Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do 5 e 6 de maio

O domingo 6 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado e domingo:

Sábado 5
13:00 h. Cata poética. Duelo de viños: Rioja e Ribeira Sacra por Agranola, con poemas de Ramón Blanco Fernández.
19:00 h. Ánxela Gracián e Antonio Seijas asinan exemplares de Doce cartas a María Victoria Moreno, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. José Luis Casteleiro, Miguel García Seoane e Carlos Sardiña asinan exemplares de Galicia inmaterial, Galicia máxica, na caseta da Libraría Ler A Pobra.
20:00 h. Presentación de Amor por catro, de Helena Villar Janeiro, publicado por Galaxia. No acto, xunto á autora, participa Francisco Castro.

Domingo 6
12:00 h. Obradoiro express de escrita creativa, con Andrea Barreira. A partir de 11 anos.
18:00 h. Actuación infantil Cantares das Letras, de Rosalía a María Victoria Moreno, de Luís Vallecillo.
19:30 h. Palabras Vivas con Poesía en feminino. 20 poemas, de Ana Romaní, Esther Carrodeguas, Fátima Núñez, María do Cebreiro e Marilar Aleixandre.

Pontevedra e Santiago: presentacións de Se pedra na brétema, de Ramón Blanco

O xoves 11 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Librería Paz de Pontevedra (Rúa Peregrina, 29), Ramón Blanco presenta Se pedra na brétema, publicado por Chan da Pólvora. No acto estará acompañado por Adriana Sóñora e Antón Lopo.
O venres 12, tamén ás 20:00 horas, na propia Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro, estando o autor acompañado, igualmente, por Antón Lopo e Adriana Sóñora, nun acto que contará tamén coa actuación musical de Pablo Sax.

Serra de Outes: presentación de Se pedra na brétema, de Ramón Blanco

O sábado 30 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura da Serra de Outes, Ramón Blanco presenta Se pedra na brétema, co que obtivo o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2016. No acto interveñen, xunto ao autor, Xoán Mariño, presidente da A. C. C. Terra de Outes, Antón Lopo, Manuel del Río e, cunha introdución musical, Pablo Sax.

Entrevista ao escritor Ramón Blanco

Entrevista a Ramón Blanco na Palavra Comum (foto de Nieves Blanco):
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a poesia?
– Ramón Blanco (RB): Hoxe é unha atadura invisíbel coa última adolescencia, cando a poesía era o centro de luz arredor do cal o meu eu daquela xiraba, batendo torpemente contra o cristal, como as avelaíñas do prólogo de Rafael Dieste.
Xa non leo tanta poesía, pero sigo pensando que, se é boa, ten unhas causas e uns efectos similares aos da filosofía.
Como autor, sérveme para canalizar as miñas obsesións a través da arte literaria. Sen deixar de sentirme impostor, é o xénero no que me movo con maior soltura.
– P: Como entendes -e levas a cabo, no teu caso- o processo de criação literária?
– RB: Escribo poesía regularmente desde os dezaseis anos, co cal levo vinte anos xuntando letras sen ter por finalidade nin o espazo escolar nin o laboral. En tanto tempo salvo moi pouco do que saíu da miña mente; cústame atoparlle valor literario. Son de ritmo lento e cada vez son máis os períodos totalmente improdutivos ou nos que só escribo algunha colaboración de encarga. Penso moito o que quero contar, a redacción non me leva tanto. O ritmo dámo unha lectura interna en voz alta, unha e outra vez. Pero cando releo o escrito, ao día seguinte, xa perdeu todo valor. Deixo que descanse uns días, unhas semanas, uns meses… Volvo lelo e, se aguanta, comezo a transcribilo na computadora. Aí dáse unha nova reelaboración. Varias correccións e reescrituras. Nunca deixo de corrixir, o cal vai en contra da publicación.
Os temas que máis trato talvez sexan a morte, a escritura, a noite, a loucura e outras realidades que eu asocio entre si, que me parece que teñen moito en común. Porque penso que escribir é un pouco como morrer, como estar ás escuras ou estar tolo.
En canto aos hábitos de escrita, válenme calquera hora e calquera lugar. Gústame esborranchar cadernos e servilletas nos bares, que moitas veces sobreviven até o poema publicado. No entanto, o sitio onde mellor traballo é no estudio da casa. Cando teño gana de escribir en serio érgome moi cedo, ás cinco ou seis da mañá e poño a mente a furrular. Teño o cerebro máis afectado pola cafeína ca pola poesía. (…)”

Ismael Ramos gaña o premio Johán Carballeira de poesía

DesdeIsmael Ramos Sermos Galiza:
“Entre os 33 poemarios presentados, o xurado do premio Johán Carballeira decidiu por unanimidade recoñecer Os fillos da fame, o libro Os fillos da fame asinado por Ismael Ramos (Mazaricos, 1994). Segundo o xurado, o libro goza de “indubidábeis valores poéticos” que o sitúan na “mellor tradición da poesía internacional”.
O xurado, composto por Ramón Blanco, María do Carme Caramés e Luís Valle destacaron a calidade literaria da obra gañadora, que se impuxo con claridade como gañadora do certame. A obra será publicada por Edicións Xerais.
Ismael Ramos comezou a escribir de moi novo e, con 16 anos, fíxose coas dúas modalidades do Premio Minerva, poesía e narrativa ademais do segundo premio do Ánxel Casal con Capricho (poesía existencial demasiado azucrada). No 2014 conseguiu o segundo premio de poesía do concurso Xuventude Crea con O grande pecador. (…)”