Arquivos da etiqueta: Saleta Goi
Alberte Ansede será o novo presidente da Fundación Manuel María
Desde a Fundación Manuel María:
“O padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos elixiu por unanimidade a Alberte Ansede como o seu novo presidente, ocupando así a vacante no cargo provocada polo recente falecemento de Saleta Goi, compañeira de Manuel María. A propia Saleta tivera a iniciativa de constituír a Fundación unha vez falecido Manuel María no ano 2004, co fin de reunir todo o seu legado e difundir a súa obra literaria. A Fundación foi constituída e declarada de Interese Galego no ano 2007, adquirindo inmediatamente a casa natal do escritor en Outeiro de Rei para, despois de remodelala, abrila ao público como Casa-Museo do escritor en setembro de 2013. Desde ese momento deposítase alí e móstrase ás persoas que a visistan todo o legado do escritor, a súa biblioteca, numerosos manuscritos, a rica documentación tanto en soporte de papel como de fotografías, audios, e vídeos ou a colección artística do propio poeta e o seu mobiliario e obxectos persoais.
Alberte Ansede traballou conxuntamente con Saleta na consecución deste obxectivo, e viña desempeñando o cargo de secretario da Fundación desde a súa posta en marcha. O novo presidente é profesor de Filosofía e mantivo desde a súa mocidade unha intensa relación con Manuel María e Saleta, relación que se converteu en íntima amizade unha vez que o matrimonio se trasladou a vivir á cidade da Coruña onde tamén residía o propio Alberte Ansede. Foi precisamente no Teatro Rosalía desta cidade onde o escritor chairego recibiu a súa grande homenaxe en vida, precisamente da man da entidade que presidía Alberte Ansede naquel momento, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
O cargo de secretario vacante pasa a ser ocupado por Antón Laxe, que vén exercendo o traballo de encargado da Casa-Museo Manuel María.
Alberte Ansede manifestou que “o activo máis importante da nosa Fundación é o colectivo de persoas implicadas no seu traballo pois é o que fai posíbel sacar adiante proxectos e iniciativas que van moito máis aló do noso orzamento”. Nese sentido, afirmou, “a miña pretensión non é tanto suplir a Saleta -algo completamente imposíbel- senón contribuír como Presidente a fortalecer a dinámica deste colectivo, única garantía de que a obra de Manuel María siga presente na sociedade galega”. Salientou, ademais, que “o traballo e actitude de Saleta desde o falecemento de Manuel María foi admirábel desde o punto de vista humano e impagábel desde o punto de vista social. Iso foi decisivo para que hoxe a Casa-Museo Manuel María sexa a matriz dun importante proxecto cultural centrado no escritor, mais que vai máis aló del”. Como é sabido, alí celébranse, semanalmente, actividades culturais de música, teatro, cine, maxia; clubs de lectura xuvenil e de persoas adultas ou roteiros de natureza e literatura. A Casa-Museo vén publicando a obra inédita ou esgotada do escritor así como materiais para o ensino e para apoiar as visitas escolares (xogos, lecturas…); convoca concursos escolares de recitado poético e videopoemas así como importantes certames de teatro e de composicións musicais realizados sobre a obra do escritor; celebra o Convívio da Cultura Galega na carballeira emblemática de Santa Isabel en Outeiro de Rei… Todas estas son iniciativas que os novos directivos pretenden consolidar.”
A AELG lamenta o pasamento de Saleta Goi
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta profundamente o pasamento de Saleta Goi, presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos e Casa-Museo Manuel María, grande persoa e cunha vida de compromiso coa nosa lingua e cultura.
Das fotos que conservamos no Arquivo fotobiográfico de autor@s deixamos aquí estas dúas enviadas no seu momento por Manuel López Foxo:
Falece aos 90 anos Saleta Goy
Desde Nós Diario (foto da Fundación Manuel María):
“No serán de onte faleceu na cidade da Coruña Saleta Goy, a viúva do escritor Manuel María. Goy, presidenta da fundación que acolle o legado do poeta na Casa-Museo Manuel María, levaba ligada á cultura galega desde os anos 50, participando da vida social e política do país.
Os restos de Saleta Goy serán velados no tanatorio de Servisa da Coruña o domingo 11 de setembro, e a segunda feira realizarase na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, unha despedida civil, ás 17 horas, previa a recibir sepultura, ás 18 horas, no cemiterio de San Xoán de Outeiro de Rei, a poucos metros da Casa-Museo. Os seus restos repousarán xunto aos do escritor Manuel María falecido no ano 2004, con quen compartiu 45 anos de vida e de intensa actividade social e cultural.
