“O mundo da Xela Arias nena, a ollos de Luz Beloso”

Desde Nós Diario:
“A novela, co título Non te amola!, é unha “biografía emocional dunha infancia que se proxecta, vizosa, cara aos nosos días e que descobre unha ollada descoñecida da autora e unha narrativa impoñente”, sinalan desde a editorial.
Este libro de Xela Arias está ilustrado por Luz Beloso (Monforte de Lemos, 1968), que co seu traballo “axuda a entender como foi a infancia da autora e os marabillosos acontecementos que, desde a súa ollada infantil, sucederon e como ela os conta”, engaden.
Beloso é licenciada en Belas Artes, na especialidade de pintura, pola Universidade de Salamanca. Exerceu de profesora de Educación Plástica e Audiovisual na Galiza desde 1993 no IES As Barxas de Moaña e, desde 2019, como profesora de Artes no IES María Soliña de Cangas. (…)
A nova de facer a ilustración do libro inédito de Xela Arias chega á ilustradora Luz Beloso “da man de Francisco Castro, director da Editorial Galaxia, cunha chamada repleta de ilusión e que para min foi un auténtico agasallo”, relata a ilustradora en conversa con Nós Diario.
Non te amola! é unha obra narrativa que a escritora viguesa realiza con 30 anos, baseada en relatos inspirados na súa infancia e que conta desde a perspectiva dunha nena de nove anos. Esta lembra a súa infancia en Sarria e o seu traslado a Lugo cuns relatos dirixidos a un público infantil, “mais dos que tamén fan gozar os maiores de calquera idade”.
Á hora de realizar a investigación para o traballo, a inspiración da ilustradora “foi particularmente emocionante, xa que a miña infancia tamén transcorreu en Sarria e desde o punto de vista visual hai detalles dalgúns lugares como o da capa, cuxo fondo é “Chanto”, un espazo de lecer que todo cativo e cativa do lugar coñece; ou as gardas, que son os arredores da escola da Granxa de Barreiros, en Ortoá”.
Alén disto, como traballo de documentación sobre a poeta, Luz Beloso encontrou moita información gráfica na rede. “Fun atopando desde fotos familiares de Xela Arias na granxa cos seus pais e mesmo espazos que a propia escritora habitou na infancia do libro”, indica a ilustradora.
Con esta información e “desde o meu propio estilo e coherencia co meu traballo”, Beloso ilustra de modo “colorista, agarimoso e divertido” o libro Non te amola!” .
As súas técnicas para esta publicación levan a que “o trazo do lapis de cor sexa o protagonista, intentando que non se perda o xesto nin a frescura no traballo”.
Para a escolla destas técnicas, Beloso baseouse nos “referentes que me marcaron ao longo da miña vida, tanto en pintura como en ilustración”. As ilustracións de Rébecca Dautremer, Ana Juan ou a pintura de Odilon Redon son exemplos “dun sen fin de artistas contemporáneas que grazas ás redes podemos gozar da súa obra”.
“O marabilloso de ilustrar é que nunca deixas de aprender, cada novo libro é un novo reto”, apunta a ilustradora.
Para Beloso o libro Non te amola! “é unha obra persoal e divertida, chea de aventuras, entrelazada por varios relatos dunha infancia próxima e familiar que mostran unha Xela Arias nena, onde a escritura e os libros teñen un papel protagonista na súa vida. Unha escritora feminista que apunta xa intencións e que está decidida a escribir un libro fresco, divertido e emocionante”, valora.
A ilustradora considera que a escritora de Tigres coma cabalos é “un referente no mundo editorial e da poesía, unha voz única, valente, comprometida, conmovedora, renovadora, feminista e transformadora neste mundo que tanto precisa da súa voz e da súa poesía”.
Por iso, Luz Beloso anima o público para “afondar no traballo de Xela Arias”.”

