I Encontro do Livro Galego

Marta Dacosta representa a AELG nesta actividade.

“Os dias 18-19 de julho terá lugar na Faculdade de Filologia da Universidade da Corunha (UDC) o 1º Encontro do Livro Galego, que congregará investigadoras e profissionais do setor da edição na Galiza. Aproveitando os cinquenta anos da publicação de O libro galego a discusión, considerado o começo da reflexão contemporânea sobre a indústria do livro na Galiza, este encontro pretende servir para partilhar diagnósticos e estratégias de futuro em relação ao mundo editorial nos seus distintos eixos: institucional, profissional, associativo e académico.
Com este fim são organizadas quatro sessões de trabalho distribuídas em duas jornadas, que reunirão pessoas representantes das instituições culturais (Subdirección Xeral do Libro, Consello da Cultura Galega, área de Cultura da Deputación da Coruña), da investigação (Universidade da Coruña, da Universidade de Vigo, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades) e do âmbito profissional (Asociación Galega de Editoras, Federación de Librarías de Galiza, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, Consorcio Editorial Galego).
Este evento é organizado no seio do projeto de investigação “Campo Editorial e Cultura Autonómica: institucionalização e industrialização do livro na Galiza (1978-2026)”. Pode consultar-se mais informação sobre o Projeto e sobre o Encontro em Livro Galego.”

Pilar García Negro: “Rosalía merece máis reflexión, agora que a conexión emocional con ela xa é un feito”

Entrevista a Pilar García Negro no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Ela é fundamental para asumir a nosa identidade nacional: para vérmonos e coñecérmonos a nosa realidade. Mais é fundamental, ademais, como avanzada do pensamento feminista e anti-discriminatorio que non alenta”.
Este texto foi publicado por Pilar García Negro en 1985. Desde aquela ata hoxe, os seus estudos, a as súas achegas analíticas axudaron a reinterpretación da obra rosaliana. Agora a Universidade da Coruña publica este volume, un compilación de artigos e textos de García Negro. E hoxe, no Día de Rosalía falamos con ela deste Intenso e solidario feminismo. Estudos rosalianos. A entrevista pode verse aquí.”

A Coruña: Xornada homenaxe “Dez anos sen Seamus Heaney”


Toda a información aquí.

Carme Fernández: “Pilar García Negro interpreta Rosalía desde o compromiso coa nación e coas mulleres”

Entrevista de Laura Veiga e Carme Fernández Pérez-Sanjulián en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): En que medida os estudos recollidos de Pilar García Negro contribuíron a mudar a imaxe que se tiña de Rosalía de Castro?
– Carme Fernández Pérez-Sanjulián (CF): A idea de recompilar algúns traballos de Pilar García Negro xurdiu para pór de relevo até que punto é importante a súa contribución sobre Rosalía, tanto por extenso como por ser mantido no tempo, mais, sobre todo, polo seu nivel de divulgación e análise. Ás veces o seu perfil público como política parece que opaca o seu labor como investigadora. No libro recollemos traballos publicados desde hai 40 anos até a actualidade. A imaxe que se tiña de Rosalía daquela era moi diferente da que temos hoxe.
Nos primeiros traballos de Pilar García Negro, así como nos de outras persoas da Galiza, había unha vontade de dar a coñecer a obra de Rosalía, de explicala e interpretala desde parámetros que non eran os tradicionalmente impostos: o trauma de Rosalía, o peso da sombra do pai, a imaxe tan conservadora da santiña e saudosa… Estes prexuízos chegaron até min cando eu estudaba e aínda hoxe perduran, sobre todo en textos enfocados desde o punto de vista da literatura española. No libro reúnense textos de carácter académico con outros que seguen mantendo un ton máis reivindicativo e pode apreciarse unha evolución ao longo do tempo.
– ND: Alén da mirada española, os prexuízos que recaen sobre Rosalía dependen dunha cuestión de clase e de xénero, non si?
– CF: Desde logo. Os prexuízos están máis presentes do que parece a día de hoxe. Eu dou clase no mestrado de secundaria dunha materia onde teño alumnado de estudos hispánicos e de estudos galego-portugueses. A imaxe que traen construída de Rosalía non ten nada que ver. Por suposto que houbo olladas masculinas especialmente patriarcais, mais tamén lecturas como a de Marina Mayoral, que aínda que introduce elementos de interese tamén consolidou unha imaxe moi diferente da que poden reivindicar persoas como Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Carmen Blanco ou a propia Kathleen March.
March insiste moito en até que punto as lecturas de Pilar García Negro foron produtivas e útiles para ela para construír o seu propio discurso e confrontar academicamente a súa propia imaxe. (…)”

Compostela: Congreso “Saber de nós. Cen anos do Seminario de Estudos Galegos”, os 10 e 11 de outubro