Entrevista na Radio Galega a Armando Requeixo, editor da poesía reunida de Luísa Villalta

Desde a Radio Galega:
“Falamos da obra literaria de Luísa Villalta co crítico Armando Requeixo, investigador do centro Ramón Piñeiro e responsable da edición da antoloxía Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004), que compila os catro poemarios publicados en vida da escritora: Música reservada, Ruído, Rota ao interior do ollo e En concreto. A entrevista pode escoitarse aquí.”

“Pensamento, emoción, Bach e muiñeira vella: isto é Luísa Villalta”

Artigo de Noelia Gómez no Salto Galiza:
“(…) “Cando penso en Luísa Villalta hoxe en día véxoa como unha muller renacentista”, afirma a súa amiga, a escritora e docente Marga do Val (Marga Romero Lorenzo), nunha conversa no andar superior da libraría Couceiro, en Compostela, onde confesa que non lembra con exactitude o instante no que coñeceu á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste 2024, xa que é como se formara parte da súa vida desde a súa toma de conciencia como galega e como escritora. Ademais, salienta que Villalta adoraba a arte en xeral, e relacionábaa co saber e coa súa maneira de estar no mundo, vinculando tanto poesía con música, fotografía ou teatro.
Para o investigador, profesor e crítico literario Armando Requeixo, responsable da edición de Pensar é escuro, Poesía reunida (1991-2004) (Galaxia, 2023), Luísa Villalta é unha poeta e unha escritora que non se entende sen o curso do mundo musical. “A literatura e a música eran as súas grandes paixóns e desde a primeira hora fundiunas e transfundiunas”. “Isto podemos velo ao longo da súa traxectoria literaria, pero tamén noutras facetas como é a actividade propiamente profesional desde o musical”, explica nunha entrevista no Centro Ramón Piñeiro, en Compostela, do cal, alén de investigador, tamén é secretario. Requeixo incide en que precisamente algúns dos primeiros escritos que Villalta publica na súa vida son textos arredor da relación entre música e poesía, como poden ser A música como arte (La Voz de Galicia, 1982); A língua do son e Música observada, conservada e reservada, ambos de 1987, o primeiro en Luzes de Galiza e o segundo en Grial.
O outro lado da música, a poesía debería estar en todos os institutos e non está, debería ser unha referencia fundamental en todos os traballos de crítica ou ensaio literario e non está”, denuncia o músico, escritor, actor e docente Xurxo Souto no Auditorio do Conservatorio de Música de Compostela, que este ano vén de publicar Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta (Xerais, 2024). O ensaio da poeta coruñesa é, desde a perspectiva de Souto, un punto de inflexión na historia da crítica literaria galega e na historia da música galega, onde reivindica a esencial relación entre música e poesía. “Na primeira parte explícanos como todo está codificado polos gregos e na segunda cóntanos a historia da literatura galega en clave musical”, aclara, concretando que Villalta concibía o son e a poesía como dúas formas retóricas do propio son. “Ela denuncia que coa aparición da imprenta a poesía quedou relegada á escrita poética que se pode ler en silencio, considerando que esa era toda a poesía”, subliña. Por outra banda, Marga do Val indica que nesta obra Luísa dálle a man á tradición cultural e á tradición popular: “É marabilloso a onde chega cando describe o que pode ser unha muiñeira na obra de Rosalía ou de Manuel Antonio, e iso faino moi ben porque ela tamén establecía ese tipo de vinculacións na súa obra”. (…)”

Armando Requeixo: “Luísa Villalta é unha das intelectuais máis completas das últimas décadas”

Entrevista a Armando Requeixo na Televisión de Galicia:
Pensar é escuro é o título dun poema de Luísa Villalta e tamén o título do libro nos devolve a súa poesía. A editorial Galaxia con edición de Armando Requeixo recompila os catro poemarios da autora prematuramente morta no 2004. Luísa Villalta a poeta violinista, que escrutou e explorou o complexo da existencia, os dramas da realidade, o xénero, a propia poesía. E por fin a podemos ler reunida baixo a edición de Armando Requeixo. A entrevista pode verse aquí.”

Lugo: actividades do 19 de maio na Feira do Libro 2023