no que os conferenciantes coincidiron unanimemente en reivindicar a dignidade da literatura infantil como “unha literatura de primeira”, está vostede de acordo?
MC: A literatura para rapaces ten que ser moito mellor que a destinada aos adultos. Eu diría que ten que estar escrita directamente pensada nos rapaces, pero tendo en conta que un libro para nenos que non lle guste a un adulto crítico non debe valer para os pequenos. Hai unha serie de cousas fundamentais que non se deben esquecer nunca cando se escribe para os rapaces: hai que coidar moitísimo máis a lingua, buscar moitísima máis claridade á hora da exposición, e todo iso tratando de ensinar, pero sen que se note, sen que aparente que hai un propósito moralizador ou didáctico. Non hai que pensar que os nenos son parvos, nin que son adultos pequeniños… son outro mundo, pois son lectores moi plásticos, moito máis receptivos que os adultos, e hai que ter moito coidado co que se lles dá de comer.
X: Como escritora en lingua galega, considera que o idioma do país goza de boa saúde, ou pola contra, que se atopa ameazado polas actuais políticas que se están a levar a cabo dende a Xunta de Galicia?
MC: Na literatura non hai problema, o problema está no uso cotián da nosa lingua, está nas escolas. É dicir, se medisemos a vigorosidade da lingua pola situación literaria, pois estupendo, sería unha situación máis que óptima. Pero á parte hai que ter en conta outros moitos aspectos, como canta xente le en total e canta xente le en galego. Pero ben sabemos todos o que hai agora… a verdade, na miña opinión, é que a cousa está moi mal, realmente mal.
Santiago: presentación de Onde houbo lume, de Marica Campo
O
xoves 30 de setembro ás 20:00 h. preséntase na Libraría Couceiro de Santiago (na Praza de Cervantes) Onde houbo lume, de Marica Campo, publicado por Biblos, unha novela con once historias en feminino.