Anxo Fariña: “Facer libros para os máis pequenos saeme fluído e apórtame moita luz”

Entrevista a Anxo Fariña en Chamando á Terra:
“Entrevista de María Solar ao escritor e ilustrador Anxo Fariña, autor da colección Gliz, destinada aos pequenos e pequenas que inician o seu contacto cos libros: O pintor de flores e Onde está Nubebebé? A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.”

Psicofonías, de Marcos Abalde, e Alianzas, de AveLina Pérez, gañan o XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Desde a CRTVG:
“O xurado do undécimo Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu outorgar o galardón desta edición á obra Psicofonías, escrita por Marcos Abalde Covelo, pola súa “estrutura dramática moi eficaz e ben construída cunha escenografía contextual que conxuga o relato de suspense coa realidade social”. O xurado valorou tamén “a utilización dos recursos sonoros e textuais para lograr a creación dunha atmosfera de intriga conducida cunha habilidosa medida cara a un final climático de gran impacto emocional”. (…)
A adaptación radiofónica de Psicofonías, con dirección de Santiago Cortegoso, foi interpretada por Fernando Dacosta e Iria Sobrado e contou coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.
Contabilizados os votos recibidos a través da conta de correo electrónico e do contestador automático, a gañadora do Premio da Audiencia foi a obra Alianzas, de Avelina Pérez, directora teatral, dramaturga e actriz. (…)
Con dirección de Santiago Cortegoso, Alianzas foi interpretada por Salvador del Río e Marián Bañobre, coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.
Ambos os dous premios, o do xurado e o da audiencia, están dotados economicamente con 3.000 euros cada un. Quedaron como finalistas Proxecto Tempo, de Clara Gayo, e Andrómenas soa moi antigo, de Fernando Epelde.
O xurado do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico estivo formado polo dramaturgo e director de teatro Santiago Cortegoso; a gañadora do premio do xurado da edición anterior, Eva F. Ferreira; a programadora de teatro de Carballo Carmen Castro, o crítico de teatro Antón Lopo, a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, e a directora do programa Diario Cultural, Ana Romaní.
61 obras presentáronse a esta undécima edición do certame, organizado pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.”

Marcos Calveiro e O xardineiro dos ingleses

Entrevista de María Solar a Marcos Calveiro en Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Pepe Carreira le un cachiño de O xardineiro dos ingleses de Marcos Calveiro, editado por Galaxia. Entrevistamos o autor, que gañou con este libro o premio García Barros. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Xabier P. Docampo publica a novela A nena do abrigo de astracán

Desde Galicia por Diante, na Radio Galega:
Xabier P. DoCampo publica a novela A nena do abrigo de astracán. Falamos co autor da obra de Xerais, que lle levou 15 anos de traballo e reflicte unha historia triste sobre unha rapaza, Susana, a vila de Ribadainsua e o cinema. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Xosé Luís Méndez Ferrín recibe o Premio Voz de Liberdade

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Xosé Luís Méndez Ferrín recibe o Premio Voz de Liberdade que concede o Centro PEN Galicia. “En realidade nunca deixei de estar na oposición e por tanto anhelar un réxime de liberdade de expresión pleno”. Pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Estíbaliz Espinosa sobre As neuronas irmás

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”A ciencia é cultura e esa reivindicación faise importante nestes tempos”. Estíbaliz Espinosa gaña co libro As neuronas irmás o Premio de Poesía Afundación. Pode accederse á entrevista aquí.”

Proxecto De baleas: Eduardo Estévez, poeta, e Tokio, debuxante

Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“O proxecto poético De baleas está conformado por un poemario, un blog, un CD musical e un cómic, ilustrado polo debuxante de banda deseñada, Tokio. Conversamos co poeta Eduardo Estévez e con Tokio. Pode escoitarse aquí.”