Entrevista
a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“(…) Francisco Rodríguez é o autor da primeira tese de doutoramento que se leu nunha universidade galega sobre Rosalía. Vén de resgatar do esquecimento uns versos inéditos que a poeta dedicou a Salustiano de Olózaga, un político progresista que loitou pola liberdade e combateu a escravitude. Falamos con el sobre estes e outros versos rosalianos. (…)
– Sermos Galiza (SG): Valorou este inédito “significativo”. Por que é tan importante?
– Francisco Rodríguez (FR): Porque, desgrazadamente e ao igual que acontece coa historia do noso País, temos un coñecemento e un legado da obra rosaliana que non é íntegro. Por exemplo, unha boa parte dos medios impresos ou desapareceron ou as follas están rotas, arrincadas… polo que en prensa hai unha parte que xa está perdida.
Con todo, non se fixo tampouco un repaso desa imprensa. Sei que hai un xornal de Pontevedra que se chamaba El Progreso que tiña poemas dela, e outro en Ourense, de Paz Novoa, e máis un, El clamor de Galicia, na Coruña.
Iso por falar de Galiza. No exterior, en Madrid, Cuba ou Bos Aires, seguro que queda algo tamén. Este que eu exhumei non sabía a data exacta, mais sabía que estaba en La soberanía nacional e a data aproximada. (…)
– SG: En que ano escribiu a tese?
– FR: En 1987.
– SG: E foi a primeira…
– FR: Si. Queres saber por que? Porque ninguén tiña interese ningún en Rosalía. Pondo á marxe o caso de Carvalho Calero, os mellores estudos que había ao redor da súa figura, limitados pola perspectiva que tiñan, eran de fóra. Na Galiza era un tabú para non explicar en que consiste a colonización do noso pobo. As maiores barbaridades dixéronse e fixéronse no ensino.
– SG: Refírese á imaxe de poeta chorona e pusilánime que se estuda?
– FR: Non, non. Fáloche do ensino universitario! Nese que ti dis por suposto, mais non deixa de beber das universidades. Os profesores son educados nesa visión de Rosalía. Despois da tese fixen un libro que foi vetado, silenciado, na universidade de Santiago. Chegou a se dicir que era unha señora inculta, iletrada, que cometía faltas de ortografía, que era unha aldeaniña… mesmo chegaron a acusar de xenófoba. (…)”.
Arquivos da etiqueta: Sermos Galiza
Ramón Nicolás e Begoña Caamaño gañan o Premio Losada Diéguez
Desde
Sermos Galiza:
“Morgana en Esmelle (Galaxia), a segunda novela de Begoña Caamaño resultou gañadora do premio Antón Losada Diéguez na súa XXVIII edición canda Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais), de Ramón Nicolás na categoría de ensaio. Os premios convocados polos concellos de Boborás e O Carballiño, patrocinado pola Deputación de Ourense, valoran a mellor obra publicada entre as edicións co cal, por terceira vez a obra de Caamaño recoñécese como a mellor publicada en narrativa no pasado ano.
Un xurado composto por Euloxio Rodríguez Ruibal, Dolores Vilavedra, Francisco Luis Fariña Busto, Avelino García, Xosé Henrique Costas e Goretti Sanmartín decidiu premiar a novela de Begoña Caamaño pola “súa orixinalidade no tratamento dun tema de longa tradición, non só na literatura galega senón nas literaturas universais”. Segundo o xurado, a novela consigue “renovar a temática artúrica fuxindo de estereotipos e creando poderosas personaxes femininas. Por outra parte a obra combina un persoal estilo literario cun magnífico traballo lingüístico”. (…)”.
Viaxe até o Vietnam da man do escritor Cesáreo Sánchez e o seu Caderno de Mekong
Desde
Sermos Galiza:
“Cando comecei a escrita do Caderno do Mekong fíxeno como gratitude a un pobo que me axudou a ter conciencia antiimperialista e concretala na realidade da miña nación”. Eis aquí a crónica.
“Ao atravesar o Rio Mekong no transbordador que xungue as dúas orelas dunha galla do grande rio e as súas augas barrosas, pensei en Marguerite Duras cando coñeceu o seu amante chinés que tiña, aínda os chineses teñen no mercado de Cholóm comercios de seda.
Aínda que as cicatrices no corpo desta terra son evidentes, é difícil maxinar que este paraíso terreal puidera soportar tanta dor e destrución. Cando viaxei pola fermosísima terra de Vietnam magoábame relembrar a guerra ao tempo que camiñaba o seu lizgairo corpo de cabaliño de mar que arrecende a branca flor de loto, onde cantan os paxaros cun tremente canto asubiado.
