Un souto do Val do Mao leva xa o nome da escritora Marica Campo

Desde Sermos Galiza:
“Acompañada e querida tívose que sentir a escritora Marica Campo ao ir recibindo ás máis de duascentas persoas que se trasladaron de todas partes da Galiza para partillar na xornada que a República das Letras lle tributou. E non só desde o país. Desde Granada desprazáronse Aurora López e Andrés Pociña e desde o País Vasco chegou o amigo Xosé Estévez. Amigas e amigos da poesía como Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Marta Dacosta, Medos Romero, Margarita Ledo ou o propio Cesáreo Sánchez Iglesias participaron nos actos durante toda a xornada nos que tamén tomaron parte coñecidas figuras non só das letras senón tamén da política e o sindicalismo. Polo Incio estiveron Pilar García Negro, Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Mario Outeiro, Cosme Pombo, Silverio Rivas, Montse Prado, Mercedes Queixas, Estravís, Carme García Negro, Ramón Varela, Saleta Goi, Anxo Louzao, David Otero, Xosé Ramón Freixeiro Mato -autor da laudatio- e moita familia e veciños do Incio, a terra na que naceu Marica Campo e na que garda lembranzas da súa infancia e do seu achegamento á literatura.
Por aí discorreron os seus dous discursos, o primeiro na Casa do Concello, coa alcaldesa como anfitrioa e o segundo no Campo da Festa que leva xa o seu nome, pola relación co Val do Mao que fixo que se remitise á infancia feliz no que a literatura comezaba a gañar espazo. Marica Campo falou de maneira íntima e persoal, lembrando episodios familiares para os amigos e amigas, recoñecendo a súa intensa relación da lingua que coñeceu no Incio, o seu compromiso co idioma e as primeiras achegas a un mundo literario que a había acompañar ata hoxe. En diversas ocasións, a escritora tivo que parar, interrompida polas palmas que se manifestaron, de maneira especial, nos fragmentos nos que a autora reparaba na reivindicación do uso da lingua en tempos nos que as dificultades se incrementan.
No souto, o Campo da Festa, xa queda prendida unha placa que lle dá o nome da escritora a ese espazo que tantas lembranzas ten para ela, boas e malas, intensas fixo, daquelas que quedan para toda a vida porque forman parte da biografía de cada quen. Ao pé da igrexa, do singular camposanto cuberto e do campo de lecer e encontro, no que a música ecoa a través do tempo. Alí queda tamén o monolito cun poema da autora labrado na pedra, o Val do Mao, primeira composición do primeiro libro, poema inaugural da traxectoria literaria da ilustre veciña do Incio.
“Na súa traxectoria literaria e cívica transparece o firme compromiso coa Galiza, patria asumida e sempre reivindicada, e coa causa da xustiza e da solidariedade. Espírito libre, aberto e xeneroso, Marica Campo comprométese en cada texto coa calidade e dignificación artística da lingua, máis outra forma, en fin, de fidelidade e amor á Terra” dixo Xosé Ramón Freixeiro Mato, autor da laudatio coa que homenaxeou á autora.
Tamén Cesáreo Sánchez, que pronunciou dous discursos nos dous actos da xornada, se dirixiu a Marica Campo para dicir: “Na túa palabra que é idioma na súa máis fonda raíz vai a tranparencia do río primeiro de primavera, vai o noso presente que escoitamos nos ecos da memoria que son patria. E no teu Eu cabe o Nós que contén todos os seres que somos sen nós saber”.”

Parlamento das Letras: Medos Romero

Entrevista de Armando Requeixo a Medos Romero no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Medos Romero (MR): Eu creo que o que máis precisa a nosa literatura é visibilidade social: estar nos escaparates das librarías, estar na televisión e nos medios de comunicación en xeral, en definitiva, formar parte da sociedade. Podería dicir tamén que precisa apoio institucional, mais que podemos agardar dun goberno que rexeita a normalización do idioma no que se escribe a nosa literatura? En canto ao propio contido da literatura, o que creo que lle sobra é aquela escritura que se elabora á marxe da vida, porque neses casos o texto non ten o pulso necesario e acaba por caerlle das mans ao lector. (..)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: Penso que en calidade nada temos que envexar a outras literaturas, mais o noso problema é que a literatura galega precisa tamén, ademais de autores e de libros, de lectores. E aí imos para atrás. Por iso é tan imprescindíbel e valioso o traballo constante que ti e outras persoas estades a levar a cabo para facer visíbeis as nosas letras e para favorecer o interese polas obras que se escriben en galego. Nunca vos poderemos pagar o voso labor pola difusión da literatura galega. (…)”.

A Coruña: presentación de Do corpo e a súa ausencia, de Medos Romero

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa de que o vindeiro martes 27 de abril, terá lugar a presentación do libro Do corpo e a súa ausencia, de Medos Romero. A autora estará acompañada por Xulio López Valcárcel e Dores Sánchez Alegre. Será ás 20:30 h. no salón de actos da asociación. O libro está editado dentro da colección Esquío.