A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.
Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Para a edición de 2023 Carme Adán foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 25 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remite a concellos, asociacións e centros de ensino.
O lema escollido para este 2023 foi: #cumpriuseaxustiza
O cartel pode ser descargado en formato pdf aquí, e en png aquí.
Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2023
CUMPRIUSE A XUSTIZA
Salvádeme, berrei. Axudáime, berrei, berrei, berrei…
Rosalía de Castro
As palabras outorgan existencia. Nomeamos as cousas, os sentimentos, os desexos, as accións pasadas e as futuras. Nomeamos para compartir, para saber ou para coñecer o mundo. Nomeamos para vivir.
Mais as palabras son esixentes: requiren da nosa lectura, da nosa escoita, da nosa mirada atenta. Necesitan do silencio para ser comprendidas. Tal é o ruído do mundo que transitamos que as palabras non chegan aos ouvidos, non pasan de ser grafías sen sentido. No noso cotián os berros das desigualdades, as violencias e as inxustizas baten contra muros de ruído e ignorancia. Non escoitamos. Estamos xordas. Xordos de tanta información sobre a información da información. Non escoitamos nada, nin a ninguén. Alguén berra. Está lonxe. Está noutra rúa, noutra clase, noutra cidade, noutro país, noutra lingua. Noutra pantalla.
Os ollos tamén outorgan existencia. Ou deberían. Se cadra fixérono noutro tempo e agora, cansos de tempestuosas imaxes, non son quen de mirar. Din aquelxs que aínda teiman en escribir Filosofía, que a dixitalización fai desaparecer o outro como mirada. Afirman que acentúa o noso egocentrismo nunha obsolescencia programada do mundo, da alteridade que nos configura en humanos. Malia ter sempre os ollos conectados, atentos a unha luz que se ilumina na pantalla, conectados a outro golpe de información, a outra mensaxe, ao próximo “gústame”; renunciamos a mirar.
Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar. É unha guía, por momentos unha amiga ou unha camarada, que nos acompaña entre poemas, novelas e ensaios para superar a banalidade ética do noso tempo. As súas palabras dan existencia a un mundo de inxustizas e opresións contra as mulleres, os pobres, a lingua galega ou os migrantes. O seu narrar é a escoita do noso mundo. En cada verso xorde unha interpelación para nós: que ou quen permite e lexitima as desigualdades, as vulnerabilidades impostas, as guerras, as violencias, os corpos esquecidos e desposuídos de valor. Os que teñen fama de honrados seguen practicando a violencia? A mocidade que migra vai como rosas… e como volven? Ou volven? Poderá deterse o fascismo que vai percorrendo o mundo? Hai guerras que merecen a nosa atención e outras condenadas ao esquecemento? Só o consumo será o pracer do futuro? Merece a natureza ser oída? Que é unha vida vivíbel? Cada interrogante ábrenos unha nova cuestión ata que nos topamos de fociños contra o noso propio muro de ruído e ignorancia: Onde están as nosas palabras?
Hai un eco de vellas derrotas que nos paraliza.
Volvamos escoitar… Aí vén unha meniña gaiteira!
Moito máis forte é o eco das vitorias. Un eco indomábel que chega ata nós dándolle forma de dereitos a palabras como igualdade ou liberdade. Palabras activistas. Palabras que se resisten a ser esquecidas ou usurpadas. A xustiza é moito máis que unha palabra, si. Moito máis. Non obstante, necesita das palabras.
“Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras e palabras!”
Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma?
Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?
Carme Adán
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#rdc_2023 #cumpriuseaxustiza
O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.
Actos promovidos pola AELG
Acto central. Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), Santiago de Compostela
O acto central do Día de Rosalía de Castro tivo lugar o sábado 25 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela.
Este foi o programa:
– Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.
– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
– Lectura do Manifesto da AELG, pola súa autora, Carme Adán.
– Lectura de poemas rosalianos:
Xosé Ramón Fernández Vázquez (A. C. Solfa)
Susana Peleteiro (Asociación do Traxe Galego)
Xosé Manuel Carril (Federación Galiza Cultura)
Pilar Lueiro García (A. C. O Galo)
Eli Ríos (Comadres das Letras)
María Álvarez Landesa (Comadres das Letras)
Eva Teixeiro (Comadres das Letras)
Carmen Villar (Comadres das Letras)
Susana Méndez Rodríguez (CIG)
Beatriz Maceda Abeleira (AELG)
Anxo Angueira (Fundación Rosalía)

– Ofrenda floral.