Andando a terra de Ho Chi Ming
Segundo fun avanzando no coñecemento desta terra fun coñecendo a figura de Ho Chi Ming e pareceume unha figura excepcional na súa humanidade, na súa intelixencia e no coñecemento da cultura do seu pobo. So así é posíbel que fose e sexa tan tan amado como aínda hoxe é. El soubo acrisolar a cultura e o pensamento do seu pobo, sabía da súa relixiosidade. Como poeta conmoveranme na miña mocidade os seus poemas do Diario do cárcere.
O revolucionario, o Xefe do Estado da Republica Democrática do Vietnam do Norte teñen ocultado a súa personalidade como poeta. Os seus poemas foron escritos nas cárceres de Chang Kai Shek, nos anos 1942-1943.
Foron escritos en ideogramas chineses. Morou nunha casa de madeira feita coa sabedoría dos labregos para tornar a calor tropical. Non quixo vivir no pazo presidencial e xantaba no comedor dos traballadores do ferrocarril. Morreu sen poder viaxar de retorno ao seu amado Sur unificado e independente, onde el nacera e de onde era o seu pai, un mandarín antiimperialista que loitou contra o colonialismo francés.
A única estatua que ollei ao longo de todo o Vietnam está na cidade que leva o seu nome. Está sentado compartindo a lectura dun libro con rapaces. Nos longos anos de guerra os nenos e nenas, a súa educación a súa seguridade, o seu futuro de liberdade foi a súa grande preocupación. Aprendeu da sabedoría dos anciáns e soubo ler e interpretar a alma colectiva do seu pobo. Os combatentes que tomaron Saigón, levaban nun tanque unha pancarta que dicía: Ti camiñas sempre connosco Tío Ho.
A morriña dos combatentes que non interesa aos EEUU
Moitos dos combatentes fixeron diarios, coma Ho Chi Min, que os militares dos EEUU lian buscando datos. O único que dicían era o moito que botaban de menos aos seus seres amados e o soño de retornar á súa aldea natal onde arrubiaban as doces cereixas e se espellaban nas augas enchoupadas os renovos de arroz antes de seren transplantados.
A enfermeira Dang Thuy Tram, conta no seu diario como traballaba nun hospital da xungla e como despois de sandar os feridos, daba aulas ás futuras enfermeiras. Magoábase polo seu amor non correspondido. O diario acaba cando o seu corazón mancado de amor ficou roto para sempre por unha bala dun soldado dos EEUU.
As diferenzas entre Norte e Sur
Moita é a diferenza entre o Norte e o Sur, na súa historia e na súa cultural. O Norte ten catro estacións, e o Sur só dúas: a seca e a das choivas. O Norte é herdeiro da cultura chinesa e o Sur da cultura Kemer, como a Camboxa. Xunguidos pola dor da guerra nas súas mais diversas e crueis formas.
Morreron cinco millóns de vietnamitas e fóronlles arroxadas máis bombas que en toda a II Guerra Mundial, aparte dos axente laranxa e do napalm. Loitaron ate a morte pola súa reunificación e súa independencia coma unha soa nación, coma un só pobo constituído por cincuenta e unha etnias, Nam, K´Dong, Kor, Ba Na, Bo Y, Cham, Cho Ro Cong, Co Lao, Gia Rai, Hoa, Khang… nas que a etnia Viet é maioritaria.
O seu patrimonio histórico foi destruído nun 75 %. Na ofensiva do Tet, tendo case que tomada a cidade imperial de Hue, en batalla feroz, abandonaronna para que a aviación deixara de destruír a cidade e con ela a memória histórica de Vietnam. Hoxe segue a ser restaurada, nas orelas do Rio do Perfume onde navegan os barcos con duas proas con cabezas de dragón.
A sabedoría das minorías étnicas
Respectándose sempre as minorías que aportaron tanta sabedoría coa súa loita de autodefensa nas aldeas. As tribos da montaña ou da xungla aportaron a utilización das técnicas de caza e de defensa das feras para se defender dos colonizadores que viñan da Francia (chegaron a ter guillotina móbil) e mais dos EEUU, xa con experiencia nas practicas xenocidas nas colonias da África e no exterminio das tribos dos indios, orixinarias da chamada América do Norte
Cando comecei a escrita do Caderno do Mekong fíxeno como gratitude a un pobo que me axudou a ter conciencia antiimperialista e concretala na realidade da miña nación. Cando os ollos deste viaxeiro foron da montaña ao mar, da fronteira de Laos á baia de Ha Long ou do Rio Vermello ao rio Mekong, foron sentindo a alma heroica deste pobo.