Darío Gil Arias: “O libro unha palabra: tenrura”

Entrevista a Darío Gil Arias en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Que lembra da súa nai [Xela Arias]?
– Darío Gil Arias (DGA): Xórdenme sempre moitos recordos de moi diferentes ámbitos cando penso na miña nai. A meirande parte deles teñen que ver coa vida cotiá, coa convivencia. Porén, tamén teño recordos das viaxes que facíamos a Formentera ou a Portugal con meu pai ou das actividades que levaba a cabo miña nai na Fundación Nautilus, relacionadas cos movementos Nunca Máis e Non á Guerra.
As lembranzas do seu labor literario son algo máis borrosas para min, aínda que si lembro vela traballar en varias traducións e incluso unha vez levoume a ver como dobraban ao galego un capítulo de Shin-Chan nun estudo en Vigo.
– ND: Como influíu o legado literario da súa nai na súa vida?
– DGA: Pese a que non sinto ningunha inquedanza por comezar unha produción literaria propia, as particularidades da miña nai, así como as do meu pai, leváronme a ter un profundo respecto por todas aquelas persoas que crean ou promoven cultura, e singularmente cando falamos da galega.
Tamén as numerosas visitas a museos e galerías, que tiven a sorte de facer cando viaxabamos fóra da Galiza fixo que tivera inquedanzas culturais diversas, non enfocadas cara a unha única disciplina, polo que o seu legado en min é un pouco o reflexo da súa obra, a mestura de múltiples disciplinas culturais nun diálogo entre iguais.
– ND: Que sentiu cando soubo que lle ían dedicar o Día das Letras Galegas 2021?
– DGA: Foi un orgullo tremendo. Aínda que esta época está irremediabelmente marcada pola pandemia e podíase pensar que iso desluciría o seu ano, o gran traballo das institucións e editoriais en tan pouco tempo, e cos condicionantes sanitarios tan restritivos, está facendo que todos os proxectos saian cara a adiante e se lembre e celebre o ano da miña nai o mellor posíbel. Toda a familia está encantada.
– ND: Que podemos agardar deste novo libro de Xela Arias [Non te amola!]?
– DGA: É algo especial publicar un inédito de modo póstumo, mais decidimos dar o paso porque ela xa o quixera publicar no seu tempo e por circunstancias externas non se deu.
Ela estaba orgullosa do seu traballo e consideraba que estaba á altura precisa para ser publicado, polo que nos permitimos de boa gana que vise a luz. É algo moi distinto aos seus outros traballos, xa non só por ser prosa, senón porque se trata de contos infantís, que pouco ten que ver coa súa temática habitual. Se houbese que resumir nunha palabra o libro, eu quedaríame con tenrura.
– ND: Como animaría o público a que afonde no traballo de Xela Arias?
– DGA: Por sorte, e grazas ao traballo de moitas persoas e editoriais, hai moita obra da miña nai dispoñíbel. Quizais a poesía non é o estilo máis popular á hora de escoller lectura, pero para todo aquel que lle queira dar unha oportunidade recomendaríalle que comezase con Darío a diario, xa que é un poemario curto, sinxelo, cunha visión diferente da maternidade e que pode servir de primeiro chanzo para familiarizarse coa obra de miña nai, e posteriormente seguir avanzando nela.
Con todo, para todas aquelas persoas afeitas a ler poesía, coido que Tigres coma cabalos é unha obra moi valiosa xa que pon en diálogo os poemas coas fotografías, sendo toda unha pioneira no seu momento.”

A programación das Letras Galegas 2021 contará con medio cento de actividades para divulgar o legado de Xela Arias