– Interpretación do Himno Galego polas persoas asistentes.
A Coruña
En colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda, o 23 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do Teatro Rosalía, tivo lugar a lectura do Manifesto da AELG, elaborado por Carme Adán, por Beatriz Maceda Abeleira, e unha posterior lectura pública da obra de Rosalía.
Lugo
Coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o 23 de febreiro ás 12:30 horas no Parque de Rosalía de Castro, diante do busto de Rosalía de Castro. O acto contou coa lectura do Manifesto da AELG escrito por Carme Adán e a lectura pública de poemas de Rosalía.
Vigo
En colaboración coa Asociación Cultural O Castro, o 23 de febreiro, ás 17:00 horas, tivo lugar o Día de Rosalía de Castro en Vigo, na Imprenta de Juan Compañel (Rúa Real nº 12), onde se colocou a ofrenda floral. Posteriormente, no mesmo enderezo (Rúa Real, nº 12), no local do Centro Social A Revolta, leuse o manifesto da AELG escrito nesta edición por Carme Adán, e poemas de Rosalía de Castro.
Actos organizados por outras entidades
Actos da Fundación Rosalía (Padrón e Santiago)
Proposta da Mesa pola Normalización Lingüística
Parlamento Galego
O Parlamento de Galicia acolleu, o 22 de febreiro, un acto de homenaxe á escritora polo Día de Rosalía de Castro 2023, onde representantes dos tres grupos parlamentarios leron fragmentos da obra rosaliana.
Allariz
Bertamiráns (Ames)
Arteixo
Este ano celébrase a novena edición do concurso de poesía en homenaxe a Rosalía de Castro, está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. A infancia de entre 8 e 12 anos levará un agasallo pola súa partipación no concurso de recitados, outro por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG, redactado este ano por Carme Adán e unha sentida homenaxe ao ilustre Arteixán Manuel Murguía, no centenario do seu pasamento. Mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”, terá lugar unha escolma do recital “Palabra de Muller”, onde unha muller presta a súa voz ás homenaxeadas, para darlles o lugar que a historia lles negou e a continuación outra escolma do recital “A Memoria é unha dama” para render homenaxe ás mulleres da Memoria Histórica, vítimas dunha desmemoria consentida. Ámbolos dous recitais estarán representados pola actriz arteixá Ana Hermida. Será o sábado 04 de marzo, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.
Barreiros
Desde o Concello de Barreiros organizáronse neste 2023 os seguintes actos:
– Lectura pública en dous puntos do Concello (nun dos centros educativos e diante dun mural de Rosalía) nos que se leu o manifesto de Carme Adán por parte da concelleira de Educación e Igualdade, Montserrat Porteiro, e onde o alumnado dos dous CEIPs leu poemas de Rosalía de Castro.
– Reparto de máscaras conmemorativas da autora, coas que se realizou unha gran foto grupal.
– No pleno municipal levouse a proposta da AELG para declarar no Concello de Barreiros o día 23 de febreiro como Día de Rosalía.
Boiro
O Carballiño
Sargadelos (Cervo)
Coirós
Gondomar
Lugo
Narón
Desde o Concello de Narón: A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, participou o 25 de febreiro, xunto coa edil de Cultura, Olga Ameneiro, e o edil de Promoción Económica, David Pita, no acto de lectura pública organizado polo Concello para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebrou o pasado 23 de febreiro. O acto desenvolveuse nas instalacións da Biblioteca municipal, onde se achegaron tamén veciñas e veciños que quixeron formar parte desta homenaxe pública á poetisa galega Rosalía de Castro. Ferreiro explicou que “un ano máis sumámonos á iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para programar este acto, que despois de dous anos podemos realizar de novo de xeito presencial”. Na planta baixa da Biblioteca, onde se levou a cabo a convocatoria, a mestra naronesa Julia Rodríguez, Muller do Ano de Narón no 2020, encargouse de ler o manifesto da citada asociación, escrito por Carme Adán. “Cumpriuse a xustiza” é o lema deste manifesto, no que se ensalza a figura de Rosalía de Castro, tanto a nivel persoal como profesional. Trala lectura a alcaldesa agradeceu a asistencia de todas as persoas que se sumaron ao acto e destacou tamén o legado da poetisa galega, sobre a que recordou a rúa e a praza co seu nome na cidade. Ferreiro leu o prólogo do libro “A filla do mar” e a continuación leron o resto de persoas que quixeron participar, entre elas os edís Olga Ameneiro e David Pita. O acto pechou o programa deseñado polo Concello con motivo do Día de Rosalía, que incluíu a entrega dun caravel vermello ás persoas que levaron nesa xornada un libro en calidade de préstamo dos dispositivos bibliotecarios municipais e tamén unha colaboración con oito librarías locais para realizar ese mesmo agasallo ás persoas que adquirisen ese día un libro en galego. Os establecementos Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e Pasapáxina participaron nesta iniciativa o pasado 23 de febreiro.