Descendendo paralelamente ás grandes montañas de Truong Son, fronteira con Laos, por onde transcorría a ruta Ho Chi Ming, ollanse os eidos de arroz salferidos no acó e no acolá de pequenas tumbas familiares e de cemiterios construídos polo goberno de Vietnam ao longo de toda a guerra, para darlle sepultura aos combatentes mortos que, compañías especializadas do exercito regular do Fronte Nacional de Liberación, recuperaban das entrañas da xungla para os soterraren nas súas aldeas natais e que os seus familiares puidesen irlle a ofrecer flores e as súas ofrendas.
Conmovéronme os pequenos cemiterios que conviven hoxe co canto dos labregos que traballan nos eidos de arroz, hoxe xa sen fusil ao lombo.
Un bocadiño de historia
A Primeira Guerra de Resistencia dirixida polo Viet Minh, e despois de vencer en Dien Vien Phu, acabou cos Acordos de Xenebra (1954) A disciplina de non violencia dos vietnamitas, entre os anos 1954 e 1959, custou moitas vidas polo incumprimento do exército invasor dos EEUU e os seus gobernos titeres de Bao Dai/Ngó Dina Diem, aniquilando poboación desarmada.
Foi prohibido falar de paz e de reunificación: Torturas e mortes seguiron á campaña ‘Denunciade os comunistas’ no que todo o que tiña relación directa ou indirecta co Viet Minh foi represariado con crueldade e era nomeado coma Viet Cong. Foi polo que o Sur, organizouse de novo na Segunda Guerra de Resistencia para se defenderen dos EEUU. Así, ex-viet min, patriotas, militantes do partido comunista de Vietnam, labregos da chaira e labregos das etnias das montañas, e combatentes da primeira guerra de resistencia, mobilizáronse e fuxiron aos bosques formando parte da Fronte de Liberación Nacional que nace a finais do ano 1960, no que a participación das mulleres combatentes é masiva.
Cando as escolas son semente de revolución
A economía, a defensa da cultura, a guerra, todo tivo unha dirección política. Facíase a revolución no ensino e na sanidade ao tempo que se facía a guerra. Facíase no Norte e facíase en zonas liberadas do Sur. Traballábase preparándose para a paz, implantando a reforma agraria, alfabetizando, construíndo a sociedade socialista do futuro. Todo o pobo vietnamita participou na guerra e todo o pobo vía no presente como era a construción da sociedade futura.
O FLN estruturouse para facer a loita político-militar, e a el incorpóranse todas as tendencias políticas, relixións, sectas relixiosas, fraccións de clase , intelectuais , comerciantes, constituíndo órganos político-militares. Confluíron tres formas de exercito dentro do FLN. De feito asi implicaron a todo o pobo na guerra de independencia. Formáronse nas aldeas de todas as etnias, na chaira, na montaña e na xungla Unidades de autodefensa, para que non se acercaran ás súas aldeas.
Os Grupos locais de guerrilla tiñan xa unha organización máis estábel e eran labregos de dia e partisanos de noite e logo estaba o propiamente dito Exercito regular , que facía accións de envergadura cunha incorporación masiva de labregos e combatentes do Sur e do Norte. Crearon hospitais na xungla que movían con frecuencia de lugar.
Descentralizaron as escolas ás aldeas, descentralizaron a industria fora das cidades para que non puidera ser bombardeada. Descentralizouse a universidade que, en concreto a sanidade, tiña a súa actividade nos hospitais que estaban na xungla, onde operaban coa luz de xeradores que movían bicicletas.
Incorporouse á sanidade toda forma de medicina popular que practicaban as menciñeiras das etnias. Incorporáronse os seus métodos anticonceptivos na planificación sanitaria e familiar.
As mulleres, salvagarda da tradición e da cultura
É fermoso ver hoxe polas rúas de Hanoi e nos barrios mais populares de Saigón ( Cidade Ho Chi Min ), ás mulleres das mais diversas etnias belas e elegantes coas súas roupas tradicionais, cos seus tocados tamén a cores, aínda que é maioritario o Ao Dai, que é pantalón e un vestido longo ou túnica aberta dos dous lados.