Desde a Xunta de Galicia:
“Con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega (CDG), en colaboración coa CRTVG, así como empresas, administracións locais e varias editoriais celebrarán un amplo programa con ata medio cento de iniciativas presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros. Están dirixidas a todos os públicos de toda Galicia, e terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio en Vigo.
Durante a presentación da programación que tivo lugar no IES Castelao de Vigo, onde estudou a propia Xela Arias, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliñou o carácter excepcional que terán novamente as celebracións no actual contexto sanitario que demostran que “a cultura volve con forza”. Como engadiu, trátase dunha programación “completa e variada” que fará posible divulgar en Galicia e fóra dela o “enorme legado” de Xela Arias, unha muller, afirmou, “pioneira, moderna, transgresora, comprometida, feminista e precursora”.
O conselleiro salientou o acertado de ter escollido unha figura como Xela Arias, da que, dixo, foi sinónimo de modernidade e transgresión e desenvolveu unha obra poética e literaria fóra dos convencionalismos da época. “Rompeu moldes nas nosas letras cunha linguaxe poética urbana, vangardista e anovadora”. Salientou tamén a súa faceta como creadora, editora, mestra e tradutora, traducindo ao galego algúns dos clásicos da literatura universal.
Na rolda de prensa participaron, ademais do conselleiro, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, e parte da súa familia como a súa nai, Amparo, e o seu irmán Lois, o seu fillo Darío Gil Arias ou a súa parella Xulio Gil.
Froito dun traballo colaborativo entre as institucións e a familia da autora, a programación prevista como homenaxe a Xela Arias abrangue multitude de iniciativas de participación social e cultural, de fomento da igualdade e a integración, accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e tamén haberá actividades para os galegos no exterior.
No eido artístico, a Xunta promove iniciativas como a exposición Xela Arias. Asinamos ser libres, que fará parada en dez concellos galegos difundindo detalles da vida, obra e o contexto histórico no que viviu a homenaxeada; ou Aquela nena de Sarria, que recalará na Biblioteca de Lugo e repasará as súas orixes e a súa infancia nesta vila lucense. Tamén se promoverá, da man do seu fillo Darío Gil, outra mosta fotográfica con preto de medio cento de pezas titulada Tigres coma cabalos inspirado no poemario da autora. Chegará ás cidades de Vigo e Santiago e irá acompañada dunha reedición do poemario en formato catálogo expositivo. Ademais, a Biblioteca de Galicia celebrará o Día da Letras Galegas cunha exposición na que se dará a coñecer o fondo bibliográfico que custodia da autora e haberá tamén distintas mostras bibliográficas pola rede de bibliotecas públicas.
De maneira virtual, tamén se celebrará a iniciativa Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor. Trátase dunha proposta que se poderá ver no Portal da Lingua Galega, que ofrecerá a partir de abril unha fotogalería con preto de 30 imaxes da poeta de Xulio Gil, autor dalgúns dos retratos máis coñecidos de Xela Arias. Estas imaxes completaranse cunha fotogalería inédita da infancia e adolescencia da autora para que o profesorado e o alumnado dos centros escolares galegos poidan utilizalas.
Desde o punto de vista académico, manteranse este ano citas habituais como a Xornada do Día das Letras Galegas, nas que desde a Consellería de Educación se ofrecerá ao profesorado non universitario ferramentas para abordar a figura da artista nas aulas ou o simposio organizado en novembro pola Xunta e a Real Academia Galega (RAG) centrado na súa figura e dirixido fundamentalmente a profesorado de lingua galega e literatura dos distintos niveis educativos.
Os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia tamén impulsan iniciativas e elaboran recursos para dar a coñecer a autora homenaxeada, a súa obra e o seu compromiso coa lingua galega. Unidades didácticas, calendarios, marcapáxinas, crebacabezas, presentacións, xincanas, exposicións, festivais, pasapalabras, vídeos, podcast, telexornais, cancións ou videopoemas son algunas das propostas que se van desenvolver en colexios e institutos de toda Galicia.
Neste contexto, dous dos centros de referencia na vida de Xela Arias súmanse á homenaxe de xeito especial. O IES Xelmírez II de Santiago de Compostela, no que a autora exerceu a docencia, prepara unha xornada que celebrará o 18 de maio coa participación de María Xesús Nogueira e de Fernando Abreu. Pola súa banda, o IES Castelao de Vigo ten en axenda oito citas que estenden a celebración neste centro no que estudou a poeta do 16 de abril ao 21 de maio, con lecturas de poemas, actuacións musicais, relatorios e charlas-coloquios arredor de Xela Arias, obradoiros e conferencias, que lle achegarán ao alumnado a figura, vida e obra da poeta, da man de moitas persoas das que mellor a coñeceron.
