O
Concello de Fisterra, en colaboración cos escritores Modesto Fraga, Xosé Iglesias e Francisco X. Fernández Naval, convoca para o día 19, sábado, ás 17:00 horas, unha marcha poética e musical que partindo da lonxa de Fisterra camiñará ata o faro.
O motivo desta marcha festiva é reivindicar o son do Nautófono, coñecido en toda a bisbarra como A Vaca de Fisterra, así como o mantenemento e conservación da maquinaria deste sinal marítimo sonoro. Ao longo dos anos, os navegantes do mundo e os habitantes da comarca, interiorizaron ese son poñéndolle un nome: a Vaca de Fisterra, por ser o seu berro un bramar semellante ao dunha vaca. O son pasou a formar parte da vida cotián da xente, integrouse nas conversas, fíxose música e os poetas tomárona ou tomáronas, que dúas era as vacas, como referencia nalgunhas das súas composicións.
A reivindicación parte da convicción de que a Vaca é patrimonio inmaterial de todos os habitantes do litoral, ao norte e ao sur de Fisterra, así como do interior, que durante máis de cen anos sentiron o seu bruar nos días e noites de borraxeira, pero tamén, convencidos de que altofalantes e mecanismo que os fai soar, o Nautófono, é patrimonio material, por tratarse dun sinal marítimo do que quedan escasas mostras en funcionamento no territorio peninsular.
Ás 17:00 horas, diante da lonxa de Fisterra, lerase o texto da convocatoria, dando paso a un primeiro recital poético. Ao remate, iniciarase a marcha, precedidos os participantes polo son da gaita e do acordeón de Moncho do Orzán, con dúas paradas para ler textos de adhesión, unha primeira no campo da igrexa de Santa María das Areas, e outra xa na estrada, xunto a escultura do peregrino. Durante o traxecto faranse soar as buguinas.
No faro lerase o texto que contén a reivindicación e que será enviado aos responsables da Actividade Portuaria da Provincia da Coruña, organismo a quen corresponde o funcionamento e conservación do faro. A continuación, e como peche, desenvolverase outro recital.
Exercerá como mantedor o actor César Cambeiro.
Amais dos citados, confirmaron a súa participación: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG); Juan Alberte, Iolanda Aldrei, Marilar Aleixandre, Concha Blanco, Rocío Blanco Formoso, Fernando Cabeza Quiles, Anxo Cousillas, José Estévez, María José Fernández, Francisco X. Fernández Naval, Modesto Fraga, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, Xosé Iglesias, Alex López, Miguel Mato Fondo, Alexandre Nerium, Olga Patiño, Fernando Patricio, Marité Prieto, Xesús Rábade Paredes, X. H. Rivadulla Corcón, Pilar Silva, Francisco Souto, Nolo Suárez, Roberto Traba Velay, Suso Bahamonde, Miguel Vázquez Freire e Helena Villar.”
Arquivos da etiqueta: Olga Patiño Nogueira
A Coruña: recital poético e sinatura de libros polo Día das Letras Galegas
A Coruña: recital poético solidario Verso que traes? Esperanza
A Coruña: recital poético-musical no 25 cabodano de Miguel González Garcés
O
venres 12 de decembro, ás 19:45 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar un recital poético-musical en lembranza do escritor Miguel González Garcés, o mesmo día no que se conmemora o vintecinco cabodano.
O acto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coa colaboración da Biblioteca, contará coa intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, e estará coordinado e presentado por Francisco X. Fernández Naval. Participan:
– Luz Pozo Garza.
– Xulio López Valcárcel.
– Lino Braxe.
– Olga Patiño.
– Miguel Mato Fondo.
– Estíbaliz Espinosa.
– Manuel Rivas.
– Miguel Anxo Fernán-Vello.
– Ánxeles Penas.
– Xavier Seoane.
– Manuel Álvarez Torneiro.
Coa música de César Morán e Xosé Taboada.
MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS (A Coruña, 1916-1989), é unha das voces poéticas máis singulares e senlleiras que deu a cidade da Coruña. Poeta, articulista, dinamizador cultural, a súa figura está vinculada ás de Urbano Lugrís, Antón Avilés de Taramancos ou Manuel Álvarez Torneiro, pero tamén a autores das xeracións posteriores, escritores máis novos cos que sempre mantivo unha relación de interese e de amizade.
Foi director da Biblioteca Pública do Estado na Coruña -hoxe de xestión compartida coa Xunta de Galicia- que leva seu nome, como o leva a rúa na que está situada. Historiador e cronista da Coruña, foi o presidente da Asociación Cultural Iberoamericana.
Autor dunha ampla obra, escrita en castelán primeiro e en galego a partir da década dos sesenta, a súa é unha literatura dos sentidos, da alegría de vivir, do cotián, na que a cidade está sempre presente.
Ferrol: presentación de Silencio habitado, de Olga Patiño
Compostela: recital poético e musical a propósito da exposición Imaxinar que soño, de Alfonso Costa
Pontevedra: presentación de Silencio habitado, de Olga Patiño
A Coruña: actos literarios destacados do venres 1 na Feira do Libro
O
venres 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:
– 18:00 h. Agustín Fernández Paz asina libros na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Presentación do libro A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, publicado por Xerais. Xunto co autor, participan no acto Mª Xesús Fernández e Manuel Bragado.
– 20:00 h. Presentación do Manifesto O galego: na fronterira da extinción? Organizado pola Revista Luzes e Edicións Xerais. Presenta o acto Iago Martínez Durán e participan no mesmo Manuel Rivas, Manuel Bragado, Xosé Ramón Ferreiro Mato, Valentina Formoso e Miguel Moreira. Repichoca final de Xurxo Souto e Os Diplomáticos.
– 20:00 h. Francisco Castiñeira asinará exemplares da súa obra Podería falar de nubes na caseta da Libraría Cartabón.
– 21:00 h. Presentación do libro Silencio habitado, da escritora Olga Patiño, publicado por Pigmalión. Xunto coa autora, participan no acto Luz Pozo Garza, José Carpenter e Antonino Nieto Rodríguez. Haberá acompañamento musical a cargo de Xosé Taboada e Martín Marticorena.
– 21:00 h. O escritor e xornalista Manuel Rivas asinará exemplares dos seus libros.