As minorías étnicas que vivían na xungla e nas montañas das terras centrais de Vietnam e na fronteira con Laos, son moi moi importantes para entender a historia de liberación do Vietnam. Aínda que eles so querían autodefenderense, e non atacaban a ninguén, súa colaboración cos combatentes foi total.
Eles foron tamén combatentes na súa autodefensa, tanta que o exercito norteamericano despois de os aniquilar todo o que puideron, cercándoos por fame, retirándolles o sal, matándolle os bufalos e queimándolles as colleitas que eran o seu sustento diario.
Onde o imperialismo meteu a man
O exercito dos EEUU construíu poboacións para os segregar, como tiñan feito coas tribos indias na Norteamerica. Leváronnos da montaña á chaira. Mais a cousa non lles funcionou, ate o punto de que as vilas-apartheid, estaban cheiñas de organizacións clandestinas, sobre de todo de mulleres, que conseguían desmobilizar aos soldados survietnamitas.
Querían segregar ás etnias das forzas organizadas da resistencia, separalas do FLN. Mais eles comezaron a protexer as súas poboacións con técnicas de caza dos M´non, cazadores de elefantes. So daban as claves para non caeren nas trampas aos combatentes, ao Viet Com.
O xeito de ser dos vietnamitas moito ten que ver coa súa relixiosidade. Sería longo de explicar. Os combatentes que mataban a soldados iankis en lexitima defensa, buscaban logo a purificación e traballaban en contacto coa natureza. O FNL, salvo a criminais evidentes, procuraba non matar aos soldados vietnamitas do Sur, ao fin e ao cabo irmaos.
A Sala do Réquiem do Museo dos crimes de guerra de Cidade Ho Chi Min están expostos todos os recortes da prensa internacional que publicaba as evidencias do xenocidio e en especial a do estudante pacifista Norman Morrison que se inmolou diante do Pentágono. Emociónanse ao falar deste xesto de solidariedade no momento importante no que aconteceu. Non era demagoxia cando Ho Chi Min dicía que se lembraba da dor das nais dos soldados iankis mortos, fillos da clase obreira .
A lingua do Vietnam: “cando falan, todo é canto”
A lingua de Vietnam foille dada grafía romanizada polos cregos cristiáns franceses, coa perda de parte da súa tradición. Ás etnias ás súas linguas só orais foilles dada escrita. Aquí víase a lucidez de Ho Chi Ming. Cando falan, todo é canto. Conmove poder escoitar á poeta Nguyen Bao Chan, filla dun combatente do Vietcong, cando lee o poema ás maos do seu pai morto, cando a protexía dos bombardeos sendo meniña.
O Idioma é tan fermoso como escoitar tocar o doce monocordio, o Dan Bau, coa súa única corda, e o seu longo laio emocionado ou o repenicar das gotas da chuvia do monzón nos leves impermeábeis, cada dia á mesma hora baixo a mesma luz. Escoitar a chuvia na súa intensidade, auga fértil na súa teimuda mansedume onde xogan hoxe os nenos coas súas bicicletas, nas rúas feitas arrollada.
Gardo de Vietnam os seus amenceres onde os mais vellos fan a danza para recibir á maña. É terra de poetas. Gardo as imaxes das gallas do delta do Mekong ao navegar os seus mangles.
Remeiras que reman cos pés e sorrín con sorriso de seda leváronme ao Templo do Perfume. Escoitar ao silencio nos anoiteceres na baia de Ha Long, onde os deuses nacen e gardan os soños dos humanos.
A da Galiza e a do Viet Nam, badeiras irmás
Sentir claustrofobia estarrecedora na galerias de Cu Chi, onde as combatentes daban a luz e entregaban os seus fillos nas aldeas aos familiares e con quen non sempre volvian a se reencontar con eles, xa de rapaces.
Traio comigo a camisa de seda que un obradoiro de rapazas mancadas polo axente laranxa, confeccionou para min e que gardo para estrear cando acabe de escribir e publique o meu Caderno do Mekong.
Vietnam: Paraiso, Terra de dor e ledicia, irmá da patria miña que foi liberada para dar ao ser humano exemplo de dignidade porque, como deixou escrito o amado Novoneyra: a forza do amor do pobo vietnamita pola súa patria non foi inútil.
Levei comigo o seu poema Vietnam Canto e tróuxenlle ao seu fillo Uxío Novoneyra, a bandeira heroica do Viet Nam, vermella coas súa estrela dourada de cinco puntas, irmá da estrela vermella que tingue a bandeira da miña patria que algún día será terra liberada.”