Oleiros
O xoves 23 de febreiro tivo lugar na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) unha sesión da Hora do conto especialmente adicada a Rosalía de Castro para nenas-os a partir de 6 anos que xuntou case 30 participantes: o espectáculo de Trémola Teatro titulado “Rosalía de Castro: a miña historia”, con pasaxes da súa biografía e algúns dos seus versos dramatizados que fixeron un retrato moi ameno e participativo da escritora galega por excelencia. A información transmitida foi suficiente e axustada á idade das-dos participantes que fixeron do aniversario de Rosalía unha festa.
O vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda acolleu unha escolma bibliográfica de obras de Rosalía de Castro así como o cartel da AELG e o Manifesto de Carme Adán para esta xornada, nun lugar destacado para as-os usuarias-os.
Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz) púidose gozar dunha mostra da obra rosaliana baixo o tema “Sempre temos as verbas de Rosalía a nosa poeta máis popular, querida e admirada para que se faga xustiza co pobo”.
Padrón
Pontevedra
Pontevedra e Vigo
Desde a Deputación de Pontevedra celebrarase a homenaxe a Rosalía de Castro nun dobre acto, os días 23 e 24 de febreiro en Pontevedra e Vigo.
Pontevedra. 23 de febreiro de 2023
- 17:30 h Xardín do Pazo provincial: coa Fundación Rosalía de Castro
Plantación dunha filla da figueira de Rosalía (doada pola Casa-Museo), árbore monumental e senlleira dos tempos da autora (século XIX), e un dos rexistros florísticos máis prezados de Galicia.
- 18:00 h Salón de Plenos. Pazo provincial de Pontevedra
- Condutora do acto: Mónica Camaño
- Espectáculo multidisciplinar de ilustración, poesía e música (ao comezo e ao peche):
- Marcos Escudero realizou ilustracións en directo sobre area
- Alba Cid recitou poemas de Rosalía de Castro
- Alba Barreiro tocou a arpa
- Lectura do manifesto: por Carme Adán, autora do manifesto de 2023, designada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
- Fallo do concurso escolar A Nosa Rosalía feminista: proxección das colaxes colectivas, lectura da acta do xurado con representantes dos centros escolares gañadores, entrega do recoñecemento e conexión en directo por videoconferencia coas nenas e nenos premiados
Vigo. 24 de febreiro de 2023
19: 00 h Sala Rosalía de Castro. Sede da Deputación en Vigo

- María Lado recitou poemas de Rosalía de Castro
- Margarida Mariño tocou o cello
- Lectura do manifesto: por Xavier Queipo, designado pola AELG
- Concurso escolar A Nosa Rosalía feminista: proxección dos colaxes colectivas, lectura da acta do xurado e conexión por videoconferencia coas nenas e nenos premiados
Santiago de Compostela
Celebrouse o Día de Rosalía cunha sentida homenaxe á escritora compostelá, símbolo do pobo galego. Repasouse a súa obra e biografía, houbo poesías, cancións e historias marabillosas. Xunto coa homenaxe a Rosalía de Castro, celebrouse tamén o Día da lingua materna e Cen anos sen Murguía.
Tomiño
<br />
Vilalba
Terán lugar as Xornadas Rosalianas 2023.
Vila de Cruces
A A. S. C. Garatuzas de Piloño (Vila de Cruces) uniuse ás actividades do Día de Rosalía. O 23 de febreiro tivo lugar unha fermosa xornada en familia e de traballo en equipo, na que se falou de Rosalía, léronse poemas de Cantares Gallegos e creouse unha colaxe na que expresamos e reflexionamos sobre as inxustizas que están a acontecer actualmente e a necesidade de denuncialas. Poden verse estas actividades no vídeo do Facebook da entidade.
