Justo Beramendi: “Fraguas foi un militante galeguista moi activo ata o 36”

Entrevista a Justo Beramendi na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): A relación que vostede mantén co Museo do Pobo Galego tamén vén daquel momento fundacional, no ano 1976. Como foi a incorporación de Fraguas?
– Justo Beramendi (JB): A xunta de goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia deunos, ás persoas que daquela estabamos na súa comisión de cultura, vía libre para intentar constituír o padroado que tiña como obxectivo a creación do museo. Daquela comisión formabamos parte dous ausentes, desgraciadamente, Rafael Baltar e mais Carlos García Martínez, María Xosé Fernández Cerviño e eu mesmo. O que fixemos foi recrutar as persoas que pensamos que poderían formar parte do padroado, entre elas, por suposto, todos os galeguistas históricos que aínda vivían, e foi así como don Antonio Fraguas foi unha das persoas que fomos buscar. (…)
– RAG: Co gallo do centenario do nacemento de Fraguas, o Museo do Pobo Galego editou en 2005 un volume conmemorativo no que vostede analiza un aspecto da súa vida que segue a ser pouco coñecido, o seu activismo político galeguista antes de 1936. Por que sucede isto?
– JB: Porque nunca foi un dirixente, o único cargo orgánico que tivo foi o de secretario xeral do Partido Galeguista da Estrada, por iso o chamei o soldado fiel. Era fundamentalmente un militante de base, pero moi, moi activo, e sobre todo tiña moi claro cales eran as necesidades do país e do nacionalismo. Supeditaba todo na súa actuación política a iso, aínda que ás veces houbese cousas coas que non estaba moi de acordo.
– RAG: Por exemplo?
– JB: Isto queda moi claro cando nos anos 30 o Partido Galeguista afonda a división entre esquerda e dereita, ou entre filorrepublicanos demócratas e politicamente laicos, como Castelao e Bóveda, e os politicamente católicos. Fraguas é un home moi relixioso, pero a pesar diso mantense fiel ao que decida a maioría do partido, a esquerda, en contra do que fan íntimos amigos seus e colaboradores na primeira radio de Galicia, como Xosé Mosquera, O vello dos contos.
– RAG: Tamén foi moi activo na campaña a prol do Estatuto de Autonomía.
– JB: Si, coma todos os militantes, se hai Estatuto de Autonomía de Galicia en 1936 é grazas ao Partido Galeguista. A pesar de ser un partido minoritario, centra todas as súas enerxías desde a súa fundación cara á consecución da autonomía de Galicia, incluso os escindidos participan na campaña do referendo activamente. (…)”

Compostela: presentación de Festas con representacións de mouros e cristiáns en Galicia e terras do Noroeste veciñas, de Xosé Manuel González Reboredo

Compostela: Máscaras tradicionais de Entroido. Ao redor de Antonio Fraguas

O 28 de febreiro, ás 19:30 horas, no Museo do Pobo Galego, terá lugar unha nova edición da proposta Máscaras Tradicionais de Entroido. Ao redor de Antonio Fraguas, con Paula Godinho e Xosé Manuel González Reboredo, na que se vai lembrar a quen foi director do Museo e homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Partirase dos traballos de Antonio Fraguas, para falaren de, entre outras cousas, máscaras, momadas, sermóns e da importancia da alimentación nas celebracións entroideiras de Galicia.

Cotobade acolleu a inauguración simbólica do Ano Antonio Fraguas

Desde Fervenzas Literarias (foto: Concello de Cotobade):
“O pasado domingo inaugurouse, cun acto simbólico no lugar da Insuela, parroquia de Loureiro, concello de Cotobade, o Ano Antonio Fraguas, a quen a Real Academia Galega homenaxeará este 2019 co Día das Letras Galegas. En palabras de Víctor F. Freixanes, presidente da Academia, “será un ano de celebración arredor da figura de don Antonio e, ao mesmo tempo, de reivindicación da lingua e da cultura popular, expresión da lealdade histórica do pobo galego a prol da súa identidade. Antonio Fraguas dedicou a súa vida a estudar as raíces que nos explican a todos nós”.
Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fixo de anfitrión e deu a palabra a todos os invitados, institucións que se suman á celebración do Día das Letras Galegas: o Museo do Pobo Galego e a Fundación Antonio Fraguas, representados polo seu presidente, o historiador Xusto Beramendi; a Deputacion de Pontevedra, representada polo deputado de cultura, Xosé Leal; o goberno do país, representada polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e a familia de Antonio Fraguas, en representación da cal falou o seu sobriño Xosé Martínez.
Logo das intervencións descubriuse na fachada da casa natal unha placa conmemorativa, deseñada por un canteiro do lugar e, a continuación, interpretouse o Himno Galego. Diante dun numeroso grupo de asistentes, constituído por representantes de institucións políticas e culturais, así como por veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade, os presentes fixeron votos por unha celebración activa e participativa do Día das Letras Galegas, na liña de mobilización civil que nos últimos anos vén animando a onomástica do 17 de maio.
Proximamente, presentarase nos colexios de Cerdedo-Cotobade a iniciativa Primavera das Letras, dirixida a escolares de educación infantil e primaria, promovida tamén pola Real Academia Galega.”