Cantares Gallegos revisitado
Desde Sermos Galiza:
“No video recóllese o proceso creativo de Pepe Barro á hora de elaborar a súa visión creativa de Cantares Gallegos. O 15 de maio inaugurarase en Vigo a exposición No principio foi o verso. Rosalía de Castro comisariada por Pepe Barro, que se artella en oito espazos temáticos, desde os inicios en Vigo, cidade na que foi publicado o libro, até o último titulardo Muller bandeira que recollerá fitos, documentos e obxectos da recepción da figura de Rosalía de Castro. (…)
Entregáronse os XXII Premios Irmandade do Libro
Desde
Sermos Galiza:
““Pola ampliación de horizontes da narrativa galega” a novela A noite branca, de Francisco Fernández Naval, foi recoñecida como Mellor Obra do ano 2012 polo xurado dos premios Irmandade do Libro, galardóns que cada ano convocan a Federación de Libreiros e Libreiras de Galicia e que se entregaron o pasado sábado na Casa de Cultura en Monforte.
O libro e a lectura son os protagonistas desta convocatoria que aplaudiu o traballo desenvolvido por Antonio Reigosa, e as persoas que contribúen no proxecto, diante do web Galicia Encantada por “manter vivo o mundo mítico galego”, alén do seu traballo divulgador e de se ter convertido en referencia nos centros de ensino. No apoio á lectura no ámbito escolar foi precisamente o CEIP de Quintela de Moaña o centro sobre o que o xurado deitou os seus ollos polas actividades desenvolvidas e pola “relación pedagóxica coas librarías e coas biblitecas públicas da zona”.
Un establecemento especializado, a Kómic de Santiago fíxose co premio á mellor libraría, primeira que se dedicou á distribución deste xénero.
As Guías da Natureza de Baía Edicións foi o proxecto recoñecido como Obra Editorial do Ano pola “contribución a que a rica terminoloxía galega relativa á natureza perviva e á divulgación do medio natural como unha maneira de colaborar na súa conservación”.
Os nomes das propostas galardoadas déronse a coñecer no acto de entrega desenvolvido en Monforte o pasado sábado día 20, unha vez con antelación se dera a coñecer o nome de María Xosé Queizán como mellor autora do ano, nestes galardóns outorgados por libreiros e libreiras que teñen como obxectivo destacar o traballo de persoas e iniciativas que contribúen á difusión do libro e a lectura.”
Xesús Alonso Montero, novo presidente da Real Academia Galega
Desde
Sermos Galiza:
“(…) A candidatura presidida por Xesús Alonso Montero conseguiu gañar en votos á encabezada por Manuel González, que representaba a sucesión continuista da executiva de Xosé Luís Méndez Ferrín. Canda Xesús Alonso Montero, entran na executiva da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo como secretario, Margarita Ledo no posto de arquiveira, Andrés Torres Queiruga como tesoureiro e Rosario Álvarez como vicesecretaria. Na candidatura de Alonso Montero presentábanse dúas das tan só catro mulleres que compoñen, polo de agora, o plenario da institución. (…)”.
Rosalía terá en Lugo un novo monumento por suscrición popular
Desde
Sermos Galiza:
“Nacerá do asociacionismo cultural e pagarase por suscrición popular. As asociacións Lugopatrimonio, o Clube Cultural Valle-Inclán, Ágora Lugo, Achádego Teatro e María Castaña son as entidades convocantes da primeira xuntanza que comezou a traballar na campaña de suscrición popular co fin de homenaxear a Rosalía cun novo monumento en Lugo. Canda as convocantes, sumáronse á iniciativa as asociacións Hipócrita Teatro, Antigos Alumnos da Escola de Artes Ramón Falcón, Asociación de Veciños da Milagrosa, Fonmiñá, Amigos da Muralla, Orfeón Lucense e Cultura do País. Unha comisión xestora integrada por Isidoro Rodríguez, Antón Somoza, Xulio Xiz, Adolfo de Abel, Tonina Gay e Teresa Campo dará os primeiros pasos co fin de recadar fondos por suscrición popular para que a cidade conte cun monumento á poeta no parque que leva o seu nome. Queren que sexa inaugurado neste 2013 no que se fan 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.”