La Habana
Actividades nos centros de ensino
- CEIP (e IES) de Arzúa. Colocáronse algúns dos seus poemas, que ilustrou o alumnado do centro, nuns folletos, que, simulando a carta dun restaurante, prepararon xunto co IES de Arzúa. O alumnado do instituto preparou as portadas e contraportadas dos folletos e o do colexio fixo as dúas páxinas interiores. O 15 de febreiro foron a Radio Arzúa as coordinadoras dos EDLG do instituto e do CEIP de Arzúa, xunto cunha nena de cada centro e a Concelleira de Cultura da vila para explicar en que consistía a actividade. Durante o Entroido repartíronse os folletos (fixéronse sete modelos diferentes) entre os bares, restaurantes, centro da terceira idade, Biblioteca da vila… Poden verse as actividades na web do centro.
- CEIP Plurilingüe Cespón (Boiro). Despois da lectura do manifesto, tivo lugar unha posterior lectura de poemas relacionados con distintos sentimentos dos que acostuma a falar nos seus versos: soidade, desamor, pobreza, morte… Cada aula relacionou cada poema tamén cunha imaxe que o represente. Ditos poemas e fotografías quedaron recollidos nun mural na entrada do centro. Para rematar, cantaron xuntos a canción “Adiós ríos, adiós fontes”.
- CEIP Plurilingüe Montemogos (Beluso, Bueu). Este foi o traballo no Día de Rosalía do alumnado de 6° de Educación Infantil.
- CEIP Plurilingüe A Cristina (Carballo). Poden verse as actividades feitas no centro na súa páxina web.
- CEIP Plurilingüe Os Casais (Maniños-Fene).
- CEIP Virxe do Mar (Narón).
- CEIP Carlos Casares (Vilariño-Nigrán).
>
- CEIP Plurilingüe Chancelas (Poio). Desde a clase de quinto fixeron esta pequena achega, facendo o seu pequeno cadáver exquisito coa poesía de Rosalía de Castro, unha actividade coa que gozaron moito e que rematou con este pequeno video:
- CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela). A comunidade educativa do Lamas quixo celebrar o Día de Rosalía a través das fotos que as familias nos foron achegando “berrando” pola xustiza social. Fíxose un mural onmemorativo cheo de “berros” máis unha montaxe de vídeo con esas mesmas fotos. Nesta ligazón pode accederse ao vídeo do traballo realizado no CEIP. Lamas de Abade
- CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela).
- CEIP Ramón de Valenzuela (Bandeira-Silleda). As actividades realizadas poden consultarse no blog do centro.
- CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo). Conmemorouse o Día de Rosalía realizando traballos de diversa índole, sempre tendo en conta as propostas da AELG.
En Ed Infantil os alumnos e alumnas confeccionaron un chamativo mural co nome das plantas que máis se repiten na obra de Rosalía.
En 1º ciclo de Ed Primaria realizáronse colaxes conmemorativas da autora.
En 2º ciclo de Ed Primaria compuxeron sinxelos poemas con palabras extraidas dalgunha obra de Rosalía en galego.
En 3º ciclo de Ed Primaria traballouse a cuestión “Que diría Rosalía?” sobre os migrantes, o feminismo, a lingua e o coidado do Planeta…
En resposta, xurdiron moitos e interesantes poemas. Algúns destes traballos decoraron as ventás e corredores do centro para dar maior visibilidade a esta data. Ademais, o xoves 23, as crianzas máis novas do centro fixeron un rego simbólico da roseira que se prantou no horto escolar hai tres cursos na honra da escritora; a continuación os alumnos e alumnas maiores recitaron poemas en lembranza de Rosalía.
Fíxose una recompilación de todos estes traballos nunha montaxe musicada.
Poden verse as actividades no blog do centro.
- CEIP de Celeiro (Viveiro). Poden verse as actividades feitas na web do centro.
- CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro). Estes son os murais que se fixeron no centro seguindo a proposta, expostos na cristaleira da entrada do centro.
- CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados). Fíxose na horta do colexio un pequeno recuncho, chamado “O xardín de Rosalía”, onde cada aula plantou unha herba aromática e un poema da escritora.
