Shahd Wadi, escritora palestina, nomeada Escritora Galega Universal en 2025 pola AELG

Destacado

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Shahd Wadi, escritora palestina, como Escritora Galega Universal en 2025, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da alta calidade da súa obra, así como por defender a dignidade nacional de Palestina e os dereitos individuais e colectivos da súa poboación, nomeadamente desde perspectivas feministas.

Poeta e tamén autora do libro Corpos na trouxa: histórias-artísticas-de-vida de mulheres palestinianas no exílio (2017), aborda, na súa investigación, as narrativas artísticas no contexto da ocupación israelita da Palestina e considera as artes un testemuño de vidas, tamén da súa.

Nas anteriores edicións recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira, Ana Luísa Amaral, Lydia Cacho e Joseba Sarrionandia.

Nacerán as oliveiras, unha escolma de poemas palestinos para “rachar co silencio”

Desde Nós Diario:
“Nós Diario agasalla o sábado 5 de outubro un caderno especial de 32 páxinas de poemas e autoría colectiva con obras de 23 escritoras e escritores palestinos; clásicos relevantes uns, exiliados ou asasinados por Israel outros. Esta publicación, que acompañará de balde o xornal e mais o semanario Sermos Galiza, está coordinada por Cesáreo Sánchez e Marta Dacosta, con tradución de Moncho Iglesias Míguez, e os autores dos textos son Fadwa Tuqan, Tawfiq Ziad, Samih al-Qasim, Mahmud Darwix, Sharif S. Elmusa, Suad Amiry, Ibrahim Nasrallah, Saleem al-Na ar, Nathalie Handal, Susan Abulhawa, Suheir Hammad, Najwan Darwix, Tamim al-Barghutti, Rafeef Ziadah, Ahmed Masoud, Dareen Tatour, Shahd Wadi, Heba Abu Nada, Mosab Abu Toha, Farah Chamma, Noor Hindi, Nour al-Din Hajjaj e Yahya Ashour.
Cesáreo Sánchez, presidente tamén da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), define este caderno como “un acto de memoria, de denuncia do xenocidio”, e para “rachar co silencio sobre a literatura palestina”, entendendo que “o sionismo quere borrar a memoria de Palestina como pobo culto que é”. Entre a escolma de poetas “hai clásicos da literatura universal que poderían recibir o Premio Nobel”, afirma, en alusión a Mahmud Darwix.
Cesáreo Sánchez mimou a coordinación deste caderno que leva por título Nacerán as oliveiras, como o chamado que é “ás raíces na terra palestina; como na galega, profundas e milenarias”. O presidente da AELG lembra durante a conversa unha imaxe dun vídeo que lle impactou estes días: “Eran arredor de 40 nenas e nenos nunha tenda cantando a lección coa súa mestra”. A mensaxe, para Cesáreo Sánchez, é clara: “A eles non os derrota a esperanza, aínda que os vexamos en ruínas e en xenocida transhumancia son un pobo culto, con confluencia de culturas; o mellor da literatura universal”.
“Queren desposuílos da súa propia historia”, di Sánchez, que mira cara ao caderno convencido de que “a poesía é un dos maiores actos de humanización do día a día”. Por iso concibe esta escolma de poetas palestinos traducidos ao galego como “un abrazo colectivo” polos séculos en que tamén se negou a cultura galega. “Temos que saber que teñen historia, teñen a súa identidade e están dando unha lección de vida que agardo que as nosas novas xeracións aprendan, que abran os ollos e saiban distinguir os focos de verdade das noticias falsas”, prosegue.
Cesáreo Sánchez fala tamén con dor sobre o xenocidio que está a padecer o pobo palestino: “Ás veces un sinte vergoña como ser humano”. Rememora as palabras dun neno palestino a un soldado: “Marcha, esta non é a túa terra”. E explica que un dos poetas asasinados “escribiu un texto e mandoullo a un amigo dicíndolle, ‘se me asasinan, cóntao ti'”. Esa é a realidade cotiá do pobo palestino. “Repártense entre distintas casas porque están a desaparecer familias enteiras”, denuncia, ao tempo que critica que “o mundo anglo-americano é dunha covardía vergoñenta”.
Cesáreo Sánchez ten na memoria as imaxes da guerra do Vietnam. Agora, no xenocidio do pobo palestino, revive recordos de dor coa “crueldade inédita” de escoitar un médico voluntario “dicindo que nenos e nenas son mortos por francotiradores”.

Moncho Iglesias, o encargado de traducir os poemas ao galego
O caderno Nacerán as oliveiras é unha realidade grazas ao traballo de Moncho Iglesias, licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Vigo, e a súa ampla experiencia e coñecementos sobre Palestina —onde viviu e deu clase nas universidades de Belén e a de An-Najah (Nablus)—. Iglesias fixo a súa tese doutoral comparando os contos da tradición oral palestina e da galega.”

Salvaterra: 36º Festival da Poesia no Condado