María Xosé Queizán, Premio Irmandade do Libro pola súa traxectoria literaria
Desde
Sermos Galiza:
“Cada ano, a Federación Galega de Libreiros premia unha autora ou autor pola súa traxectoria na convocatoria dos seus premios. Nesta edición, XXII, a escritora María Xosé Queizán foi a escollida polo xurado para recoñecer a súa ampla dedicación ao mundo do libro como narradora mais tamén autora de ensaio, teatro, poesía, artigos xornalísticos, tradución e mesmo partillando noutros ámbitos da edición literaria como a dirección dunha publicación -a Festa da Palabra da que está á frente desde 1983- ou como directora de coleccións como As literatas de narradoras en Xerais. (…)
O fallo do xurado recoñece como motivación para premiar a María Xosé Queizán “a longa e moi definida traxectoria en traballar polo galego dende todos os xéneros, sendo pioneira na narrativa galega despois da guerra. Resultando ademais, que no ano dedicado ao teatro, María Xosé é precisamente unha persoa moi vinculada ao xénero dramático”. (…)”.
Silvia Penas: “Os premios son case a única maneira de publicar poesía”
Entrevista
a Silvia Penas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): En especial na década dos noventa foron as mulleres as que recuperaron o corpo para a poesía. A presenza das uñas responde a esa idea?
– Silvia Penas (SP): Lin ás poetas que publicaron nos noventa e por esa razón algo pode quedar mais a miña non é unha poesía nesa liña. Non sei onde me podería encadrar. De momento non fago por me situar literariamente. Hai persoas que mudan dun libro a outro.
– SG: O xurado [do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey] valorou a frescura e novidade da obra. Fuxe de textos requintados?
– SP: Moitas veces escribo como penso, moitas veces de maneira directa. Iso non significa que non estén traballados.
– SG: Gañou xa varios premios de poesía, entre eles o da Universidade de Vigo, o GzCrea ou o Victoriano Taibo. Por que decide escribir poesía?
– SP: Depende do momento mais para presentarme a un premio e gañar uns cartos pode ser unha finalidade. Participo en recitais e tamén preciso textos para facelo e esta é a razón de que procure textos máis orais. O que si teño claro é que non é unha escrita introspectiva. Sempre gostei moito da literatura e hai unha necesidade de furgar na linguaxe, de estar cerca do texto. Gústanme os actos poéticos, cada vez me dou máis conta de que moita xente que non le chega á poesía a través de recitais. (…)”.
Begoña Caamaño e Manuel Álvarez Torneiro coinciden de novo nos Premios da Crítica española
Desde
Sermos Galiza:
“Manuel Álvarez Torneiro en poesía e Begoña Caamaño en narrativa, son os dous nomes que resultaron premiados no Premio da Crítica Española que se fallou na mañá do sábado día 13 en Ponferrada. Recuncan cando se cumpre o mes de teren recibido os galardóns da Asociación Galega de Editores. (…)
Un xurado composto por críticos literarios destacou a voz de Álvarez Torneiro para lle outorgar este galardón que o seu máis recente libro, Os ángulos da brasa, suma ao xa recibido Ánxel Casal de poesía da Asociación Galega de Editores. O crítico Xosé Manuel Eyré, que tomou parte no xurado, apunta en Ferradura en tránsito que o libro de Torneiro: “…É un poemario extraordinario, un poemario que logra ser emotivo sen deixar de ser reflexivo, unha ollada sobre a vida desde a altura dos anos e da experiencia, sobre a vida e o ser humano. Un poemario que reconciliará coa poesía a todos aqueles que estean un pouco saturados das formas e contidos da poesía máis vangardista e anovadora, porque esta poesía, como a de sempre, perfectamente medida, calculada, con cada cousa no seu sitio para que a discursividade sexa natural, deixa lugar unha expresividade que non procura o epatante, nunca hai lugar para artificio senón o sentir e a reflexión”. (…)
De novo Morgana en Esmelle (Galaxia) de Begoña Caamaño é recoñecida como mellor obra narrativa do 2012. Da súa segunda novela, a autora comentou recentemente nunha entrevista no semanario Sermos Galiza que se pode “ler con claves de contempoarneidade e propón outro tipo de modelos. A cultura ten que camiñar apegada á ética. Non podes estar calada diante do que pasa, tes que tomar postura, propor alternativas”. A segunda novela de Caamaño publicouse despois de que a xornalista se dese a coñecer como escritora con Circe ou o pracer do azul. En ambos títulos, a escritora revisita a historia literaria e mítica desde a súa escrita feminista. (…)”