- CEP Brea Segade (Taragoña, Rianxo). Poden verse as actividades no blog do centro.
– Decoración da fachada do colexio con rosas e o nome de Rosalía.
– Gravación en vídeo de poemas referidos á emigración e a xustiza.
– Recitado de Miña casiña, meu lar e posterior Caldo de Gloria, feito no colexio e compartido no recreo.
- CEP Carlos Casares (Alxén, Salvaterra do Miño). Aquí poden verse as actividades levadas a cabo, na web do centro.
- Colexio FEC San José (Lugo).
- Colexio A Merced de Sarria.
Comezaron o día recibindo a todo o alumnado coa interpretación musical de “Adiós ríos, adiós fontes” a cargo dos profes de música, Iñaki e Jesica. E unha vez nas aulas, cada curso fixo diversas actividades para conmemorar este día.
En Infantil, unha profe leulles aos máis pequeniños algúns poemas do libro Rosalía pequeniña de Uxía que, como tamén ten música, foi moito máis divertido. Ademais, os nenos e nenas fixeron uns preciosos marca-páxinas e colorearon “ao seu xeito” unhas siluetas de Rosalía.
Os nenos e nenas de 1º e 2º de EP festexaron o día de Rosalía cos xa tradicionais “Poemas con chocolate”. Nesta ocasión contaron cuns convidados moi especiais: os nenos e nenas de Infantil, cos que compartiron unha mesa moi doce…Apadriñaron aos máis pequenos lendo poemas e elaborando un fermoso mural dedicado á ilustre escritora.
En 3º e 4º de EP celebraron este día elaborando unha imaxe de Rosalía nun mapa de Galicia. Por detrás puxeron datos importantes da súa vida e escribiron “Eu son libre de corazón e pensamento”, o que lle escribíu a Manuel Murguia antes de casar con el. Tamén escoitaron, a canción de Adeus ríos… En varias versións, gustoulles moito a de rock de Astarot.
En 5º e 6º de EP e na ESO fixeron as actividades propostas pola AELG: un cartaz coa etiqueta #cumpriuseaxustiza e unha colaxe con imaxes de: conflitos bélicos de hoxe, da explotación infantil, da inmigración no mundo, da explotación no traballo, os prezos da vivenda… coa pregunta “Que diría Rosalía?”.
Ademais, en 1º e 2º de ESO gravamos o poema “Adiós ríos, adiós fontes” lido por alumnos e alumnas nas catro linguas vehiculares do Colexio.
E para rematar, cada un de nós degustou neste día un “Caldo de Gloria” (como nos conta Rosalía no seu poema) sobre o mantel individual co poema “Miña casiña, meu lar”.
- Colexio Plurilingüe María Inmaculada de Silleda. Baixo o hashtag #cumpriuseaxustiza no Colexio María Inmaculada de Silleda fíxose un macromural na entrada ao centro coa imaxe de Rosalía e fotos das inxustizas do mundo que nos rodea (guerras, inmigración, soidade dos nosos maiores, acoso, abusos laborais, explotación infantil,..). Nas aulas os alumnos da ESO relacionaron poemas da autora con estas inxustizas actuais pensando no que diría Rosalía sobre elas.
- EEI Monte do Alba (Valadares, Vigo). A actividade levada a cabo no centro pode consultarse na súa páxina web.
- IES Lamas de Castelo (Carnota). Poden verse aquí as actividades programadas neste centro
- IES Urbano Lugrís (A Coruña).
- IES Fin do Camiño (Fisterra). Estas foron as actividades feitas no centro:
– Creación do mural “Rosalía contra a inxustiza”. Cunha selección de recortes de prensa recollidos polo alumnado nas sesións de titoría, elaborouse un cartel-mural que quedou na entrada do centro.
– Reprodución durante o recreo, mediante o sistema de megafonía do centro, dun audio-recital poético protagonizado polo alumnado do centro.
– Reparto de poemas de Rosalía e chapas realizadas por alumnas do Equipo de Voluntarias da biblioteca coa colaboración do Departamento de EPVA.