A programación das Letras Galegas 2021 incluirá tamén certames de relato, de debuxo, de podcast, banda deseñada, fotografía e mesmo o concurso de rap en galego Lingua de Rapear, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude para a dinamización lingüística entre a xente moza. Tamén se apostará por accións de fomento da lectura e o coñecemento da obra de Xela Arias entre os máis novos, dentro e fóra do ámbito educativo.
Un dos aspectos salientables é que haberá unha forte presenza dixital ou audiovisual, tendo en conta o actual contexto sanitario. Como o proxecto Vencerse é cousa de se tratar, que inclúe un espectáculo poético-musical que fai realidade o desexo de Xela Arias de levar ao escenario a súa derradeira obra Intempériome, un proxecto que nunca puido ver cumprido.
A Cidade da Cultura acollerá en maio unha actividade de lectura participativa para difundir nas redes a obra de Xela Arias coa que se realizará unha peza auduovisual para visibilizar nas redes sociais. Tamén destaca a elaboración e difusión dunha trintena de pílulas audiovisuais arredor de Xela Arias con testemuños de familiares, amigos e persoeiros da cultura galega ou un novidoso proxecto de videomapping que proxectará versos e imaxes da autora en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia. Ademais, o Portal das Palabras, o web da RAG, así como o do Consello da Cultura Galega ou da CRTVG incluirán contidos específicos no universo vital e literario de Xela Arias.
Tamén haberá propostas musicais. Entre outras, o 16 de maio terá lugar o tradicional Concerto das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega que unirá textos e música a cargo de PicoAmperio e Laura LaMontagne, nunha proposta estética audiovisual innovadora. Co apoio da Xunta, a Banda da Loba lanza un novo EP Hasme Oír, que verá a luz no mes de abril.
Como cada ano, a programación incluirá tamén iniciativas de participación social e empresariais. Así, ao longo do mes de maio, trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Vigo e A Coruña-Ourense levarán nos repousacabezas a imaxe institucional do Día das Letras Galegas 2021 e nas estacións de tren das cidades e os carteis gañadores do Concurso-exposición das Letras Galegas organizado pola Xunta. Estes carteis tamén se poderán ver, en tamaño reducido, no interior dalgúns vagóns.
Na véspera do Día das Letras Galegas os supermercados Gadis de Galicia agasallarán a súa clientela, por calquera compra, cunha tirada de 30.000 libros en galego, 30.000 marcapáxinas e 60.000 bolsas de papel conmemorativas do 17 de maio. Ademais, a Vegalsa-Eroski e a Consellería de Cultura desenvolven un ano máis unha campaña para promover a celebración do 17 de maio nos seus establecementos comerciais a través de carteis e bolsas da compra conmemorativas para homenaxear a Xela Arias.
No eido editorial, incluirase a edición de obras inéditas, como Non te amola!, que a autora ultimaba cando faleceu, así como edicións especiais ou reedicións. Tamén se publicará unha biografía, entre outras.
As conmemoracións estenderanse ao exterior. Así, a Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta de Galicia súmase, desde a programación impulsada polos 36 departamentos universitarios que a integran repartidos por América, Europa e Asia, ao labor de difusión da vida, figura e obra da autora homenaxeada polas Letras Galegas.
Desde Salvador de Baía (Brasil) ata Budapest (Hungría) as actividades especiais arredor do 17 de maio espállanse e adquiren diversidade de formatos para achegarlle ao alumnado universitario conferencias, charlas-coloquios, encontros, proxeccións, exposicións, publicacións sobre Xela Arias. Toda a programación pode consultarse no Portal da Lingua e en cultura.gal.”

II Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV 21): programa previsto para os 27 e 28 de marzo

Arredor de 70 persoas debaterán sobre libros, cultura e pandemia na segunda edición da FLIV

A AELG celebra o Día Mundial da Poesía con poemas de Xela Arias #PalabrasDeXelaNoDíaDaPoesía

A de quen comprende non é
palabra feliz.
A de quen transmite é
terminoloxía útil.
Se na vida cotiá o balazo
non rebenta en estourido a estupidez,
pouco importa intelixencia ou sentimento.

Xela Arias

A poesía non entende de marxes. Non as precisa. Non delimita espazos. Ten efectos secundarios. Provoca rebeldía, ama todos os corpos, todas as cores de pel. Todas as identidades.

Da memoria delas, o berro xorde na rúa, traspasa, derruba, para tecer novos versos sobre as súas pegadas. Das que seguen a sachar nas palabras desde a soidade. Para desordenala.

O domingo 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, comparte poemas ou versos de Xela Arias nas redes sociais, acompañando co hashtag: #PalabrasDeXelaNoDíaDaPoesía

Beatriz Maceda Abeleira