Saleta Goy García fixo 90 anos o 6 de xuño e vivía na cidade da Coruña desde que en 1998 se trasladou alí, xunto a Manuel María, cando chegou á idade de xubilación. Saleta e Manuel María coñecéronse no ano 1957 e casaron dous anos máis tarde pasando a residir en Monforte de Lemos onde o escritor exercía como procurador dos tribunais. Foron eses momentos primeiros de dificultades económicas que obrigaron o escritor a compatibilizar o seu traballo de procurador coas clases nunha academia de ensino e as colaboracións xornalísticas. A pesar diso, Manuel María vai renunciar ao traballo de director de “La Voz de Vigo” por esixírselle a afiliación á Falanxe.
Desde o ano 1970 Saleta rexenta en Monforte a libraría Xistral, que a parella decidira abrir como un xeito de dinamización cultural e de obter os medios económicos imprescindíbeis para que o escritor conservase a súa plena independencia creativa. Foi aquel un lugar habitual de encontro de escritoras e escritores, de intelectuais, tanto da Galiza como de fóra, e un importante foco de difusión da literatura galega.
Saleta e Manuel mantiñan un inequívoco compromiso nacionalista desde os anos 50, o que acentuou máis a represión exercida sobre eles polo réxime fascista. Segundo sinalan desde a Fundación Manuel María, “non só se viu censurada a obra literaria do escritor e prohibidos os seus recitais e conferencias, senón que a represión cebouse sobre as súas propias persoas con multas cuantiosas, vixilancia domiciliaria permanente e detencións arbitraria”.
A Fundación Manuel María lembra, tamén, que “a represión non logrou que Saleta e Manuel María renunciasen ás súas conviccións nin cesasen en ningún momento na súa loita contra a ditadura franquista e en favor dos dereitos políticos de Galiza e, sobre todo, no traballo pola recuperación de usos para a lingua galega e polo dereito a vivir dignamente na propia terra en paz e harmonía cos demais pobos do mundo”.”
Aquí poden consultarse as fotos coa presenza de Saleta no Arquivo fotobiográfico d@s escritor@s, na web da AELG.
Pesar polo falecemento de Arcadio López Casanova
Desde Nós Diario:
“O poeta, profesor e académico Arcadio López Casanova faleceu o 11 de abril aos 79 anos de idade. Considerado un dos grandes poetas galegos contemporáneos, deixa tras de si unha importante obra literaria e como investigador.
Nado en Lugo en 1942, en plena posguerra, licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A súa vinculación coa cultura galega vén dos seus anos como estudante no Instituto de Lugo. Alí, editou canda outros compañeiros unha publicación en lingua galega, tomando contacto cos círculos galeguistas.
Neste tempo, trabou amizade co escritor Manuel María e coa súa compañeira, Saleta Goi, persoas decisivas na formación política e literaria do primeiro López Casanova.
A etapa universitaria de López Casanova destacou pola súa intensa actividade política, cultural e literaria. Membro da asociación cultural O Galo de Compostela, gañador de diversos premios literarios fixo parte do círculo máis próximo de Ramón Piñeiro.
A conexión con Piñeiro resultou decisiva para López Casanova. A un tempo, guiouno na súa actividade literaria e comprometeuno en diversas actividades do galeguismo. Neste sentido, xogou un papel de relevo no Consello da Mocidade, organización clandestina da mocidade nacionalista operante entre 1963 e 1964.
O seu primeiro traballo como docente tivo lugar no Colexio Fingoi, un centro educativo fundado e impulsado polo empresario galeguista, Antonio Fernández López e dirixido durante anos por Ricardo Carvalho Calero.
Unha vez aprobadas as oposicións do ensino público, desprazouse ao País Valencià, primeiro como mestre nun instituto, e despois como docente da Facultade de Filoloxía na Universidade de Valencia.
A actividade investigadora de López Casanova estivo moi vinculada o seu labor docente. Así, destacou polos seus estudos sobre a novela e poesía española do século XIX e XX, sendo un dos críticos de referencia da obra poética de Miguel Hernández ou Luís Pimentel.
Arcadio López Casanova foi, primeiro de nada, un poeta. As súas primeiras composicións datan de finais da década dos 50, aparecendo a comezos da década seguinte as primeiras publicacións.
Autor en español e galego, deu ao prelo, entre outros, Sonetos da esperanza presentida (1965), Liturxia do corpo, (1976), Noite do degaro (1994) ou Do tempo posuído (2004).
Mesteres (1976) e Herdo do canto (2006) son os dous volumes mais celebrados de toda a súa produción poética. O primeiro rematou como finalista do Premio Nacional de Poesía e o segundo gañou o Premio de Poesía de Caixanova.”
Manuel María conta xa cunha escultura en Vilalba
Desde Nós Diario:
“Un emotivo acto de homenaxe ao escritor chairego Manuel María serviu o pasado sábado en Vilalba para inaugurar de maneira oficial a escultura que sobre a súa figura realizou o canteiro José Gómez de Bernardo. A obra, doazón do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), quedou instalada ás portas da Casa de Cultura da vila á espera de que se atenda a reivindicación de poñerlle o nome do escritor a este equipamento.