- IES Auga da Laxe (Gondomar). O alumnado participou no acto organizado polo Concello de Gondomar. Abriron a celebración coa lectura do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (“Cumpriuse a xustiza”, de Carme Adán), a cargo dun grupo de alumnos e alumnas de 2º Bach. A continuación fíxose unha lectura de poemas de Rosalía de Castro, por parte de varios rapaces e rapazas de 3ºESO, así como do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e do Concelleiro de Cultura, Juan Rodríguez Bas. Pechouse o acto coa interpretación do Pasodobre dos Albariños a cargo dos gaiteiros Pedro Alonso e Marcos Crusat, alumnos de 2º Bach. Ademais, os alumnos e alumnas de 1º ESO repartiron entre as e os asistentes uns folletos que prepararon con poemas de Rosalía, nos que se se inclúe tamén unha ilustración realizada expresamente para a celebración polo noso alumno de 1º ESO Samu Piñeiro.
- IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar). Desde Radio Turonio emitiuse un programa especial con motivo da celebración do día de Rosalía. O alumnado de 4º de ESO presentou nesta edición un programa elaborado seguindo a proposta recibida da AELG, que constou da lectura do manifesto e as creacións literarias inspiradas no poema “A xustiza pola man”. Pode escoitarse na seguinte ligazón da web do centro.
- IES O Ribeiro (Ribadavia). Leuse o manifesto e poemas na biblioteca. O grupo de artes escénicas entrou nas aulas e fixo lectura dramatizada de Por que?. Pode verse aquí.
- IES Xelmírez II (Santiago de Compostela).
- IES Rosais 2 (Vigo). Poden verse as actividades realizadas no centro no seu perfil de Instagram.
Propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino
PROPOSTA PARA OS CENTROS DE ENSINO
O lema é: #cumpriuseaxustiza
Educación Infantil e Primeiro ciclo de Educación Primaria
Recortade dunha revista, xornal… debuxos e escribide nun papel unha palabra para cada debuxo. Podedes escoller imaxes que teñan relación cos sentimentos, as emocións, ou cousas que están a acontecer no mundo e son importantes para vós. Logo, nunha cartolina co rostro de Rosalía, pegade as imaxes con cadansúa palabra, creando unha colaxe.
Segundo ciclo de Educación Primaria
Despois de ler un poema de Rosalía na aula, escollede as catro palabras que máis vos gustaron e compoñede con elas un pequeno poema de catro versos. Así comprobaredes o gran poder que teñen as palabras, xa que dependendo das outras que as acompañan, ás veces mudan o seu significado.
Terceiro ciclo de Educación Primaria, Educación Secundaria e Bacharelato
Escribide e describide as inxustizas do mundo que nos rodea. Dádelle forma de poema, de sentenza, de pensamento, de pequeno ensaio, de microrrelato, e pendurádeos das aulas, dos corredores, dos teitos, das paredes. Pendurade en palabras as miradas sobre o mundo.
Enviamos dous exemplos indicativos, entre os moitos que se vos ocorran nos centros:
Exemplo 1. Coller algunhas imaxes de conflitos bélicos de hoxe, da inmigración no mundo, da explotación no traballo, os prezos da vivenda… e facer unha colaxe coa pregunta “Que diría Rosalía?”
Exemplo 2. Recoller información sobre organismos e ONGs que actúan aquí para denunciar e combater as inxustizas ou asociacións que traballan con mulleres que sufriron violencia (a modo indicativo, Médicos do Mundo, Vagalume, Adega, Esculca, …).
A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, arredor do 23 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #cumpriuseaxustiza e #rdc_23. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org.
#_rdc_2023 #cumpriuseaxustiza. O Día de Rosalía de Castro nas redes sociais
Proposta da AELG para levar unha moción aos plenos dos Concellos para declararen o 23 de febreiro como Día de Rosalía de Castro
A AELG vén impulsando desde 2011 esta iniciativa. Xa aprobaron a moción os seguintes concellos:
A Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pobra do Brollón, A Rúa de Valdeorras, Allariz, Ames, Arteixo, Baiona, Bergondo, Betanzos, Bueu, Burela, Cambados, Cambre, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, Entrimo, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, O Rosal, Ourense, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Ramirás, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tomiño, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.
A AELG continuou a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.
ntidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

&amp;lt;br /&amp;gt;

A Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pobra do Brollón, A Rúa de Valdeorras, Allariz, Ames, Arteixo, Baiona, Barreiros, Bergondo, Betanzos, Bueu, Burela, Cambados, Cambre, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, Entrimo, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, O Rosal, Ourense, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Ramirás, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tomiño, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.