Muxía: acto de entrega do Premio López Abente a Emma Pedreira

11401333_468300696676990_980629397585509309_n

Emma Pedreira gaña o Premio Gonzalo López Abente con S/T

DesdeEmma Pedreira Sermos Galiza:
“O Premio de Poesía Gonzalo López Abente recaeu nun dos máis destacados nomes e unha das xa máis premiadas poetas da chamada xeración dos 90. O libro S/T, de Emma Pedreira, foi celebrado por unanimidade por un xurado composto polos poetas X. H. Rivadulla Corcón, Miguel A. Mato Fondo e Modesto Fraga, con Viki Rivadulla como secretaria.
O xurado adianta que a obra “indaga nos grandes temas universais, nas vivencias da aldea, os froitos da terra, o tempo da infancia e a memoria, nun discurso elaborado que soa moi verdadeiro, saído dunha necesidade vital de facelo”. A escritora, que verá o seu novo libro publicado en Edicións Xerais, recollerá o premio nun acto que a Fundación organiza o vindeiro día 11 de xullo. (…)”

Miguel Mato: “A miña xeración está formada por anxos da derrota”

EntrevistaMiguel Mato de Carme Vidal a Miguel Mato:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por que demorou a súa volta á poesía?
– Miguel Mato (MM): Non tardei en volver á poesía, senón en publicar. Escribo continuamente, mais, para sacar un novo libro, tenme que gustar; ten que responder a algo que está dentro de ti. Por outra parte, gustaríame publicar ensaio e narrativa, mais non é doado. En especial para min, que escribo relato. A realidade é así: quixera publicar; porén, non existen moitas ocasións.
– SG: En cambio, cónstame que desde Caldeirón, insistiron para que publicase este novo libro de poesía [Terra fría].
– MM: Así foi. Paco Souto tiña desexos de publicar un libro meu, e eu tamén de o facer con Caldeirón, porque é un proxecto no que o amor ao libro se nota. Alén da amizade, e que é unha editora de Malpica, a miña terra, estou feliz e agradézolles moito que mo ofrecesen. Eu non me atrevía a pedirllo, porque sei que publicar un libro é un esforzo, e teño consideración con quen inviste e fai esforzos económicos para a creación de cultura. Ponme moito respecto.
– SG: Se cada libro responde a un momento, que explica o nacemento de Terra fría?
– MM: Considero que é unha continuación de O whiskey na barrica, mais trátase dun libro máis sombrizo. Non é xa esa visión case arcádica, nostálxica e luminosa, senón algo máis amargo e pesimista. Deixa ver a consciencia do paso do tempo; das mudanzas que traen horizontes máis escuros. É unha visión pesimista sobre o mundo, sobre desexos frustrados e soños colectivos que non se cumpriron. Tamén a preocupación polo estado da lingua, moito máis ca unha ferramenta de traballo, a memoria da historia colectiva do país. Manuel María dicía que cando se perde unha lingua o mundo empobrece. O libro expón unha visión dun mundo que se esnafra contra unha curva sen ver o sinal de stop.
– SG: Esa sensación de derrota e desastre é un signo xeracional?
– MM: Compartido con poetas como Ramiro Fonte, Forcadela, Miguel Anxo Fernán Vello ou o mesmo Manuel María, unha referencia ética na concepción de como debe estar o poeta no mundo, da percepción do país a través da lingua, de talante ecoloxista e conservacionista.
– SG: Cita nomes cos que compartiu hai trinta anos o grupo De amor e desamor. Mudou o entusiasmo de entón en pesimismo?
– MM: Convivimos con formas de cultura que a xeración anterior non coñecera, como o rock, unha poesía moi desenganada. Este libro, poño por caso, inspírase nun tema de Tom Waits. Somos, en certa medida, anxos da derrota. Antes saïamos dunha época hostil e abríase unha etapa de esperanza, e agora volvemos a un tempo duro. (…)”

A Coruña: presentación de Terra fría, de Miguel Mato

OMiguel Mato xoves 23 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, preséntase Terra fría, de Miguel Mato, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto, xunto ao autor, participan Paco Souto, Suso Lista, César Morán e Alfonso Costa.

A Coruña: Xurxo Souto no programa Recendo, en CUAC FM

O Xurxo Soutomartes 27 de xaneiro, no programa de radio Recendo da A. C. Alexandre Bóveda, transmitido en CUAC FM, estará como convidado Xurxo Souto, quen falará sobre o seu libro Contos do mar de Irlanda, entre outros apartados, dos que destacamos a sección de Literatura, a cargo de Miguel Mato. O programa, que se emite todos os martes de 19:00 a 20:00 horas, pódese escoitar no 103.4 FM na comarca da Coruña, e en directo en internet, na web da emisora, pulsando o botón En directo. En diferido, pódense escoitar todos os programas xa emitidos, en Recendo blog.

A Coruña: recital poético-musical no 25 cabodano de Miguel González Garcés

OMiguel González Garcés venres 12 de decembro, ás 19:45 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar un recital poético-musical en lembranza do escritor Miguel González Garcés, o mesmo día no que se conmemora o vintecinco cabodano.
O acto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coa colaboración da Biblioteca, contará coa intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, e estará coordinado e presentado por Francisco X. Fernández Naval. Participan:

Luz Pozo Garza.
Xulio López Valcárcel.
Lino Braxe.
Olga Patiño.
Miguel Mato Fondo.
Estíbaliz Espinosa.
Manuel Rivas.
Miguel Anxo Fernán-Vello.
Ánxeles Penas.
Xavier Seoane.
Manuel Álvarez Torneiro.

Coa música de César Morán e Xosé Taboada.

MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS (A Coruña, 1916-1989), é unha das voces poéticas máis singulares e senlleiras que deu a cidade da Coruña. Poeta, articulista, dinamizador cultural, a súa figura está vinculada ás de Urbano Lugrís, Antón Avilés de Taramancos ou Manuel Álvarez Torneiro, pero tamén a autores das xeracións posteriores, escritores máis novos cos que sempre mantivo unha relación de interese e de amizade.
Foi director da Biblioteca Pública do Estado na Coruña -hoxe de xestión compartida coa Xunta de Galicia- que leva seu nome, como o leva a rúa na que está situada. Historiador e cronista da Coruña, foi o presidente da Asociación Cultural Iberoamericana.
Autor dunha ampla obra, escrita en castelán primeiro e en galego a partir da década dos sesenta, a súa é unha literatura dos sentidos, da alegría de vivir, do cotián, na que a cidade está sempre presente.

MiguelGonzalezGarces_RecitalHomenaxe25Cabodano