No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro; o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede; o historiador Felipe Senén; o escultor, José Gómez de Bernardo; e a viúva do poeta, Saleta Goi.
Marisa Barreiro, en declaracións a Nós Diario, afirma que “a petición de poñerlle o nome de Manuel María á Casa de Cultura segue en pé, non ten nada que ver coa doazón que fixemos da escultura”.
Barreiro conta que a reivindicación de poñerlle o nome do escritor á Casa de Cultura “naceu no 2004 e malia que se tentou en varias ocasións e non foi posíbel segue a ser unha proposta que seguiremos solicitando”.
A presidenta do Iescha lembrou que “semella que causa malestar o pensamento de Manuel María en relación á súa concepción do país e da súa defensa da lingua galega”.
Para Barreiro “non hai outra explicación do que está acontecendo cando era unha persoa que durante toda a súa vida tivo amizades de todo tipo na vila e sempre estivo para colaborar en todas as actividades que se lle achegaban” ademais de “centrar toda a súa actividade aquí, mesmo cando desprazou a Real Academia Galega até Vilaba cando entrou nesa institución”.
Por todo isto, desde o Iesche entenden que “hai unha débeda de Vilaba con Manuel María e non é xusto que aquí se lle negue cando noutros lugares non tivo problemas para que se lle puxera o seu nome a rúas ou instalacións”.”
Compostela: presentación de Os soños na gaiola, de Manuel María
Vídeo da presentación do facsímil da 1ª edición de Os soños na gaiola
Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2017
Na Galería das Letras do Festigal 2017, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o martes 25 de xullo:
– 16:00 h.: Doris Benegas, unha loitadora do pobo, coord.: Pablo Arroyo, publicado por Último Cero. Participan: Fernando Valiño, Luis Ocampo, María Xosé Queizán Vilas (colaboradora do libro) e Guillerme Vázquez.
– 16:20 h. Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Ed. Galaxia. Participa, xunto á autora, María Xosé Cacabelos, Presidenta da Asociación de Mariscadoras de Guimatur.
– 16:40 h. Conversa con Nacho Taibo e Carlos Callón arredor dos seus libros Os tres de nunca e Galegofalantes e galegocalantes, publicados por Xerais.
– 17:00 h. Os nomes do terror. Galiza, 1936. Os verdugos que nunca existiron, coord.: Dionísio Pereira, Eliseo Fernández, Xoán Carlos Garrido e Xosé Ramón Ermida, publicado por Sermos Galiza. Participan os coordinadores do mesmo e Xoán Costa.
– 17:20 h. Repente galego, de Ramom Pinheiro Almuinha, publicado pola Deputación de Pontevedra e Asociación ORAL. Participan: Xosé Leal, Eva Vilaverde, Carlos Alonso e o propio autor. Coa actuación das regueifeiras Alba María e Lupe Blanco.
– 19:40 h. Os soños na gaiola en concerto. Proxecto colectivo promovido polo Concello de Rianxo, Escola de Música de Rianxo, o CEIP Ana Mª Diéguez de Asados e a Fundación Manuel María. Ed. Casa-Museo Manuel María. Participan: Saleta Goi, Irene Amado, coordenadora do proxecto, Adolfo Muíños e Alberte Ansede.
– 20:00 h. Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa), de María do Pilar García Negro, coeditado pola Fundación Galiza Sempre e Federación Galiza Cultura. Participa, xunto á autora, Francisco Jorquera Caselas.
– 20:20 h. Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid 1912-1925, de Javier del Valle-Inclán Alsina, publicado por Laiovento. Participa, xunto ao autor, José Ángel Maquieira.
– 20:40 h. Atlas das nações sem Estado na Europa, publicado por Através Editora. Participan: Valentim Fagim, editor, e Abraham Bande, adaptador e tradutor do orixinal.
Compostela: acto de entrega de Homenaxe a Manuel María, de Nolo Suárez, á Fundación Manuel María
O venres 10 de febreiro, ás 20:15 horas, no Espazo Enocultural Vide-Vide (Rúa Fonte de Santo Antonio, 5), en Santiago de Compostela, a Agrupación Cultural O Galo organiza o acto de entrega dunha carpeta de pinturas de Nolo Suárez á Fundación Manuel María. Homenaxe a Manuel María é un recoñecemento que lle realiza dita asociación ao poeta da Terra Cha. No acto, onde estará presente Saleta Goi, presidenta da Fundación, falará Alberte Ansede sobre o legado do escritor e Nolo Suárez sobre as pinturas que realizou para a carpeta, proxectándose, por último, un audiovisual sobre o poeta.